ARTIGO DE ESTUDO 44
Explora tódalas dimensións da Palabra de Deus
“De xeito que poidades comprender [...] o ancho, o longo, o alto e o profundo que é” (EF. 3:18).
CANCIÓN sjj 95 A luz non deixa de medrar
AVANCE a
1, 2. Cal é a mellor forma de ler e estudar a Biblia? Pon un exemplo.
IMAXINA que estás decidindo se comprar ou non unha casa. Que che gustaría ver antes de tomar unha decisión? Chegaríache cunha foto da fachada? Seguro que quererías ver a casa en persoa para visitar os arredores e ver cada cuarto, é dicir, para coñecela en tódalas súas dimensións. Probablemente pedirías os planos para saber como se construíu. Está claro que intentarías ver cada detalle da túa futura casa.
2 Cando lemos e estudamos a Biblia podemos facer algo parecido. Un comentario compara a súa mensaxe cun “edificio inmensamente espazoso, coas súas altas torres e os seus profundos cimentos”. Entón, como podemos familiarizarnos co contido da Palabra de Deus? Se nos limitamos a lela superficialmente quizais aprendamos algunhas verdades básicas. A Biblia refírese a elas como “as cousas elementais das declaracións sagradas de Deus” (Heb. 5:12, TNM). Pero, igual que coa casa, temos que “entrar” para descubrir a súa gran variedade de detalles. Unha boa maneira de estudar a Biblia é ver como se relacionan entre si as distintas partes da súa mensaxe. Ademais, debemos esforzarnos por entender ben o que cremos e por que o cremos.
3. A que animou o apóstolo Paulo os cristiáns e por que? (Efesios 3:14-19).
3 Para chegar a entender ben tódolos detalles da Palabra de Deus temos que estudar as verdades profundas. O apóstolo Paulo animou os seus irmáns cristiáns a estudar a Biblia con dilixencia para que puidesen comprender “o ancho, o longo, o alto e o profundo” da verdade. Desta maneira a súa fe botaría “raíz”, o que significa que estaría ben arraigada e establecida (le Efesios 3:14-19). Nós debemos facer o mesmo. Neste artigo imos ver como podemos estudar en profundidade a Biblia e así entender mellor todo o seu significado.
DESCUBRE AS VERDADES PROFUNDAS DA BIBLIA
4. Que podemos facer para acercarnos máis a Xehová? Pon algún exemplo.
4 Os cristiáns non nos contentamos con ter un coñecemento superficial da Biblia. Coa axuda do espírito santo de Xehová, desexamos entender “mesmo as profundidades de Deus” (1 Cor. 2:9, 10). Por que non empezas un proxecto de estudo persoal que te acerque máis a Xehová? Por exemplo, poderías investigar sobre como lles mostrou amor ós seus servos no pasado e como iso demostra que tamén te ama a ti. Ou podes estudar sobre como quería Xehová que o adorasen os israelitas e comparalo con como nos pide que o fagamos os cristiáns hoxe en día. Outra idea sería estudar a fondo as profecías que cumpriu Xesús ó longo da súa vida e do seu ministerio na Terra.
5. Hai algún tema que che gustaría investigar como proxecto de estudo persoal?
5 A algúns bos estudantes da Biblia preguntóuselles que cousas profundas lles gustaría analizar con máis detalle. Podes encontrar algunhas das súas respostas no recadro “ Posibles ideas para proxectos de estudo”. Tamén sacarás moito proveito doutros temas que aparecen no Índice de las publicaciones Watch Tower (dispoñible en español) ou na Guía de estudo para as testemuñas de Xehová. Ter un estudo profundo da Biblia fortalecerá a túa fe e axudarache a atopar o “coñecemento de Deus” (Pr. 2:4, 5). A continuación imos analizar algunhas verdades bíblicas profundas sobre as que podemos investigar.
MEDITA NO PROPÓSITO DE DEUS
6. a) Cal é a diferenza entre un plan e un propósito? b) Por que podemos dicir que o propósito de Xehová para os humanos e a Terra é “eterno”? (Efesios 3:11).
6 Pensa por un momento no que di a Biblia sobre o propósito de Xehová. Non é o mesmo ter un plan que ter un propósito. Un plan é unha ruta específica e fixa que te leva ó destino ó que queres chegar. Aínda así, cando aparece algún obstáculo ou impedimento no camiño, ese plan pode fallar. Pero un propósito céntrase no destino desexado. Sabemos exactamente a onde queremos chegar, pero a ruta pode ir variando. Se, por exemplo, un camiño está cortado, podemos coller outro. Sexa por un camiño ou por outro, Xehová sempre ten éxito e chega ó seu obxectivo porque “todo o fixo o Señor cun designio [ou propósito]” (Pr. 16:4). El foi revelando o seu propósito “eterno” pouco a pouco na Biblia (Ef. 3:11). Pódese dicir que é eterno porque os resultados que conseguirá durarán para sempre. Pero, cal é realmente o seu propósito e que axustes tivo que ir facendo para logralo?
7. Como axustou Xehová a forma na que lograría o seu propósito despois de que os primeiros humanos se rebelasen? (Mateo 25:34).
7 Deus díxolles ós primeiros humanos cal era o seu propósito para eles. El deulles o seguinte mandato: “Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea” (Xén. 1:28). Que Adam e Eva pecasen e que os humanos se fixesen imperfectos non frustrou o propósito orixinal de Deus. Pero evidentemente tivo que axustar a forma na que o levaría a cabo. Para iso, inmediatamente decidiu establecer un Reino no ceo que cumpriría o seu propósito inicial para a humanidade e a Terra (le Mateo 25:34). Ó seu debido tempo, Xehová enviou o seu Fillo primoxénito á Terra para ensinarlles ás persoas sobre ese Reino e dar a súa vida para salvalas do pecado e da morte. Despois, Xesús foi resucitado e volveu ó ceo para chegar a ser o Rei do Reino de Deus. Pero aínda hai máis que aprender sobre o propósito de Deus.
8. a) Cal é o tema principal da Biblia? b) Segundo Efesios 1:8-11, que máis logrará Xehová? (Ver a imaxe da portada da revista).
8 O tema principal da Biblia é que o nome de Xehová será vindicado a medida que vaia cumprindo o seu propósito para a Terra por medio do Reino e do seu Rei, Xesucristo. O propósito de Xehová non vai cambiar. El prometeu que todo se cumprirá exactamente como predixo (Is. 46:10, 11, TNM; Heb. 6:17, 18). Co tempo, a Terra chegará a ser un paraíso no que os descendentes de Adam serán perfectos e “disfrutarán de vida duradeira” (Sal. 22:27 [22:26, TNM]). Pero isto non é todo. Xehová tamén logrará que haxa unidade entre tódalas criaturas intelixentes, ou tódolos seus servos, tanto do ceo como da Terra. Entón, todos no universo obedecerán lealmente a Xehová como o Soberano (le Efesios 1:8-11). Non te impresiona a marabillosa maneira na que Xehová cumpre o seu propósito?
REFLEXIONA PROFUNDAMENTE NO TEU FUTURO
9. Por que podemos dicir que a Biblia nos axuda a visualizar o futuro?
9 Analiza a profecía que Xehová anunciou no xardín de Edén, rexistrada en Xénese 3:15. b Nela faise referencia a sucesos que cumprirían o propósito de Xehová, pero que non terían lugar ata miles de anos máis tarde. Por exemplo, Deus díxolle a Abraham que, despois de moitas xeracións, un dos seus descendentes chegaría a ser o Mesías, a parte principal da descendencia da muller (Xén. 22:15-18). Tamén, no ano 33 n. e., Xesús foi ferido no calcañar, ou talón, tal e como Xehová predixera (Feit. 3:13-15). E para o acontecemento final desa profecía, no que se lle esmagará a cabeza a Satanás, aínda faltan máis de 1000 anos (Ap. 20:7-10). A Biblia aínda explica moito máis sobre o que sucederá cando a inimizade entre o sistema de Satanás e a organización de Xehová chegue ó seu punto culminante.
10. a) Que sucesos futuros terán lugar pronto? b) Como podemos preparar a nosa mente e o noso corazón? (Ver a nota).
10 Párate tamén a pensar nos seguintes sucesos extraordinarios que predí a Biblia. Primeiro, as nacións proclamarán “paz e seguridade” (1 Tes. 5:2, 3). “De súpeto”, empezará a gran tribulación co ataque das nacións a tódalas relixións falsas (Ap. 17:16). Despois diso, quizais vexamos algún fenómeno sobrenatural que indique a chegada do “Fillo do Home enriba das nubes, con moito poder e gloria” (Mt. 24:30). Xesús xulgará as persoas, separando as ovellas das cabras (Mt. 25:31-33, 46). Pero, Satanás non quedará de brazos cruzados. Cheo de odio, incitará un conxunto ou coalición de nacións, coñecido como Gog de Magog, para que ataque o pobo de Xehová (Ez. 38:2, 10, 11). Nalgún momento, o resto dos unxidos serán reunidos no ceo con Xesús e os seus exércitos celestiais para loitar na guerra de Harmaguedón, ó final da gran tribulación (Mt. 24:31; Ap. 16:14, 16). c Entón, comezará o Reinado de Mil Anos de Cristo sobre a Terra (Ap. 20:6).
11. Que significa para ti a esperanza de vivir para sempre? (Ver tamén a imaxe).
11 Agora dedica un tempo a meditar no teu futuro despois do Reinado de Mil Anos. A Biblia di que o Creador “puxo a eternidade no corazón” de cada un de nós (Ecl. 3:11, TNM). Pensa no que iso pode significar para ti e para a túa relación con Xehová. O libro Acerquémonos a Jehová (dispoñible en español) na páxina 319 fai esta emocionante afirmación: “Cando levemos vivindo centos, miles, millóns, ou incluso billóns de anos, saberemos moito máis sobre Xehová que na actualidade. Pero aínda así veremos que nos quedan moitísimas cousas marabillosas que aprender [...]. Non podemos nin imaxinar o incrible e variada que será a vida no Paraíso. Pero, de todo o que fagamos alí, o máis bonito será acercarnos cada día máis a Xehová”. Mentres tanto, que outras cousas podemos investigar cando estudamos a Palabra de Deus?
MIRA CARA Ó CEO
12. Como podemos mirar cara ó ceo? Pon un exemplo.
12 A Biblia axúdanos a facernos unha pequena idea do que é estar “no máis alto”, na presenza de Xehová (Is. 33:5). Tamén revela detalles impresionantes sobre Xehová e a parte celestial da súa organización (Is. 6:1-4; Dn. 7:9, 10; Ap. 4:1-6). Por exemplo, podemos ler sobre as cousas asombrosas que viu Ezequiel cando se lle abriu o ceo e tivo “visións de Deus” (Ez. 1:1).
13. Segundo se explica en Hebreos 4:14-16, como te fai sentir saber todo o que Xesús está facendo dende o ceo?
13 Reflexiona en todo o que Xesús fai por nós dende o ceo como Rei e Sumo Sacerdote compasivo. Por medio del podemos acercarnos en oración “ó trono” da bondade inmerecida de Deus e pedirlle misericordia e axuda “no seu debido tempo” (le Hebreos 4:14-16). Que non pase un día sen que pensemos en todo o que Xehová e Xesús fixeron e fan por nós dende o ceo. O amor que nos teñen debería conmovernos moito e impulsarnos a servir a Xehová con tódalas nosas forzas (2 Cor. 5:14, 15).
14. Cal é unha das mellores formas de demostrarlles o teu agradecemento a Xehová e Xesús? (Ver tamén as imaxes).
14 Unha das mellores maneiras de demostrar o agradecidos que lles estamos ó noso Deus e ó seu Fillo é esforzándonos por axudar a outros a facerse testemuñas de Xehová e discípulos de Xesús (Mt. 28:19, 20). O apóstolo Paulo estaba tan agradecido que fixo exactamente iso. El sabía que Xehová “quere que tódolos homes se salven e cheguen ó coñecemento da verdade” (1 Tim. 2:3, 4). Por iso se esforzou tanto no seu ministerio para axudarlles ó maior número de persoas posible e así “salvar algúns a toda costa” (1 Cor. 9:22, 23).
DESFRUTA EXAMINANDO A PALABRA DE DEUS
15. Segundo Salmo 1:2, que nos fará felices?
15 O salmista dixo que a persoa feliz e que ten éxito é a que desfruta coa lei de Xehová e “remoe [nela] día e noite” (Sal. 1:1-3). O tradutor Joseph Rotherham falou desta pasaxe da Biblia no seu libro Studies in the Psalms, e dixo que unha persoa debe “deleitarse tanto na guía divina que a busque, a aprenda e pase tempo meditando nela”. Tamén engadiu que “se alguén pasa un día sen ler a Biblia, ese día foi un desperdicio”. Podemos desfrutar de estudala se lles sacamos o máximo proveito a tódolos detalles fascinantes que contén e se nos fixamos en como se relacionan entre si. Que felices nos fai explorar tódalas dimensións da Palabra de Deus!
16. Que imos analizar no seguinte artigo?
16 Comprender as fermosas verdades que Xehová nos ensina na súa Palabra está ó alcance de todos. No seguinte artigo imos analizar unha das máis profundas: o gran templo espiritual de Xehová que o apóstolo Paulo describiu na súa carta ós cristiáns hebreos. Que desfrutes analizando este interesante tema!
CANCIÓN sjj 94 Grazas pola túa Palabra
a Estudar a Biblia non só fai que nos acheguemos aínda máis ó noso Pai celestial, tamén é algo moi gratificante do que poderemos desfrutar para sempre. Neste artigo imos ver como podemos investigar o “ancho, o longo, o alto e o profundo” da Palabra de Deus.
b Mira o artigo “Unha antiga profecía moi importante para ti” da revista A Atalaia de xullo de 2022.
c Para saber como prepararte para estes sucesos impresionantes que terán lugar nun futuro próximo, mira a páxina 230 do libro El Reino de Dios ya está gobernando (dispoñible en español).