BIOGRAFÍA
Desfrutei moito aprendendo e ensinando sobre Xehová
CRECÍN na cidade de Easton, en Pensilvania (Os Estados Unidos). Como quería chegar a ser unha persoa importante, a miña meta era ir á universidade. Ademais, encantábame aprender e dábanseme moi ben as matemáticas e as ciencias. De feito, en 1956 unha organización dos dereitos civís deume 25 dólares porque era o que mellores notas sacara de entre tódolos estudantes negros. Pero máis tarde, as miñas metas cambiaron. Por que?
COMO APRENDÍN SOBRE XEHOVÁ?
A principios da década de 1940, meus pais empezaron a estudar coas testemuñas de Xehová. Acabaron deixando o curso bíblico, pero miña nai seguiu recibindo copias das revistas A Atalaia e ¡Despertad!. Máis tarde, en 1950, aceptamos ir a un congreso internacional que se celebrou na cidade de Nova York.
Pouco despois disto, o irmán Lawrence Jeffries empezou a visitarnos e tratou de ensinarme a verdade. Pero ó principio eu non estaba de acordo con que as testemuñas de Xehová non se metesen en política nin tampouco servisen no exército. Díxenlle que se tódolos habitantes de América se negasen a ir á guerra, os nosos inimigos poderían invadirnos e dominar o país. Entón, o irmán Jeffries contestoume con moita paciencia: “Se tódalas persoas de América servisen a Xehová, que pensas que faría el cando viñesen os inimigos a atacalas?”. Este comentario foi unha das cousas que me axudou a ver que estaba equivocado. Así foi como comecei a interesarme máis pola verdade da Biblia.
Pasei horas lendo números antigos das revistas A Atalaia e ¡Despertad! que había na casa de miña nai. Entón, deime conta de que estaba aprendendo a verdade e aceptei o curso da Biblia que me ofrecera o irmán Jeffries. Tamén empecei a ir ás reunións con regularidade. Encantábame o que estaba aprendendo! A verdade chegoume ó corazón e fíxenme publicador. De feito, as miñas metas cambiaron por completo cando comprendín o cerca que estaba “o grande día do Señor” (Sof. 1:14). Xa non quería ir á universidade. Agora prefería ensinarlles a verdade da Biblia a outros.
O 13 de xuño de 1956 acabei o instituto, e bauticeime tres días máis tarde nun congreso de circuíto.
Pouco despois, deime conta de que dedicar a miña vida a aprender e ensinar sobre Xehová traeríame moitas bendicións.APRENDENDO E ENSINANDO SOBRE XEHOVÁ COMO PIONEIRO
Seis meses despois de bautizarme, fíxenme pioneiro regular. En decembro de 1956, no que hoxe coñecemos como O Ministerio do Reino había un artigo titulado “Podes servir onde hai máis necesidade?”. Nese momento deime conta de que eu podía facelo, quería axudar onde había poucos publicadores das boas noticias (Mt. 24:14).
Entón, mudeime a Edgefield, en Carolina do Sur. A congregación de alí estaba formada por tan só catro publicadores, así que comigo eramos cinco. Faciamos as reunións no salón da casa dun irmán. Tiña moi pouco tempo libre porque predicaba 100 horas cada mes e ademais tiña que dar discursos na congregación. Pero canto máis facía na congregación, máis aprendía sobre Xehová.
Unha muller coa que estudaba a Biblia tiña unha funeraria en Johnston, unha vila que estaba a uns poucos quilómetros da miña casa. Foi moi amable e deume algo que me facía moita falta: un traballo a xornada parcial. E non só iso. Tamén nos deixou un pequeno edificio que tiña para que o usásemos como Salón do Reino.
O irmán Jolly Jeffries, o fillo do irmán que me dera clases da Biblia, mudouse dende Brooklyn (Nova York) a Edgefield. Os dous eramos pioneiros e viviamos nunha pequena caravana que nos deixara un irmán.
Naquela zona os salarios eran moi baixos. Nun día de traballo gañabamos dous ou tres dólares. Recordo unha vez na que acababa de gastar os poucos cartos que me quedaban comprando algo de comida nunha tenda. Ó saír, un home acercouse a min e preguntoume: “Queres traballar? Pagareiche un dólar por hora”. Así que traballei tres días limpando nunha obra. Parecía evidente que Xehová me estaba axudando para que quedase en Edgefield. Máis tarde, en 1958 fun ó congreso internacional que se celebrou na cidade de Nova York.
O segundo día do congreso pasou algo moi especial. Coñecín a Ruby Wadlington, que era pioneira regular en Gallatin (Tennessee). Como os dous queriamos ser misioneiros, fomos á reunión de Galaad daquel congreso. Despois empezamos a escribirnos. E máis tarde, cando me invitaron a dar un discurso público en Gallatin, aproveitei para pedirlle que casase comigo. Entón mudeime á súa congregación e casamos en 1959.
APRENDENDO E ENSINANDO NA CONGREGACIÓN
Cando tiña 23 anos, nomeáronme servo de congregación (o que agora se coñece como coordinador do corpo de anciáns) en Gallatin. A nosa foi a primeira congregación que visitou Charles Thompson como superintendente de circuíto. A pesar de que tiña moita experiencia, pediume que lle dese a miña opinión sobre as necesidades dos irmáns e sobre como lles axudaran
outros superintendentes de circuíto. O seu exemplo ensinoume que é bo facer preguntas para ter tódolos datos antes de tomar decisións.En maio de 1964, invitáronme a asistir ó Curso do Ministerio do Reino que se celebrou en South Lansing (Nova York). Os irmáns que o dirixían fixeron que sentise un forte desexo de aprender máis sobre Xehová e de ser unha persoa máis espiritual.
APRENDENDO E ENSINANDO NA OBRA DE CIRCUÍTO E DE DISTRITO
En xaneiro de 1965, invitáronnos a Ruby e a min a comezar na obra de circuíto. O noso primeiro circuíto abarcaba unha zona moi grande: dende Knoxville (Tennessee) ata case chegar a Richmond (Virxinia). Incluía congregacións en Carolina do Norte, Kentucky e Virxinia Occidental. Naquela época, seguía existindo a segregación no sur dos Estados Unidos, e a lei impedía que os irmáns brancos se reunisen cos irmáns negros. Eu encargábame de visitar só as congregacións dos irmáns negros. Como tiñan moi pouco en sentido material, aprendemos a compartir o que tiñamos cos que máis o necesitaban. Recordo unha lección moi importante que me ensinou un superintendente de circuíto con moitos anos de experiencia. Díxome: “Tes que ser coma un irmán máis. Non vaias ás congregacións comportándote coma un xefe. Poderás axudarlles se te ven coma o seu irmán”.
Dunha vez, estabamos visitando unha congregación pequena cando Ruby comezou un curso bíblico cunha muller nova que tiña unha filla dun ano. Como ninguén da congregación podía encargarse das clases, Ruby empezou a facelo por carta. Na seguinte visita, a muller asistiu a tódalas reunións. Co tempo, cando dúas pioneiras especiais se mudaron á congregación, elas puideron seguir co curso. E pouco despois, esta muller bautizouse. Uns 30 anos máis tarde, en 1995, estabamos no Betel de Patterson cando unha rapaza veu falar con Ruby. Era a filla da muller coa que estudara! Resulta que ela e o seu marido eran estudantes da clase número 100 do Curso de Galaad.
O noso segundo circuíto foi no centro de Florida. Daquela necesitabamos un coche, así que compramos un que estaba a moi bo prezo. Pero xa na primeira semana, rompeu a bomba de auga. Como non tiñamos cartos para reparalo, chamei un irmán para que nos axudase. El encargoulle a un dos seus traballadores que arranxase o coche e non nos quixo cobrar nada pola reparación. Tan só dixo: “Non te preocupes, xa está pagado”. Ademais, incluso nos deu algúns cartos como regalo! Este foi un bonito exemplo de como Xehová coida dos seus servos, e recordounos o importante que é ser xenerosos con outros.
Cada vez que visitabamos unha congregación, quedabamos a durmir nas casas dos irmáns. Grazas a iso, fixemos moi bos amigos. Un día, comecei a escribir un informe sobre unha congregación e deixeino na miña máquina de escribir. Esa tarde, ó volver á casa dos irmáns onde nos quedabamos, deime conta de que o seu fillo de tres anos estivera “axudándome” a rematalo. Estiven facéndolle bromas con este tema durante anos.
En 1971, recibín unha carta na que se me asignaba a servir como superintendente de distrito na cidade de Nova York. Vaia sorpresa! Cando nos mudamos, tan só tiña 34 anos. Fun o primeiro superintendente de distrito negro que houbo naquela zona, e os irmáns recibíronnos con moito cariño.
Sendo superintendente de distrito, desfrutei moito de poder ensinar sobre Xehová tódalas fins de semana nos congresos de circuíto. Moitos superintendentes de circuíto tiñan máis experiencia ca min. De feito, un deles fixera o meu discurso de bautismo. Outro, Theodore Jaracz, acabou sendo membro do Consello Reitor. E tamén había moitos irmáns con experiencia servindo no Betel de Brooklyn. Pero tanto os superintendentes de circuíto como os betelitas fixeron que me sentise moi a gusto. Puiden comprobar que eran pastores moi amorosos que confiaban na Palabra de Deus e que apoiaban lealmente a Súa organización. A súa humildade fíxome máis fácil ser superintendente de distrito.
VOLVEMOS Á OBRA DE CIRCUÍTO
En 1974, o Consello Reitor escolleu outro grupiño de superintendentes de circuíto para levar a cabo a obra de distrito. Así que volvín a ser superintendente de circuíto, esta vez en Carolina do Sur. Os irmáns estaban moi contentos porque as congregacións e os circuítos xa non estaban divididos. Agora os irmáns brancos e os irmáns negros xa non tiñan que estar en congregacións diferentes.
A finais de 1976, enviáronnos a un circuíto de Xeorxia, entre Atlanta e Columbus. Acórdome perfectamente do día que tiven que dar o discurso de funeral de cinco rapaces negros que morreran porque uns pirómanos incendiaran a súa casa. A nai tivo que ser hospitalizada polas feridas que sufriu. Así que moitos irmáns, tanto brancos coma negros, ían ó hospital para consolar os pais. Deime conta de que o amor dos irmáns é impresionante. Cando demostramos esa compaixón, axudámoslles ós nosos irmáns a seguir adiante ata nas circunstancias máis difíciles.
APRENDENDO E ENSINANDO EN BETEL
En 1977, invitáronnos a ir ó Betel de Brooklyn para axudar cun proxecto durante uns meses. Cando o proxecto estaba a punto de rematar, dous membros do Consello Reitor preguntáronme se estariamos dispostos a servir permanentemente en Betel. Entón, aceptamos a invitación.
Estiven colaborando no Departamento de Servizo durante 24 anos. Alí, moitas veces os irmáns teñen que resolver preguntas difíciles e moi delicadas. Ó longo dos anos, o Consello Reitor deunos guía baseada nos principios bíblicos. Isto é o que usabamos para responder as preguntas e tamén para capacitar os superintendentes de circuíto, os anciáns e os pioneiros. Non hai dúbida de que esta formación axudou a moitos cristiáns a madurar espiritualmente, e iso fortaleceu a organización de Xehová.
Dende 1995 ata 2018, visitei varias sucursais como representante da central mundial, o que antes se coñecía como superintendente de zona. Reuníame cos Comités de Sucursal, cos betelitas e cos misioneiros para animalos e axudarlles cos seus problemas. Sempre nos animaba moito escoitar as experiencias que nos contaban os irmáns. Por exemplo, no ano 2000 visitamos Ruanda e chegounos ó corazón escoitar como os irmáns e a familia Betel sobreviviran ó xenocidio de 1994. Moitos perderan os seus seres queridos. Non obstante, a pesar de todo o que tiveran que aguantar, estes irmáns demostraran a súa fe e a súa esperanza, e eran felices.
Agora xa temos uns 80 anos e levo os últimos 20 servindo no Comité de Sucursal dos Estados Unidos. Ó final non fun á universidade, pero Xehová e a súa organización déronme a mellor educación que podía recibir. Capacitáronme para ensinarlles a outros o que di a Biblia, e isto é algo que os pode beneficiar para sempre (2 Cor. 3:5; 2 Tim. 2:2). Puiden ver como a mensaxe da Biblia lles axudaba ás persoas a mellorar a súa vida e a ser amigos do Creador (Sant. 4:8). Agora Ruby e mais eu, sempre que podemos, animamos a outros a valorar o gran privilexio que temos de aprender sobre Xehová e de poder ensinar a outros a verdade da Biblia. Non hai maior privilexio para un servo de Xehová!