ARTIGO DE ESTUDO 39
Está o teu nome escrito no “libro da vida”?
“O libro das lembranzas estase escribindo na súa presencia, por mor dos que temen o Señor” (MAL. 3:16).
CANCIÓN sn 17 Adiante, sen nos parar!
AVANCE *
1. Segundo Malaquías 3:16, que libro leva escribindo Xehová desde hai miles de anos, e que contén?
XEHOVÁ leva miles de anos escribindo un libro moi especial. Este libro contén unha lista de nomes que comeza co do primeiro servo que lle foi fiel, Abel (Lc. 11:50, 51). * Durante todos estes séculos, Xehová foi engadindo nomes a este libro, así que hoxe en día contén millóns deles. Na Biblia chámaselle o “libro das lembranzas”, ou tamén o “libro da vida”. Neste artigo referirémonos a el como o “libro da vida” (le Malaquías 3:16; Ap. 3:5; 17:8).
2. a) De quen son os nomes que se escriben no libro da vida? b) Como podemos conseguir que se escriba o noso nome neste libro?
2 Este libro tan especial contén os nomes de tódolos que adoran a Xehová con profundo respecto e demostran que aman o Seu nome. Estas persoas terán a oportunidade de recibir vida eterna. Como podemos conseguir que se escriba o noso nome neste libro? Temos que esforzarnos por ter unha amizade persoal e íntima con Xehová. Isto podemos logralo grazas ó sacrificio de rescate do seu Fillo, Xesucristo (Xn. 3:16, 36). Non hai dúbida de que todos nós queremos que o noso nome se escriba neste libro, sexa que teñamos a esperanza de vivir no ceo ou na terra.
3, 4. a) Se xa está o noso nome escrito no libro da vida, recibiremos vida eterna? Explica a túa resposta. b) Que imos analizar neste artigo e no seguinte?
3 Asegúranos isto que tódolos que teñan o seu nome escrito no libro da vida recibirán vida eterna? Atopamos a resposta a esta pregunta en Éxodo 32:33. Alí Xehová díxolle a Moisés: “Do meu rexistro tacharei ó que pecou”. Isto indícanos que Xehová pode borrar os nomes que agora están escritos nese rexistro, ou libro. Podemos dicir que é como se os escribise a lapis (Ap. 3:5). Polo tanto, temos que esforzarnos para que o noso nome non se borre dese libro ata que Xehová o escriba de maneira permanente, por dicilo así, a bolígrafo.
4 Pero pode que teñamos algunhas preguntas. Por exemplo: Que di a Biblia sobre as persoas que teñen o seu nome escrito no libro da vida, e que di sobre os que aínda non o teñen? Cando recibirán vida eterna os que si teñen os seus nomes escritos neste libro? Que pasará con tódalas persoas que morreron sen ter a oportunidade de coñecer a Xehová? Poderán escribirse os seus nomes neste libro? Todas estas preguntas responderanse neste artigo e no seguinte.
QUE NOMES ESTÁN ESCRITOS NO LIBRO DA VIDA?
5, 6. a) Segundo Filipenses 4:3, que nomes están xa escritos no libro da vida? b) Cando se escribirán permanentemente estes nomes no libro da vida?
5 Que nomes están escritos no libro da vida? Para responder esta pregunta, falaremos de cinco grupos de persoas diferentes. Algúns deles xa teñen os seus nomes escritos nel, pero outros non.
6 O primeiro grupo está composto polos que foron escollidos para gobernar no ceo con Xesús. Están xa os seus nomes escritos no libro da vida? Si. Segundo o que lles dixo o apóstolo Paulo ós seus “colaboradores” de Filipos, os nomes dos unxidos, é dicir, dos que foron invitados para gobernar con Xesús, xa están escritos no libro da vida (le Filipenses 4:3). Non obstante, para que os seus nomes non se borren deste libro, teñen que permanecer fieis. Os seus nomes non se escribirán permanentemente ata que reciban o selo final. Isto ocorrerá antes de que morran ou antes de que empece a gran tribulación (Ap. 7:3).
7. Segundo Apocalipse 7:16, 17, cando se escribirán permanentemente os nomes da gran multitude doutras ovellas no libro da vida?
7 O segundo grupo está formado pola gran multitude doutras ovellas. Están os seus nomes escritos no libro da vida? Si. Seguirán os seus nomes escritos alí cando sobrevivan ó Harmaguedón? Si (Ap. 7:14, TNM). Xesús dixo que este grupo de persoas, que son coma ovellas, tería “vida eterna” (Mt. 25:46). Pero os que sobrevivan ó Harmaguedón non recibirán vida eterna inmediatamente. Os seus nomes aínda estarán escritos a lapis no libro da vida, por así dicilo. Durante o Reinado Milenario de Cristo, Xesús “será o seu pastor” e “levaraos ás fontes de auga”. Tódolos que sigan a guía de Cristo e que sexan fieis a Xehová e pasen a proba final, conseguirán que os seus nomes se escriban permanentemente no libro da vida (le Apocalipse 7:16, 17).
8. Que nomes non están escritos no libro da vida, e que lles pasará a esas persoas?
8 O terceiro grupo componse das cabras, os que serán destruídos no Harmaguedón. Os seus nomes non están escritos no libro da vida. De feito, Xesús dixo que lles espera a “destrución eterna” (Mt. 25:46, TNM). Ademais, baixo inspiración, Paulo dixo que “o castigo deles vai se-la perdición eterna”, é dicir, serán eliminados para sempre (2 Tes. 1:9; 2 Pe. 2:9). O mesmo lles pasará ós que ó longo da historia pecaron a propósito contra o espírito santo. Non terán vida eterna, senón que serán destruídos para sempre e, evidentemente, non resucitarán (Mt. 12:32; Mc. 3:28, 29; Heb. 6:4-6). Agora examinaremos máis a fondo dous grupos de persoas que resucitarán na Terra.
QUEN RESUCITARÁ?
9. Tal e como mostra Feitos 24:15, que dous grupos de persoas resucitarán na Terra, e que diferenza hai entre estes dous grupos?
9 A Biblia menciona dous grupos de persoas que resucitarán coa esperanza de vivir para sempre na Terra: os “xustos” e os “inxustos” (le Feitos 24:15). Os “xustos” son os que serviron fielmente a Xehová mentres aínda estaban vivos. Pola contra, os “inxustos” son os que non serviron fielmente a Xehová antes de morrer. De feito, a maioría destes “inxustos” non tiñan unha boa conduta. Xa que os dous grupos resucitarán, podemos dicir que os seus nomes están escritos no libro da vida? Para responder esta pregunta analicemos cada grupo por separado.
10. a) Por que resucitarán os “xustos”? b) Que privilexio recibirán algúns deles? (Ver tamén o artigo “Preguntas dos lectores” que aparece nesta revista e que fala da resurrección na Terra).
10 Os “xustos” son o cuarto grupo. Antes de morrer, os seus nomes escribíronse no libro da vida. Borráronse deste libro cando morreron? Non, porque seguen “vivos” na memoria de Xehová, que “non é un Deus de mortos, senón de vivos” (Lc. 20:38). Isto quere dicir que, cando os xustos resuciten na Terra, os seus nomes seguirán escritos no libro da vida, pero aínda a lapis, por así dicilo (Lc. 14:14). Non hai dúbida de que algúns destes “xustos” recibirán o privilexio de ser “príncipes da terra” (Sal. 45:17 [45:16, TNM]).
11. Que necesitarán aprender os “inxustos” para que os seus nomes se poidan escribir no libro da vida?
11 Por último, vexamos o quinto grupo: os “inxustos”. Pode que estas persoas non chegasen a coñecer as normas de Xehová e que vivisen de forma inxusta ós ollos de Deus antes de morrer. Por iso os seus nomes non se escribiron no libro da vida. Pero Deus resucitaraos e daralles a oportunidade de que os seus nomes se escriban neste libro. Seguro que este grupo de persoas necesitará moita axuda. Algúns fixeron cousas horribles antes de morrer, así que necesitarán que se lles ensine como vivir de acordo coas xustas normas de Xehová. Para poder ensinarlles isto, o Reino de Deus dirixirá o maior programa de educación de toda a historia da humanidade.
12. a) Quen se encargará de ensinarlles ós inxustos? b) Que lles pasará ós que non apliquen o que aprendan?
12 Quen se encargará de ensinarlles ós inxustos? A gran multitude e os resucitados que foron xustos. Para que os nomes dos inxustos se cheguen a escribir no libro da vida, terán que cultivar unha amizade con Xehová e dedicarse a el. Desde o ceo, Xesucristo e os unxidos observarán con atención como responden os inxustos ó que se lles ensine (Ap. 20:4). E que pasará se alguén non acepta esta axuda? Será eliminado, “aínda que teña cen anos” (Is. 65:20, TNM). Tanto Xehová coma Xesús poden ler os corazóns, de modo que non permitirán que ninguén faga cousas malas no novo mundo (Is. 11:9; 60:18; 65:25; Xn. 2:25).
RESURRECCIÓN DE VIDA E RESURRECCIÓN DE XUÍZO
13, 14. a) Como entendiamos antes as palabras de Xesús que atopamos en Xoán 5:29? b) Que quixo dicir Xesús con estas palabras?
13 Xesús tamén falou dos que resucitarían na Terra. Por exemplo, dixo: “Chega o momento en que tódolos que están nos sepulcros escoitarán a súa voz; e sairán os que fixeron o ben a unha resurrección de vida; e os que obraron o mal a unha resurrección de condena” (Xn. 5:28, 29). Que quixo dicir con estas palabras?
14 No pasado, entendiamos que Xesús se estaba referindo á conduta das persoas despois de resucitar. É dicir, pensabamos que falaba de que algúns resucitados escollerían facer cousas boas, mentres que outros decidirían facer cousas malas. Pero Xesús non quixo dicir que os que sairían das tumbas farían cousas boas ou obrarían cousas malas. Falando en pasado, ó dicir “fixeron o ben” e “obraron o mal” estábase referindo ás accións destas persoas antes de morrer. Verdade que ten sentido? Despois de todo, ninguén poderá facer cousas malas no novo mundo. Así que os inxustos tiveron que facer esas cousas malas antes de morrer. Entón, que quixo dicir Xesús cando falou dunha “resurrección de vida” e dunha “resurrección de condena”?
15. Quen recibirá unha “resurrección de vida”, e por que?
15 Os xustos, os que fixeron cousas boas antes de morrer, recibirán unha “resurrección de vida” porque os seus nomes xa estarán escritos no libro da vida. Isto quere dicir que a resurrección dos que “fixeron o ben” que se describe en Xoán 5:29 é a mesma que a resurrección dos “xustos” que se menciona en Feitos 24:15. Esta explicación está de acordo co que se menciona en Romanos 6:7, que di: “O que morre queda liberado do pecado”. Polo tanto, cando unha persoa xusta morre, Xehová perdoa os seus pecados, pero recorda as cousas boas que fixo mentres estaba viva (Heb. 6:10). Por suposto, os xustos que resuciten terán que seguir sendo fieis para que os seus nomes poidan seguir escritos no libro da vida.
16. A que nos referimos cando falamos dunha “resurrección de condena”, ou de xuízo?
16 Que pasa cos que fixeron cousas malas antes de morrer? Aínda que os seus pecados foron perdoados cando morreron, nunca serviron fielmente a Xehová. Así que os seus nomes non están escritos no libro da vida. Por iso podemos dicir que a resurrección dos que “obraron o mal” é a mesma que a resurrección dos “inxustos” que menciona Feitos 24:15. Estas persoas terán unha “resurrección de condena”, ou de xuízo. * Isto significa que Xesús observará e xulgará os actos dos inxustos (Lc. 22:30). Despois de que pase algún tempo, xa saberá se merecen que os seus nomes se escriban no libro da vida. Só se escribirán neste libro os nomes dos inxustos que cambien a súa mala conduta e se dediquen a Xehová.
17, 18. a) Que terán que facer tódolos que resuciten na Terra? b) Que son as “obras” que se mencionan en Apocalipse 20:12, 13?
17 Sen importar se antes foron xustos ou inxustos, tódolos que resuciten terán que obedecer as leis dos novos rolos que se abrirán durante os mil anos. Vexamos como describe o apóstolo Xoán o que viu nunha visión: “Logo vin os mortos, grandes e pequenos, de pé diante do trono; e abríronse uns libros. Abriuse tamén outro libro, o libro da vida”. E engadiu: “Ós mortos xulgáronos polo escrito nos libros, conforme as súas obras” (Ap. 20:12, 13).
18 En base a que “obras” se xulgará ós resucitados? Será polo que fixeron antes de morrer? Non. Recordemos que ó morrer perdoáronselles os pecados anteriores. Polo tanto, cando aquí fala das “súas obras” non pode referirse ó que fixeron antes de resucitar. Máis ben, debe referirse a como responderán ó que se lles ensine no novo mundo. Ata homes fieis coma Noé, Samuel, David e Daniel terán que aprender sobre Xesucristo e poñer fe no seu sacrificio. Se estes homes terán moito que aprender, canto máis terán que facelo os inxustos!
19. Que lles pasará a tódolos que rechacen esta oportunidade tan marabillosa?
19 Que lles pasará a tódolos que rechacen esta oportunidade tan marabillosa? Apocalipse 20:15 dinos: “A quen non apareceu inscrito no libro da Vida botárono na lagoa do lume”. Esas persoas serán destruídas para sempre. Polo tanto, que importante é que nos aseguremos de que o noso nome estea escrito no libro da vida e de que siga estando nel!
20. Que cousas emocionantes se farán durante o Reinado de Mil Anos de Cristo? (Ver a imaxe da portada da revista).
20 Que emocionante será vivir baixo o Reinado de Mil Anos de Cristo! Levarase a cabo o maior programa de educación da historia da humanidade. Tamén se xulgará a conduta dos xustos e dos inxustos (Is. 26:9; Feit. 17:31). Como se levará a cabo este programa de educación? O seguinte artigo axudaranos a entender e a apreciar esta marabillosa provisión de Xehová.
CANCIÓN sn 12 A promesa da vida eterna
^ Este artigo explica un cambio que houbo na nosa maneira de entender as palabras de Xesús que aparecen en Xoán 5:28, 29. Alí fálase dunha “resurrección de vida” e dunha “resurrección de condena”, que tamén se pode traducir como “resurrección de xuízo” segundo o idioma orixinal. Imos ver a que se refiren estas dúas resurreccións e a quen se inclúe en cada unha delas.
^ Este libro empezouse a escribir “desde a creación do mundo”. Nesta expresión, o “mundo” refírese ó conxunto de persoas que teñen a oportunidade de beneficiarse do sacrificio de rescate de Xesús (Mt. 25:34; Ap. 17:8). Por iso, parece que o nome do xusto Abel debeu ser o primeiro que se escribiu neste libro da vida.
^ No pasado diciamos que o termo “condena”, ou xuízo, que aparece aquí referíase a un xuízo negativo ou a unha sentenza de condena. De feito, a palabra grega orixinal traducida como “condena” pode ter ese significado. Pero neste contexto, parece que Xesús usou esta palabra nun sentido máis xeral, referíndose a un proceso de observación e avaliación, ou como di un dicionario grego da Biblia, a “examinar a conduta de alguén”.