Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 40

Moitos serán educados “na xustiza”

Moitos serán educados “na xustiza”

“Os que educaron na xustiza ós demais serán coma as estrelas por toda a eternidade” (DN. 12:3).

CANCIÓN sn 111 Chamarei

AVANCE *

1. Que emocionantes sucesos esperamos ver durante o Reinado de Mil Anos?

 QUE marabilloso será o día no que comece a resurrección na Terra durante o Reinado de Mil Anos de Cristo! Tódolos que perderon seres queridos na morte están desexando que chegue ese día, e Xehová tamén se sente así (Xob 14:15). Podes imaxinar o felices que nos sentiremos cando nos volvamos a xuntar con eles? Como aprendemos no artigo anterior, os “xustos”, é dicir, os que teñen o seu nome escrito no libro da vida, terán “unha resurrección de vida” (Feit. 24:15; Xn. 5:29). Quizais moitos dos nosos seres queridos sexan resucitados na Terra pouco despois do Harmaguedón. * Ademais, os “inxustos”, como por exemplo as persoas que non tiveron suficiente oportunidade de coñecer a Xehová ou de servilo fielmente antes de morrer, serán resucitados para “unha resurrección de condena”, ou de xuízo.

2, 3. a) Segundo Isaías 11:9, 10, cal será o maior programa de educación de toda a historia da humanidade? b) Que imos analizar neste artigo?

2 Tódolos que resuciten necesitarán que se lles ensine (Is. 26:9; 61:11). Por iso se poñerá en marcha o maior programa de educación de toda a historia da humanidade (le Isaías 11:9, 10). Por que? Por un lado, os inxustos que resuciten terán que aprender acerca de Xesucristo, do Reino, do rescate, e da cuestión universal sobre o nome de Xehová e a súa soberanía. Pero, por outro lado, ata os xustos necesitarán poñerse ó día sobre o que Xehová foi revelando progresivamente acerca do seu propósito para a Terra. Algúns destes servos fieis de Deus morreron moito antes de que a Biblia se completase. Así que podemos dicir que tanto os inxustos coma os xustos terán moito que aprender.

3 Neste artigo imos analizar as seguintes preguntas: Como se levará a cabo este programa de educación tan grande? Que pasará coas persoas que respondan ben a este labor de ensinanza? Que pasará coas que non o fagan? É importante que xa agora saibamos as respostas a estas preguntas. Como veremos, algunhas fascinantes profecías rexistradas nos libros de Daniel e de Apocalipse axudarannos a aclarar o noso entendemento do que ocorrerá cando os mortos sexan resucitados. Pero primeiro analicemos os emocionantes sucesos preditos na profecía de Daniel 12:1, 2.

“MOITOS DOS QUE DORMEN NO PO DA TERRA ESPERTARÁN”

4, 5. Que nos revela Daniel 12:1 acerca do tempo do fin?

4 Le Daniel 12:1. O libro de Daniel revela a orde na que ocorrerán os emocionantes sucesos que pasarán durante o tempo do fin. Por exemplo, Daniel 12:1 indica que Miguel, é dicir, Xesucristo, é “o gran príncipe que protexe” o pobo de Deus. Esta parte da profecía comezou a cumprirse en 1914, cando Xesús foi nomeado Rei do Reino celestial de Deus.

5 Non obstante, Daniel tamén indicou que habería unha “época de angustia, tal que nunca a houbo coma ela desde que as nacións existen ata aquel tempo”. A profecía engade: “Naquel tempo alzarase Miguel”. Esta “época de angustia” é a “gran angustia”, ou gran tribulación, da que se fala en Mateo 24:21. Xesús “alzarase”, é dicir, actuará para defender o pobo de Deus cara ó final deste tempo de angustia, no Harmaguedón. O libro de Apocalipse describe este grupo de persoas como “unha gran multitude” que pasa con vida a través da gran tribulación (Ap. 7:9, 14TNM).

6. Que ocorrerá despois de que a gran multitude sobreviva á gran tribulación? Explica a túa resposta (ver tamén o artigo “Preguntas dos lectores” que aparece nesta revista e que fala da resurrección na Terra).

6 Le Daniel 12:2. Que ocorrerá despois de que a gran multitude sobreviva á gran tribulación? A profecía non fala dunha resurrección simbólica ou reanimación espiritual dos servos de Deus que ocorrería durante os últimos días, como entendiamos antes. * Máis ben, estas palabras refírense á resurrección dos mortos que terá lugar no novo mundo. Por que podemos dicir isto? A palabra “po” de Daniel 12:2 tradúcese en Xob 17:16 como “terra”, e refírese ó “Xeol”, é dicir, o lugar simbólico onde descansan os mortos. Isto indica que Daniel 12:2 fala da resurrección literal que ocorrerá despois de que rematen os últimos días e despois da batalla de Harmaguedón.

7. a) En que sentido serán resucitados algúns “para a vida eterna”? b) Por que será mellor esta resurrección?

7 Pero, a que se refire Daniel 12:2 cando di que algúns serán resucitados “para a vida eterna”? Refírese a que tódolos que resuciten e cheguen a coñecer, ou continúen coñecendo, e a obedecer a Xehová e a Xesús durante os mil anos recibirán vida eterna (Xn. 17:3). Esta será “unha resurrección de máis valer”, ou mellor, que a dalgunhas persoas que resucitaron no pasado (Heb. 11:35). Por que? Porque tódolos que resucitaron no pasado ó final volveron a morrer.

8. En que sentido serán resucitados algúns “para a ignominia, para a reprobación eterna”?

8 Non tódalas persoas que resuciten aceptarán ser ensinadas por Xehová. A profecía de Daniel di que algúns resucitarán “para a ignominia [ou humillación], para a reprobación eterna [ou desprezo eterno]”. Isto será porque terán unha actitude rebelde, e por iso os seus nomes non aparecerán no libro da vida nin tampouco recibirán vida eterna. Pola contra, recibirán “a reprobación eterna”, é dicir, serán destruídos. Así que Daniel 12:2 está falando do que lles ocorrerá a tódolos que resuciten, tendo en conta o que fagan despois de ser resucitados (Ap. 20:12). * Algúns vivirán para sempre, pero outros non.

EDUCADOS “NA XUSTIZA”

9, 10. Que máis ocorrerá despois da gran tribulación, e quen son os que “brillarán coma o fulgor do firmamento”?

9 Le Daniel 12:3. Que máis sucederá despois da “época de angustia” que virá? Ademais do que di Daniel 12:2, o versículo 3 fala de algo que ocorrerá despois da gran tribulación.

10 Quen son os que “brillarán coma o fulgor do firmamento”? Atopamos unha pista nas palabras de Xesús rexistradas en Mateo 13:43: “Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai”. Polo contexto, sabemos que Xesús estaba falando dos “fillos do Reino”, é dicir, dos seus irmáns unxidos que servirán con el no Reino celestial (Mt. 13:38). Así que Daniel 12:3 debe referirse ós unxidos e ó que farán durante o Reinado de Mil Anos.

Os 144.000 colaborarán con Xesucristo e xuntos dirixirán o labor de ensinanza que terá lugar na Terra durante os mil anos (ver o parágrafo 11).

11, 12. Que farán os 144.000 durante os mil anos?

11 Por que podemos dicir que os unxidos educarán a moitas persoas “na xustiza”? Porque colaborarán con Xesucristo e xuntos dirixirán o programa de educación que terá lugar na Terra durante os mil anos. Os 144.000 non só serán reis, senón tamén sacerdotes (Ap. 1:6; 5:10; 20:6). Por iso, axudarán a Xesús a “cura-las nacións” para que pouco a pouco os humanos poidan volver ser perfectos (Ap. 22:1, 2; Ez. 47:12). Canto desfrutarán os unxidos deste labor!

12 Quen estará entre tódolos que os unxidos eduquen “na xustiza”? Estarán os que resuciten e os que sobrevivan ó Harmaguedón, xunto cos nenos que poidan nacer no novo mundo. Cando rematen os mil anos, tódalas persoas que vivan na Terra serán perfectas. Entón, en que momento se escribirán os seus nomes “a bolígrafo” no libro da vida, é dicir, de xeito permanente?

A PROBA FINAL

13, 14. Antes de recibir vida eterna, que terán que demostrar tódalas persoas perfectas que vivan na Terra?

13 Temos que recordar que ser perfecto non significa que unha persoa viva para sempre de forma automática. Pensa en Adam e Eva. Aínda que eran perfectos, tiñan que demostrar que obedecían a Xehová antes de poder ter vida eterna. Tristemente, non o fixeron (Rm. 5:12).

14 En que situación se atoparán os que vivan na Terra ó final dos mil anos? Todos serán perfectos. Pero, apoiarán completamente a gobernación de Xehová para sempre? Ou, a pesar de ser perfectos, deixarán de ser fieis a Deus, como fixeron Adam e Eva? Como podemos responder estas preguntas?

15, 16. a) Cando terá toda a humanidade a oportunidade de demostrar a súa lealdade a Xehová? b) Cal será o resultado desta proba final?

15 Satanás estará prisioneiro durante os mil anos. Durante ese tempo, non poderá enganar a ninguén. Non obstante, ó final dos mil anos soltarase a Satanás da súa prisión e intentará enganar a persoas perfectas. Durante esa proba, tódolos humanos perfectos que vivan na Terra terán a oportunidade de demostrar claramente de que lado están na cuestión acerca do nome de Deus e da súa soberanía (Ap. 20:7-10). O que cada persoa faga nese momento determinará se o seu nome debe escribirse de xeito permanente no libro da vida.

16 A Biblia indica que haberá algunhas persoas que, como Adam e Eva, non serán fieis a Xehová e rechazarán o seu goberno. Que lles ocorrerá? Apocalipse 20:15 explícao: “A quen non apareceu inscrito no libro da Vida botárono na lagoa do lume”. Tódolos que sexan rebeldes serán destruídos para sempre. Pero a maioría dos humanos perfectos pasará a proba final. Entón, os seus nomes escribiranse de forma permanente no libro da vida.

DURANTE “O MOMENTO FINAL”

17. Que lle dixo un anxo a Daniel que ocorrería no noso tempo? (Daniel 12:4, 8-10TNM).

17 Que emocionante é pensar nestes acontecementos futuros! Non obstante, Daniel recibiu dun anxo información importante acerca do noso tempo, é dicir, o “tempo do fin” (le Daniel 12:4, 8-10, TNM; 2 Tim. 3:1-5). O anxo díxolle a Daniel: “O coñecemento verdadeiro farase abundante”. Isto significaría que o pobo de Deus chegaría a entender mellor as palabras proféticas do libro de Daniel. Ademais, falando deste tempo, o anxo engadiu: “Os malvados actuarán perversamente e ningún malvado entenderá”.

18. Que lles ocorrerá pronto ós malvados?

18 Na actualidade, poida que pareza que os malvados se saen coa súa e que non reciben ningún castigo pola súa mala conduta (Mal. 3:14, 15). Pero pronto, Xesús xulgaraos, decidirá que son coma cabras e separaraos das persoas que son coma ovellas (Mt. 25:31-33). Os malvados non sobrevivirán á gran tribulación, nin tampouco serán resucitados para vivir no novo mundo. Os seus nomes non estarán no “libro das lembranzas” que se menciona en Malaquías 3:16.

19. Que deberiamos facer agora, e por que? (Malaquías 3:16-18).

19 Agora é o momento de demostrar pola nosa conduta que non estamos entre os que Xehová considera malvados (le Malaquías 3:16-18). Deus está xuntando a tódolos que el ve como a súa “propiedade persoal”, é dicir, os que el valora coma un tesouro. E seguro que nós queremos estar entre eles!

Que emocionante será ver a Daniel, os nosos seres queridos e moitas outras persoas resucitar no novo mundo! (Ver o parágrafo 20).

20. a) Que promesa lle fixo Xehová a Daniel? b) Por que desexas que se cumpra esa promesa?

20 Non hai dúbida de que estamos vivindo nunha época da historia moi emocionante. Pero aínda nos esperan cousas máis impresionantes. Pronto veremos a destrución de toda a maldade. Despois diso, poderemos ver o cumprimento da promesa que Xehová lle fixo a Daniel: “Ó fin dos días levantaraste para recibir a túa parte” (Dn. 12:13TNM). Verdade que estás desexando que chegue o día no que tanto Daniel coma os teus seres queridos resuciten? Entón, esfórzate agora ó máximo por ser fiel, e terás a seguridade de que o teu nome estará escrito no libro da vida de Xehová para sempre.

CANCIÓN sn 1 As calidades de Xehová

^ Este artigo contén un axuste na nosa forma de entender o gran labor de ensinanza que se describe en Daniel 12:2, 3. Analizaremos cando sucederá e quen participará. Ademais, imos ver como este programa de educación preparará os que vivan na Terra para a proba final, cando remate o Reinado de Mil Anos de Cristo.

^ É posible que os que morreron fieis durante os últimos días sexan os primeiros en resucitar, e despois os que morreron antes que eles, unha xeración detrás doutra. Se sucede desta forma, cada xeración terá a oportunidade de darlles a benvida ós que coñeceron persoalmente. Sexa como sexa, as Escrituras falan de que os que resuciten no ceo farano “cada un no seu intre”. Por iso, podemos esperar que a resurrección na Terra tamén se faga de xeito ordenado (1 Cor. 14:33; 15:23).

^ Esta explicación é un axuste do que entendiamos ata agora e que aparece no capítulo 17 do libro Prestemos atención a las profecías de Daniel, e en La Atalaya do 1 de xullo de 1987, páxinas 21 á 25.

^ Os termos “xustos” e “inxustos” de Feitos 24:15 e as expresións “os que fixeron o ben” e “os que obraron o mal” de Xoán 5:29 céntranse na conduta que tiñan os resucitados antes de morrer.