ARTIGO DE ESTUDO 37
Podemos confiar nos nosos irmáns
“O amor [...] fíase sempre, espera sempre” (1 COR. 13:4, 7).
CANCIÓN sjj 124 Sempre fieis e leais
AVANCE *
1. Por que non nos sorprende que moitas persoas pensen que non se pode confiar en ninguén?
NESTE mundo controlado polo Demo, as persoas non saben en quen poden confiar. Séntense decepcionadas constantemente por como se comportan as empresas, os políticos e os líderes relixiosos. E pásalles o mesmo cos amigos, cos veciños e incluso cos familiares. Pero isto non debería sorprendernos porque a Biblia predixo que nos “últimos días” a xente sería desleal, calumniadora e traizoeira. Noutras palabras, as persoas terían a mesma forma de ser que o deus deste sistema, Satanás, en quen non se pode confiar (2 Tim. 3:1-4, TNM; 2 Cor. 4:4).
2. a) En quen podemos confiar totalmente? b) Que poden preguntarse algúns?
2 Pero os cristiáns sabemos que podemos confiar totalmente en Xehová (Xer. 17:7, 8). Estamos convencidos de que el nos ama e de que nunca abandonará os seus amigos (Sal. 9:11 [9:10, TNM]). Ademais, confiamos en Xesucristo porque deu a súa vida por nós (1 Pe. 3:18). E tamén comprobamos por nós mesmos que a guía que dá a Biblia é fiable (2 Tim. 3:16, 17). Estamos seguros de que podemos confiar en Xehová, en Xesús e na Biblia. Pero pode que algúns se pregunten se podemos confiar sempre nos irmáns e irmás da congregación. Se a resposta é que si, por que podemos confiar neles?
NECESITAMOS OS NOSOS IRMÁNS E IRMÁS
3. Que privilexio especial temos? (Marcos 10:29, 30).
3 Xehová escolleunos para formar parte da súa familia mundial de servos fieis. Pensa por un momento no especial que é este privilexio e en tódolos beneficios que temos grazas a el (le Marcos 10:29, 30). Temos irmáns e irmás por todo o mundo que tamén aman a Xehová e que se esforzan o máximo posible por aplicar na súa vida as normas de Deus. Pode que o noso idioma, a nosa cultura ou a nosa forma de vestir sexan diferentes ás súas, pero querémolos moito, incluso se os acabamos de coñecer. Sobre todo, encántanos adorar e louvar xuntos o noso cariñoso Pai celestial (Sal. 133:1).
4. Por que necesitamos os nosos irmáns?
4 Nunca antes foi tan importante manternos unidos ós nosos irmáns. Por que? Porque poden axudarnos a levar algunhas das nosas cargas (Rm. 15:1; Gál. 6:2). Tamén nos animan a seguir servindo a Xehová e a manternos fortes en sentido espiritual (1 Tes. 5:11; Heb. 10:23-25). Ademais, pensa en como nos sentiriamos se non tivésemos a protección da congregación para axudarnos a loitar contra Satanás e contra este mundo malvado. Dentro de pouco, o Demo e as persoas que están baixo o seu control atacarán os servos de Deus. Imaxina como nos sentiremos cando iso pase. Verdade que agradeceremos moito poder contar coa axuda dos nosos irmáns?
5. Por que pode que a alguén lle custe confiar nos seus irmáns?
5 Pode que a alguén lle custe confiar nos seus irmáns, quizais porque algún deles revelou algo confidencial ou non cumpriu unha promesa que fixo. Tamén pode ser que dixese ou fixese algo que lle fixo moito dano. Todas estas cousas poden facer que nos resulte difícil confiar nos demais. Entón, que pode axudarnos a confiar máis nos nosos irmáns?
AMAR OS IRMÁNS AXÚDANOS A CONFIAR MÁIS NELES
6. Como nos pode axudar o amor a aumentar a nosa confianza? (1 Corintios 13:4-8).
6 A confianza baséase no amor. O capítulo 13 da Primeira Carta ós Corintios describe moitas características do amor que poden axudarnos a aumentar e recuperar a nosa confianza nos demais (le 1 Corintios 13:4-8). Por exemplo, o versículo 4 na Traducción del Nuevo Mundo di que “o amor é paciente e bondadoso”. Xehová é paciente con nós incluso cando pecamos. Por iso debemos ser pacientes cos nosos irmáns se din ou fan algo que nos moleste ou nos faga dano. O versículo 5 engade que o amor “non se alporiza, non garda malicia”. Así que non queremos gardar na nosa mente unha lista das veces que nos ofenderon os nosos irmáns. Ademais, Eclesiastés 7:9 di: “Non te alporices axiña”. Por outro lado, Efesios 4:26 (TNM) aconséllanos: “Non deixedes que se poña o sol estando aínda enfadados”. Verdade que nos iría moito mellor se aplicásemos estas palabras?
7. Como nos axudarán os principios que atopamos en Mateo 7:1-5 a confiar máis nos nosos irmáns?
7 Outra cousa que nos axudará a confiar máis nos nosos irmáns é velos como os ve Xehová. El ámaos e non leva conta dos seus pecados, así que nós tampouco deberiamos facelo (Sal. 130:3). En vez de centrarnos nos seus erros, deberiamos esforzarnos por fixarnos nas súas boas calidades e en tódalas cousas boas que poden chegar a facer (le Mateo 7:1-5). Ademais, dámoslles o beneficio da dúbida porque, como di a Biblia, o amor “fíase sempre” (1 Cor. 13:7). Isto non significa que Xehová espere que confiemos a cegas nos demais, senón que confiemos neles porque demostraron ser persoas de fiar. *
8. Que podes facer para confiar máis nos teus irmáns?
8 A confianza, igual que o respecto, hai que gañala, e iso leva tempo. Para confiar máis nos teus irmáns, tes que coñecelos ben. Como podes conseguilo? Fala con eles nas reunións de congregación, pasa tempo predicando con eles, sé paciente e dálles a oportunidade de demostrar que son de fiar. Ó principio pode ser que non lle contes cousas persoais a alguén que acabas de coñecer, pero poida que cando creza esa amizade te sintas máis cómodo para contarlle os teus sentimentos (Lc. 16:10). E que podes facer se un irmán traizoa a túa confianza? Non cortes esa amizade rapidamente. Máis ben, deixa que pase algo de tempo e non deixes de confiar nos teus irmáns polo que fagan uns poucos. Imos ver o exemplo dalgúns servos de Xehová que seguiron confiando nos demais a pesar de que outras persoas os decepcionaron.
APRENDAMOS DOS QUE SEGUIRON CONFIANDO NOS DEMAIS
9. a) A pesar dos erros dalgúns representantes de Deus, como seguiu confiando Ana na decisión de Xehová? b) Que che ensina o exemplo de Ana sobre confiar nas decisións de Xehová? (Ver a imaxe).
9 Sentícheste algunha vez decepcionado polo comportamento dun irmán con responsabilidades na congregación? Se é así, poida que che axude analizar o exemplo de Ana. No seu tempo, o sacerdote Elí era a máxima autoridade espiritual na nación de Israel. Pero a súa familia non daba un bo exemplo. Os seus fillos, que eran sacerdotes, facían cousas inmorais e vergonzosas. Aínda que Elí non fixo o suficiente por corrixilos, Xehová deixou que seguise sendo o sumo sacerdote por un tempo. Pero Ana non foi en contra da decisión de Xehová negándose a adorar a Deus no tabernáculo mentres Elí seguise sendo o sumo sacerdote. Nunha ocasión, Elí viu a Ana orando e pensou que estaba borracha, pero non era certo. Ana estaba moi angustiada pero, en vez de comprobar os feitos, Elí criticouna (1 Sam. 1:12-16). Aínda así, Ana prometeulle a Xehová que se tiña un fillo o entregaría para que servise no tabernáculo, onde tería que estar baixo o coidado de Elí (1 Sam. 1:11). Era necesario corrixir o comportamento dos fillos de Elí? Si, e Xehová fíxoo no seu debido momento (1 Sam. 4:17). Mentres tanto, Deus recompensou a Ana cun fillo, Samuel (1 Sam. 1:17-20).
10. Como seguiu confiando o rei David noutros a pesar de que algúns o traizoaron?
10 Sentícheste algunha vez traizoado por un bo amigo? Se foi así, fíxate no exemplo do rei David. Un dos seus amigos chamábase Ahitófel. Pero cando Abxalom intentou quitarlle o trono ó seu pai David, Ahitófel uniuse á rebelión de Abxalom. Que duro tivo que ser para David perder o apoio do seu fillo e dun home que consideraba o seu amigo! Pero David non permitiu que esa traizón fixese que deixase de confiar noutros. Seguiu confiando en Huxai, un amigo leal que se negou a unirse á rebelión e que non traizoou a confianza que David puxo nel. Máis ben, demostrou ser un bo amigo e incluso arriscou a súa vida para axudarlle (2 Sam. 17:1-16).
11. De que maneira demostrou confianza un servo de Nabal?
11 Pensa tamén no exemplo dun servo de Nabal. David e os seus homes protexeran os servos dun israelita chamado Nabal. Tempo despois, David pediulle a Nabal algo de comer para os seus homes, calquera cantidade que lles puidese dar. Pero, aínda que era moi rico, negouse a facelo. David enfadouse tanto que decidiu matar a tódolos homes da casa de Nabal. Entón, un servo contoulle o que pasara a Abigail, a muller de Nabal. Sabía que a súa vida estaba nas mans desta muller pero, en vez de escapar, confiou en que ela sería capaz de solucionar o problema. Abigail era coñecida por ser unha persoa sabia, e por iso este servo confiou nela. O que pasou despois demostrou que tiña moi boas razóns para facelo. Abigail foi moi valente e fixo que David cambiase de opinión (1 Sam. 25:2-35). Ela confiou en que David sería razoable.
12. Como demostrou Xesús que confiaba nos seus discípulos a pesar dos erros que cometeron?
12 Xesús confiou nos seus discípulos a pesar dos erros que cometeron (Xn. 15:15, 16). Cando Santiago e Xoán lle pediron un lugar especial no Reino, non cuestionou a razón pola que servían a Xehová nin fixo que deixasen de ser apóstolos (Mc. 10:35-40). Máis tarde, a noite na que Xesús foi arrestado, tódolos seus discípulos o abandonaron (Mt. 26:56). Aínda así, nunca deixou de confiar neles. Coñecía ben as súas imperfeccións, pero “amounos ata a fin” (Xn. 13:1). Despois de resucitar, encargoulles ós seus 11 apóstolos fieis un labor moi importante: dirixir a obra de facer discípulos e coidar das súas valiosas ovelliñas (Mt. 28:19, 20; Xn. 21:15-17). Xesús tiña boas razóns para confiar naqueles homes imperfectos. Todos foron fieis ata o final da súa vida na Terra. Está claro que Ana, David, o servo de Nabal, Abigail e Xesús puxeron un bo exemplo á hora de confiar en persoas imperfectas.
RECUPEREMOS A NOSA CONFIANZA NOS IRMÁNS
13. Que pode facer que non sexa fácil seguir confiando noutros?
13 Contácheslle algunha vez algo confidencial a un irmán e despois descubriches que traizoou a túa confianza? Iso pode ser algo terrible. Nunha ocasión, unha irmá contoulle algo persoal a un ancián. Ó día seguinte, a muller do ancián chamouna para animala, así que era evidente que sabía do asunto porque el llo contara. Con razón, á irmá fíxoselle difícil seguir confiando nel. Pero actuou ben porque pediu axuda. Falou con outro ancián, e el axudoulle a recuperar a súa confianza nos anciáns.
14. Que lle axudou a un irmán a recuperar a confianza?
14 Un irmán levaba moito tempo molesto con dous anciáns nos que sentía que non podía confiar. Non obstante, comezou a pensar nunha frase moi breve pero moi directa que dixera un irmán ó que respectaba moito: “O noso inimigo é Satanás, non os nosos irmáns”. Despois de orar e darlle moitas voltas a esta idea, por fin puido facer as paces cos dous anciáns.
15. Por que fai falta tempo para recuperar a confianza? Pon un exemplo.
15 Perdiches algunha vez un privilexio na organización de Xehová? Iso pode causar moita dor. Fíxate no que lles pasou a Grete e á súa nai, dúas testemuñas de Xehová leais que vivían na Alemaña nazi durante a década de 1930, cando a nosa obra estaba prohibida. Grete tiña a responsabilidade de facer copias da revista A Atalaia para os irmáns. Pero cando souberon que o seu pai se opoñía á verdade, quitáronlle esa responsabilidade por medo de que el puidese darlles ós opositores información sobre a congregación. E iso non foi todo. Durante a Segunda Guerra Mundial, os irmáns non lles daban copias das revistas nin a ela nin á súa nai, e negábanse a falar con elas cando as vían pola rúa. Iso doeulles moito. Fíxolles tanto dano que Grete dixo que lle levou moito tempo perdoar os irmáns e volver a confiar neles. Pero ó final deuse conta de que Xehová xa os perdoara e de que ela debería facer o mesmo. *
“O noso inimigo é Satanás, non os nosos irmáns”
16. Por que debemos superar calquera obstáculo que nos faga deixar de confiar nos nosos irmáns?
16 Se ti tamén pasaches por algunha experiencia dolorosa, esfórzate por recuperar a túa confianza nos demais. Pode ser que necesites tempo, pero os teus esforzos valerán a pena. Pensa nisto. Se algunha vez comiches algo que che fixo dano, quizais despois tiveches máis coidado co que comías. Pero unha mala comida non fai que deixes de comer. De maneira parecida, non debemos deixar que unha mala experiencia debilite a nosa confianza en tódolos irmáns. Ademais, temos que recordar que todos somos imperfectos. Podemos estar seguros de que se recuperamos a nosa confianza noutros, seremos máis felices e seranos máis fácil centrarnos no que nós podemos facer para que haxa un ambiente de confianza na congregación.
17. a) Por que é tan importante a confianza? b) Que imos ver no seguinte artigo?
17 Neste mundo é raro que as persoas confíen unhas noutras. Pero non é así no pobo de Xehová. Nós confiamos nos nosos irmáns porque os queremos e eles quérennos a nós. Esa confianza fai que sexamos máis felices e que esteamos unidos agora. Ademais, protexeranos cando nos enfrontemos a dificultades no futuro. E que deberías facer se alguén te decepcionou e xa non confías nel? Intenta ver as cousas dende o punto de vista de Xehová, aplica os principios bíblicos, cultiva un profundo amor polos teus irmáns e aprende dos exemplos da Biblia. Isto axudarache a deixar de sentirte ferido e a recuperar a túa confianza nos demais. Se o fas, desfrutarás da bendición de ter moitos amigos “máis íntimos ca irmáns” (Pr. 18:24). Pero a confianza implica algo máis que só confiar noutros. No seguinte artigo imos ver como lles podemos mostrar ós nosos irmáns que poden confiar en nós.
CANCIÓN sjj 99 Tribos e pobos e linguas
^ Temos que confiar nos nosos irmáns. Pero non sempre é fácil porque ás veces decepciónannos. Neste artigo imos ver que aplicar os principios bíblicos e reflexionar nalgúns exemplos do pasado axudaranos a confiar máis nos nosos irmáns ou a volver a confiar neles se nos decepcionan.
^ A Biblia advirte que algúns na congregación poderían non ser de fiar (Xds. 4). Aínda que é algo moi pouco habitual, nalgúns casos os falsos irmáns poderían tratar de enganar a outros dicindo “cousas perversas” (Feit. 20:30). Se iso pasa, decidimos non escoitalos nin confiar neles.
^ Para máis información sobre a experiencia de Grete mira o Anuario de los testigos de Jehová para 1974, páxinas 129 a 130.