Preguntas dos lectores
Quen resucitará na Terra, e que tipo de resurrección terá?
Vexamos como responde a Biblia estas preguntas.
Feitos 24:15 di que “haberá resurrección de xustos e inxustos”. Os xustos son as persoas que xa obedecían a Deus antes de morrer. Polo tanto, os seus nomes están escritos no libro da vida (Mal. 3:16). Pola contra, entre os inxustos están as persoas que morreron sen chegar a ter suficiente oportunidade de aprender sobre Xehová. Así que os seus nomes non están escritos no libro da vida.
Xoán 5:28, 29 tamén fala dos dous grupos que se mencionan en Feitos 24:15. Alí Xesús di que “os que fixeron o ben” terán “unha resurrección de vida”, e “os que obraron o mal” terán “unha resurrección de condena”, ou de xuízo. Os nomes dos xustos escribíronse no libro da vida porque fixeron cousas boas antes de morrer. Como os seus nomes seguen escritos nese libro, terán unha resurrección de vida. Pero os inxustos fixeron cousas malas antes de morrer, e por iso os seus nomes aínda non están escritos no libro da vida. Polo tanto, terán unha resurrección de xuízo porque deberán pasar por un período de xuízo, ou proba. Durante este tempo, terán a oportunidade de aprender sobre Xehová e de que os seus nomes se escriban no libro da vida.
Apocalipse 20:12, 13 explica que tódolos resucitados terán que obedecer o que está “escrito nos libros”, é dicir, as novas leis que Deus dará no novo mundo. Os que non obedezan estas leis serán destruídos (Is. 65:20).
Daniel 12:2 predí que algúns dos que están durmidos na morte espertarán “para a vida eterna” e outros “para a reprobación eterna”, é dicir, o desprezo eterno. Este versículo fala dos resultados da súa resurrección: por un lado vida eterna e, por outro, o desprezo eterno. Polo tanto, ó final dos mil anos, algúns recibirán vida eterna, mentres que outros serán destruídos para sempre (Ap. 20:15; 21:3, 4).
Pensemos no seguinte exemplo. A situación dos dous grupos de resucitados pode compararse a uns estranxeiros que queren vivir noutro país. Os xustos son os que reciben un permiso de traballo ou de residencia que lles dá un certo nivel de recoñecemento e liberdade. Pola contra, os inxustos son coma os estranxeiros que reciben un permiso temporal ou de visitante. Pero todos teñen que respectar e obedecer as leis para que se lles permita seguir vivindo no novo país. Do mesmo xeito, os resucitados inxustos terán que obedecer as leis de Xehová e demostrar que son xustos para poder seguir vivindo no Paraíso. Sen importar que tipo de permiso reciben os estranxeiros cando entran noutro país, tense en conta a súa actitude e conduta para decidir se van recibir a cidadanía ou se serán deportados. O mesmo pasa cos resucitados: o xuízo final dependerá da conduta que teñan no novo mundo e da súa fidelidade.
Xehová non é só un Deus compasivo, senón que tamén é o Deus da xustiza (Dt. 32:4; Sal. 33:5). Demostrará o seu amor resucitando tanto a xustos coma a inxustos, pero ó mesmo tempo, manterá as súas elevadas normas morais. Tan só poderán seguir vivindo no novo mundo os que o amen e vivan de acordo coas súas normas.