Preguntas dos lectores
A que se refería o apóstolo Paulo cando dixo que nacera “á deshora”? (1 Corintios 15:8)
En 1 Corintios 15:8, Paulo dixo: “En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ó nacido á deshora”. No pasado, explicamos que, aparentemente, Paulo estábase referindo á súa propia experiencia, cando tivo unha visión de Xesús no ceo con toda a súa gloria. Era coma se recibise o privilexio de nacer ou resucitar como un ser espiritual antes de tempo, séculos antes de que comezase ese tipo de resurrección. Pero un estudo máis profundo deste versículo indícanos que temos que axustar esta explicación.
É certo que aquí Paulo estaba falando do que pasou cando se fixo cristián. Pero, a que se refería cando dixo que nacera “á deshora”, ou “prematuramente” como se di noutra tradución? Hai varias posibilidades.
A súa conversión foi inesperada e impactante. Cando un bebé nace prematuramente, normalmente colle os pais por sorpresa. Cando Saulo (que máis tarde chegou a ser coñecido como Paulo) viaxou a Damasco para perseguir os cristiáns daquela zona, non esperaba ter unha visión de Xesús resucitado. De feito, a súa conversión non só foi unha sorpresa para el, senón tamén para os cristiáns que tiña pensado perseguir naquela cidade. Ademais, esta experiencia foi tan impactante que ata perdeu temporalmente a vista (Feit. 9:1-9, 17-19).
Converteuse “no momento equivocado”. A palabra grega orixinal traducida como “nacido á deshora” ou prematuramente, tamén pode traducirse como “nacido no momento equivocado”. The Jerusalem Bible tradúceo desta forma: “Foi como se nacese cando ninguén o esperaba”. Cando Paulo se converteu, Xesús xa regresara ó ceo. Ó contrario que as persoas que Paulo menciona nos versículos anteriores, el non vira a Xesús resucitado antes de que volvese ó ceo (1 Cor. 15:4-8). Así que, cando Xesús se lle apareceu desta maneira tan inesperada, deulle a oportunidade de velo despois de resucitar, aínda que puidese parecer que era o “momento equivocado”.
Estaba falando de si mesmo con humildade. Algúns expertos din que esta expresión podería transmitir a idea de que Paulo estaba sendo crítico consigo mesmo. Se Paulo usou esta expresión con esa intención, fíxoo para recoñecer que non merecía recibir o privilexio de ser un apóstolo. De feito, despois dixo: “Pois eu son o menor dos apóstolos, que nin son merecente de me chamar apóstolo, xa que perseguín a Igrexa de Deus; pero pola gracia de Deus son o que son” (1 Cor. 15:9, 10).
Entón, a que conclusión podemos chegar? Parece que Paulo podía estar referíndose á forma imprevista e impactante na que se lle apareceu Xesús, ó momento inesperado da súa conversión ou ó feito de que, en sentido espiritual, non era digno de recibir unha revelación tan impresionante. Sen importar cal fose a razón pola que usou esa expresión, está claro que esta experiencia foi algo moi especial para el. Demostroulle que non había ningunha dúbida de que Xesús fora resucitado. Por iso non nos sorprende que mencionase moitas veces esta inesperada experiencia ó falarlles a outros sobre a resurrección de Xesús (Feit. 22:6-11; 26:13-28).