Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 39

Cando es manso, es forte

Cando es manso, es forte

“O escravo do Señor non ten que pelexar, senón que debe ser amable con todos” (2 TIM. 2:24, TNM).

CANCIÓN sjj 120 Sexamos mansos coma Xesús

AVANCE a

1. Que nos poderían preguntar no traballo ou na escola?

 COMO te sentes cando un compañeiro de traballo ou de escola che pregunta polas túas crenzas? Poste nervioso? A maioría de nós si. Pero unha pregunta dese tipo pódeche dar a oportunidade de saber o que pensa realmente esa persoa e tamén de predicarlle. Aínda así, hai quen fai preguntas porque non está de acordo con nós ou porque quere discutir. Isto non debería sorprendernos, xa que algúns están mal informados sobre as nosas crenzas (Feit. 28:22). Ademais vivimos nos “últimos días”, un tempo no que moitos non están “dispostos a chegar a ningún acordo“ e son “feroces” (2 Tim. 3:1, 3, TNM).

2. Por que queremos ser mansos?

2 Quizais te preguntes como podes manter a calma e ter tacto cando parece que alguén quere discutir sobre as túas crenzas. Algo que che axudará é a mansedume. A persoa mansa non se enfada facilmente. Máis ben, é capaz de controlarse cando a provocan e cando non sabe que responder (Pr. 16:32). Quizais penses que isto é máis fácil dicilo que facelo. Pero, que che pode axudar a ser manso? Como podes demostrar esta calidade cando alguén cuestiona as túas crenzas? E se es pai, como podes axudarlles ós teu fillos a defender o que cren sen perder a calma? Neste artigo contestaremos estas preguntas.

QUE CHE PODE AXUDAR A SER MANSO?

3. Por que se pode dicir que a persoa mansa demostra fortaleza e non debilidade? (2 Timoteo 2:24, 25).

3 A persoa mansa demostra fortaleza, non debilidade xa que é necesario ser forte para manter a calma cando nos enfrontamos a unha situación difícil. A mansedume é un aspecto do “froito do Espírito” (Gál. 5:22, 23). A palabra grega que se traduce como “mansedume” ou apracibilidade usábase ás veces para referirse a un cabalo salvaxe que fora domado. Cando un cabalo salvaxe se volve manso, non por iso deixa de ser forte. Entón, como podemos os humanos chegar a ser mansos e ó mesmo tempo ser fortes? Non poderemos conseguilo sós. Necesitamos pedirlle a Xehová que nos dea o seu espírito para que nos axude a cultivar esta bonita calidade. Hai unha gran cantidade de persoas que xa aprenderon a ser mansas. Por exemplo, moitos dos nosos irmáns demostraron esta calidade cando alguén intentou provocalos ou discutir con eles. E isto axudou ás persoas que os observaban a quedar cunha boa opinión das testemuñas de Xehová (le 2 Timoteo 2:24, 25). Como podes facer que a mansedume sexa un dos teus puntos fortes?

4. Que podemos aprender do exemplo de Isaac sobre a mansedume?

4 Na Biblia hai moitos relatos que destacan o valor da mansedume. Fíxate no exemplo de Isaac. Cando viviu no territorio filisteo de Guerar, os seus veciños, que lle tiñan envexa, taparon os pozos que os servos de seu pai cavaran. Pero en vez de loitar polos seus dereitos, Isaac trasladouse con toda a súa xente a outro sitio que estaba máis lonxe e cavou alí outros pozos (Xén. 26:12-18). Aínda así, os filisteos reclamaron que a auga dese lugar tamén era súa. Pero a pesar de todo, Isaac seguiu actuando de forma pacífica (Xén. 26:19-25). Que lle axudou a seguir sendo manso cando parecía que outros estaban decididos a provocalo? Seguro que aprendeu moito de seu pai Abraham, que era unha persoa moi pacífica, e de súa nai Sara que era de “espírito agarimoso e sereo” (1 Pe. 3:4-6; Xén. 21:22-34).

5. Que exemplo demostra que os pais cristiáns poden ensinarlles a importancia da mansedume ós seus fillos?

5 Pais, vos tamén podedes ensinarlles ós vosos fillos o importante que é ser mansos. Fíxate na experiencia dun rapaz de 17 anos que se chama Maxence. El tiña que tratar con xente de mal carácter tanto na escola como na predicación. Seus pais axudáronlle con moita paciencia a cultivar a mansedume. Eles contan: “O noso fillo chegou a entender que cando alguén te provoca fai falta máis fortaleza para manter a calma que para responder con rabia ou violencia”. Como resultado, Maxence conseguiu que esta calidade chegase a ser un punto forte da súa personalidade.

6. Como nos pode axudar a oración a ser máis mansos?

6 Que podemos facer cando nos enfrontemos a unha situación tensa, como por exemplo que alguén fale mal de Xehová ou se burle da Biblia? Deberiamos pedirlle a Xehová que nos dea o seu espírito e a súa sabedoría para responder dun xeito calmado. E que pasa se despois nos damos conta de que non contestamos tan ben como nos gustaría? Podemos orar de novo sobre o asunto e pensar en como facelo mellor a próxima vez. Así Xehová daranos o seu espírito santo para que poidamos controlar o noso temperamento e demostrar mansedume.

7. Como pode axudarnos memorizar algúns versículos da Biblia a controlar o que dicimos e a nosa reacción? (Proverbios 15:1, 18).

7 Algúns versículos da Biblia poden axudarnos a controlar o que dicimos cando estamos en situacións nas que é difícil manter a calma. O espírito santo de Xehová é capaz de facer que recordemos estes textos (Xn. 14:26). Por exemplo, os principios que encontramos no libro de Proverbios poden axudarnos a ser mansos (le Proverbios 15:1, 18). Este libro da Biblia tamén nos mostra os beneficios de controlarnos cando estamos baixo presión (Pr. 10:19; 17:27; 21:23; 25:15).

COMO NOS AXUDA A PERSPICACIA A SER MANSOS

8. Por que deberiamos pensar no que motivou a unha persoa a facernos unha pregunta sobre as nosas crenzas?

8 A perspicacia tamén pode sernos de axuda (Pr. 19:11, TNM). A persoa perspicaz demostra autocontrol cando alguén cuestiona as súas crenzas. Algunhas preguntas ou acusacións son coma icebergs, a parte máis grande está baixo a superficie. Detrás das palabras dunha persoa pode haber un motivo ou unha preocupación que non se percibe a simple vista. Así que, antes de responder sería bo que fósemos conscientes de que quizais non sabemos o que motivou a persoa a dicirnos iso (Pr. 16:23, TNM).

9. Como demostrou Guideón perspicacia e mansedume cando tratou cos homes de Efraím?

9 Pensa na resposta que lles deu Guideón ós homes de Efraím. Eles preguntáronlle moi enfadados por que non os chamara antes para loitar contra os inimigos de Israel. Pero, cal era a verdadeira razón pola que estaban tan furiosos? Sería porque tiñan o orgullo ferido? Sen importar cal fose o motivo, Guideón demostrou perspicacia. Tratou de entender os seus sentimentos e respondeulles de forma calmada. Cal foi o resultado? Coas súas palabras “amainou a ira” dos efraimitas (Xuí. 8:1-3).

10. Que nos pode axudar a saber como responder cando alguén cuestiona as nosas crenzas? (1 Pedro 3:15).

10 Quizais un compañeiro de traballo ou de escola nos pregunte por que obedecemos certa norma moral. Nese caso, faremos todo o posible por explicarlle por que cremos que confiar na Biblia é o mellor. Pero ó mesmo tempo, queremos demostrarlle que respectamos a súa opinión (le 1 Pedro 3:15, 16). En vez de ver a súa pregunta coma un ataque ou unha crítica, pensemos en como nos axuda a saber o que realmente lle preocupa a esa persoa. Sexa cal sexa a razón que o motivou a facernos esa pregunta, sempre debemos responder de maneira amable e calmada. Pode que o que lle digamos faga que reconsidere o seu punto de vista sobre ese asunto. Incluso se se expresa de maneira irrespectuosa e sarcástica, o noso obxectivo sempre debería ser responder con amabilidade (Rm. 12:17).

Cando te paras a pensar nas razóns polas que alguén quere que asistas a unha festa de cumpreanos, poderás responderlle mellor (ver os parágrafos 11 e 12).

11, 12. Que deberiamos facer cando alguén nos pregunta sobre un tema controvertido? Pon un exemplo de como isto nos pode levar a ter unha conversa amigable. (Ver tamén a imaxe).

11 Por exemplo, se un compañeiro de traballo che pregunta por que non celebramos os cumpreanos ou aniversarios de nacemento, faite as seguintes preguntas: “Pensará que non podemos divertirnos? Ou sentirá que a nosa postura ante estas celebracións vai afectar ó espírito de equipo que hai no traballo?”. Quizais poidas tranquilizalo dicíndolle o moito que agradeces que se interese polos seus compañeiros e asegurarlle que ti tamén queres contribuír ó bo ambiente na empresa. Isto pode darche a oportunidade de ter unha conversación amigable sobre o que a Biblia indica en canto ós cumpreanos.

12 Podemos facer algo parecido cando nos fan preguntas sobre outros temas controvertidos. Quizais un compañeiro de escola diga que as testemuñas de Xehová deberiamos cambiar o noso punto de vista sobre a homosexualidade. Nese caso, pregúntate: “Dirá iso porque non entende ben o que pensamos sobre este tema? Ou terá algún amigo ou parente homosexual? Pensará que odiamos as persoas que seguen ese estilo de vida?”. Quizais sexa necesario que lle asegures que tratamos ben a tódalas persoas e que respectamos o dereito de cada un a tomar as súas propias decisións (1 Pe. 2:17). b Despois poderías explicarlle o que di a Biblia sobre o tema e os beneficios que ten seguir as súas normas morais.

13. Como podes axudarlle a alguén que di que crer en Deus é ridículo?

13 Cando unha persoa nos di claramente que non está de acordo con nós, non debemos supoñer que sabemos o que pensa (Tit. 3:2). Por exemplo, se un compañeiro de escola di que crer en Deus é ridículo, non deberías dar por sentado que cre firmemente na evolución e que sabe moito sobre o tema. En realidade, é probable que simplemente estea repetindo cousas que escoitou. En vez de empezar un debate sobre ciencia, por que non buscas a maneira de darlle algo no que pensar? Por exemplo, poderías mostrarlle a información que contén jw.org sobre a creación e incluso mandarlle un enlace. Quizais máis adiante estea disposto a falar sobre algún artigo ou vídeo que encontrou alí. Responderlles con respecto ós demais pode facer que queiran saber máis sobre o que di a Biblia.

14. Como usou Niall a nosa páxina web para axudarlle a un compañeiro de clase que tiña algunhas ideas erróneas sobre as testemuñas de Xehová?

14 Un adolescente chamado Niall usou a nosa páxina web para demostrar que algunhas cousas que se pensan sobre as testemuñas de Xehová non son certas. El conta: “Un compañeiro de clase dicíame moitas veces que eu non cría na ciencia porque prefería confiar nun libro de contos antes que en probas”. Como este rapaz non lle permitía a Niall explicarlle as súas crenzas, el dirixiuno á sección “A Biblia e a ciencia” de jw.org. Máis adiante, Niall deuse conta de que este compañeiro lera a información e agora estaba máis disposto a falar sobre a orixe da vida. Se pos isto en práctica, quizais teñas un resultado parecido.

PREPARÉMONOS COMO FAMILIA

15. Como poden os pais axudar ós seus fillos a responder de forma calmada cando os compañeiros cuestionen as súas crenzas?

15 Os pais poden ensinarlles ós seus fillos a responder de maneira calmada cando alguén cuestione as súas crenzas (Sant. 3:13). Algúns fan sesións de práctica durante a adoración en familia. Nelas analizan temas típicos que poden xurdir nas escolas para que os seus fillos saiban como dar unha resposta ben razoada, calmada e interesante (mira o recadro “ Sesións prácticas que poden axudar á túa familia”).

16, 17. Como poden as sesións de práctica axudar ós adolescentes ?

16 As sesións de práctica poden axudar ós cristiáns a convencerse a si mesmos de que as súas crenzas están ben fundadas. Tamén a utilizar argumentos sólidos cando teñan que defendelas ante outros. Na categoría “Jóvenes” de jw.org en español podes encontrar a sección “Ponlo por escrito”. Esta sección está deseñada para axudarlles ós adolescentes a estar convencidos do que cren e a prepararse para dar respostas coas súas propias palabras. Se estudades como familia as seccións “Ponlo por escrito” e “Los jóvenes preguntan” todos poderedes aprender como defender a vosa fe de maneira calmada e atraente para os demais.

17 Un rapaz que se chama Matthew explica como lle axudaron as sesións de práctica. Na súa adoración en familia, os seus pais e mais el ás veces investigan sobre asuntos que poderían xurdirlle na escola. El di: “Imaxinamos diferentes situacións e practicamos como poderiamos manexalas tendo en conta a información que encontramos. Cando teño claros os argumentos que apoian as miñas crenzas, síntome máis seguro e fáiseme máis fácil razoar con outros de xeito calmado”.

18. Que destaca Colosenses 4:6?

18 Por suposto, aínda que expliquemos algo de maneira moi clara e convincente, non todo mundo o aceptará. Pero falar con tacto e calma sempre axuda (le Colosenses 4:6). Compartir as nosas crenzas pódese comparar a lanzar unha pelota. Podemos lanzala con forza ou con suavidade. Pero cando o facemos con suavidade é mais fácil que a outra persoa a colla e siga xogando. Do mesmo xeito, cando nos expresamos con delicadeza e amabilidade pode que as persoas estean máis dispostas a escoitarnos e a continuar a conversa. Claro, se alguén quere discutir ou burlarse do que cremos, non temos por que seguir falando con el (Pr. 26:4). Pero non tódalas persoas son así. Algunhas, incluso moitas, quererán escoitarnos.

19. Que debería motivarnos a ser mansos cando defendemos as nosas crenzas?

19 Non hai dúbida de que poñerse a meta de ser unha persoa mansa pode traernos moitos beneficios. Pídelle a Xehová que che dea a forza que necesitas para manter a calma cando teñas que responder preguntas controvertidas ou te critiquen inxustamente. Recorda que a túa actitude amable pode evitar que unha diferenza de opinión chegue a ser unha discusión. De feito, unha resposta pacífica e respectuosa quizais faga que os que nos escoitan cambien o seu punto de vista sobre nós e sobre a Biblia. Así que esteamos “sempre dispostos a responder” cando nos pregunten sobre as nosas crenzas e fagámolo sempre “con bo xeito e con respecto” (1 Pe. 3:15, 16). Que a mansedume sexa o teu punto forte!

CANCIÓN sn 69 Ensíname os teus camiños

a Neste artigo imos ver algúns consellos sobre como defender as nosas crenzas de maneira pacífica cando outros nos provocan ou nos desafían.

b Podes encontrar ideas moi prácticas no artigo “Está mal a homosexualidade?” en jw.org.

c Podes encontrar ideas moi útiles na serie de artigos “Preguntas da xuventude” e “Preguntas frecuentes sobre as testemuñas de Xehová” en jw.org.