ARTIGO DE ESTUDO 37
Confía en Xehová, igual ca Sansón
“Meu Señor Iavé, lémbrate de min, prégocho, e enfortéceme” (XUÍ. 16:28).
CANCIÓN sjj 30 Meu amigo, meu Deus, meu Pai
AVANCE a
1, 2. Por que debería interesarnos o relato de Sansón?
QUE che vén á mente cando escoitas o nome de Sansón? Seguro que pensas que foi un home moi forte, e iso é verdade. Pero Sansón tomou unha mala decisión que o fixo sufrir moito. Aínda así, Xehová concentrouse en todo o que este xuíz fixo para servilo. E decidiu incluír na Biblia o seu exemplo para que poidamos aprender del.
2 Xehová utilizou a Sansón para facer cousas incribles e axudar o seu pobo, Israel. Moitos séculos despois de que este home morrese, Xehová inspirou o apóstolo Paulo para que incluíse o seu nome nunha lista de persoas que demostraron moita fe (Heb. 11:32-34). O seu exemplo pode animarnos moito. El confiou en Xehová incluso cando estaba en circunstancias moi difíciles. Neste artigo imos analizar o que aprendemos de Sansón e como o seu exemplo pode animarnos.
SANSÓN CONFIOU EN XEHOVÁ
3. Que tarefa se lle encargou a Sansón?
3 Cando Sansón naceu, os filisteos gobernaban e trataban mal a nación de Israel (Xuí. 13:1). Os israelitas sufrían moito porque os filisteos eran moi crueis con eles. Xehová escolleu a Sansón para “salvar a Israel das mans dos filisteos” (Xuí. 13:5). Que tarefa máis difícil! Para cumprila necesitaría confiar en Xehová.
4. Como lle axudou Xehová a Sansón a liberarse dos filisteos? (Xuíces 15:14-16).
4 Vexamos un exemplo que demostra como Sansón confiou en Xehová e na súa axuda. Nunha ocasión o exército filisteo foi ata Lehí, probablemente unha cidade de Xudá, para capturar a Sansón. Os homes de Xudá tiñan medo, así que decidiron atar a Sansón con dúas cordas novas e entregárllelo ós filisteos (Xuí. 15:9-13). Pero “entrou nel o espírito de Iavé”, é dicir, o poder de Xehová, e grazas a iso conseguiu soltarse. Entón “atopou unha queixada de burro fresca”, colleuna e utilizouna para matar mil filisteos (le Xuíces 15:14-16).
5. Que nos ensina sobre a confianza que tiña Sansón en Xehová o feito de que usase a queixada dun burro?
5 Por que utilizou Sansón a queixada dun burro? Está claro que era unha arma moi pouco habitual. Pero, sen dúbida, Sansón sabía que o seu éxito dependía de Xehová e non da arma que utilizase. Este home fiel usou o que tiña ó seu alcance para cumprir coa vontade de Deus. É evidente que puido vencer todos aqueles homes porque confiou en Xehová.
6. Como nos pode axudar este relato de Sansón cando se nos encarga unha tarefa?
6 Podemos confiar en que Xehová nos dará as forzas que necesitamos para cumprir con calquera cousa que nos pida, aínda que a nós nos pareza imposible de lograr. Deus pode axudarnos de formas sorprendentes. Ten a seguridade de que Xehová, quen lle deu poder a Sansón, tamén che axudará a ti a cumprir coa súa vontade sempre e cando confíes nel e busques a súa guía (Pr. 16:3).
7. Que exemplo demostra que é importante para nós buscar a guía de Xehová?
7 Moitos irmáns e irmás que colaboran en proxectos de construción demostraron a súa confianza en Xehová. Antes tiñamos o costume de deseñar e construír os novos Salóns do Reino e outros edificios teocráticos. Pero, ó ir medrando o pobo de Deus, foi necesario facer algún axuste. Os irmáns responsables pediron a axuda de Xehová e probaron novos métodos como, por exemplo, comprar os locais e reformalos. Robert, quen nos últimos anos participou en moitos proxectos de construción arredor do mundo, di: “Ó principio non foi nada fácil para algúns adaptarse a este novo enfoque”. E segue dicindo: “Non tiña nada que ver co que se fixera durante anos. Pero os irmáns estiveron dispostos a adaptarse, e viuse claramente como Deus bendiciu estes cambios”. Isto é tan só unha mostra de como Xehová está guiando o seu pobo para cumprir coa súa vontade. De vez en cando, todos deberiamos preguntarnos: “Busco a guía de Xehová e estou disposto a facer cambios para servilo da mellor maneira posible?”.
SANSÓN APROVEITOU AS PROVISIÓNS DE XEHOVÁ
8. Que fixo Sansón nunha ocasión na que tiña moita sede?
8 Pode que te acordes doutras cousas impresionantes que fixo Sansón. Por exemplo, foi capaz de matar un león e tamén de acabar con 30 filisteos el só na cidade de Axquelón (Xuí. 14:5, 6, 19). Sansón sabía que non podería conseguir nada diso sen a axuda de Xehová. E deixouno claro nunha ocasión na que, despois de matar mil filisteos, comezou a ter moita sede. Que fixo? En vez de confiar en si mesmo para encontrar auga e beber, pediulle a Xehová que o axudase (Xuí. 15:18).
9. Como lle contestou Xehová a Sansón? (Xuíces 15:19).
9 Xehová contestou a petición de Sansón e, mediante un milagre, creou unha fonte de auga. Cando Sansón bebeu dela “recuperou o seu ánimo, e xa alentou” (le Xuíces 15:19). Parece ser que esta fonte seguía existindo anos despois cando o profeta Samuel, baixo inspiración, escribiu o libro dos Xuíces. Pode que, ó ver esa fonte, os israelitas recordasen que Xehová sempre lles axuda ós seus servos fieis cando o necesitan.
10. Que temos que facer para recibir a axuda de Xehová? (Ver tamén a imaxe).
10 Sen importar as habilidades que teñamos ou o que xa conseguísemos no servizo a Xehová, temos que buscar sempre a súa axuda. Debemos ser modestos e recoñecer que só podemos facer o que Deus nos pide se confiamos nel. Igual que Sansón recuperou as forzas ó beber da auga que Xehová lle deu, nós fortalecerémonos espiritualmente se aproveitamos ben tódalas provisións que el pon ó noso alcance (Mt. 11:28).
11. Como podemos aproveitar ó máximo a axuda que nos dá Xehová? Pon un exemplo.
11 Fíxate no exemplo de Aleksey, un dos nosos irmáns de Rusia que está sufrindo unha persecución moi intensa. Que lle axuda a aguantar nestas circunstancias tan difíciles? A súa muller e mais el teñen unha boa rutina espiritual. Aleksey conta: “Intento estar ó día co meu estudo persoal e coa lectura diaria da Biblia. Ademais, cada mañá analizo coa miña muller o texto do día e oramos xuntos”. Que aprendemos do seu exemplo? Que en vez de confiar en nós mesmos, debemos confiar en Xehová. Como podemos conseguilo? Dedicando tempo regularmente a actividades que fortalecen a nosa fe, como estudar a Biblia, orar, asistir ás reunións e predicar. Se facemos isto, Xehová bendicirá os nosos esforzos por servilo. El deulle forzas a Sansón e tamén nolas dará a nós.
SANSÓN NON SE RENDEU
12. Que mala decisión tomou Sansón e por que foi este caso diferente ós anteriores?
12 Sansón era imperfecto igual ca nós, así que ás veces tomaba malas decisións. De feito, unha destas decisións tivo consecuencias tráxicas porque, ó tomala, Sansón non tivo en conta o labor que Xehová lle encargara. O que pasou foi que, cando xa levaba un tempo servindo como xuíz, “namorouse dunha muller, no val de Sorec, que se chamaba Dalilah” (Xuí. 16:4). Anteriormente xa estivera comprometido cunha muller filistea, pero aquela unión “viña de Deus, que buscaba un motivo contra os filisteos”. Máis adiante, Sansón quedou na casa dunha prostituta da cidade filistea de Gaza. Nesta ocasión, Xehová deulle as forzas para arrancar e levar as portas da entrada daquela cidade, e desta maneira debilitala moito (Xuí. 14:1-4; 16:1-3, TNM). Pero parece que o caso de Dalilah foi diferente, xa que é probable que esta muller fose israelita, non filistea. Así que esta relación non lle facilitaba a Sansón a súa loita contra os filisteos. Nesta ocasión estaba actuando por iniciativa propia.
13. Que lle fixo Dalilah a Sansón?
13 Dalilah aceptou unha gran cantidade de cartos dos filisteos a cambio de traizoar a Sansón. Quizais estaba tan cego polo que sentía por Dalilah que non se deu conta do que ela estaba tramando. Fose como fose, esta muller insistiulle moito a Sansón para que lle dixese de onde viña a súa forza, e finalmente el acabou cedendo. Por desgraza, deixouse enganar e meteuse nunha situación que o levou a perder a súa forza e tamén a aprobación de Xehová durante un tempo (Xuí. 16:16-20).
14. Que consecuencias sufriu Sansón por confiar en Dalilah?
14 Sansón pagou moi caras as consecuencias de confiar en Dalilah en vez de en Xehová. Os filisteos capturárono, cegárono e metérono no cárcere en Gaza, onde anteriormente el mesmo arrancara as portas da cidade, causándolle así moita humillación ás persoas que vivían nela. Estando alí, puxérono a moer gran coma un escravo. Máis adiante, os filisteos celebraron unha festa na que fixeron un gran sacrificio en honor ó deus falso Dagón porque pensaban que lles axudara a capturar a Sansón. Ademais, levaron a Sansón á festa para burlarse del e humillalo (Xuí. 16:21-25).
15. Como demostrou Sansón que volvía a confiar en Xehová? (Xuíces 16:28-30) (Ver a imaxe da portada da revista).
15 Aínda que Sansón cometera un erro grave, non se rendeu e seguiu servindo a Xehová. Buscou a oportunidade de continuar loitando contra os filisteos, que era a tarefa que Deus lle encargara (le Xuíces 16:28-30). Sansón suplicoulle a Xehová: “Enfortéceme [...] de xeito que me vingue dos filisteos”. E el respondeulle e devolveulle a forza extraordinaria que tiña. Como resultado, nesta ocasión Sansón matou máis filisteos ca nunca.
16. Que podemos aprender do erro de Sansón?
16 Sansón tivo que pagar as dolorosas consecuencias do seu erro, pero non deixou de intentar cumprir a vontade de Xehová. O mesmo pasa no noso caso. Aínda que cometamos algún erro polo que se nos teña que corrixir ou perdamos algunha responsabilidade, nunca deixemos de servir a Deus. Recordemos que el non nos dá por perdidos (Sal. 103:8-10). A pesar dos nosos erros, podemos seguir sendo útiles para Xehová, igual que o foi Sansón.
17, 18. Por que te anima o exemplo de Michael? (Ver tamén a imaxe).
17 Fíxate no exemplo dun irmán novo que se chama Michael. El estaba moi ocupado no servizo a Xehová. De feito, era servo ministerial e pioneiro regular. Pero, tristemente, cometeu un erro que fixo que perdese as súas responsabilidades na congregación. “Ata ese momento”, conta el, “todo ía moi ben. Pero, de repente, foi coma se houbese un muro diante miña. Sentía que xa non podía facer nada no meu servizo a Deus. Sabía que Xehová non me ía abandonar, pero preguntábame se a miña relación con el volvería a ser algún día a mesma de antes, e se podería chegar a servilo tan plenamente como facía no pasado”.
18 Felizmente, Michael non se rendeu. El explica: “Concentreime en recuperar a miña relación con Xehová orándolle de todo corazón, estudando e meditando”. Co tempo, Michael volveu a ter responsabilidades na congregación e agora serve como ancián e pioneiro regular. El conta: “O apoio e o ánimo que recibín, especialmente dos anciáns, axudáronme a darme conta de que Xehová aínda me quere. Agora podo servilo de novo cunha conciencia limpa. O que vivín ensinoume que el perdoa a tódolos que se arrepinten sinceramente”. Podes ter a seguridade de que, incluso se cometes erros, Deus te seguirá usando e bendicindo sempre que fagas todo o que poidas por corrixir o teu camiño e continúes confiando nel (Sal. 86:5; Pr. 28:13).
19. Como te fortalece o exemplo de Sansón?
19 Neste artigo repasamos algúns dos fascinantes sucesos da vida de Sansón. El non era perfecto, pero non se rendeu. Seguiu esforzándose por servir a Xehová incluso despois do erro que cometeu con Dalilah. E Deus non o abandonou, senón que o volveu usar de maneira moi especial. De feito, seguiuno considerando un home de fe extraordinaria, ata o punto de incluílo na lista de persoas fieis que aparece no capítulo 11 de Hebreos. Canto nos anima saber que o Deus ó que servimos é coma un Pai cariñoso que está desexando fortalecernos, especialmente cando necesitamos axuda. Igual ca Sansón, podemos pedirlle a Xehová: “Lémbrate de min, prégocho, e enfortéceme” (Xuí. 16:28).
CANCIÓN snnw 152 A nosa forza, a nosa esperanza, a nosa confianza
a Sansón. Moitas persoas, incluídas algunhas que saben pouco da Palabra de Deus, coñecen o nome deste personaxe bíblico. Ata se fixeron obras, cancións e películas sobre el. Pero a vida deste home non é simplemente unha historia interesante. Podemos aprender moito da súa fe.