ARTIGO DE ESTUDO 41
Que podemos aprender das dúas cartas de Pedro?
“Teimarei sempre en vos lembrar estas cousas” (2 PE. 1:12).
CANCIÓN sjj 127 A persoa que quero ser
AVANCE a
1. Para que usou Xehová a Pedro pouco antes da súa morte?
O APÓSTOLO Pedro serviu a Xehová fielmente durante moitos anos. El acompañou a Xesús, foi o primeiro en predicarlles a persoas que non eran xudías e serviu como membro do Consello Reitor. Pero aínda faría algo máis. Arredor dos anos 62 e 64 n. e., cara ó final da súa vida, Xehová usouno para escribir as dúas cartas que levan o seu nome: Primeira e Segunda Carta de Pedro. Este home confiaba en que estas cartas inspiradas lles axudarían ós cristiáns despois da súa morte (2 Pe. 1:12-15).
2. Por que eran tan necesarias as cartas de Pedro?
2 Pedro escribiu as súas cartas nun tempo no que os seus compañeiros cristiáns estaban angustiados por “diferentes probas” (1 Pe. 1:6). Había homes malos que intentaban introducir na congregación ensinanzas falsas e condutas inmorais (2 Pe. 2:1, 2, 14). Os cristiáns de Xerusalén pronto terían que vivir “a fin de todo”, e dicir, a destrución desa cidade e do seu templo a mans do exército romano (1 Pe. 4:7). Non hai dúbida de que as cartas de Pedro lles axudaron ós cristiáns a saber como aguantar as dificultades que xa tiñan e a prepararse para as que virían no futuro. b
3. Por que deberiamos estudar as cartas de Pedro?
3 Aínda que Pedro escribiu as súas cartas para os cristiáns do primeiro século, Xehová incluíunas como parte da súa Palabra, a Biblia. Grazas a iso, nós tamén podemos beneficiarnos da súa mensaxe (Rm. 15:4). Igual que aqueles cristiáns, nós tamén vivimos nun mundo que promove a conduta inmoral e nos enfrontamos a probas que nos fan difícil servir a Xehová. Ademais, pronto viviremos unha tribulación maior que a que pasaron os xudeus cando se destruíu Xerusalén e o seu templo. Nas dúas cartas de Pedro encontramos algúns recordatorios de moita importancia que nos axudarán a seguir moi pendentes do día de Xehová, a superar o temor ó home e a cultivar un amor intenso uns polos outros. Tamén lles axudarán ós anciáns a saber como coidar ben dos irmáns da congregación.
ESTEAMOS MOI PENDENTES DO DÍA DE XEHOVÁ
4. Segundo 2 Pedro 3:3, 4, que podería debilitar a nosa fe?
4 Vivimos rodeados de persoas que non cren nas profecías da Biblia. Algúns búrlanse de nós porque levamos anos dicindo que a fin está cerca. Outros afirman que nunca chegará (le 2 Pedro 3:3, 4). Escoitar este tipo de comentarios da xente á que lle predicamos, de compañeiros de traballo ou de familiares podería facer que a nosa fe se debilitase. Pedro explicou que é o que nos vai axudar nestes casos.
5. Que nos axudará a ter a perspectiva correcta sobre a fin deste sistema? (2 Pedro 3:8, 9).
5 A algúns pode parecerlles que Xehová está tardando en poñerlle fin a este sistema malvado. Pero as palabras de Pedro axúdannos a ter a perspectiva correcta porque nos recordan que a maneira como Xehová ve o tempo é moi diferente á nosa (le 2 Pedro 3:8, 9). Para Xehová, mil anos son coma un día. El é paciente e non quere que ninguén sexa destruído. Pero, cando chegue o seu día, este sistema acabará. É un privilexio poder usar o tempo que queda para predicarlles ás persoas de todo o mundo.
6. Como podemos estar moi pendentes do día de Xehová? (2 Pedro 3:11, 12).
6 Pedro dixo que estivésemos moi pendentes do día de Xehová (le 2 Pedro 3:11, 12). Como podemos facelo? Algo que nos axudará é meditar, se é posible tódolos días, no marabilloso que será vivir no novo mundo. Imaxínate respirando aire puro, desfrutando dunha comida saudable, recibindo os teus familiares e amigos que resuciten e ensinándolles ás persoas que viviron hai séculos como se cumpriron as profecías da Biblia. Pensar nestas cousas axudarache a esperar con moitas ganas ata que chegue ese momento e a estar seguro de que falta pouco para o fin. Como estamos “ben avisados” do que pasará no futuro, non nos deixaremos enganar polos falsos mestres (2 Pe. 3:17).
VENZAMOS O TEMOR Ó HOME
7. Como pode afectarnos o temor ó home?
7 Saber que o día de Xehová chegará pronto fai que deamos o mellor de nós para compartir as boas noticias con outros. Aínda así, ás veces pode darnos medo facelo. Por que? Porque quizais sintamos temor do que podería facernos ou pensar de nós a xente. Iso foi o que lle pasou a Pedro. Na noite na que xulgaron a Xesús, el non se identificou como discípulo seu e ata negou varias veces que o coñecía (Mt. 26:69-75). Pero este mesmo apóstolo, máis adiante, superou o seu temor ó home e puido dicir con convicción: “Non lles teñades medo nin vos asustedes” (1 Pe. 3:14). Estas palabras de Pedro asegúrannos que nós tamén podemos superar o temor ó home.
8. Que pode axudarnos a vencer o temor ó home? (1 Pedro 3:15, TNM).
8 Que pode axudarnos a vencer o temor ó home? O apóstolo Pedro escribiu: “Santificade o Cristo como Señor nos vosos corazóns” (le 1 Pedro 3:15, TNM). Para facer isto temos que meditar na posición que ten agora o noso Rei, Xesucristo, e no poderoso que é. Se te pos nervioso ou sentes medo cando xurde a oportunidade de compartir as boas noticias con outros, pensa no noso Rei. Imaxínao gobernando no ceo rodeado de millóns de anxos. Recorda que el ten “todo poder no ceo e mais na terra” e que el mesmo nos prometeu: “Estarei sempre convosco ata a fin do mundo” (Mt. 28:18-20). Pedro anímanos a estar “sempre listos” para defender a nosa fe. Gustaríache ser capaz de predicarlle a alguén no traballo, na escola ou nalgunha outra situación informal? Pensa de antemán cando sería un bo momento para facelo e prepara o que vas dicir. Pídelle a Xehová que che dea o valor que necesitas e confía en que che vai axudar a superar o temor ó home (Feit. 4:29).
“ESFORZÁDEVOS NO AMOR”
9. En que ocasión non demostrou amor Pedro? (Ver tamén a imaxe).
9 Pedro aprendeu a demostrarlles amor ós demais. El estaba presente cando Xesús dixo: “Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós” (Xn. 13:34). Pero a pesar diso, máis adiante cedeu á presión e rechazou comer cos seus irmáns xentís. O apóstolo Paulo dixo que o que Pedro estaba facendo era unha “comedia”, ou un acto de hipocrisía (Gál. 2:11-14). Pedro aceptou a corrección e aprendeu dela. De feito, nas súas dúas cartas destacou a importancia de non só sentir amor polos nosos irmáns senón tamén de demostrarlles ese amor.
10. Que temos que facer para chegar a querernos “sinceramente coma irmáns”? Explica a túa resposta. (1 Pedro 1:22).
10 Pedro dixo que os que formamos parte da congregación deberiamos querernos “sinceramente coma irmáns” (le 1 Pedro 1:22). Este amor é o resultado de obedecer, ou aceptar, a “Verdade”. Esta verdade inclúe a ensinanza de que “Deus non fai distinción de persoas”, é dicir, que é imparcial (Feit. 10:34, 35). Polo tanto, non estariamos obedecendo o mandato de Xesús de amarnos uns ós outros se só lles demostramos este amor a algúns irmáns da congregación, pero a outros non. Claro, é posible que teñamos unha amizade máis estreita con uns que con outros, como lle pasou a Xesús (Xn. 13:23; 20:2). Pero Pedro recórdanos que deberiamos esforzarnos por querernos “coma irmáns”. Amamos a tódolos irmáns da congregación porque son parte da nosa familia (1 Pe. 2:17).
11. Que significa amar a outros “de corazón e con constancia”?
11 Pedro insistiu en que nos quixésemos “ben uns ós outros, de corazón e con constancia”. Neste contexto, isto implica que debemos mostrarlles amor intenso ós demais incluso nas situacións nas que nos resulta difícil facelo. Unha delas pode ser cando un irmán nos ofende ou nos fire. Pode que a nosa primeira reacción sexa pagarlle coa mesma moeda en vez de demostrarlle amor. Pero, como moi ben aprendeu Pedro de Xesús, a Xehová non lle gusta que nos vinguemos (Xn. 18:10, 11). Por iso el mesmo escribiu: “Non vos volvades mal por mal, nin insulto por insulto; ó contrario, devolvede bendicións” (1 Pe. 3:9). Se o noso amor é de corazón e constante, ou intenso, seremos amables e considerados incluso cos que nos fixeron dano.
12. a) Que outra cousa faremos se temos amor? b) Como aprendemos no vídeo Os beneficios de procurar a paz, que queremos esforzarnos por facer?
12 Na súa primeira carta, Pedro usou a expresión “esforzádevos no amor”. Este amor cobre “moitos pecados”, non só uns poucos (1 Pe. 4:8). É probable que Pedro recordase a lección que Xesús lle ensinara anos antes sobre o perdón. Nesa ocasión, quizais Pedro pensaba que estaba sendo moi xeneroso se perdoaba un irmán “ata sete veces”. Pero Xesús díxolle a el, e tamén a nós, que teriamos que perdoar “ata setenta e sete” veces, é dicir, sempre (Mt. 18:21, 22). Se che resulta difícil aplicar este consello, non te desanimes. A tódolos servos de Xehová imperfectos nos custou perdoar algunha vez. Pero, o que de verdade importa é que deamos os pasos necesarios para perdoar os nosos irmáns e facer as paces con eles. c
ANCIÁNS, COIDADE DAS OVELLIÑAS DE XEHOVÁ
13. Por que pode ser un desafío para os anciáns sacar tempo para coidar dos irmáns?
13 Seguramente Pedro nunca se esqueceu do que Xesús lle dixo despois de resucitar: “Apacenta as miñas ovellas” (Xn. 21:16). Se es un ancián de congregación, sabes que estas palabras tamén che aplican a ti. Pero, ás veces, pode ser difícil sacar tempo para este importante labor. Os anciáns deben poñer en primeiro lugar as necesidades físicas, emocionais e espirituais da súa propia familia. Tamén deben ser exemplares tanto na predicación como ó preparar e presentar asignacións nas reunións e nos congresos. Algúns tamén colaboran co Comité de Enlace cos Hospitais ou co Departamento Local de Deseño e Construción. Está claro que os anciáns son homes moi ocupados.
14. Que debe motivar os anciáns a coidar dos irmáns da congregación? (1 Pedro 5:1-4).
14 Pedro díxolles ós seus compañeiros anciáns: “Coidade o rabaño de Deus” (le 1 Pedro 5:1-4). Se serves como ancián de congregación, sabemos que queres moito os teus irmáns e desexas coidar deles. Pero, ás veces, quizais esteas tan ocupado ou cansado que sintas que non es capaz de cumprir con esta asignación. Que podes facer? Cóntalle a Xehová todo o que che preocupa e o moito que che gustaría axudar ás súas ovelliñas. Pedro escribiu: “Quen sirva, que o faga coa forza que Deus lle dá” (1 Pe. 4:11). É posible que os teus irmáns se estean enfrontando a problemas que non teñen solución neste sistema. Pero recorda que o Pastor Principal, Xesucristo, pode axudarlles de maneiras que para ti resultan imposibles. E farao tanto agora coma no novo mundo. O único que Xehová pide dos anciáns é que amen os seus irmáns, coiden deles e que sexan un “exemplo para o rabaño”.
15. Que fai un ancián para coidar dos irmáns? (Ver tamén a imaxe).
15 William, un irmán que leva moitos anos servindo como ancián, sabe ben a importancia de coidar dos irmáns. Cando comezou a pandemia da COVID-19, tanto el coma os demais anciáns da súa congregación déronlle prioridade a contactar cada semana cos irmáns do seu grupo de predicación. William explica por que o fixeron: “Moitos irmáns estaban sós nas súas casas e facilmente poderían chegar a ter pensamentos negativos”. Cando un irmán pasa por algún problema, William escóitao con moita atención para saber o que lle preocupa e o que necesita. Despois, busca algunha publicación ou vídeo da nosa páxina web que poida utilizar para animar ese irmán. El conta: “Ser bos pastores é máis importante ca nunca. Facemos un grande esforzo para que as persoas coñezan a Xehová, así que temos que traballar igual de duro para axudarlles ós que xa son parte da congregación a que se manteñan na verdade”.
DEIXA QUE XEHOVÁ ACABE A TÚA CAPACITACIÓN
16. De que formas podemos poñer en práctica o que aprendemos das cartas de Pedro?
16 Neste artigo vimos tan só algunhas leccións que podemos aprender das dúas cartas de Pedro. Quizais viches algún aspecto no que queiras mellorar. Por exemplo, gustaríache meditar con máis frecuencia en como será a vida no novo mundo? Puxécheste a meta de predicar máis no traballo, na escola ou dalgunha outra maneira informal? Ves algunha forma na que poidas mostrar máis amor polos teus irmáns? Se es ancián, estás decidido a coidar dos irmáns con empeño e entusiasmo? Ó responder estas preguntas de maneira sincera pode que te deas conta de que tes que mellorar, pero non te desanimes. Recorda o “bo que é o Señor [Xesús]” e non teñas dúbidas de que el che axudará (1 Pe. 2:3). Ademais, Pedro asegúranos: “Deus [...] vos porá en forma, vos volverá firmes, fortes e vos dará estabilidade” (1 Pe. 5:10).
17. Cal será o resultado se non nos rendemos e permitimos que Xehová nos capacite?
17 Ó principio, Pedro non se sentía digno de estar na presenza do Fillo de Deus (Lc. 5:8). Pero co cariñoso apoio de Xehová e de Xesús, Pedro non deixou de loitar e seguiu o Cristo fielmente. Desta forma, Xehová permitiulle entrar “no Reino eterno do noso Señor e Salvador Xesús Cristo” (2 Pe. 1:11). Que recompensa máis grande! Se, igual ca Pedro, non nos rendemos e permitimos que Xehová nos capacite, tamén poderemos recibir a recompensa da vida eterna. Así, cumpriranse en nós as seguintes palabras: “Conseguíste-lo froito da vosa fe, a vosa salvación persoal” (1 Pe. 1:9).
CANCIÓN sjj 109 Amémonos de corazón
a Neste artigo imos analizar como as leccións que aprendemos das cartas de Pedro nos poden axudar a aguantar as probas. Ademais, os anciáns tamén verán como poden cumprir coa súa responsabilidade como pastores.
b É probable que os cristiáns que vivían en Palestina recibisen as dúas cartas de Pedro antes de que os romanos atacasen por primeira vez Xerusalén no ano 66 n. e.
c Mira en jw.org o vídeo Os beneficios de procurar a paz.