ARTIGO DE ESTUDO 38
Rapaces, que tipo de vida ides escoller?
“Gardarate o discernimento” (PR. 2:11).
CANCIÓN sjj 135 “Meu fillo, faime feliz sendo sabio”
AVANCE a
1. A que difícil situación se enfrontaron Ioax, Ozías e Ioxías?
IMAXINA que te fan rei do pobo de Deus cando só es un neno ou un adolescente. Como usarías o teu poder e a túa autoridade? A Biblia fala de varios rapaces ós que lles pasou isto. Por exemplo, Ioax tiña só 7 anos cando o nomearon rei, Ozías 16 e Ioxías 8. Pensa na presión que tiveron que sentir! Pero, por difíciles que fosen as súas circunstancias, todos tiveron a axuda que necesitaron para superar os desafíos e facer as cousas ben.
2. Por que é bo analizar o exemplo de Ioax, Ozías e Ioxías?
2 Aínda que non somos reis nin raíñas, todos podemos aprender valiosas leccións destes tres personaxes da Biblia que tomaron tanto boas como malas decisións. O seu exemplo mostraranos a importancia de escoller ben as nosas amizades, seguir sendo humildes e non deixar de buscar a Xehová.
ESCOLLE BEN OS TEUS AMIGOS
3. Como lle axudou Iehoiadá ó rei Ioax a tomar boas decisións?
3 Imita as boas decisións de Ioax. Cando era novo, o rei Ioax tomou unha boa decisión. Seu pai xa morrera e el deixouse guiar polo fiel sumo sacerdote Iehoiadá, quen o educou coma se fose o seu propio fillo. Grazas ó bo exemplo de Iehoiadá, o rei Ioax decidiu servir a Xehová e axudoulle ó pobo a facer o mesmo. Ata se asegurou de que se reparase o templo (2 Cró. 24:1, 2, 4, 13, 14).
4. Como te beneficia amar e obedecer as normas de Xehová? (Proverbios 2:1, 10-12).
4 Que che estean ensinando a amar a Xehová e a vivir segundo as súas normas, é un regalo moi valioso (le Proverbios 2:1, 10-12). No caso dos pais, eles poden ensinar os seus fillos de moitas maneiras. Fíxate en como o pai dunha irmá que se chama Katya lle axudou a tomar boas decisións. Cada mañá, cando a levaba á escola, analizaban xuntos o texto do día. “Esas conversacións”, conta ela, “axudábanme a manexar as situacións difíciles que se me ían presentando durante o día”. Teus pais seguramente che poñen normas baseadas na Biblia. Sentes que son demasiado restritivas? Se é así, que che pode axudar a obedecelas? Unha irmá que se chama Anastasia recorda que os seus pais sacaban tempo para explicarlle o porqué de certas normas. Ela di: “Iso axudábame a aceptalas e a non velas como unha restrición, senón como unha protección que me demostra que me queren”.
5. Como lles afectan as túas accións a teus pais e a Xehová? (Proverbios 22:6; 23:15, 24, 25).
5 Se aplicas os consellos que che dá a Biblia, farás moi felices os teus pais. Pero o máis importante é que farás feliz a Deus e a túa amizade con el estreitarase (le Proverbios 22:6; 23:15, 24, 25).Verdade que todo isto che dá moi boas razóns para imitar o exemplo de Ioax cando era novo?
6. Que consellos empezou a escoitar Ioax, e con que resultados? (2 Crónicas 24:17, 18).
6 Aprende das malas decisións de Ioax. Despois da morte de Iehoiadá, Ioax empezou a xuntarse con malas compañías (le 2 Crónicas 24:17, 18). El decidiu escoitar os príncipes de Xudá, que non amaban a Xehová. Seguro que tamén pensas que debería ter evitado este tipo de persoas que facían o mal (Pr. 1:10). En vez diso, fíxolles caso a estes supostos amigos. De feito, cando Zacarías b, que era seu primo, intentou corrixilo, Ioax mandou que o matasen (2 Cró. 24:20, 21; Mt. 23:35). Vaia erro tan grande! Ioax empezou ben pero, tristemente, converteuse nun apóstata e nun asasino. Finalmente, os seus propios servos matárono (2 Cró. 24:22-25). Que diferente sería a súa vida se decidise escoitar a Xehová e os Seus servos! Que leccións podes aprender deste exemplo?
7. A quen deberías escoller como amigos? (Ver tamén a imaxe).
7 Unha lección que aprendemos da mala decisión que tomou Ioax é que necesitamos escoller compañías que sexan unha boa influencia para nós, é dicir, que amen a Xehová e que queiran facelo feliz. Podemos escoller como amigos persoas que sexan máis maiores ou máis novas ca nós. Recorda, Ioax era moito máis novo que Iehoiadá. Pensa nas túas amizades e pregúntate: “Axúdanme a fortalecer a miña fe? Esfórzanse por darlle o mellor a Xehová e anímanme a min a facer o mesmo? Falan sobre Deus e das cousas que aprenden na Biblia? Dinme só o que quero escoitar, ou teñen o valor de aconsellarme se me equivoco? (Pr. 27:5, 6, 17) Sendo sinceros, se os teus amigos non aman a Xehová, esas non son as compañías que necesitas. Pola contra, se tes amigos que si o aman, mantente unido a eles porque será bo para ti (Pr. 13:20).
8. Que deberías ter en conta se usas as redes sociais?
8 As redes sociais poden ser unha boa maneira de manterte en contacto coa familia e cos amigos. Pero moita xente utiliza esta forma de comunicación para impresionar os demais subindo fotos e vídeos do que compraron ou fixeron. Se utilizas as redes sociais, pregúntate: “Cando subo algo, é para impresionar os demais? Quero compartir algo bo con eles ou simplemente desexo que me eloxien? Deixo que as opinións doutros que utilizan esta rede social inflúan de forma negativa na miña forma de pensar, falar e actuar?”. O irmán Nathan Knorr, que foi membro do Consello Reitor, dixo o seguinte: “Non intentes contentar os homes porque, ó final, non contentarás a ninguén. Máis ben, intenta agradarlle a Xehová e agradaraslles tamén a tódolos que o aman”.
A IMPORTANCIA DE SEGUIR SENDO HUMILDES
9. Que fixo Ozías coa axuda de Xehová? (2 Crónicas 26:1-5).
9 Imita as boas decisións de Ozías. De mozo, este rei era humilde xa que aprendera a amar a Xehová. Viviu ata os 68 anos e contou coa bendición de Xehová durante a maior parte da súa vida (le 2 Crónicas 26:1-5). Ozías derrotou moitos inimigos da nación e asegurouse de que Xerusalén estivese ben protexida (2 Cró. 26:6-15). Seguramente estaba moi contento por todo o que Deus lle axudara a facer (Ecl. 3:12, 13).
10. Que lle pasou a Ozías?
10 Aprende das malas decisións de Ozías. Este rei estaba acostumado a mandar e que outros obedecesen. Quizais iso o levou a pensar que podía facer o que quería e que non tiña que obedecer a Xehová. Un día entrou no templo e intentou queimar incenso no altar. Pero isto era algo que os reis non podían facer (2 Cró. 26:16-18). O sumo sacerdote Azarías tratou de corrixilo, pero Ozías enfadouse moitísimo. Por desgraza, ó facer isto, Ozías botou a perder os seus anos de fiel servizo a Xehová e foi castigado con lepra (2 Cró. 26:19-21). Que diferente sería a súa vida se fose humilde!
11. Que che pode axudar a seguir sendo humilde? (Ver tamén a imaxe).
11 Cando Ozías chegou a ser poderoso, deixou de ser agradecido e esqueceuse de tódalas cousas boas que fixera Xehová por el. Cal é a lección? É moi importante que nos recordemos a nós mesmos que as cousas boas que nos pasan na vida ou no servizo a Xehová proveñen del. En vez de presumir do que conseguimos, debemos darlle as grazas a Xehová por todo o que podemos facer coa súa axuda (1 Cor. 4:7). c Quen é humilde recoñece que é imperfecto e que necesita que o corrixan. Un irmán que ten uns 60 anos escribiu: “Aprendín a non ofenderme nin desanimarme cando os demais se dan conta dos meus erros. Cando me corrixen polas parvadas que fago ás veces, intento mellorar e seguir dando o mellor de min”. O certo é que, se tememos a Xehová e seguimos sendo humildes, a nosa vida mellorará (Pr. 22:4).
SIGUE BUSCANDO A XEHOVÁ
12. Que fixo Ioxías cando era novo para buscar a Xehová? (2 Crónicas 34:1-3).
12 Imita as boas decisións de Ioxías. Ioxías era un adolescente cando empezou a buscar a Xehová. El quería aprender sobre Deus e facer a súa vontade. Pero a vida non foi fácil para este rei novo. Naquela época a maioría da xente adoraba deuses falsos. Así que Ioxías tivo que ser moi valente para impedilo. E iso foi o que fixo! Antes de facer os 20 anos empezou a eliminar a adoración falsa da nación (le 2 Crónicas 34:1-3).
13. Que significará para ti dedicarte a Xehová?
13 Aínda que sexas moi novo, podes decidir imitar a Ioxías e aprender sobre Xehová e as súas fermosas calidades. Se fas iso, sentirás o desexo de dedicarte a el. Como lle afectará isto á túa vida? Luke, que se bautizou ós 14 anos, conta: “De agora en diante poñerei a Xehová e o seu servizo en primeiro lugar na miña vida, e intentarei facelo feliz” (Mc. 12:30). Se ti tamén tomas esa decisión, Xehová bendicirate moito!
14. Menciona exemplos de como algúns rapaces imitan na actualidade o rei Ioxías.
14 A que retos te poderías enfrontar se serves a Xehová na xuventude? Johan, que se bautizou con 12 anos, comenta canta presión fixeron os seus compañeiros de clase para que empezase a vaporear, é dicir, a fumar cigarros electrónicos. Para ter as forzas necesarias e resistir esa presión, Johan recórdase a si mesmo que esta práctica podería ser prexudicial tanto para a súa saúde física como para a súa amizade con Xehová. Rachel, que se bautizou con 14 anos, explica o que lle axuda a ela a facerlles fronte ós desafíos que se presentan na escola. Ela conta: “Intento relacionar calquera cousa que vexo con algo espiritual. Por exemplo, algunha lección de historia quizais me recorde un relato da Biblia ou unha profecía. Ou, ás veces, cando falo con alguén na escola penso nalgún texto que podo mencionarlle”. Ó mellor estás pasando por desafíos diferentes ós do rei Ioxías pero, igual ca el, podes ser sabio e manterte fiel. Facerlles fronte ás probas na xuventude prepárate para superar outras no futuro.
15. Que lle axudou a Ioxías a servir a Xehová fielmente? (2 Crónicas 34:14, 18-21).
15 Cando Ioxías tiña 26 anos, empezou a reconstruír o templo. Durante eses traballos encontrouse “o libro da Lei do Señor escrito por Moisés”. Ó escoitar o que dicía a Lei, o rei fixo rapidamente cambios para obedecela (le 2 Crónicas 34:14, 18-21). Gustaríache ler a Biblia regularmente? Se o estás intentando, que tal che vai? Fas algo para recordar os versículos que che poden axudar persoalmente? Luke, do que xa falamos antes, escribe nun diario detalles interesantes que atopa mentres le. Cres que facer algo parecido che pode axudar a recordar textos da Biblia ou as leccións que aprendes deles? Canto máis coñezas e che guste a Biblia, máis quererás servir a Xehová. E, igual que a Palabra de Deus lle axudou a Ioxías a facer o que estaba ben, tamén te motivará a ti a facer o mesmo.
16. Por que cometeu Ioxías un erro grande, e que lección aprendemos?
16 Aprende das malas decisións de Ioxías. Cando Ioxías tiña uns 39 anos, cometeu un erro que lle custou a vida. Nesta ocasión confiou en si mesmo, en vez de pedirlle a Xehová a súa guía (2 Cró. 35:20-25). Disto tamén aprendemos unha lección. Sen importar a idade que teñamos e os anos que levemos estudando a Biblia, debemos seguir buscando a Xehová. Isto implica orarlle regularmente para pedirlle a súa guía, estudar a súa Palabra e escoitar os consellos de cristiáns maduros. Desta forma será menos probable que cometamos erros grandes, e seremos máis felices (Sant. 1:25).
RAPACES, PÓDEVOS IR BEN NA VIDA
17. Que importantes leccións aprendemos destes tres reis de Xudá?
17 Hai moitas cousas emocionantes que podes facer mentres es novo. O exemplo de Ioax, Ozías e Ioxías demostra que os rapaces poden tomar boas decisións e levar unha vida que lle agrade a Xehová. Claro, eles cometeron erros e tiveron que sufrir as malas consecuencias. Pero se ti imitas as cousas boas que fixeron e evitas cometer os seus erros, pódeche ir ben na vida.
18. Que exemplos da Biblia demostran que che pode ir ben na vida? (Ver tamén a imaxe).
18 A Biblia contén relatos doutros mozos que foron amigos de Xehová, tiveron o seu favor e levaron unha vida feliz. David foi un deles. Dende novo escolleu poñerse de parte de Deus e, co tempo, converteuse nun bo rei. É certo que nalgunhas ocasións cometeu erros, pero Xehová considerouno un servo fiel (1 Re. 3:6; 9:4, 5; 14:8). Estudar o seu exemplo pode animarte a facer a vontade de Deus. Tamén podes investigar sobre o exemplo de Marcos ou Timoteo. Eles empezaron a servir a Xehová dende moi pequenos e continuaron facéndoo fielmente. As súas decisións alegraron o seu Creador e tamén os fixeron felices a eles.
19. Como che pode ir ben na vida?
19 O que fagas agora mentres es novo vai influír moito en como será a túa vida no futuro. Se confías en Deus en vez de en ti mesmo, el dirixirá os teus pasos (Pr. 20:24). Desta maneira, poderás ser feliz e sentirte satisfeito. Recorda que Xehová, o teu amoroso Pai, valora moito o que fas por el. Así que, usar a túa vida para servilo é o mellor que podes facer!
CANCIÓN sn 24 Pon os ollos no mundo novo
a Rapaces, Xehová sabe que ás veces pode ser difícil facer o que está ben e que vos enfrontades a situacións que poden poñer a proba a vosa amizade con el. Como podedes tomar sabias decisións que lle gusten ó voso Pai celestial? Imos analizar o exemplo de tres mozos que chegaron a ser reis de Xudá e veremos que podemos aprender das decisións que tomaron.
b Algunhas traducións da Biblia, incluída a SEPT, cambian o nome de Zacarías por Azarías en 2 Cró. 24:20. Neste artigo, ímonos referir a el como Zacarías.
c Mira o recadro “Cuidado con la falsa modestia” que se encontra no artigo “¿De verdad es tan importante ser popular en las redes sociales?” (dispoñible en español) en jw.org.