ARTIGO DE ESTUDO 40
Sigue loitando, igual ca Pedro
“Señor, arreda de min, que eu son un pecador” (LC. 5:8).
CANCIÓN sjj 38 Xehová darache forzas
AVANCE a
1. Como se sentiu Pedro despois de ver un milagre de Xesús?
PEDRO levaba toda a noite pescando sen coller nada. Para a súa sorpresa, Xesús dille: “Voga lago adentro, e larga o aparello para pescar” (Lc. 5:4). Aínda que Pedro dubidaba de que fose pescar algo, fixo o que lle dixo Xesús. Pero de tanto peixe que colleron, as redes empezaron a romper. Ó darse conta de que acababan de ver un milagre “tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos”. E Pedro dixo: “Señor, arreda de min, que eu son un pecador” (Lc. 5:6-9). Polo visto, este home sentía que non era digno de estar na presenza de Xesús.
2. Por que nos axuda analizar o exemplo de Pedro?
2 Pedro tiña razón, era un home pecador. As Escrituras mostran que ás veces dixo e fixo cousas das que despois se arrepentiu. Sénteste identificado con el? Levas tempo loitando con algún defecto da túa personalidade ou con algunha mala tendencia? Se é así, pode animarte moito estudar o seu exemplo. Por que? Pensa nisto: cando se escribiu a Biblia, Xehová puido omitir os erros que cometeu este home. Pero decidiu que quedasen rexistrados para que nós poidamos sacar leccións (2 Tim. 3:16, 17). Aprender do exemplo dunha persoa que tivo debilidades e sentimentos coma os nosos, pode axudarnos a entender que Xehová non espera que sexamos perfectos. O que quere é que perseveremos, é dicir, que sigamos loitando a pesar das nosas debilidades.
3. Por que é necesario perseverar?
3 Por que é necesario perseverar? Hai un refrán que di: “A práctica fai o mestre”. Pensa no seguinte exemplo: un músico quizais necesite moitos anos para aprender a tocar ben un instrumento. Durante ese tempo seguro que se equivoca moitas veces pero, se segue practicando, mellorará. Incluso se xa é un músico experto é posible que ás veces toque mal algunha nota. Con todo, non se rende e continúa practicando para mellorar cada día. De maneira parecida, aínda que sintamos que xa superamos algunha debilidade, poida que teñamos unha recaída. Pero seguiremos esforzándonos por alcanzar a nosa meta. Debemos recordar que todos dicimos ou facemos cousas das que máis tarde nos arrepentimos. Pero, se non nos rendemos, Xehová axudaranos a seguir mellorando (1 Pe. 5:10). A continuación, imos analizar o exemplo de Pedro. A compaixón que Xesús lle mostrou a pesar dos seus erros, pode animarnos a seguir servindo a Xehová.
AS LOITAS E AS BENDICIÓNS QUE TIVO PEDRO
4. Segundo Lucas 5:5-10, como se describiu Pedro a si mesmo pero que lle dixo Xesús?
4 As Escrituras non explican por que dixo Pedro que era “un pecador” nin en que pecados estaba pensando (le Lucas 5:5-10). Pero pode que cometese algúns erros graves. Xesús sabía que Pedro tiña medo, quizais porque sentía que non estaba á altura. Así que lle dixo con moito cariño: “Tranquilo”. A confianza que Xesús lle demostrou cambiou a vida deste home. Máis tarde, o seu irmán Andrés e mais el deixaron o negocio da pesca e acompañaron a Xesús no seu ministerio. Esta decisión tróuxolles moitas bendicións (Mc. 1:16-18).
5. Que bendicións recibiu Pedro por superar os seus medos e aceptar a invitación de seguir a Xesús?
5 Como seguidor de Xesús, Pedro viviu moitas experiencias marabillosas. Viu como o seu mestre curaba enfermos, expulsaba demos e ata resucitaba mortos (Mt. 8:14-17; Mc. 5:37, 41, 42). b Tamén tivo unha impresionante visión de Xesús como futuro Rei do Reino, algo que o impactou moito (Mc. 9:1-8; 2 Pe. 1:16-18). Pedro viu cousas que nunca pensou que vería. Que contento se debeu sentir por non permitir que os sentimentos negativos lle impedisen desfrutar de todas aquelas bendicións!
6. Venceu Pedro rapidamente as súas debilidades? Explica a túa resposta.
6 A pesar de todo o que vira e escoitara, Pedro aínda tiña que loitar contra as súas debilidades. Vexamos algúns exemplos. Cando Xesús explicou que tería que sufrir e morrer, tal e como dicían as Escrituras, Pedro reprendeuno (Mc. 8:31-33). En repetidas ocasións, el e mais os outros apóstolos discutiron sobre quen era máis importante (Mc. 9:33, 34). A última noite antes de que Xesús morrese, Pedro actuou impulsivamente e cortoulle a orella a un home (Xn. 18:10). E esa mesma noite, tivo tanto medo do que a xente pensase del que dixo tres veces que non coñecía o seu amigo Xesús (Mc. 14:66-72). Isto fixo que Pedro chorase amargamente (Mt. 26:75).
7. Que oportunidade tivo Pedro despois de que Xesús resucitase?
7 Xesús non deu por perdido este desanimado apóstolo. Despois de resucitar deulle a Pedro a oportunidade de demostrarlle canto o quería. Invitouno a servilo con humildade e a coidar das súas ovelliñas (Xn. 21:15-17). Pedro respondeu ben a esta invitación, así que estivo en Xerusalén o día do Pentecostés e foi das primeiras persoas en ser unxidas por espírito santo.
8. Que erro grave cometeu Pedro en Antioquía?
8 Incluso despois de chegar a ser un cristián unxido, Pedro tivo que seguir loitando coas súas debilidades. Este home estivo presente cando Cornelio, que era un xentil incircunciso, foi unxido con espírito santo no ano 36 n. e. Isto era unha evidencia clara de que “Deus non fai distinción de persoas” e de que os non xudeus poderían ser parte da congregación cristiá (Feit. 10:34, 44, 45). A partir de entón, Pedro empezou a comer cos xentís, algo que nunca fixera (Gál. 2:12). Pero había cristiáns xudeus que non estaban de acordo con isto. E cando algúns dos que pensaban así foron a Antioquía, parece que a Pedro lle deu medo ofendelos, e por iso deixou de comer cos seus irmáns xentís. O apóstolo Paulo viu o que estaba facendo e corrixiuno diante de todos (Gál. 2:13, 14). A pesar deste erro, Pedro non se rendeu. Que lle axudou a conseguilo?
QUE LLE AXUDOU A PEDRO A SEGUIR LOITANDO?
9. Como destaca Xoán 6:68, 69 a lealdade de Pedro?
9 Pedro foi leal e non permitiu que nada o fixese deixar de seguir o seu mestre. Unha ocasión na que demostrou esta lealdade foi cando Xesús dixo algo que os seus discípulos non entenderon (le Xoán 6:68, 69). Sen esperar nin buscar unha explicación, moitos deixaron de seguilo. Pero Pedro non. El deuse conta de que só Xesús tiña “palabras de vida eterna”.
10. Como mostrou Xesús que confiaba en Pedro? (Ver tamén a imaxe).
10 Xesús non deixou a Pedro. A súa última noite na Terra, Xesús sabía que este e os demais apóstolos o ían abandonar. Aínda así, demostrou que confiaba en que Pedro se recuperaría e se mantería leal (Lc. 22:31, 32). El entendía que “o espírito está disposto, pero a carne é débil” (Mc. 14:38). Por iso, incluso cando Pedro negou que o coñecía, non o deu por perdido. De feito, despois de resucitar aparecéuselle a Pedro, posiblemente cando estaba só (Mc. 16:7; Lc. 24:34; 1 Cor. 15:5). Que animador debeu ser isto para o apóstolo, que estaba profundamente abatido polo que fixera.
11. Como lle asegurou Xesús a Pedro que Xehová coidaría del?
11 Xesús aseguroulle a Pedro que Xehová coidaría del. Despois de resucitar, Xesús fixo un milagre no que lles axudou ós seus apóstolos a conseguir outra vez unha gran cantidade de peixe (Xn. 21:4-6). Sen dúbida, isto aseguroulle a Pedro que Xehová podería coidar facilmente das súas necesidades materiais. É posible que nese momento o apóstolo recordase as palabras de Xesús, cando dixera que Xehová coidaría de tódolos que buscan “primeiro o Reino” (Mt. 6:33). Todo isto axudoulle a poñer a predicación en primeiro lugar na súa vida, en vez de centrarse no seu negocio de pesca. De feito, anunciou a verdade con valor no día do Pentecostés do ano 33 n. e., e isto fixo que miles de persoas aceptasen as boas noticias (Feit. 2:14, 37-41). A partir dese momento, Pedro axudou a samaritanos e a xentís a seguir a Cristo (Feit. 8:14-17; 10:44-48). Está claro que Xehová o usou dunha maneira sobresaliente para que toda clase de persoas chegasen a formar parte da congregación.
QUE APRENDEMOS?
12. Como nos pode axudar o exemplo de Pedro se levamos tempo loitando contra unha debilidade?
12 Xehová vainos axudar a perseverar. Pode que non sempre sexa fácil, sobre todo se levamos moito tempo loitando coa mesma debilidade. Ás veces, quizais nos pareza que as nosas fraquezas son máis grandes que as que tivo Pedro. Pero Xehová pode darnos as forzas para non rendernos (Sal. 94:17-19). Por exemplo, antes de coñecer a verdade, un irmán levou un estilo de vida homosexual durante moitos anos. Pero despois cambiou a súa vida por completo e deixou atrás estas prácticas inmorais. Aínda así, algunha vez tivo que loitar contra malos desexos. Que lle axudou a non darse por vencido? El explica: “Xehová é quen me dá as forzas”. E engade: “Coa axuda do seu espírito [...] aprendín que é posible vivir como a el lle gusta. [...] Puiden ser útil para Xehová e a súa organización e, a pesar das miñas imperfeccións, el segue dándome forzas”.
13. Segundo Feitos 4:13, 29, 31, como podemos imitar o exemplo de Pedro? (Ver tamén a imaxe).
13 Como vimos, o temor ó home fixo que Pedro cometese varios erros graves. Pero pediulle a Xehová que lle axudase a superar esta debilidade e, grazas a iso, puido actuar con valor (le Feitos 4:13, 29, 31). Nós tamén podemos vencer os nosos medos. Pensa no que lle ocorreu a Horst, un irmán novo que viviu en Alemaña durante o réxime nazi. Máis dunha vez cedeu á presión de dicir “Heil Hitler!” na escola. En vez de reprendelo, seus pais oraron con el e pedíronlle a Xehová que lle dese valor. Grazas á axuda que lle deron seus pais e á súa confianza en Xehová, finalmente Horst conseguiu as forzas que necesitaba para manterse firme. Máis tarde, el dixo: “Xehová nunca me abandonou”. c
14. Como poden os nosos cariñosos anciáns fortalecer os que están desanimados?
14 Xehová e Xesús non nos dan por perdidos. Despois de negar a Xesús, Pedro tivo que tomar unha importante decisión: renderíase ou seguiría loitando como discípulo de Cristo? Xesús pedíralle a Deus que a fe de Pedro non se debilitase. Despois contoulle ó apóstolo que orara por el e díxolle que confiaba en que máis adiante sería capaz de fortalecer os seus irmáns (Lc. 22:31, 32). Canto debeu animar a Pedro pensar naquelas palabras de Xesús! Cando teñamos que tomar unha decisión importante na vida, Xehová pode utilizar os nosos cariñosos anciáns para darnos a confianza que necesitamos para permanecer fieis (Ef. 4:8, 11). Un ancián de experiencia chamado Paul intenta darlles ós irmáns este tipo de ánimo. El pídelles ós que senten que xa non poden máis que mediten en como Deus os atraeu ó seu pobo cando coñeceron a verdade. E despois asegúralles que o amor leal de Xehová non lle permitirá abandonalos. Paul di: “Teño visto como moitos irmáns que estaban desanimados seguiron adiante coa axuda de Xehová”.
15. Como demostran os exemplos de Pedro e de Horst que as palabras de Mateo 6:33 son certas?
15 Se poñemos en primeiro lugar o noso servizo a Xehová, el coidará das nosas necesidades materiais, igual que o fixo con Pedro e os demais apóstolos (Mt. 6:33). Cando acabou a Segunda Guerra Mundial, Horst, do que falamos antes, pensou en ser pioneiro. Era moi pobre e dubidaba de que puidese manterse economicamente se servía a tempo completo. Que fixo? Decidiu poñer a Xehová a proba e saíu a predicar tódolos días durante a visita do superintendente de circuíto. Ó final da semana quedou moi sorprendido cando o superintendente de circuíto lle deu un sobre con cartos, pero non lle dixo quen llos enviaba. Nel había diñeiro suficiente para manterse no servizo de pioneiro durante varios meses. Horst viu este regalo como unha confirmación de que Xehová coidaría del. Isto motivouno a poñer o Reino en primeiro lugar durante o resto da súa vida (Mal. 3:10).
16. Como nos beneficia fixarnos no exemplo de Pedro e no que escribiu nas súas cartas?
16 Que feliz se debeu de sentir Pedro de que Xesús non se apartase del cando lle dixo “arreda de min”. Todo o contrario, Cristo seguiu capacitando a Pedro para que fose un apóstolo fiel e un excelente exemplo para tódolos cristiáns. Na actualidade, tamén podemos aprender valiosas leccións desta axuda que recibiu Pedro. De feito, el compartiu algunhas delas nas dúas cartas inspiradas que enviou ás congregacións do século primeiro. No seguinte artigo analizaremos algúns recordatorios que aparecen nesas cartas e veremos como podemos aplicalos hoxe en día.
CANCIÓN sn 43 Vixiade, sede fortes!
a Este artigo está deseñado para que os que están loitando con algunha debilidade teñan a seguridade de que poden vencela e seguir servindo fielmente a Xehová.
b Moitos dos textos citados neste artigo son do Evanxeo de Marcos. É probable que el escribise o que lle escoitou dicir a Pedro, quen estaba presente cando ocorreron estes sucesos.
c Mira o vídeo “Horst Henschel. Xehová é a miña fortaleza” en jw.org.
d DESCRICIÓN DA IMAXE: Como se ve nesta imaxe, os pais de Horst Henschel oraron con el e fortaleceron a súa determinación de manterse firme.