Ir ó contido

Ir ó índice

BIOGRAFÍA

A emocionante viaxe de servir a Xehová

A emocionante viaxe de servir a Xehová

EN 1951 acababa de chegar a Rouyn, unha pequena cidade na provincia canadense do Quebec. Petei na porta do enderezo que me deran e abriume Marcel Filteau, un misioneiro que fora a Galaad. a El tiña 23 anos e era alto, e eu 16 e era máis baixiño. Entón, ensineille a carta coa miña asignación como pioneiro. El leuna, miroume e dixo: “Sabe a túa nai que estás aquí?”.

COMO ERA A VIDA NA MIÑA CASA

Nacín no ano 1934. Os meus pais eran inmigrantes suízos que se mudaran a Timmins, unha cidade mineira en Ontario, o Canadá. Arredor de 1939, miña nai empezou a ler a revista A Atalaia e a asistir ás reunións das Testemuñas de Xehová, onde tamén nos levaba a min e ós meus irmáns. Pouco tempo despois fíxose testemuña de Xehová.

A papá non lle gustou nada esa decisión, pero mamá amaba a verdade e estaba decidida a ser leal a Xehová. Fíxoo incluso ó principio dos anos corenta, cando a obra das Testemuñas de Xehová estaba prohibida no Canadá. Sempre tratou a papá con respecto e amabilidade, a pesar de que el lle dicía cousas moi duras. O seu exemplo excelente axudounos a min e ós meus seis irmáns a aceptar tamén a verdade. Puxémonos moi contentos cando, co tempo, a actitude de papá cambiou e empezou a tratarnos mellor.

EMPEZANDO NO SERVIZO A TEMPO COMPLETO

Durante o verán de 1950, asistín ó Congreso Aumento da Teocracia na cidade de Nova York. Pasar tempo con irmáns de todo o mundo e escoitar emocionantes entrevistas de graduados do Curso de Galaad motivoume a aumentar o meu servizo a Xehová. Estaba máis decidido ca nunca a servir a tempo completo. Así que, tan pronto como cheguei á casa, solicitei servir como pioneiro regular. A sucursal do Canadá contestoume suxeríndome que primeiro me bautizase. E iso fixen o 1 de outubro de 1950. Un mes máis tarde, empecei como pioneiro regular e recibín a miña primeira asignación en Kapuskasing, unha cidade que estaba a moitos quilómetros de onde eu vivía por aquel entón.

Servindo no Quebec

Na primavera de 1951, a sucursal pediulles ós irmáns que falasen francés que pensasen en mudarse á provincia de fala francesa do Quebec, porque alí necesitábanse moitos publicadores. Como eu me criei falando francés e inglés, aceptei a invitación e asignáronme a Rouyn. Nese lugar non coñecía a ninguén. Tal e como mencionei ó principio, todo o que tiña era un enderezo, pero as cousas saíron moi ben. Marcel e eu fixémonos bos amigos e desfrutei de servir no Quebec durante 4 anos, finalmente como pioneiro especial.

GALAAD E EXPECTATIVAS QUE TARDARON EN CUMPRIRSE

Mentres estaba no Quebec, fíxome moita ilusión recibir unha invitación á clase número 26 do Curso de Galaad en South Lansing, Nova York. A graduación foi o 12 de febreiro de 1956, e asignáronme ó que agora se coñece como Ghana, en África Occidental. b Pero antes de que puidese marchar tiña que volver ó Canadá, supostamente “unhas poucas semanas”, ata que chegasen os meus documentos de viaxe.

Ó final tiven que esperar en Toronto 7 meses por eses documentos. Durante ese tempo, acolleume con cariño a familia Cripps, onde coñecín a súa filla Sheila. Namorámonos e, cando estaba a punto de pedirlle matrimonio, chegou o meu visado. Sheila e eu oramos sobre que debía facer e decidimos que marchase para a miña asignación. Pero iamos seguir en contacto por carta e esperariamos para ver se podiamos casar no futuro. Non foi unha decisión fácil pero, por como saíron as cousas, démonos conta de que foi a correcta.

Despois de viaxar durante un mes en tren, en barco cargueiro e en avión cheguei a Accra, en Ghana. Alí asignáronme servir como superintendente de distrito. Iso significaba viaxar por todo Ghana, Costa do Marfil e Togolandia (o que agora se coñece como Togo). A maioría do tempo ía eu só no jeep que me prestara a sucursal. Desfrutei moitísimo desa asignación viaxando para visitar os irmáns!

Os fins de semana servía en congresos de circuíto. Non tiñamos Salóns de Congresos, así que os irmáns tiñan que construír un teito provisional con canas de bambú cubertas con ramas de palmeira para protexerse do sol. Como tampouco había frigoríficos na cafetería, gardaban animais vivos cerca do congreso e sacrificábanos para darlles de comer ós asistentes.

Neses congresos vivimos algunhas experiencias moi divertidas. Por exemplo, nunha ocasión, Herb Jennings, un compañeiro misioneiro, estaba dando un discurso cando un boi escapou da cafetería. c O animal correu entre a plataforma e o auditorio. O irmán Herb deixou de falar e o boi parecía estar totalmente desorientado. Pero catro irmáns fortes foron capaces de atrapalo e levalo de volta á cafetería mentres os asistentes aplaudían.

Durante a semana, entre congreso e congreso, ensinaba a película A Sociedade do Novo Mundo nas vilas que estaban cerca. Para iso, tiña que colgar unha lona branca entre dous postes ou dúas árbores e proxectar a película nela. Á xente das vilas encantáballe! Para moitos era a primeira película que vían. Aplaudían forte cando aparecían escenas de xente bautizándose. Esta película axudoulles ós que a vían a darse conta de que eramos unha organización mundial unida.

Casamos en Ghana en 1959

Despois de 2 anos en África, tiña moitísimas ganas de asistir ó Congreso Internacional de 1958 na cidade de Nova York. Que ilusión me fixo volver a ver a Sheila! Ela veu dende o Quebec, onde estaba servindo como pioneira especial. Estiveramos mandándonos cartas, pero agora que volviamos a estar xuntos pedinlle que casase comigo, e ela dixo que si. Escribinlle ó irmán Knorr para preguntarlle se Sheila podía asistir ó Curso de Galaad e vir comigo a África, e el aceptou. d Finalmente Sheila chegou a Ghana. Casamos o 3 de outubro de 1959 en Accra. Sentimos que Xehová realmente nos bendicira por poñelo en primeiro lugar na nosa vida.

SERVINDO XUNTOS NO CAMERÚN

Colaborando na sucursal do Camerún

En 1961 mandáronnos ó Camerún. Pedíronme que axudase a establecer unha nova sucursal, así que estiven moi ocupado. Como novo servo de sucursal tiña moito que aprender. Despois, en 1965, soubemos que Sheila estaba embarazada. Recoñezo que nos custou imaxinarnos sendo pais. Pero xusto cando xa nos estabamos facendo ilusións con esta nova responsabilidade e tiñamos plans para volver ó Canadá, sufrimos unha perda que nos deixou desconsolados.

Sheila tivo un aborto. O médico díxonos que o noso bebé era un neno. Isto pasou hai case 50 anos, pero xamais o esquecemos. Aínda que estabamos moi tristes polo que sucedera, quedamos na nosa asignación no estranxeiro, xa que nos encantaba.

Con Sheila no Camerún en 1965

Os irmáns no Camerún a miúdo sufrían persecución debido á súa neutralidade en asuntos políticos. A situación era especialmente tensa durante as eleccións para a presidencia. De repente, os nosos maiores temores fixéronse realidade. O 13 de maio de 1970, prohibiuse oficialmente a obra das Testemuñas de Xehová no país. O goberno tomou control da bonita sucursal á que nos mudaramos tan só 5 meses antes. Nunha semana, tódolos misioneiros, incluídos Sheila e eu, fomos expulsados do país. Foi duro deixar atrás os irmáns, porque os queriamos moito e preocupábanos o que lles podería pasar.

Os seguintes 6 meses pasámolos na sucursal de Francia. Dende alí seguín facendo todo o posible por atender as necesidades dos nosos irmanciños no Camerún. En decembro dese mesmo ano asignáronnos á sucursal de Nixeria, que se empezou a ocupar da obra no Camerún. Os irmáns de Nixeria recibíronnos con moito cariño e desfrutamos durante varios anos de servir alí.

UNHA DECISIÓN DIFÍCIL

En 1973 tivemos que tomar unha decisión difícil. Sheila levaba un tempo sufrindo problemas serios de saúde. Un día, mentres estabamos nun congreso en Nova York, ela veuse abaixo emocionalmente e díxome: “Non podo seguir! Estou esgotada e enferma a maior parte do tempo”. A miña muller levaba máis de 14 anos servindo comigo en África Occidental. Eu estaba moi orgulloso do seu fiel servizo, pero necesitabamos facer algúns cambios. Despois de falar sobre a nosa situación e orar moito ó respecto, decidimos que o mellor era regresar ó Canadá. Alí poderiamos coidar mellor da súa saúde. Deixar a nosa asignación como misioneiros e o servizo a tempo completo foron, con diferenza, as decisións máis difíciles e dolorosas que tivemos que tomar.

Despois de chegar ó Canadá, conseguín traballo cun amigo de toda a vida que tiña un concesionario de coches nunha cidade ó norte de Toronto. Alugamos un apartamento, compramos mobles de segunda man e puidemos facer a mudanza sen endebedarnos. Queriamos seguir levando unha vida sinxela, coa esperanza de que algún día puidésemos retomar o servizo a tempo completo. Para a nosa sorpresa, este desexo fíxose realidade moito antes do que pensabamos.

Eu empecei a colaborar os sábados como voluntario na construción dun novo Salón de Congresos en Norval, Ontario. Co tempo, pedíronme que fose superintendente de Salón de Congresos. Como a saúde de Sheila ía mellorando, pensamos que podería asumir esta nova tarefa. Así que, en xuño de 1974, mudámonos ó apartamento que había no propio Salón de Congresos. Que felices estabamos de poder servir outra vez a tempo completo!

Felizmente a saúde de Sheila seguiu mellorando. Dous anos máis tarde puidemos aceptar unha asignación na obra de circuíto en Manitoba, unha provincia canadense coñecida polos seus invernos fríos. Pero nós desfrutamos do calor que nos deron aqueles irmáns. Aprendemos que o que realmente importa é seguir servindo a Xehová, e non onde o fagamos.

APRENDO UNHA IMPORTANTE LECCIÓN

Despois de varios anos no circuíto, en 1978 invitáronnos a servir na sucursal do Canadá. Ó pouco tempo aprendín unha lección dolorosa pero importante. Asignáronme dar un discurso dunha hora e media en francés nunha reunión especial que tivo lugar en Montreal. Tristemente, non fun capaz de manter a atención do auditorio co meu discurso, e un irmán do Departamento de Servizo aconselloume sobre isto. Honestamente, xa daquela debín darme conta de que non son o mellor orador, pero non me tomei ben aquel consello. A nosa conversación non foi agradable, e eu estaba enfadado porque pensaba que o irmán fora moi crítico, porque non me dixera nada positivo. Cometín o erro de xulgar o consello pola forma na que se me deu e polo que sentía cara ó irmán que o fixo.

Aprendín unha valiosa lección despois de dar un discurso en francés

Uns poucos días despois, un irmán do Comité de Sucursal falou comigo sobre o asunto. Eu admitín que non respondera ben ó consello e dixen que o sentía moito. Máis tarde fun falar co irmán que mo dera e el perdooume moi amablemente. Esta experiencia ensinoume unha lección de humildade que xamais esquecerei (Prov. 16:18). Oreille a Xehová moitas veces sobre isto, e estou decidido a nunca máis ver un consello de maneira negativa.

Levo máis de catro décadas servindo na sucursal do Canadá e, dende o ano 1985, formo parte do Comité de Sucursal. Por desgraza, a miña querida Sheila morreu en febreiro de 2021. Bótoa moito de menos e ademais teño que loitar contra os meus problemas de saúde. Pero servir a Xehová mantenme tan ocupado e feliz que non penso no curta que é a vida (Ecl. 5:19 [5:20, TNM]). Aínda que pasei por problemas, fun moi feliz. Poñer a Xehová en primeiro lugar e desfrutar de 70 anos no tempo completo foi todo un regalo. Oro para que os rapaciños das congregacións tamén centren a súa vida en servir a Xehová, porque estou convencido de que, se o fan, tamén desfrutarán dunha vida emocionante e satisfactoria que só consegues cando serves a Xehová.

a Mira a biografía de Marcel Filteau, “Jehová es mi refugio y fuerza”, na revista La Atalaya do 1 de febreiro de 2000 (dispoñible en español).

b Ata 1957, esta rexión de África era unha colonia británica á que se lle chamaba Costa de Ouro.

c Mira a biografía de Herbert Jennings, “No saben lo que será su vida mañana”, na revista La Atalaya do 1 de decembro de 2000 (dispoñible en español).

d O irmán Nathan Knorr era quen dirixía a nosa obra naquela época.