Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 39

CANCIÓN sn 21 “Ditosos os misericordiosos”

Dar farate máis feliz

Dar farate máis feliz

“Hai máis felicidade en dar que en recibir” (FEIT. 20:35).

OBXECTIVO

Aprender diferentes maneiras de dar a outros e por que iso nos fai felices.

1, 2. Como nos beneficia que Xehová nos crease coa capacidade de sentir máis alegría ó dar que ó recibir?

 CANDO Xehová creou os humanos fíxonos coa capacidade de sentir máis felicidade dando que recibindo (Feit. 20:35). Significa isto que non estamos contentos cando alguén nos dá un regalo? Claro que non. A todos nos gusta que fagan cousas por nós. Pero aínda nos sentimos máis felices se somos nós os que as facemos por outros. En realidade, é bo que Xehová nos crease desta maneira. Por que?

2 Ó crearnos desta forma, Xehová permítenos facernos máis felices a nós mesmos. Podemos aumentar a nosa alegría buscando máis oportunidades para ser xenerosos. Verdade que é marabilloso que fósemos feitos así? (Sal. 139:14).

3. Por que se pode dicir que Xehová é o “Deus feliz”?

3 A Biblia asegúranos que os que dan a outros son felices, e por iso podemos entender facilmente por que Xehová é o “Deus feliz” (1 Tim. 1:11, TNM). El foi o primeiro en ser xeneroso con outros e ninguén o é coma el. Como dixo o apóstolo Paulo, grazas a Xehová “temos vida, movémonos e existimos” (Feit. 17:28). De feito, “todo bo regalo e toda dádiva perfecta” vén del (Sant. 1:17).

4. Que nos axudará a ser máis felices?

4 É posible que todos queiramos sentir aínda máis a felicidade que produce axudar a outros. Podemos facelo imitando a xenerosidade de Xehová (Ef. 5:1). Neste artigo analizaremos o seu fermoso exemplo e veremos que podemos facer se sentimos que outros non agradecen o que facemos por eles. Estes recordatorios motivarannos a seguir sendo xenerosos cos demais e, polo tanto, sentirnos máis felices.

IMITA A XENEROSIDADE DE XEHOVÁ

5. Que cousas materiais nos dá Xehová?

5 De que maneiras demostra Xehová a súa xenerosidade? Vexamos algúns exemplos. Xehová dános as cousas materiais que necesitamos. Quizais non levemos unha vida luxosa pero, grazas a el, sempre temos o necesario. Por exemplo, fai posible que teñamos comida, roupa e un lugar onde durmir (Sal. 4:9 [4:8, TNM]; Mat. 6:31-33; 1 Tim. 6:6-8). Coida Xehová de nós só porque se sente obrigado a facelo? Para nada! Entón, por que o fai?

6. Que aprendemos de Mateo 6:25, 26?

6 Dito de maneira sinxela, Xehová coida das nosas necesidades porque nos ama. Fíxate nas palabras rexistradas en Mateo 6:25, 26 (leo). Aquí Xesús usa exemplos da creación. Falando dos paxaros, dixo: “Nin sementan, nin segan, nin gardan comida en almacéns”. Pero mira o que dixo despois: “O voso Pai celestial dálles de comer”. E a continuación preguntou: “Non valedes vós máis ca eles?”. Cal é a idea? Para Xehová os seus servos teñen moito máis valor que os animais. Se coida deles, podemos estar seguros de que tamén nos dará a nós o que necesitamos. Igual que un pai cariñoso, Xehová coida da súa familia por amor (Sal. 145:16; Mat. 6:32).

7. De que maneira podemos imitar a xenerosidade de Xehová? (Ver tamén a imaxe).

7 Igual que a Xehová, o amor tamén nos pode motivar a darlles a outros o que necesitan. Por exemplo, coñeces algún irmán que precise comida ou roupa? Pois Xehová pode usarte para axudarlle. Os servos de Deus somos coñecidos por ser xenerosos con outros cando ocorre un desastre. De feito, durante a pandemia da COVID-19, os irmáns compartiron comida, roupa e outras cousas cos que o necesitaban. Moitos tamén fixeron xenerosas doazóns para a obra mundial, o que permitiu realizar labores de socorro por todo o mundo. Estes irmáns puxeron en práctica o que di Hebreos 13:16: “Que non vos esqueza mirar uns polo ben dos outros, que eses son os sacrificios que lle agradan a Deus”.

Todos podemos imitar a xenerosidade de Xehová (ver o parágrafo 7).


8. De que maneiras nos beneficia recibir o poder de Deus? (Isaías 40:29).

8 Xehová dános forzas. A el faino moi feliz compartir o seu poder ilimitado cos seus servos fieis (le Isaías 40:29). Oraches algunha vez pedindo fortaleza para resistir unha tentación ou para aguantar unha proba difícil? Quizais simplemente pediches enerxías para seguir adiante un día máis. Cando Xehová che respondeu á oración, seguramente estiveches de acordo co seguinte que escribiu o apóstolo Paulo: “Teño forzas para todo gracias a quen me fai forte” (Filip. 4:13).

9. Como podemos imitar o xeneroso que é Xehová co seu poder? (Ver tamén a imaxe).

9 Aínda que somos humanos imperfectos, podemos imitar o xeneroso que é Xehová co seu poder. Nós non somos capaces de darlles forzas ou enerxías a outros literalmente, pero podemos usar as nosas forzas para axudarlles. Por exemplo, quizais lle poderiamos facer algúns recados ou tarefas da casa a algún irmanciño maior ou enfermo. Tamén podemos ofrecernos para a limpeza e o mantemento do Salón do Reino, se as circunstancias nolo permiten. Se usamos as nosas forzas destas maneiras, facémoslles moito ben a outros servos de Xehová.

Podemos usar as nosas forzas para axudar a outros (ver o parágrafo 9).


10. Como podemos fortalecer a outros por medio das nosas palabras?

10 Non nos esquezamos de que as palabras tamén teñen poder. Sabes de alguén que se podería sentir animado se lle dis que valoras o que fai? Coñeces alguén que necesite consolo? En calquera dos casos, por que non lle fas saber á persoa que te preocupas por ela? Podes visitala, chamala por teléfono, ou quizais enviarlle unha carta, un correo electrónico ou unha mensaxe. Non te preocupes demasiado polo que vas dicir. Unhas poucas palabras dende o corazón poden ser exactamente o que o teu irmán necesita para seguir fiel un día máis ou para sentirse mellor (Prov. 12:25; Ef. 4:29).

11. Como usa Xehová a súa sabedoría?

11 Xehová dános sabedoría. O discípulo Santiago escribiu: “Se algún de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a todos abondosamente e sen roñar” (Sant. 1:5). Tal e como indican estas palabras, Xehová non se garda para si mesmo a súa sabedoría, máis ben compártea xenerosamente con outros. Fíxate tamén en que cando Xehová dá sabedoría faino “sen roñar”. Nunca nos fai sentir mal por recoñecer que necesitamos a súa guía. De feito, quere que a busquemos (Prov. 2:1-6).

12. Que oportunidades temos de compartir o que sabemos?

12 E nós? Podemos compartir a nosa sabedoría igual que Xehová? (Sal. 32:8) Os servos de Deus temos moitas oportunidades de ensinarlles a outros o que aprendemos. Por exemplo, a miúdo capacitamos os novos publicadores para a predicación. Os anciáns ensínanlles con paciencia ós servos ministeriais e a outros irmáns como levar a cabo as tarefas que teñen asignadas na congregación. E os irmáns que teñen habilidades na construción e no mantemento axudan a formar a outros para que poidan traballar nos edificios que se usan para servir a Xehová.

13. Como podemos imitar a maneira na que Xehová comparte a súa sabedoría cando formamos a outros?

13 Os que capacitan a outros fan ben en imitar a maneira na que o fai Xehová. Recorda que el comparte a súa sabedoría xenerosamente. Por iso nós tamén compartimos os nosos coñecementos e experiencia cos que están aprendendo. Non nos gardamos para nós o que sabemos por medo a que a persoa que está aprendendo nos substitúa. Tampouco pensamos: “A min ninguén me ensinou! Xa aprenderá só”. Ningún dos servos de Xehová debería pensar así nunca. Máis ben, non só lles damos o noso coñecemento ós que formamos, senón tamén “a nosa propia vida” (1 Tes. 2:8). Esperamos que eles, a cambio, “sexan capaces de llelo ensinaren a outros” (2 Tim. 2:1, 2). Desta maneira formamos parte dun ciclo continuo de xenerosidade no que todos somos felices.

CANDO PARECE QUE OS DEMAIS NON SON AGRADECIDOS

14. Que fan moitos cando somos xenerosos con eles?

14 Cando somos xenerosos, especialmente cos nosos irmáns, eles a miúdo nos agradecen o que fixemos. É posible que nos envíen unha notiña dándonos as grazas ou quizais expresen a súa gratitude doutra maneira (Col. 3:15). Cando nos dan as grazas sentímonos aínda máis felices polo que fixemos por eles.

15. Que debemos recordar cando alguén non nos agradece o que fixemos?

15 Sendo realistas, non sempre nos van demostrar agradecemento polo que facemos. É posible que, nalgunha ocasión, deamos do noso tempo, enerxías ou recursos pero que despois teñamos a sensación de que á persoa non lle importou todo o que fixemos por ela. Se iso ocorrese, que podemos facer para non perder a alegría ou amargarnos? Recordar as palabras de Feitos 20:35, que é o texto temático deste artigo. A nosa felicidade ó dar non depende da resposta. Podemos escoller desfrutar de ser xenerosos incluso se outros parecen non valoralo. Como? Vexamos algunhas maneiras.

16. En que debemos centrarnos cando damos?

16 Centrémonos en imitar a Xehová. El dálles cousas boas a tódalas persoas, tanto se o aprecian coma se non (Mat. 5:43-48). Deus prométenos que se, coma el, damos “sen esperar que [nos] devolvan nada”, a nosa “recompensa será grande” (Luc. 6:35). “Nada” quizais inclúa o agradecemento. Tanto se o recibimos coma se non, Xehová sempre nos recompensará polo que facemos para axudar a outros e por dar con alegría (Prov. 19:17; 2 Cor. 9:7).

17. De que outra forma podemos imitar a Xehová ó dar? (Lucas 14:12-14).

17 Outra forma na que podemos imitar a Xehová ó dar é aplicando o que Xesús dixo en Lucas 14:12-14 (leo). Por suposto, non está mal ser hospitalarios ou xenerosos con persoas que poden facer algo parecido por nós. Pero, e se notamos que, ás veces, damos porque esperamos recibir algo a cambio? Fariamos ben en intentar poñer en práctica o que dixo Xesús e ser hospitalarios cos que non se poden permitir selo con nós. Desta maneira seremos felices porque estaremos imitando a Xehová. Este mesmo punto de vista pode axudarnos tamén a manter a nosa alegría cando outros non demostran ser agradecidos.

18. Que non deberiamos facer, e por que?

18 Non pensemos mal dos demais (1 Cor. 13:7). Cando outros non expresan a súa gratitude poderiamos chegar a preguntarnos: “Realmente están sendo desagradecidos ou simplemente esqueceron dar as grazas?”. Quizais haxa outras razóns polas que non responderon tal e como nós esperabamos. É posible que algúns se sintan moi agradecidos pero que se lles faga difícil expresalo. Pode ser que teñan vergonza de que os esteamos axudando, especialmente se no pasado eran eles os que axudaban a outros. Sexa cal sexa o caso, o verdadeiro amor motivaranos a non pensar mal dos nosos irmáns e a seguir dando con alegría (Ef. 4:2).

19, 20. Por que é bo ser pacientes cando facemos algo por outros? (Ver tamén a imaxe).

19 Sexamos pacientes. Falando da xenerosidade, o sabio rei Salomón escribiu: “Envía o teu trigo polo mar, ¡despois de moitos días halo de recobrar!” (Ecl. 11:1). Estas palabras ensínannos que algúns quizais expresen o seu agradecemento “despois de moitos días”, é dicir, moito tempo despois. Vexamos unha experiencia que destaca esta idea.

20 Hai moitos anos, a muller dun superintendente de circuíto envioulle unha notiña a unha irmá que acababa de bautizarse, animándoa a manterse fiel. Uns 8 anos despois, a irmá respondeulle cunha carta que dicía: “Sentín que tiña que escribirche para contarche o moito que me axudaches durante todos estes anos sen darte conta”. A carta seguía así: “[A túa nota] era moi cariñosa, pero foi o texto bíblico o que me chegou ó corazón, e nunca o esquecín”. a Despois de explicarlle algunhas probas ás que se tivo que enfrontar, a irmá dixo: “Houbo momentos nos que quixen renderme e deixar de ser testemuña de Xehová. Pero sempre recordaba o texto bíblico que me escribiches e isto dábame forzas para seguir adiante”. E engadiu: “Durante estes 8 anos, nada me axudou tanto como a túa nota e ese texto da Biblia”. Imaxina o feliz que se sentiu a muller do superintendente de circuíto cando, “despois de moitos días”, lle chegou esta carta! Nós tamén podemos recibir expresións de agradecemento moito despois de facer algo por alguén.

Quizais alguén nos agradeza moito tempo despois o que fixemos por el (ver o parágrafo 20). b


21. Por que estás decidido a seguir imitando a xenerosidade de Xehová?

21 Como vimos, Xehová creounos cunha habilidade especial. Aínda que somos felices ó recibir, sómolo aínda máis cando damos a outros. Sentímonos ben cando podemos axudarlles ós nosos irmáns e tamén cando nolo agradecen. Pero tanto se o fan coma se non, poderemos estar orgullosos porque fixemos o correcto. Non nos esquezamos de que, sen importar o que deamos, Xehová pode darnos moito máis (2 Crón. 25:9). Nunca poderemos ser máis xenerosos do que el o é con nós. E non hai maior alegría que ser recompensados por Deus mesmo. Por iso, decidámonos a seguir imitando o noso xeneroso Pai celestial!

CANCIÓN sn 84 “Pois quero”

a O texto da Biblia que lle escribiu a muller do superintendente de circuíto na nota foi 2 Xoán 8, que di: “Mirade por vós mesmos: para non perdérde-lo que traballastes, senón para recibírde-la paga enteira”.

b DESCRICIÓN DA IMAXE: Nesta representación, a muller dun superintendente de circuíto escríbelle unha nota animadora a unha irmá. Anos máis tarde, esa irmá envíalle unha carta de agradecemento.