ARTIGO DE ESTUDO 37
CANCIÓN sjj 118 Auméntanos a fe
Unha carta que nos pode axudar a aguantar fielmente ata o fin
“Manteñamos firme ata a fin a confianza absoluta de cando comezamos” (HEB. 3:14).
OBXECTIVO
Aprender leccións prácticas da Carta ós Hebreos que nos axudarán a aguantar fielmente ata o fin deste sistema.
1, 2. a) Cando o apóstolo Paulo escribiu a súa carta ós hebreos, cal era a situación en Xudea? b) Por que podemos dicir que esta carta inspirada chegou xusto a tempo?
OS CRISTIÁNS hebreos que vivían en Xerusalén e en Xudea pasaron por momentos moi difíciles despois da morte de Xesús. Ó pouco de formarse a congregación cristiá, empezaron a perseguilos (Feit. 8:1). Uns 20 anos máis tarde, pasaron por problemas económicos graves, posiblemente debido á fame que houbera no país (Feit. 11:27-30). Pero, arredor do ano 61 n. e., os cristiáns viviron un tempo de relativa paz en comparación co que estaba por vir. Durante ese período recibiron unha carta inspirada do apóstolo Paulo que chegou xusto no momento apropiado.
2 A Carta ós Hebreos chegou xusto a tempo, porque a paz que estes cristiáns estaban vivindo non duraría moito. Paulo deulles consellos prácticos que lles axudarían a soportar a tribulación pola que pronto pasarían. A destrución de Xerusalén que Xesús predixera estaba moi cerca (Luc. 21:20). Por suposto, nin Paulo nin os cristiáns de Xudea sabían cando sucedería exactamente. Aínda así, estes cristiáns podían usar o tempo que lles quedaba para prepararse a si mesmos fortalecendo a súa fe e o seu aguante (Heb. 10:25; 12:1, 2).
3. Por que deberiamos os cristiáns hoxe en día prestarlle moita atención á Carta ós Hebreos?
3 Nós estamos a punto de vivir unha tribulación moito máis grande que a que pasaron os cristiáns hebreos (Mat. 24:21; Apoc. 16:14, 16). Por iso imos analizar algúns dos consellos prácticos que Xehová lles deu a estes irmáns e que tamén nos poden axudar a nós.
SIGAMOS MELLORANDO COMO CRISTIÁNS
4. A que desafíos se enfrontaron os xudeus que se fixeran cristiáns? (Ver tamén a imaxe).
4 Os xudeus que se fixeran cristiáns pasaron por unha proba moi grande. Durante unha época, os xudeus foran o pobo escollido de Xehová. Xerusalén era un lugar moi importante, porque o rei que representaba a Deus reinaba dende alí e a xente que quería adorar a Xehová ía ó templo que había nesa cidade. Tódolos xudeus fieis seguían a Lei mosaica tal e como a explicaban os seus líderes relixiosos. Por exemplo, había normas sobre a comida, a circuncisión e como tratar os que eran doutras nacións. Pero, despois da morte de Xesús, Xehová deixou de aceptar os sacrificios que se ofrecían no templo. Así que, ós xudeus que se fixeron cristiáns non lles foi fácil cambiar a súa forma de adoración (Heb. 10:1, 4, 10). Incluso houbo cristiáns maduros, coma o apóstolo Pedro, ós que lles foi difícil aceptar estes cambios (Feit. 10:9-14; Gál. 2:11-14). Debido ás súas novas crenzas, os líderes relixiosos xudeus empezaron a perseguilos.
5. De que se tiñan que protexer os cristiáns?
5 Os cristiáns hebreos sufriron oposición por parte de dous grupos de persoas. Por un lado estaban os líderes relixiosos xudeus, que os trataban coma apóstatas. E por outro lado, algúns que afirmaban ser cristiáns insistían en que os seguidores de Cristo tiñan que seguir cumprindo coa Lei mosaica, posiblemente para evitar que os perseguisen (Gál. 6:12). Que lles axudaría ós cristiáns fieis a seguir manténdose na verdade?
6. A que animou Paulo os seus irmáns? (Hebreos 5:14–6:1).
6 Na súa carta ós hebreos, Paulo animou os irmáns a estudar en profundidade a Palabra de Deus (le Hebreos 5:14–6:1). El citou das Escrituras Hebreas e explicoulles por que a forma na que os cristiáns adoraban a Xehová era mellor que a dos xudeus. a Paulo sabía que ter máis coñecemento e entender mellor a verdade axudaría a estes cristiáns. Por que? Porque lles permitiría identificar e rechazar os razoamentos falsos para que non os enganasen.
7. A que desafíos nos enfrontamos hoxe en día?
7 Igual que os cristiáns hebreos, enfrontámonos a información e razoamentos que van en contra das normas xustas de Xehová. Algunhas persoas afirman que as testemuñas de Xehová estamos equivocadas porque obedecemos os mandatos da Biblia sobre o sexo. As opinións e as actitudes deste mundo están cada vez máis lonxe do punto de vista perfecto de Deus (Prov. 17:15). Por iso é tan importante que as identifiquemos e as rechacemos. Non podemos permitir que nos desanimen e que fagan que deixemos de servir a Xehová (Heb. 13:9).
8. Como podemos seguir mellorando como cristiáns?
8 Facemos ben en tomar en serio o consello que Paulo lles deu ós cristiáns hebreos de seguir mellorando como cristiáns. Isto significa que temos que estudar a fondo a Biblia para chegar a coñecer mellor a Xehová e a súa maneira de pensar, incluso despois de dedicarnos e bautizarnos. Non importa canto tempo levemos na verdade, todos temos que seguir lendo e estudando a Palabra de Deus tódolos días (Sal. 1:2). Unha boa rutina de estudo persoal axudaranos a facer máis forte unha cualidade que Paulo destacou na súa carta ós hebreos: a fe (Heb. 11:1, 6).
OS QUE TEÑEN FE SALVARANSE
9. Por que necesitaron unha fe forte os cristiáns hebreos?
9 Os cristiáns hebreos necesitarían ter unha fe forte para sobrevivir á tribulación que viría sobre Xudea (Heb. 10:37-39). Xesús advertíralles ós seus seguidores que terían que escapar ás montañas cando visen Xerusalén rodeada por exércitos acampados. Este consello aplicáballes a tódolos cristiáns, tanto ós que vivían dentro da cidade coma ós da zona rural de Xudea (Luc. 21:20-24). Naquela época, cando un exército atacaba, a xente da zona rural normalmente buscaba protección nunha cidade amurallada como Xerusalén. Así que para fuxir ás montañas necesitarían moita fe, porque facelo parecería ilóxico.
10. Como lles axudaría ter unha fe forte ós cristiáns? (Hebreos 13:17).
10 Os cristiáns hebreos tamén necesitarían confiar nos homes que Xesús estaba usando para dirixir a congregación. Estes homes probablemente deron instrucións específicas para que todos seguisen a guía de Xesús no momento xusto e de maneira ordenada (le Hebreos 13:17). O apóstolo Paulo díxolles ós seus irmáns: “Facédelles caso [...] ós vosos dirixentes”. Con isto non quixo dicir que debían obedecer os que os dirixían só por obrigación, senón porque realmente confiaban neles. Así que os cristiáns hebreos tiñan que aprender a confiar nestes homes antes de que chegase a tribulación. Se obedecían cando a situación estaba calmada, seríalles máis sinxelo facelo cando viñesen tempos difíciles.
11. Por que é esencial para os cristiáns de hoxe en día ter unha fe forte?
11 Hoxe en día tamén necesitamos ter unha fe coma a dos cristiáns hebreos que recibiron a carta de Paulo. Vivimos nun tempo no que a maioría da xente rechaza e incluso se burla das advertencias da Biblia sobre o fin deste sistema (2 Ped. 3:3, 4). Ademais, aínda que a Palabra de Deus dá algunha información sobre o que pasará durante a gran tribulación, hai moitas cousas que non sabemos. Por iso debemos ter unha fe forte en que o fin deste sistema chegará xusto a tempo e en que Xehová coidará de nós (Hab. 2:3).
12. Que nos axudará a sobrevivir á gran tribulación?
12 Tamén é moi importante que fortalezamos a nosa fe no “escravo fiel e prudente”, a quen Xehová está utilizando na actualidade para guiarnos (Mat. 24:45). Cando empece a gran tribulación, pode ser que recibamos instrucións específicas que nos poden salvar a vida, igual que as que quizais recibiron os cristiáns hebreos cando o exército romano rodeou Xerusalén. Agora é o momento de fortalecer a nosa confianza na guía que recibimos dos que dirixen a organización de Xehová. Se non confiamos nas súas instrucións nin as obedecemos xa agora, probablemente nos custará facelo durante a gran tribulación.
13. Por que foi moi necesario o consello de Hebreos 13:5?
13 Mentres os cristiáns hebreos esperaban o sinal para fuxir, tiñan que manter unha vida sinxela, rechazando o amor ós cartos (le Hebreos 13:5). Entre eles xa había quen pasara por fame e pobreza (Heb. 10:32-34). Aínda que estiveran dispostos a aguantar dificultades debido ás súas crenzas, algúns quizais empezaron a centrarse en conseguir máis cartos para intentar protexerse. Pero non había diñeiro suficiente que os puidesen salvar da destrución que estaba por vir (Sant. 5:3). De feito, é posible que ós que amaban as cousas materiais se lles fixese máis difícil fuxir e deixar atrás as súas casas e posesións.
14. Como pode unha fe forte influír nas decisións que tomamos sobre as posesións materiais?
14 Se temos fe en que o fin deste sistema está moi cerca sentirémonos impulsados a rechazar o materialismo. De feito, as persoas “botarán nas rúas a súa prata” porque se darán conta de que “nin o seu ouro nin a súa prata serán capaces de os salvar o día da ira do Señor” (Ezeq. 7:19). En vez de centrarnos en acumular tódolos cartos que poidamos, deberiamos tomar decisións que nos axuden a levar unha vida sinxela e equilibrada. Isto inclúe resistir a tentación de endebedarnos innecesariamente ou de dedicar demasiado tempo a manter os nosos bens materiais. Ademais, debemos ter moito coidado de que estes non se convertan no máis importante na nosa vida (Mat. 6:19, 24). A medida que nos acercamos ó fin deste sistema teremos que escoller se confiaremos máis en Xehová ou nas nosas posesións.
NECESITAMOS AGUANTE
15. Por que os cristiáns hebreos necesitaron tanto aguante?
15 Pronto chegarían os problemas, así que os cristiáns hebreos terían que aguantar as probas que sufriría a súa fe (Heb. 10:36). Aínda que algúns deles xa se enfrontaran a unha persecución moi intensa, moitos outros fixéranse cristiáns durante un tempo de relativa paz. Por iso Paulo recordoulles que terían que estar preparados para enfrontarse a máis persecución e estar dispostos a ser fieis ata a morte, igual que Xesús (Heb. 12:4). Ó ver cantos se ían facendo cristiáns, moitos xudeus enfadáronse e volvéronse violentos. Tan só uns poucos anos antes de escribirlles esta carta, formárase unha revolta cando Paulo predicou en Xerusalén. Naquela época, máis de 40 xudeus “fixeron o xuramento de non comer nin beber ata que matasen a Paulo” (Feit. 22:22; 23:12-14). Aínda que os odiarían e os perseguirían, os cristiáns terían que seguir xuntándose para adorar a Deus, predicar as boas noticias e manter a súa fe forte.
16. Como pode a Carta ós Hebreos axudarnos a ter o punto de vista correcto sobre a persecución? (Hebreos 12:7).
16 Que lles axudaría ós cristiáns hebreos a aguantar a oposición? Paulo quería facerlles ver os beneficios de aguantar as probas. Por iso lles explicou que Deus quizais permita que un cristián pase por dificultades para poñelo en forma (le Hebreos 12:7). Desta maneira pode conseguir e mellorar as cualidades que lle gustan a Xehová. Ó centrarse nos bos resultados de pasar por probas, a aqueles cristiáns hebreos seríalles máis fácil aguantar (Heb. 12:11).
17. Que aprendera Paulo sobre aguantar a persecución?
17 Paulo animou os cristiáns hebreos a ter valor e a non renderse ante as probas. El podía darlles un bo consello sobre este tema, xa que antes de ser cristián el mesmo os perseguira e vira como os maltrataran. Tamén sabía como soportar a persecución. Ó fin e ó cabo, sufrira diferentes formas de oposición despois de facerse cristián (2 Cor. 11:23-25). Así que comprendía moi ben o que se necesitaba para aguantar. El recordoulles a estes cristiáns que, ó pasar por probas, tiñan que confiar en Xehová e non en si mesmos. O apóstolo puido dicir con valor: “Teño no Señor o meu abeiro: por iso non teño medo” (Heb. 13:6).
18. Que nos pasará a todos no futuro e, polo tanto, que debemos facer agora?
18 Algúns dos nosos irmáns están pasando por persecución nestes momentos. Podemos apoialos lealmente por medio das nosas oracións e, ás veces, incluso de maneiras prácticas (Heb. 10:33). Pero a Biblia di claramente que “tódolos que queiran vivir coma bos cristiáns padecerán persecución” (2 Tim. 3:12). Por iso, todos necesitamos prepararnos para os tempos difíciles que virán. Debemos confiar totalmente en Xehová xa agora e estar seguros de que nos axudará a superar calquera proba. Ó seu debido tempo, el liberará a tódolos que lle son leais (2 Tes. 1:7, 8).
19. Como podemos prepararnos para a gran tribulación? (Ver tamén a imaxe).
19 Está claro que a carta de Paulo ós hebreos axudoulles ós cristiáns do primeiro século a prepararse para a tribulación á que se enfrontarían. O apóstolo animou os seus irmáns a estudar en profundidade as Escrituras para entendelas mellor. Isto prepararíaos para recoñecer e rechazar as ensinanzas que poderían debilitalos espiritualmente. Tamén os animou a fortalecer a súa fe para que puidesen seguir rapidamente as instrucións de Xesús e dos que dirixían a congregación. Ademais, axudoulles a seguir aguantando as probas ó facer que as visen coma unha preparación de parte do seu Pai celestial. Nós tamén podemos aplicar este consello inspirado da Palabra de Deus. Desta maneira seremos capaces de aguantar fielmente ata o fin (Heb. 3:14).
CANCIÓN sn 43 Vixiade, sede fortes!
a Tan só no primeiro capítulo, Paulo citou das Escrituras Hebreas 7 veces para demostrarlles que a adoración dos cristiáns era superior á dos xudeus (Heb. 1:5-13).