Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 5

“É o amor de Cristo o que nos preme”

“É o amor de Cristo o que nos preme”

“É o amor de Cristo o que nos preme, [...] a fin de que os que viven xa non vivan para si” (2 COR. 5:14, 15).

CANCIÓN sn 5 Cristo é o noso exemplo

AVANCE a

1, 2. a) Como nos sentimos cando reflexionamos na vida e no ministerio de Xesús? b) De que imos falar neste artigo?

 CANDO morre un ser querido botámolo moito de menos. Ó principio, é probable que só sintamos dolor cando pensamos nos seus últimos días, sobre todo se sufriu antes de morrer. Pero, co tempo, empezamos a sentir un pouco máis de alegría ó pensar en algo que nos ensinou, ou en algo que dixo ou fixo para animarnos ou facernos rir.

2 Do mesmo xeito, cando lemos sobre o sufrimento e a morte de Xesús, sentímonos tristes. De maneira especial durante a época da Conmemoración, dedicamos tempo a reflexionar no valioso que foi o seu sacrificio (1 Cor. 11:24, 25). Pero tamén nos sentimos felices ó reflexionar en todo o que Xesús fixo e dixo cando estivo na Terra. Ademais, anímanos pensar no que está facendo agora e no que fará por nós no futuro. Neste artigo imos ver que meditar nestas cousas e en canto nos quere pode motivarnos a mostrar o noso agradecemento de maneiras prácticas.

ESTAR AGRADECIDOS MOTÍVANOS A NON DEIXAR DE SEGUIR A XESÚS

3. Que razóns temos para estar agradecidos polo rescate?

3 Sentímonos moi agradecidos ó reflexionar na vida e na morte de Xesús. Cando estivo na Terra, ensinoulles ás persoas acerca das cousas boas que faría o Reino de Deus. Valoramos moitísimo o que ensina a Biblia sobre o rescate e sobre todo o que poderemos conseguir grazas a el. Por exemplo, o rescate permítenos desfrutar dunha estreita amizade con Xehová e Xesús. Ademais, os que demostran ter fe en Xesús teñen a esperanza de vivir para sempre e de volver a ver os seus seres queridos que morreron (Xn. 5:28, 29; Rm. 6:23). Non fixemos nada para merecer todas estas bendicións, nin tampouco poderemos pagarlles a Deus e a Cristo o que fixeron por nós (Rm. 5:8, 20, 21). Pero si que podemos demostrarlles que estamos profundamente agradecidos. Como?

Como nos motiva o exemplo de María Magdalena a demostrar que estamos agradecidos? (Ver os parágrafos 4 e 5).

4. Como demostrou María Magdalena que estaba agradecida por todo o que Xesús fixera por ela? (Ver a imaxe).

4 Pensa no exemplo de María Magdalena, unha muller xudía que estaba sufrindo moito por culpa de sete demos que a atormentaban. Seguro que pensou que ninguén podería axudarlle. Así que imaxina o agradecida que se tivo que sentir cando Xesús a liberou da influencia daqueles demos! Iso levouna a facerse a súa seguidora, e a usar o seu tempo, as súas enerxías e todo o que tiña para apoialo no seu ministerio (Lc. 8:1-3). Aínda que estaba profundamente agradecida polo que Xesús fixera por ela, é probable que nese momento non entendese ben o que ía facer por toda a humanidade no futuro: dar a súa vida para que todo o que crese nel tivese “vida eterna” (Xn. 3:16). Pero María demostrou que estaba agradecida séndolle leal. Cando Xesús estaba sufrindo no madeiro, ela estaba alí porque se preocupaba por el e tamén quería consolar a outros (Xn. 19:25). E cando Xesús morreu, María e outras mulleres levaron especias á tumba para o seu enterro (Mc. 16:1, 2). Xehová recompensou a súa lealdade. De feito, tivo unha oportunidade que moi poucos discípulos tiveron: volver a ver a Xesús xa resucitado e falar con el (Xn. 20:11-18).

5. Como podemos demostrar que estamos agradecidos por todo o que Xehová e Xesús fixeron por nós?

5 Nós tamén podemos demostrar que estamos agradecidos por todo o que Xehová e Xesús fixeron por nós. Como? Usando o noso tempo, as nosas enerxías e os nosos cartos para servir a Deus. Por exemplo, podemos facernos dispoñibles para axudar a construír e a manter en bo estado os lugares que usamos para adorar a Xehová.

AMAR A XEHOVÁ E A XESÚS MOTÍVANOS A AMAR A OUTROS

6. Por que podemos dicir que o rescate é un regalo para cada un de nós?

6 Pensar en canto nos queren Xehová e Xesús fai que nós tamén os amemos a eles (1 Xn. 4:10, 19). E querémolos aínda máis cando nos damos conta de que Xesús morreu por cada un de nós. Cando o apóstolo Paulo lles escribiu ós gálatas, recoñeceu isto e demostrou que estaba agradecido. Dixo: “Vivo na fe do Fillo de Deus, que me amou e que se deu en sacrificio por min” (Gál. 2:20). Grazas a ese rescate, Xehová atraeute a el para que poidas ser o seu amigo (Xn. 6:44). Como te sentes ó saber que Xehová viu algo bo en ti e que pagou o prezo máis alto que había para que poidas ser o seu amigo? Non te conmove pensar niso? Non fai que aumente o teu amor por Xehová e por Xesús? Todos facemos ben en preguntarnos: “A que me vai motivar ese amor?”.

O noso amor por Deus e Cristo motívanos a falar da mensaxe do Reino con todo tipo de persoas (ver o parágrafo 7).

7. Como vemos na imaxe, de que maneira podemos demostrar que amamos a Xehová e a Xesús? (2 Corintios 5:14, 15; 6:1, 2).

7 Amar a Xehová e a Xesús motívanos a amar a outros (le 2 Corintios 5:14, 15; 6:1, 2). Unha maneira de demostrar o noso amor é mostrando entusiasmo na predicación. Falamos con tódalas persoas que encontramos, sen importar a súa raza, cultura, situación económica ou os seus antecedentes. Así cumprimos a vontade de Xehová de que “tódolos homes se salven e cheguen ó coñecemento da verdade” (1 Tim. 2:4).

8. Como podemos demostrar que amamos os nosos irmáns?

8 Outra forma de demostrar que amamos a Deus e a Cristo é amando os nosos irmáns (1 Xn. 4:21). Por exemplo, interesámonos por eles e axudámoslles cando pasan por problemas. Tamén os animamos cando perden un ser querido, visitámolos cando están enfermos e esforzámonos por consolalos cando están desanimados (2 Cor. 1:3-7; 1 Tes. 5:11, 14). Ademais, non deixamos de orar por eles porque sabemos que “moito pode a oración teimosa do xusto” (Sant. 5:16).

9. De que outra forma demostramos que amamos os nosos irmáns?

9 Tamén demostramos que amamos os nosos irmáns se nos esforzamos por manter a paz con eles. Queremos imitar o exemplo que nos pon Xehová ó perdoar a outros. Se el estivo disposto a dar o seu fillo polos nosos pecados, non deberiamos nós estar dispostos a perdoar os nosos irmáns cando nos ofenden? Non queremos ser coma o escravo malvado que se menciona nunha das parábolas de Xesús. Despois de que o seu amo lle perdoase unha enorme débeda, decidiu non perdoarlle unha moito máis pequena ó seu compañeiro (Mt. 18:23-35). Se tiveches un malentendido con algún irmán da congregación, poderías dar o primeiro paso e facer as paces antes de ir á Conmemoración? (Mt. 5:23, 24) Se o fas, demostrarás canto amas a Xehová e a Xesús.

10, 11. Como poden demostrar os anciáns que aman a Xehová e a Xesús? (1 Pedro 5:1, 2).

10 Como poden os anciáns demostrar que queren a Xehová e a Xesús? Algo moi importante que deben facer é coidar das necesidades que teñen as ovelliñas de Xesús (le 1 Pedro 5:1, 2). Isto foi algo que Xesús lle deixou claro ó apóstolo Pedro. Como negara a Xesús tres veces, seguro que estaba desexando demostrarlle canto o quería. Despois de resucitar, Xesús preguntoulle: “Simón de Xoán, ¿ámasme?”. Podemos estar seguros de que Pedro faría calquera cousa para demostrarlle que o quería. Entón Xesús díxolle: “Apacenta as miñas ovellas” (Xn. 21:15-17). Durante o resto da súa vida, Pedro coidou con cariño das súas ovelliñas. Así demostrou que amaba a Xesús.

11 Como poden os anciáns demostrar durante a época da Conmemoración que o que lle dixo Xesús a Pedro é importante para eles? Poden demostrar canto aman a Xehová e a Xesús se sacan tempo para pastorear os irmáns da congregación. Ademais, poden facer un esforzo especial durante esa época por axudarlles ós inactivos a volver a Xehová (Ez. 34:11, 12). Tamén poden interesarse polos estudantes da Biblia e polos que asisten por primeira vez á Conmemoración. Queremos que se sintan benvidos e esperamos que cheguen a ser seguidores de Xesús.

O NOSO AMOR POR XESÚS MOTÍVANOS A SER VALENTES

12. Por que nos axuda a ser valentes reflexionar nas palabras que dixo Xesús a noite antes de morrer? (Xoán 16:32, 33).

12 A noite antes de morrer, Xesús díxolles ós seus discípulos: “No mundo haberedes ter apretos; pero tede ánimo: eu vencín o mundo” (le Xoán 16:32, 33). Que lle axudou a Xesús a facerlles fronte ós seus inimigos con valentía e a permanecer fiel ata a morte? Confiar en Xehová. Como sabía que os seus seguidores tamén pasarían por probas parecidas, pediulle a Xehová que coidase deles (Xn. 17:11). Por que nos axuda a ser valentes saber isto? Porque Xehová é máis forte que calquera dos nosos inimigos (1 Xn. 4:4). Ademais, ve todo o que pasa. Estamos convencidos de que poderemos superar os nosos medos e ser valentes se confiamos en Xehová.

13. Como demostrou valentía Xosé de Arimatea?

13 Vexamos o exemplo de Xosé de Arimatea, un home moi respectado na sociedade xudía. Era membro do Sanedrín, o tribunal supremo xudeu. Pero durante todo o tempo que Xesús estivo predicando, Xosé foi de todo menos valente. Xoán dixo que era discípulo de Xesús “ás agachadas, por medo ós xudeus” (Xn. 19:38). Aínda que lle gustaba escoitar falar da mensaxe do Reino, non lle dicía a ninguén que tiña fe en Xesús. Por que? Está claro que tiña medo de que iso fixese que as persoas deixasen de respectalo. Pero a Biblia di que, despois da morte de Xesús, Xosé “foi onda Pilato con gran valor, para lle pedi-lo corpo de Xesús” (Mc. 15:42, 43). A partir dese momento, deixou de esconder que era un dos seus discípulos.

14. Que deberías facer se tes medo ó home?

14 Sentiches algunha vez ese medo ó home que tivo Xosé? Dáche vergonza dicir, na escola ou no traballo, que es testemuña de Xehová? Non te atreves a ser publicador ou a bautizarte polo que poidan pensar outros de ti? Non deixes que estes sentimentos che impidan facer o que sabes que está ben. Ábrelle o teu corazón a Xehová en oración. Pídelle que che dea valor para facer a súa vontade. Ver como responde as túas oracións farate máis forte e axudarache a ser máis valente (Is. 41:10, 13).

A ALEGRÍA MOTÍVANOS A SERVIR A XEHOVÁ SEN DESCANSO

15. Despois de que Xesús se lles aparecese ós seus discípulos, que se sentiron motivados a facer debido á alegría que sentían? (Lucas 24:52, 53).

15 Os discípulos puxéronse moi tristes cando Xesús morreu. Imaxínate como te sentirías ti se estiveses na súa situación. Non só perderan o seu querido amigo, senón tamén a esperanza (Lc. 24:17-21). Pero cando Xesús se lles apareceu, dedicou tempo a axudarlles a entender o seu papel no cumprimento das profecías da Biblia. Ademais, encargoulles un importante labor (Lc. 24:26, 27, 45-48). Cando Xesús ascendeu ó ceo 40 días despois, a tristeza dos seus discípulos converteuse en alegría. Por que? Porque sabían que Xesús estaba vivo e que lles axudaría a cumprir co seu novo labor. Esa alegría motivounos a louvar a Xehová sen descanso (le Lucas 24:52, 53; Feit. 5:42).

16. Como podemos imitar os discípulos de Xesús?

16 Como podemos imitar os discípulos de Xesús? Podemos adorar a Xehová felices todo o ano, non só durante a época da Conmemoración. Para conseguilo temos que poñer o Reino en primeiro lugar na nosa vida. Por exemplo, moitos axustaron o seu horario de traballo para predicar, ir ás reunións e celebrar a adoración de familia de maneira regular. Para ser máis útiles na congregación ou para servir onde se necesitan máis publicadores, algúns decidiron non ter certas cousas materiais que outros consideran necesarias. Necesitamos aguante para seguir servindo a Xehová, pero el prométenos que nos bendicirá moito se poñemos o Reino en primeiro lugar (Pr. 10:22, TNM; Mt. 6:32, 33).

Durante a época da Conmemoración, dedica tempo a meditar no que Xehová e Xesús fixeron por ti (ver o parágrafo 17).

17. Que estás decidido a facer este ano durante a época da Conmemoración? (Ver a imaxe).

17 Estamos desexando celebrar a Conmemoración o martes 4 de abril. Pero non esperes a que chegue ese día para reflexionar na vida e na morte de Xesús, e en todo o amor que el e Xehová nos demostraron. Aproveita calquera oportunidade que teñas durante a época da Conmemoración para facelo. Por exemplo, aparta tempo para ler e meditar nos eventos que se destacan na táboa “A última semana de Xesús na Terra” que atoparás en jw.org. Mentres leas sobre a vida de Xesús, busca versículos da Biblia que che axuden a estar máis agradecido, e a demostrar máis amor, valor e alegría. Despois intenta atopar maneiras prácticas de demostrar o teu agradecemento. Podes estar seguro de que Xesús valorará moito todo o que fagas por recordalo durante a época da Conmemoración (Ap. 2:19).

CANCIÓN sn 84 “Pois quero”

a Durante a época da Conmemoración, anímasenos a reflexionar na vida e na morte de Xesús, e tamén no amor que el e seu Pai nos mostraron. Iso motívanos a demostrar que lles estamos agradecidos. Neste artigo imos ver maneiras prácticas de demostrar que agradecemos o rescate e de que queremos moito a Xehová e a Xesús. Ademais, imos ver que ese amor nos motiva a amar os nosos irmáns, a ser valentes e a servir felices a Xehová.