Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 1

Por que podes estar convencido de que a Palabra de Deus é a verdade?

Por que podes estar convencido de que a Palabra de Deus é a verdade?

TEXTO PARA O ANO 2023: “A verdade é a propia esencia da túa palabra” (SAL. 119:160TNM).

CANCIÓN sjj 96 A Palabra de Deus é un tesouro

AVANCE a

1. Por que moitos non confían na Biblia hoxe en día?

 HOXE en día, moitos non saben en quen poden confiar. Pregúntanse se as persoas que admiran, como os políticos, os científicos e os empresarios, se interesan de corazón pola xente. Ademais, non se fían dos líderes relixiosos que din ser cristiáns. Como estes líderes afirman obedecer o que di a Biblia, é normal que a xente non confíe nela.

2. Segundo Salmo 119:160 (TNM), de que debemos estar convencidos?

2 Os servos de Xehová estamos convencidos de que el é “o Deus da verdade” e de que sempre quere o mellor para nós (Sal. 31:5, TNM; Is. 48:17). Sabemos que podemos confiar no que lemos na Biblia porque “a verdade é a propia esencia” da Palabra de Deus (le Salmo 119:160TNM). b Estamos de acordo co que escribiu un experto da Biblia: “Nada do que Deus dixo é mentira. Cumprirase todo o que El di. Os servos de Deus poden confiar nas súas palabras porque confían nel”.

3. Que imos analizar neste artigo?

3 Como podemos axudarlles a outros a confiar na Palabra de Deus tanto coma nós? Neste artigo imos analizar tres razóns polas que podemos confiar na Biblia. Imos falar de como se conservou a mensaxe da Biblia a pesar do paso do tempo, de como se cumpriron as súas profecías e do poder que ten para cambiar as vidas das persoas.

A MENSAXE DA BIBLIA NON CAMBIOU CO PASO DO TEMPO

4. Por que algunhas persoas pensan que se modificou a Biblia?

4 Xehová usou uns 40 homes fieis para escribir os libros que compoñen a Biblia. Pero na actualidade non contamos con ningún dos manuscritos orixinais. c Tan só temos copias doutras copias. Isto fai que algunhas persoas se pregunten se o que lemos na Biblia é o mesmo que contiñan os escritos orixinais. Algunha vez te preguntaches como podemos sabelo?

Os copistas das Escrituras Hebreas fixeron un esforzo extraordinario para asegurarse de que as copias que facían da Palabra de Deus fosen exactas (ver o parágrafo 5).

5. Como se copiaron as Escrituras Hebreas? (Ver a imaxe da portada).

5 Para protexer a súa mensaxe inspirada, Xehová díxolles ós seus servos que fixesen copias dela. Mandoulles ós reis de Israel que fixesen as súas propias copias escritas da Lei, e encargoulles ós levitas que lle ensinasen esa Lei ó pobo (Dt. 17:18; 31:24-26; Neh. 8:7). Despois do exilio dos xudeus en Babilonia, un grupo de copistas profesionais empezou a facer moitas copias das Escrituras Hebreas (Esd. 7:6). Estes homes eran coidadosos. Co tempo, incluso chegaron a contar non só as palabras que copiaban, senón tamén as letras, para asegurarse de que todo estaba copiado correctamente. Pero, como eran imperfectos, algunhas destas copias tiñan pequenos erros. Aínda así, como se fixeron moitas copias do mesmo texto, eses erros puideron detectarse máis tarde. Como?

6. Como se poden detectar os erros que hai nas copias da Biblia?

6 Na actualidade, os expertos teñen un método fiable para atopar os erros que cometeron os que copiaron a Biblia. Para entendelo, imaxina que se lles pide a 100 persoas copiar a man a páxina dun texto. Se unha delas comete un pequeno erro na súa copia, unha forma de detectalo sería comparando a súa copia coas dos demais. Do mesmo xeito, ó comparar moitos manuscritos da Biblia, os expertos poden identificar os erros ou as omisións que tivo un copista.

7. Por que sabemos que os copistas da Biblia se esforzaron por ser moi exactos?

7 Os que copiaron os manuscritos da Biblia esforzáronse moito por facelo da maneira máis exacta posible. Vexamos un exemplo que o demostra. A copia completa máis antiga das Escrituras Hebreas é o Códice de Leningrado, e fíxose no ano 1008 ou 1009 da nosa era. Pero en anos recentes descubríronse moitos manuscritos e fragmentos da Biblia que son uns 1000 anos máis antigos que o Códice de Leningrado. Algúns poderían pensar que, despois de que estes manuscritos se copiasen unha e outra vez durante máis de 1000 anos, o texto do Códice de Leningrado non se parecería en nada ó que din eses manuscritos máis antigos. Pero non é así. Cando os expertos compararon os manuscritos máis antigos cos máis novos, tan só encontraron pequenas diferenzas nalgunhas palabras, pero o significado seguía sendo o mesmo.

8. Que diferenza hai entre as copias das Escrituras Gregas Cristiás e as copias doutros escritos antigos?

8 Os primeiros cristiáns seguiron o exemplo dos copistas das Escrituras Hebreas. Fixeron copias dos 27 libros das Escrituras Gregas con moito coidado, e usábanas nas reunións e na predicación. Un experto que comparou uns manuscritos das Escrituras Gregas con outros escritos da mesma época di: “En xeral, hai máis [copias das Escrituras Gregas], [...] e normalmente son máis completas”. O libro Anatomy of the New Testament (Anatomía do Novo Testamento) di: “Podemos estar seguros de que o que lemos nunha tradución moderna fiable [das Escrituras Gregas] contén a mesma mensaxe que escribiron os seus autores no pasado”.

9. Que di Isaías 40:8 sobre a mensaxe da Biblia?

9 Durante centos de anos, moitos copistas esforzáronse por facer copias da Biblia con moito coidado. Grazas a iso, temos Biblias exactas que podemos ler e estudar. d Sen dúbida, foi Xehová quen se asegurou de conservar a Súa mensaxe ata os nosos días (le Isaías 40:8). Aínda así, algúns din que isto non demostra que a Biblia estea inspirada por Deus. Por iso, imos analizar algunhas probas que demostran que a Biblia vén de Xehová.

PODEMOS CONFIAR NAS PROFECÍAS DA BIBLIA

Esquerda: C. Sappa/DeAgostini/Getty Images; dereita: Image © Homo Cosmicos/Shutterstock

As profecías da Biblia cumpríronse no pasado e tamén se están cumprindo nos nosos días (ver os parágrafos 10 e 11). f

10. Pon un exemplo dunha profecía que se cumprise e que demostre que as palabras de 2 Pedro 1:21 son certas. (Ver as imaxes).

10 A Biblia contén moitas profecías que xa se cumpriron, algunhas centos de anos despois de que se escribisen. Isto é algo que a historia confirma, pero non nos sorprende porque sabemos que o Autor das profecías da Biblia é Xehová (le 2 Pedro 1:21). Por exemplo, pensa nas profecías da caída da antiga cidade de Babilonia. No século oitavo antes da nosa era, Xehová inspirou o profeta Isaías para que escribise que esta poderosa cidade sería conquistada. Incluso dixo o nome de quen a conquistaría, Ciro, e predixo exactamente como o faría (Is. 44:27–45:2). Tamén profetizou que, co tempo, Babilonia sería destruída e que chegaría a estar completamente abandonada (Is. 13:19, 20). Isto foi xusto o que pasou. No ano 539 antes da nosa era, os medos e os persas conquistárona, e agora esta cidade tan importante é un montón de ruínas. (Mira o vídeo A Biblia predixo a caída de Babilonia na edición electrónica do libro Desfruta da vida para sempre!, lección 3 punto 5).

11. Describe como se está cumprindo nos nosos días o que di Daniel 2:41-43.

11 As profecías da Biblia non só se cumpriron no pasado, senón que tamén se están cumprindo nos nosos días. Por exemplo, pensa no impresionante cumprimento da profecía de Daniel sobre a potencia mundial formada polo Reino Unido e Os Estados Unidos (le Daniel 2:41-43). Esta profecía predixo con exactitude que esta potencia sería forte coma o ferro, pero tamén fráxil coma o barro. E agora podemos comprobar que iso é certo. O Reino Unido e Os Estados Unidos demostraron ser fortes coma o ferro porque tiveron un papel moi importante nas vitorias das dúas guerras mundiais e continúan tendo moito poder militar. Aínda así, os cidadáns deses países fan que o seu poder sexa fráxil porque moitas veces maniféstanse para reclamar os seus dereitos mediante sindicatos, campañas polos dereitos civís e movementos independentistas. Un experto en política mundial dixo hai pouco: “Na actualidade, non hai ningún país democrático moderno que estea máis dividido politicamente que Os Estados Unidos”. E Gran Bretaña, a outra parte desta potencia mundial, dividiuse máis nos últimos anos porque os seus cidadáns non se poñen de acordo no tipo de relación que debería ter o seu país cos países da Unión Europea. Debido a estas divisións, a esta potencia mundial formada polo Reino Unido e Os Estados Unidos resúltalle moi difícil actuar con decisión.

12. De que nos convencen as profecías da Biblia?

12 Ver que moitas das profecías da Biblia xa se cumpriron fortalece a nosa confianza en que as promesas de Deus para o futuro tamén se cumprirán. Sentímonos coma o salmista, que lle orou a Xehová: “A miña alma eslumece pola túa salvación, eu confío na túa palabra” (Sal. 119:81). A través das páxinas da Biblia, Xehová mostrou a súa bondade dándonos “un porvir e unha esperanza” (Xer. 29:11). A nosa esperanza para o futuro non depende dos esforzos humanos, senón das promesas de Xehová. Por iso, sigamos esforzándonos por fortalecer a nosa confianza na Palabra de Deus sendo bos estudantes das profecías da Biblia.

OS CONSELLOS DA BIBLIA AXUDAN A MILLÓNS DE PERSOAS

13. Segundo Salmo 119:66, 138, por que outra razón podemos confiar na Biblia?

13 Outra razón pola que podemos confiar na Biblia é polo ben que lles vai ás persoas cando seguen os seus consellos (le Salmo 119:66, 138). Por exemplo, algúns matrimonios que estaban a punto de divorciarse aplicaron os consellos da Biblia e agora son felices e están unidos. Grazas a iso, os seus fillos poden desfrutar de ter unha familia cristiá cuns pais que os queren moito e que se preocupan por eles (Ef. 5:22-29).

14. Pon un exemplo que mostre que aplicar os consellos da Biblia pode axudarnos a ser mellores persoas.

14 Incluso algúns criminais perigosos puideron cambiar completamente a súa vida ó aplicar os consellos sabios da Biblia. Vexamos un exemplo. Jack e era un home moi violento coñecido por ser un dos prisioneiros condenados a morte máis perigosos. Pero un día asistiu a un curso da Biblia. A amabilidade dos irmáns que dirixían o curso impresionouno moito, así que el tamén empezou a estudar. A medida que ía aplicando na súa vida o que aprendía sobre a Biblia, a súa conduta e personalidade comezaron a mellorar. Co tempo, Jack cumpriu os requisitos para ser publicador sen bautizar e, máis tarde, bautizouse. Predicoulles con entusiasmo a outros presos sobre o Reino de Deus e axudoulles a catro deles a estudar a Biblia. Cando chegou o día da súa execución, Jack era un home diferente. Un dos seus avogados dixo: “Jack non é a mesma persoa que coñecín hai 20 anos. As ensinanzas das testemuñas de Xehová cambiaron a súa vida”. Aínda que ó final Jack foi executado, o seu exemplo móstranos que podemos confiar na Palabra de Deus e no poder que ten para axudarnos a ser mellores persoas (Is. 11:6-9).

Os consellos da Biblia melloraron a vida de moitas persoas de diferentes nacionalidades (ver o parágrafo 15). g

15. En que se diferencian os servos de Xehová doutras persoas grazas ós consellos da Biblia? (Ver a imaxe).

15 O pobo de Xehová está unido porque aplica os consellos da Biblia (Xn. 13:35; 1 Cor. 1:10). A nosa paz e a nosa unidade chaman especialmente a atención se as comparamos coa división política, étnica e social que hai no mundo. A unidade que hai no pobo de Deus sorprendeu moito a un home de África chamado Jean. Cando empezou unha guerra civil no seu país, uniuse ó exército, pero máis tarde fuxiu a un país próximo. Alí coñeceu as testemuñas de Xehová. Jean di: “Aprendín que os que forman parte da relixión verdadeira non se involucran en política nin están divididos. Máis ben, quérense uns ós outros”. E engadiu: “No pasado, dediquei a miña vida a defender un país. Pero cando aprendín o que ensina a Biblia, decidín servir a Xehová”. Jean cambiou por completo. En vez de loitar contra os que son diferentes a el, agora comparte con outros a mensaxe de paz que dá a Biblia. Ver que os consellos da Biblia axudan a moitas persoas de diferentes nacionalidades é unha proba convincente de que podemos confiar nela.

SIGUE CONFIANDO NOS CONSELLOS DA BIBLIA

16. Por que é tan importante fortalecer a nosa confianza na Palabra de Deus?

16 O mundo irá de mal en peor, e por iso cada vez será máis difícil confiar na Palabra de Deus. Pode que a xente intente facernos dubidar de que a Biblia é a verdade e de que Xehová nomeou o criado fiel e prudente para guiarnos. Pero se estamos convencidos de que a Palabra de Xehová é a verdade, resistiremos calquera ataque contra a nosa fe. Estaremos decididos a obedecer as normas de Xehová “por sempre” (Sal. 119:112). Non nos avergonzaremos de falarlles a outros da verdade e de animalos a poñer en práctica os consellos da Biblia nas súas vidas (Sal. 119:46). Ademais, seremos capaces de aguantar con alegría e paciencia incluso as situacións máis difíciles, como a persecución (Sal. 119:143, 157; Col. 1:11).

17. Que nos recordará o texto do ano?

17 Non hai dúbida de que lle estamos moi agradecidos a Xehová por permitirnos coñecer a verdade. Por que? Porque a verdade axúdanos a ter calma e confianza, e guíanos nun mundo que cada vez será máis caótico. Ademais, dános a esperanza de ter un futuro mellor baixo o goberno do Reino de Deus. Queremos que o texto para o ano 2023 nos axude a seguir estando convencidos de que toda a Palabra de Deus é a verdade! (Sal. 119:160TNM).

CANCIÓN sjj 94 Grazas pola túa Palabra

a O texto do ano que se escolleu para o 2023 fortalece moito a nosa fe: “A verdade é a propia esencia da túa palabra” (Sal. 119:160TNM). Seguro que ti tamén pensas así. Pero moita xente non cre na Biblia nin pensa que poida ter bos consellos para nós. Neste artigo analizaremos tres argumentos que podemos usar para convencer as persoas sinceras de que poden confiar na Biblia e nos seus consellos.

b IDEA IMPORTANTE: En Hebreo, a expresión “a verdade é a propia esencia da túa palabra” significa que toda a Palabra de Deus é verdade.

c O termo manuscrito refírese a un documento antigo escrito a man.

d Para máis información sobre como se conservou a Biblia, vai a jw.org e escribe no cadro de busca “A Biblia e a historia”.

e Cambiáronse algúns nomes.

f DESCRICIÓN DA IMAXE: Deus predixo que a impresionante cidade de Babilonia sería destruída.

g DESCRICIÓN DA IMAXE: Nesta representación, un home deixa de loitar contra outros. Grazas á Biblia, aprende a vivir en paz e axúdalles a outros a facer o mesmo.