Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 4

Xehová bendice os nosos esforzos por asistir á Conmemoración

Xehová bendice os nosos esforzos por asistir á Conmemoración

“Facede isto en memoria de min” (LC. 22:19).

CANCIÓN sjj 19 A Cea do Señor

AVANCE a

1, 2. Por que asistimos tódolos anos á Conmemoración?

 HAI case 2000 anos, Xesús sacrificou a súa vida por nós e fixo posible que tivésemos a oportunidade de ter vida eterna. A noite antes de morrer, mandoulles ós seus seguidores que recordasen este acto de amor cunha cerimonia moi sinxela na que habería pan e viño (1 Cor. 11:23-26).

2 Por que obedecemos este mandato que nos deu Xesús? Porque o queremos moito (Xn. 14:15). Cada ano, na época da Conmemoración, dedicamos tempo a orar e a meditar no que significa a súa morte para a humanidade. Así demostramos que agradecemos moito o que fixo por nós. Ademais, fainos moi felices poder predicar máis e animar o maior número de persoas posible a que nos acompañe nesta ocasión tan especial. Por suposto, estamos decididos a non permitir que nada nos impida asistir.

3. Que imos analizar neste artigo?

3 Neste artigo analizaremos os esforzos tan grandes que fixeron algúns servos de Xehová para recordar a morte de Xesús. Veremos que 1) celebraron a Conmemoración como Xesús ensinou, 2) invitaron a outros a asistir e 3) celebrárona a pesar das dificultades.

CELEBRAR A CONMEMORACIÓN COMO XESÚS NOS ENSINOU

4. a) Que verdades se destacan cada ano na Conmemoración? b) Por que non deberiamos dar por sentado estas verdades? (Lucas 22:19, 20).

4 Tódolos anos, escoitamos un discurso na Conmemoración baseado na Biblia que responde claramente varias preguntas. Por exemplo, explícase por que a humanidade necesita un rescate, e como a morte dun só home pode pagar os pecados de moitos. Ademais, recórdasenos o que representan o pan e o viño, e quen debe comer e beber deles (le Lucas 22:19, 20). Tamén meditamos nas bendicións que terán os que esperan vivir para sempre na Terra (Is. 35:5, 6; 65:17, 21-23). Non debemos dar por sentado estas verdades. Miles de millóns de persoas non as coñecen, e non saben o valioso que é o sacrificio de Xesús. Tampouco celebran a Conmemoración da súa morte do xeito que el lles ensinou ós seus seguidores. A que se debe isto?

5. Despois de que morrese a maioría dos apóstolos, que pasou coa maneira de conmemorar a morte de Xesús?

5 Pouco despois de que morrese a maioría dos apóstolos de Xesús, houbo falsos cristiáns que chegaron a formar parte da congregación (Mt. 13:24-27, 37-39). Falaban “cousas perversas, para arrastraren os discípulos tras eles” (Feit. 20:29, 30). Unha desas “cousas perversas” que empezaron a ensinar foi que Xesús non morreu “unha vez [...] para quita-los pecados”, como di a Biblia. En vez diso, dicían que o seu sacrificio debía repetirse unha e outra vez (Heb. 9:27, 28). Hoxe en día, moitas persoas cren nesta ensinanza falsa. Van ás igrexas tódalas semanas, ou incluso tódolos días, para celebrar o sacrificio de Xesús, o que na relixión católica se coñece como o “sacrificio da misa” ou “eucaristía”. b Outras relixións que din ser cristiás celebran a morte de Xesús con menos frecuencia, pero a maioría dos seus membros non entende ben o que implica o seu sacrificio. Pode que algúns se pregunten: “Será certo que grazas á morte de Xesús poden perdoarse os meus pecados?”. Por que se fan esta pregunta? Nalgúns casos, debido á influencia doutras persoas que dubidan de que grazas ó sacrificio de Xesús poidan perdoarse os pecados. Os verdadeiros seguidores de Xesús axudáronlles a outros a entender ben o que significa realmente o sacrificio de Xesús e cal é a maneira correcta de conmemorar a súa morte. Como o fixeron?

6. A que conclusión chegou un grupo de estudantes da Biblia en 1872?

6 A finais do século dezanove, un grupo de estudantes da Biblia dirixidos por Charles Taze Russell empezou a estudar a fondo as Escrituras. Querían saber que implicaba de verdade o sacrificio de Xesús e como se debía conmemorar a súa morte. En 1872, comprenderon que a Biblia di que Xesús morreu para rescatar a toda a humanidade. Que fixeron co que descubriron? En vez de escondelo, empezaron a ensinárllelo a outros a través de libros, periódicos e revistas. Pouco despois, imitando os cristiáns do primeiro século, empezaron a reunirse para celebrar a Conmemoración tan só unha vez ó ano.

7. Como nos beneficiamos do que investigaron os primeiros estudantes da Biblia?

7 Na actualidade, beneficiámonos da investigación que fixeron estes cristiáns hai moitos anos. Por que dicimos isto? Porque, coa bendición de Xehová, puidemos entender o que significa o sacrificio de Xesús e como beneficiará a toda a humanidade (1 Xn. 2:1, 2). Tamén comprendemos que a Biblia di que os humanos que lle agradan a Deus teñen dous tipos de esperanza: algúns esperan ter vida inmortal no ceo e millóns de persoas esperan vivir para sempre na Terra. Cando pensamos en canto nos quere Deus e en como nos beneficia persoalmente o sacrificio de Xesús, achegámonos máis a Xehová (1 Pe. 3:18; 1 Xn. 4:9). Así que, igual que os nosos fieis irmáns do pasado, nós tamén invitamos a outros a celebrar con nós a Conmemoración, e a facelo como Xesús dixo.

INVITAR A OUTROS A ASISTIR

Que podes facer para participar o máximo posible na campaña de invitación á Conmemoración? (Ver os parágrafos 8 a 10). e

8. Que fixo o pobo de Xehová para invitar a outros á Conmemoración? (Ver a imaxe).

8 O pobo de Xehová leva moitos anos invitando a outras persoas á Conmemoración. A principios de 1881, algúns irmáns e irmás dos Estados Unidos celebraron xuntos a Conmemoración na casa dun irmán en Allegheny (Pensilvania). Máis tarde, cada congregación empezou a celebrar a súa propia. En marzo de 1940, díxoselles ós publicadores que invitasen a calquera persoa do territorio que mostrase interese. E en 1960, Betel envioulles por primeira vez ás congregacións invitacións impresas para a Conmemoración. Dende aquela, distribuíronse miles de millóns destas invitacións. Por que dedicamos tanto tempo e esforzo a invitar a outros?

9, 10. Quen se beneficia dos esforzos que facemos por invitar a outros á Conmemoración? (Xoán 3:16).

9 Unha das razóns polas que invitamos a outros a asistir á Conmemoración é porque queremos que descubran a verdade sobre o que fixeron Xehová e Xesús por todos nós (le Xoán 3:16). Gustaríanos que o que vexan e escoiten alí os anime a querer aprender máis e a chegar a ser servos de Xehová. Pero tamén hai outras persoas que se benefician disto.

10 Tamén invitamos as testemuñas de Xehová que se volveron inactivas. Queremos recordarlles que Xehová aínda os quere. Moitos aceptan asistir, e alégranos moitísimo volver a velos. Ir á Conmemoración failles recordar canto desfrutaban servindo a Xehová no pasado. Vexamos o exemplo de Mónica, c que levaba moitos anos sendo inactiva. Durante a pandemia da COVID-19, volveu a predicar de novo. Despois de asistir á Conmemoración do 2021, dixo: “Esta Conmemoración foi moi especial para min. Por primeira vez en 20 anos, fun capaz de predicarlles a outros e de invitalos a asistir. Fixen todo o posible por invitalos porque agradezo moito o que Xehová e Xesús fixeron por min” (Sal. 103:1-4). Tanto se as persoas responden ben á nosa invitación coma se non, nós esforzámonos ó máximo por invitalas, sabendo que Xehová valora moito os nosos esforzos.

11. Como bendice Xehová os esforzos que facemos por invitar as persoas á Conmemoración? (Axeo 2:7TNM).

11 Xehová bendice moito os nosos esforzos por invitar a outros á Conmemoración. En 2021, a pesar das restricións que tivemos pola pandemia da COVID-19, houbo un récord de asistencia á Conmemoración: asistiron 21.367.603 persoas. Isto é case dúas veces e media máis que a cantidade de testemuñas de Xehová que hai en todo o mundo! Pero Xehová non se fixa só na cantidade de asistentes. El interésase por cada persoa individualmente (Lc. 15:7; 1 Tim. 2:3, 4). Estamos convencidos de que Deus aproveita o noso labor de invitar as persoas para axudarnos a atopar as que teñen bo corazón (le Axeo 2:7TNM).

CELEBRALA A PESAR DAS DIFICULTADES

Xehová bendice os nosos esforzos por celebrar a Conmemoración (ver o parágrafo 12). f

12. Que cousas poden facer que nos sexa difícil celebrar a Conmemoración? (Ver a imaxe).

12 Xesús predixo que durante os últimos días pasariamos por moitas circunstancias difíciles, como a oposición da familia, a persecución, as guerras, as enfermidades e moitas outras (Mt. 10:36; Mc. 13:9; Lc. 21:10, 11). Ás veces, estas cousas fannos difícil celebrar a Conmemoración da morte de Xesús. Que fixeron os nosos irmáns e irmás para superar estas dificultades, e como lles axudou Xehová?

13. Como bendiciu Xehová o valor e a determinación que demostrou Artem ó celebrar a Conmemoración cando estaba no cárcere?

13 O cárcere. Os nosos irmáns que están presos pola súa fe fan todo o posible por celebrar a Conmemoración. Vexamos o exemplo de Artem. Durante a época da Conmemoración do 2020, estaba encerrado nunha cela de 17 metros cadrados xunto con outros cinco prisioneiros. A pesar de que estaba no cárcere, puido conseguir algunhas cousas para usalas como símbolos do corpo e do sangue de Xesús durante a Conmemoración. Ademais, decidiu que ía dar o discurso para si mesmo. Pero os outros presos cos que estaba fumaban e eran moi mal falados. Que fixo Artem? Pediulles que deixasen de fumar e de falar así durante unha hora e, para a súa sorpresa, fixéronlle caso. El di: “Ofrecinme a falarlles da Conmemoración”. Aínda que ó principio dixeron que non querían oír falar do tema, despois de velo e escoitalo celebrar a Conmemoración, fixéronlle moitas preguntas.

14. Que esforzos se fixeron para celebrar a Conmemoración a pesar da pandemia da COVID-19?

14 A pandemia da COVID-19. Durante a pandemia, os servos de Xehová non puideron asistir en persoa á Conmemoración. Pero isto non impediu que a celebrasen. d As congregacións con conexión a Internet celebrárona por videoconferencia. Pero, que pasou cos millóns de persoas que non tiñan Internet? Nalgúns países, fíxose o necesario para retransmitila por televisión ou radio. Ademais, as sucursais gravaron o discurso en máis de 500 idiomas para que tamén puidesen velo os que vivían en zonas remotas, e algúns irmáns encargáronse de entregar estas gravacións ós que vivían nesas zonas.

15. Que aprendemos do exemplo dunha estudante da Biblia chamada Sue?

15 A oposición da familia. Para algúns, o maior reto ó que se enfrontan para celebrar a Conmemoración é a oposición da familia. Vexamos o exemplo de Sue, unha muller que estaba estudando a Biblia. En 2021, o día antes da Conmemoración, díxolle á irmá que lle daba o curso da Biblia que non a podería celebrar por culpa da oposición dalgúns familiares cos que vivía. A irmá leu Lucas 22:44. Entón explicoulle que, cando pasamos por dificultades, debemos seguir o exemplo de Xesús orándolle a Xehová e confiando completamente nel. Ó día seguinte, Sue preparou o pan e o viño, e viu a adoración matinal do día da Conmemoración en jw.org. Esa tarde, mentres estaba soa na súa habitación conectouse por teléfono á Conmemoración. Despois escribiulle á irmá: “Onte animáchesme moito. Fixen todo o posible por celebrar a Conmemoración e Xehová axudoume de verdade. Non podo expresar con palabras o feliz e o agradecida que me sinto!”. Pensas que Xehová pode axudarche se pasas por unha situación parecida?

16. Por que estamos convencidos de que Xehová bendicirá os esforzos que fagamos por asistir á Conmemoración? (Romanos 8:31, 32).

16 Xehová valora moito os esforzos que facemos por celebrar a Conmemoración da morte de Xesús. Podemos estar seguros de que nos bendicirá se demostramos que estamos agradecidos polo que fixo por nós (le Romanos 8:31, 32). Polo tanto, decidámonos a asistir á Conmemoración deste ano, e aproveitemos esa época para facer máis por Xehová.

CANCIÓN snnw 149 Grazas polo rescate

a O martes 4 de abril de 2023, millóns de persoas por todo o mundo celebrarán a Conmemoración da morte de Cristo. Para moitos será a primeira vez. Tamén irán algúns que deixaron de servir a Xehová e que non asisten dende hai anos. Outros terán que vencer grandes obstáculos para poder ir. Sen importar cales sexan as túas circunstancias, podes estar seguro de que a Xehová lle agradará moito ver que te esforzaches por estar presente nesta ocasión.

b Estas persoas pensan que o pan e o viño se converten no corpo e no sangue de Cristo durante esta celebración. Cren que o corpo e o sangue de Xesús se sacrifican cada vez que alguén participa neste ritual.

c Cambiáronse algúns nomes.

d Mira tamén os artigos en español de jw.org titulados “Conmemoración del 2021”.

e DESCRICIÓN DA IMAXE: Dende 1960, as invitacións para a Conmemoración foron mellorando e agora están dispoñibles en formato impreso e electrónico.

f DESCRICIÓN DA IMAXE: Nesta representación, uns irmáns están celebrando a Conmemoración a pesar dos disturbios civís.