Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 2

CANCIÓN sjj 19 A Cea do Señor

Estás preparado para o día máis importante do ano?

Estás preparado para o día máis importante do ano?

“Facede isto en memoria de min” (LUC. 22:19).

OBXECTIVO

Analizar por que a Conmemoración é tan especial, como prepararse para ela e como axudar a outros a asistir.

1. Por que o día da Conmemoración é o máis importante do ano? (Lucas 22:19, 20).

 PARA os servos de Xehová, o día da Conmemoración da Morte de Cristo é o máis importante do ano. Este é o único evento que Xesús lles pediu especificamente ós seus seguidores que celebrasen (le Lucas 22:19, 20). Hai moitas razóns polas que temos ganas de que chegue ese día. Imos analizar algunhas delas.

2. Cales son algunhas razóns polas que a Conmemoración é moi especial para nós?

2 A Conmemoración axúdanos a reflexionar no valioso que é o rescate e recórdanos maneiras nas que podemos demostrar canto agradecemos o sacrificio de Xesús (2 Cor. 5:14, 15). Tamén nos dá a oportunidade de estar cos nosos irmáns “para nos animar mutuamente” (Rom. 1:12). Cada ano, moitos inactivos asisten á Conmemoración. Algúns incluso deciden volver a Xehová ó ver o amor e o cariño co que os recibe a congregación. E moitas persoas interesadas quedan tan impresionadas co que ven e escoitan neste evento que empezan a estudar a Biblia. Todo isto fai que a Conmemoración sexa moi especial para nós.

3. Como une a Conmemoración a tódolos irmáns arredor do mundo? (Ver tamén a imaxe).

3 Pensa tamén en como a Conmemoración une o pobo de Xehová arredor do mundo. As testemuñas de Xehová reunímonos para celebrar este evento a medida que o Sol se vai poñendo nas diferentes partes da Terra. Todos escoitamos un discurso que destaca o importante que é o rescate, cantamos dúas cancións de louvanza, pasamos o pan e o viño e, de todo corazón, dicimos “amén” a catro oracións. Durante 24 horas, tódalas congregacións do mundo levan a cabo o mesmo programa. Podes imaxinar o felices que se senten Xehová e Xesús ó ver como, todos unidos, os honramos desta maneira?

A Conmemoración une o pobo de Xehová arredor do mundo (ver o parágrafo 3). f


4. Que imos analizar neste artigo?

4 Neste artigo imos analizar as seguintes preguntas: Como podemos preparar o noso corazón para a Conmemoración? Como podemos axudar a outros a beneficiarse dela? E como podemos dar axuda ós que están inactivos? Responder estas preguntas permitiranos estar preparados para esa ocasión tan importante.

COMO PODEMOS PREPARAR O NOSO CORAZÓN PARA A CONMEMORACIÓN?

5. a) Por que deberiamos meditar no valor do rescate? (Salmo 49:8, 9 [49:7, 8, TNM]). b) Que aprendiches do vídeo Por que morreu Xesús?

5 Unha das formas máis importantes de preparar o noso corazón para a Conmemoración é reflexionando no valor do sacrificio de rescate de Xesucristo. Por nós mesmos nunca poderiamos quedar libres do pecado e da morte (le Salmo 49:8, 9 [49:7, 8, TNM]; mira tamén o vídeo Por que morreu Xesús?). a Xehová fixo os preparativos para que o seu querido Fillo dese a vida por nós. Isto supuxo un enorme sacrificio para os dous (Rom. 6:23). Canto máis meditemos no que eles estiveron dispostos a facer, máis valoraremos o rescate. Imos analizar tan só algunhas das cousas que Xehová e Xesús sacrificaron. Pero primeiro falaremos do que implica o rescate.

6. Que é un rescate, e por que tivo que dar Xesús a súa vida en sacrificio?

6 Un rescate é o prezo que se paga para recuperar algo. O primeiro home, Adán, era perfecto. Pero, ó pecar, tanto el coma tódolos seus fillos perderon a oportunidade de vivir para sempre. Para recuperar o que Adán perdera, Xesús deu a súa vida perfecta como sacrificio. Durante toda a súa vida na Terra, Xesús “non fixo pecado, nin engano se atopou na súa boca” (1 Ped. 2:22). No momento que morreu, a vida perfecta de Xesús correspondía exactamente á vida que perdera Adán (1 Cor. 15:45; 1 Tim. 2:6).

7. Cales son algunhas probas ás que se enfrontou Xesús cando estivo na Terra?

7 A pesar de que pasou por moitas probas difíciles cando estivo na Terra, Xesús obedeceu á perfección o seu Pai celestial. Cando era neno, aínda que era perfecto, respectou a autoridade dos seus pais humanos imperfectos (Luc. 2:51). De adolescente, é posible que tivese que resistir a presión que outros exerceron para que desobedecese os seus pais e non fose fiel a Xehová. E como adulto, tivo que manterse firme ante as tentacións de Satanás, quen incluso lle dixo directamente que deixase de ser leal a Deus (Mat. 4:1-11). O Demo estaba decidido a facer que Xesús pecase para que non puidese pagar o rescate.

8. A que outras probas se enfrontou Xesús?

8 Durante o seu ministerio na Terra, Xesús aínda pasou por máis probas. Por exemplo, os seus inimigos perseguírono e intentaron matalo (Luc. 4:28, 29; 13:31). Tamén tivo que soportar as imperfeccións dos seus discípulos (Mar. 9:33, 34). Durante o xuízo que lle fixeron, aguantou que o torturasen e que se risen del. Despois executárono dunha maneira moi dolorosa e humillante (Heb. 12:1-3). E tivo que aguantar a parte final desa proba por si mesmo, sen a protección de Xehová (Mat. 27:46). b

9. Como te fai sentir o sacrificio de Xesús? (1 Pedro 1:8).

9 Está claro que Xesús sufriu moitísimo para poder rescatarnos. Cando pensamos en todo o que estivo disposto a facer por nós, verdade que sentimos un profundo amor por el? (Le 1 Pedro 1:8).

10. Que estivo disposto a sacrificar Xehová?

10 E que podemos dicir de Xehová? Que sacrificios estivo disposto a facer para que Xesús puidese pagar o rescate? Eles dous tiñan a relación máis estreita que pode existir entre un pai e un fillo (Prov. 8:30, TNM). Así que pensa en como se debeu sentir Xehová ó ver tódalas probas polas que estaba pasando seu Fillo na Terra. Ver como o maltrataban, rechazaban e poñían a proba tivo que doerlle moitísimo a Xehová.

11. Pon un exemplo que demostre como se debeu sentir Xehová cando mataron a Xesús.

11 Os pais que perderon un fillo na morte saben a dor tan intensa que isto provoca. Aínda que confiamos plenamente na esperanza da resurrección, isto non elimina a tristeza que sentimos cando morre algún ser querido. Este exemplo axúdanos a entender como se tivo que sentir Xehová ó ver sufrir e morrer o seu querido Fillo aquel 14 de nisán do ano 33 n. e. (Mat. 3:17). c

12. Que podemos facer no tempo que queda ata a Conmemoración?

12 No tempo que queda ata a Conmemoración, por que non investigas máis sobre o rescate no teu estudo persoal ou na adoración en familia? Utiliza a Guía de estudo para as testemuñas de Xehová ou outras ferramentas de estudo da Biblia para aprender máis sobre este tema. d Asegúrate tamén de seguir o programa de lectura da Biblia que aparece no Caderno de Estudo Vida e Actividades Cristiás. E, o día da Conmemoración, non te esquezas de ver o programa especial de adoración matinal. Se preparamos o noso corazón para este acontecemento tamén poderemos axudar a outros a beneficiarse del (Esd. 7:10, TNM).

AXUDEMOS A OUTROS A BENEFICIARSE

13. Cal é o primeiro paso para axudarlles a outros a beneficiarse da Conmemoración?

13 Como podemos axudarlles a outros a beneficiarse da Conmemoración? O primeiro paso é invitándoos. Ademais de invitar as persoas que encontramos na predicación e as que visitamos con regularidade, tamén poderiamos pensar en coñecidos ós que nos gustaría invitar, como por exemplo familiares, compañeiros de traballo e escola e outras persoas. Se non temos suficientes invitacións impresas podemos compartir o enlace da versión electrónica. Quen sabe cantos poderían vir! (Ecl. 11:6).

14. Pon un exemplo do efecto que pode ter unha invitación persoal.

14 Nunca subestimes o efecto que pode ter unha invitación persoal. Unha irmá que está casada cun home que non é testemuña de Xehová quedou moi sorprendida cando el lle contou que estaba facendo plans para asistir á Conmemoración. Por que a sorprendeu tanto? Porque no pasado ela xa o animara moitas veces a asistir, pero el nunca o fixera. Cal foi a diferenza esta vez? “Déronme unha invitación”, dixo el, e explicou que un ancián que el coñecía da congregación local o invitara a asistir. Este home foi á Conmemoración aquel ano e seguiuno facendo durante moitos máis.

15. Que temos que ter en conta cando invitamos alguén á Conmemoración?

15 Ten en conta que posiblemente as persoas que invitamos teñan algunhas preguntas, sobre todo se nunca asistiron a unha das nosas reunións. Así que, pensa no que se poderían preguntar e prepara unha resposta (Col. 4:6). Por exemplo, quizais queiran saber en que consiste a Conmemoración, canto dura, como hai que ir vestidos, se hai que pagar para asistir e se se fará algún tipo de colecta. Cando invitemos alguén á Conmemoración poderiamos dicirlle: “Tes algunha pregunta?”. E despois tratemos de responderlla. Tamén podemos usar os vídeos Lembremos o sacrificio de Xesús e Como son as nosas reunións? para axudarlle a entender o que se fai nelas. E a lección 28 do libro Desfruta da vida para sempre! ten varias ideas interesantes que podemos compartir coa persoa.

16. Que outras preguntas poida que se fagan os que asisten á Conmemoración?

16 Despois de asistir á Conmemoración, é posible que as persoas interesadas teñan máis preguntas. Quizais queiran saber por que só uns poucos, ou ninguén, comeron do pan e beberon do viño. Ou pode que tamén se pregunten con que frecuencia celebramos a Conmemoración e se tódalas reunións das Testemuñas de Xehová son coma esta. Aínda que moitos destes puntos se analizan durante o discurso, é posible que os que veñen por primeira vez necesiten unha explicación máis detallada. O artigo de jw.org “Por que as testemuñas de Xehová celebran a Cea do Señor dun xeito diferente ó doutras confesións relixiosas?” pode axudarnos a contestar algunhas das súas preguntas. Queremos facer todo o posible antes, durante e despois da Conmemoración para axudar a tódolos que teñen “a actitude correcta” a beneficiarse deste evento (Feit. 13:48).

AXUDA ÓS QUE ESTÁN INACTIVOS

17. Como poden axudarlles os anciáns ós inactivos? (Ezequiel 34:12, 16).

17 Que poden facer os anciáns durante a época da Conmemoración para axudar ós que están inactivos? Aténdeos con cariño (le Ezequiel 34:12, 16). Antes da Conmemoración, asegúrate de chamar por teléfono a tódolos que poidas. Failles saber que te preocupas por eles e que queres axudalos en todo o que che sexa posible. Invítaos a asistir á Conmemoración. Se veñen, dálles unha cariñosa benvida. Despois, mantente en contacto con estes queridos irmáns e irmás e dálles toda a axuda que necesiten para volver a Xehová (1 Ped. 2:25).

18. Como podemos todos axudar ós inactivos? (Romanos 12:10).

18 Todos na congregación podemos axudar ós inactivos que asisten á Conmemoración. Como? Tratándoos con amor, amabilidade e respecto (le Romanos 12:10). Recorda que posiblemente lles resultou moi difícil dar o paso de vir á reunión. Quizais tiñan medo de que os demais non os recibisen ben. e Así que, non lles fagas preguntas incómodas nin lles digas nada que poida ferir os seus sentimentos (1 Tes. 5:11, TNM). Seguen sendo os nosos queridos irmáns e estamos moi felices de volver adorar a Xehová xunto a eles (Sal. 119:176; Feit. 20:35).

19. Como nos beneficia recordar a morte de Xesús?

19 Estamos moi agradecidos de que Xesús nos mandase recordar a súa morte cada ano, e entendemos por que é tan importante facelo. Cando asistimos á Conmemoración, beneficiámonos a nós mesmos e a outros de moitas maneiras (Is. 48:17, 18). Por exemplo, medra o noso amor por Xehová e Xesús e demostramos canto agradecemos o que eles fixeron por nós. Tamén nos acercamos máis ós nosos irmáns. E quizais axudemos a alguén a aprender como pode desfrutar das bendicións que fai posible o rescate. Así que, fagamos todo o que poidamos para estar preparados para o día da Conmemoración, o máis importante do ano!

COMO PODEMOS...

  • ... preparar o noso corazón para a Conmemoración?

  • ... axudar a outros a beneficiarse dela?

  • ... axudar ós inactivos?

CANCIÓN sjj 18 Grazas polo rescate

a Usa o cadro de busca de jw.org para encontrar os artigos e vídeos mencionados neste artigo.

b Mira o artigo “Preguntas de los lectores” de La Atalaya de abril de 2021 (dispoñible en español).

c Mira o libro Acerquémonos a Jehová, capítulo 23 parágrafos 8 e 9 (dispoñible en español).

d Mira o recadro “ Ideas para investigar”.

e Mira as imaxes e o recadro “ Como reaccionou a congregación?” Un irmán inactivo está indeciso antes de entrar no Salón do Reino, pero supera ese sentimento. Os irmáns recíbeno con moito cariño e el desfruta da súa compañía.

f DESCRICIÓN DA IMAXE: Mentres os servos de Xehová celebran a Conmemoración nunha parte do mundo, os irmáns e irmás doutros lugares prepáranse para este acontecemento especial.