Ir ó contido

Ir ó índice

Tratas as mulleres como o fai Xehová?

Tratas as mulleres como o fai Xehová?

TEMOS o privilexio de servir a Xehová ó lado de moitas irmás fieis e traballadoras. Queremos e valoramos moito a cada unha delas! a Por iso os irmáns queremos tratalas de maneira amable, xusta e respectuosa. Pero, como somos imperfectos, quizais ás veces non sexa fácil conseguilo. E hai irmáns que se enfrontan a un desafío adicional.

Algúns criáronse en culturas nas que a maioría dos homes tratan as mulleres coma se fosen inferiores. Por exemplo, Hans, un superintendente de circuíto de Bolivia, di: “Algúns homes creceron nunha cultura moi machista. E isto fai que teñan moi arraigado o sentimento de que os homes son superiores ás mulleres”. b Shengxian, un ancián de Taiwán, conta: “Onde eu vivo, moitos pensan que elas non deberían dar a súa opinión sobre os negocios dos homes. Se un home comenta a opinión dunha muller sobre un asunto, pode que incluso os seus compañeiros non o respecten”. E hai homes que demostran o seu prexuízo cara ás mulleres doutras maneiras menos evidentes, como por exemplo contando chistes que as degradan.

Pero, sen importar na cultura na que se criase, un home pode cambiar e vencer o sentimento de crer que é superior ás mulleres (Ef. 4:22-24). Pode conseguilo se imita o exemplo de Xehová. Neste artigo imos ver como trata Xehová as mulleres, como poden os irmáns aprender a tratalas igual ca el e como poden os anciáns ser un exemplo en canto a mostrar respecto polas irmás.

COMO TRATA XEHOVÁ AS MULLERES?

Xehová pon o mellor exemplo de como hai que tratar as mulleres. El é un Pai compasivo que ama a toda a súa familia humana (Xoán 3:16). E as súas servas fieis son como fillas moi queridas para el. Vexamos algunhas maneiras nas que Xehová demostra que as respecta e dignifica.

Trátaas con imparcialidade. Xehová creou tanto o home como a muller á súa imaxe (Xén. 1:27). Non sente preferencia polos homes nin tampouco os fixo máis intelixentes ou con máis habilidades cás mulleres (2 Crón. 19:7). Creounos ós dous coa mesma capacidade mental para entender as verdades da Biblia e imitar as súas bonitas cualidades. Tamén valora a fe de ambos por igual, e por iso lles ofrece a mesma esperanza tanto a homes como a mulleres: vivir na Terra feita un paraíso ou ser reis e sacerdotes no ceo (2 Ped. 1:1). Está claro que Xehová non ten prexuízos contra as mulleres.

Escóitaas. Xehová preocúpase do que senten as mulleres e dos problemas polos que pasan. Por exemplo, escoitou e respondeu as oracións de Raquel e Ana (Xén. 30:22; 1 Sam. 1:10, 11, 19, 20). Xehová inspirou escritores da Biblia para que incluísen relatos nos que homes escoitaron a mulleres. Por exemplo, Abrahán seguiu as instrucións que lle deu Xehová de facerlle caso á súa muller, Sara (Xén. 21:12-14). O rei David tamén escoitou a Abigail. De feito, estaba convencido de que Xehová a enviara para falar con el (1 Sam. 25:32-35). E Xesús, que imita á perfección as cualidades de seu Pai, escoitou a súa nai, María (Xoán 2:3-10). Estes exemplos deixan claro que unha maneira na que Xehová demostra que respecta as mulleres é escoitándoas.

Confía nelas. Por exemplo, Xehová encargoulle a Eva que lle axudase a Adán a coidar de toda a Terra (Xén. 1:28). Ó facer isto demostrou que non a vía inferior ó seu marido, Adán, senón coma unha axudante. Xehová tamén confiou nas profetisas Déborah e Huldah para advertir o seu pobo, incluíndo un xuíz e un rei (Xuí. 4:4-9; 2 Reis 22:14-20). Na actualidade, tamén confía nas súas servas para levar a cabo moitas tarefas. Estas fieis irmás serven como publicadoras, pioneiras e misioneiras. Tamén axudan a deseñar, construír e manter Salóns do Reino e sucursais. E algunhas serven en Betel ou en oficinas remotas de tradución. Estas irmás son coma un enorme exército que Xehová utiliza para cumprir o seu propósito (Sal. 68:11, TNM). Está claro que el non considera que as mulleres sexan débiles ou estean pouco capacitadas.

COMO PODEN OS IRMÁNS APRENDER A TRATAR AS MULLERES IGUAL QUE XEHOVÁ?

Irmán, para saber se estás tratando as irmás como o fai Xehová tes que facer un autoexame honesto sobre que pensas das mulleres e como as tratas. Para isto necesitarás axuda. Igual que unha máquina de raios X pode detectar problemas de saúde no corazón literal dunha persoa, os bos amigos e a Biblia poden axudarnos a identificar calquera sentimento negativo sobre as mulleres que poidamos ter no noso interior. Que podemos facer para beneficiarnos desta axuda?

Pregúntalle a un bo amigo (Prov. 18:17). Sería bo que lle fixeses as seguintes preguntas a un bo amigo ou amiga que sexa coñecido por ser amable e equilibrado: “Que opinas sobre como trato as mulleres? Senten elas que as respecto? Hai algo que poida mellorar na miña maneira de tratalas?”. Se o teu amigo che menciona algo que poidas facer mellor, non te poñas á defensiva. Máis ben, esfórzate por facer os cambios necesarios.

Estuda a Palabra de Deus. A mellor forma de saber se estamos tratando ben as irmás é usando a Biblia para examinar a nosa maneira de pensar e as nosas accións (Heb. 4:12). Cando a estudamos vemos relatos de homes que o fixeron ben e doutros que non. Despois podemos comparalos co que nós mesmos facemos. Ademais, analizar diferentes textos da Biblia pode evitar que, sen darnos conta, saquemos de contexto algúns deles co fin de apoiar o noso punto de vista equivocado sobre as mulleres. Por exemplo, segundo 1 Pedro 3:7, o esposo debe honrar a súa muller porque ela é un “ser máis feble”. c Quere dicir isto que ela é inferior, é dicir, menos intelixente ou hábil ca un home? En absoluto! Ó comparar as palabras de Pedro coas de Gálatas 3:26-29, vemos que Xehová escolleu tanto a homes como a mulleres para gobernar con Xesús no ceo. Cando estudamos a Biblia e lle pedimos a algún amigo ou amiga que nos dea a súa opinión sobre como tratamos as mulleres podemos aprender a demostrarlles ás irmás o respecto que merecen.

COMO PODEN OS ANCIÁNS DEMOSTRAR RESPECTO POLAS IRMÁS?

O exemplo dos anciáns tamén pode axudarlles ós irmáns da congregación a aprender a tratar as mulleres con respecto. Pero, como poden os anciáns dar exemplo? Vexamos algunhas formas.

Elóxianas. O apóstolo Paulo púxolles un bo exemplo ós anciáns. El eloxiou publicamente a varias irmás na carta que lle escribiu á congregación de Roma (Rom. 16:12). Podes imaxinar o contentas que se sentiron cando se leu esta carta na congregación? Da mesma forma, os anciáns felicitan xenerosamente as irmás polas súas boas cualidades e polo traballo que realizan para Xehová. Isto fai que elas saiban o moito que as valoran e respectan os demais. As palabras de ánimo dun ancián poden ser xusto o que elas necesitan para seguir servindo a Xehová fielmente (Prov. 15:23).

Eloxia

Cando eloxian as irmás, os anciáns deben facelo con sinceridade e de forma específica. Por que? Unha irmá que se chama Jessica di: “É bonito cando os irmáns che din ‘bo traballo’. Pero anímanos moito máis que nos feliciten por algo específico, como por exemplo por ensinarlles ós nosos nenos a estar sentadiños e calados durante as reunións ou por sacar tempo para ir buscar algún estudante da Biblia e levalo á reunión”. Cando os anciáns eloxian as irmás de maneira específica fan que se sintan útiles e valoradas na congregación.

Escóitanas. Os anciáns humildes recoñecen que non son os únicos que teñen boas ideas. Por iso lles piden ás irmás que dean a súa opinión e as escoitan cando falan. Ó facer isto, os anciáns anímanas moito e benefícianse a si mesmos. Por que dicimos isto? Un ancián que se chama Gerardo e serve en Betel, di: “Deime conta de que pedirlle a súa opinión ás irmás axúdame a facer mellor o meu traballo. A miúdo levan máis tempo que os irmáns facendo esa tarefa”. Na congregación, moitas delas serven como pioneiras e por iso coñecen ben a xente que vive na súa zona. Un ancián que se chama Bryan conta: “As irmás teñen moitas cualidades e habilidades que se necesitan na organización. Así que temos que aproveitar a súa experiencia”.

Escoita

Os anciáns sabios non ignoran nin descartan rapidamente as opinións das irmás. Por que? “A opinión e a experiencia dunha irmá pode axudar a ter unha perspectiva máis ampla dun asunto e a entender mellor os sentimentos dos demais”, conta un irmán que se chama Edward (Prov. 1:5). Aínda cando un ancián non poida aplicar o que lle dixo unha irmá, si que pode darlle as grazas pola súa suxestión e por compartir o seu punto de vista con el.

Capacítanas. É bo que os anciáns tamén busquen oportunidades de capacitar as irmás. Por exemplo, poden ensinarlles a dirixir unha reunión para predicar por se non hai ningún irmán bautizado que poida facela. Tamén poden darlles formación para que aprendan a usar ferramentas ou maquinaria para colaborar en proxectos teocráticos de mantemento e construción. En Betel, os superintendentes capacitan irmás para servir en diferentes departamentos, como por exemplo mantemento, compras, contabilidade, programación informática e moitos outros. Cando os anciáns fan isto demostran que confían nas irmás e que son conscientes das moitas capacidades que teñen.

Capacita

Moitas irmás usan a capacitación que recibiron dos anciáns para axudar a outros. Por exemplo, algunhas utilizan o que aprenderon sobre construción para participar en reconstruír casas despois dun desastre natural. Outras usan as habilidades que adquiriron na predicación pública para axudarlles a máis irmás a que poidan participar nesta faceta do ministerio. Que opinan as irmás sobre os anciáns que as capacitaron? Jennifer di: “Cando participei nun proxecto de construción dun Salón do Reino, un superintendente dedicou tempo a ensinarme. Fixouse no traballo que fixen e felicitoume por el. Gustoume moito traballar con el porque sentía que me valoraba e que confiaba en min”.

BENEFICIOS DE TRATAR AS IRMÁS COMA SE FOSEN DA FAMILIA

Igual que Xehová, queremos moito as nosas irmanciñas fieis! Así que as tratamos coma se fosen da nosa familia (1 Tim. 5:1, 2). Estamos moi orgullosos delas e desfrutamos de servir ó seu lado. Fainos felices que elas saiban que as apoiamos e as valoramos moito. Unha irmá que se chama Vanessa di: “Estoulle moi agradecida a Xehová por ser parte da súa organización, que está chea de irmáns que me animan moitísimo”. Unha irmá de Taiwán conta: “Doulle moitas grazas a Xehová e á súa organización por valorarnos tanto ás mulleres e respectar os nosos sentimentos. Isto fortalece a miña fe e faime valorar aínda máis o privilexio que teño de ser parte do pobo de Xehová”.

Que orgulloso debe de estar Xehová cando ve que os cristiáns fieis se esforzan por ver e tratar as mulleres coma el o fai (Prov. 27:11). “Neste mundo desprézase moito as mulleres”, conta un ancián de Escocia que se chama Benjamin. “Pero queremos que cando unha muller entre no Salón do Reino note a diferenza”. Esforcémonos por imitar a Xehová e tratar as nosas queridas irmás co amor e o respecto que merecen (Rom. 12:10).

a Neste artigo, o termo “irmá” refírese a unha irmá cristiá, non a unha irmá carnal.

b O termo “machista” describe un home que, polo feito de ser varón, demostra un orgullo esaxerado e pensa que é superior. Estes homes a miúdo enxalzan a forma de pensar e o comportamento masculino, e menosprezan as mulleres.

c Para unha explicación detallada do que significa a expresión “ser máis feble”, mira os artigos “El valor de ‘un vaso más débil’” de La Atalaya do 15 de maio de 2006 e “Consejos sabios para los casados” de La Atalaya do 1 de marzo de 2005 (dispoñibles en español).