Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 3

CANCIÓN sjj 124 Sempre fieis e leais

Xehová axudarache cando pases por momentos difíciles

Xehová axudarache cando pases por momentos difíciles

“[Xehová] vos dará estabilidade” (1 PED. 5:10).

OBXECTIVO

Saber que facer para beneficiarnos da axuda de Xehová cando pasemos por momentos difíciles.

1, 2. A que dificultades poida que nos enfrontemos os servos de Xehová?

 UNHA traxedia pode cambiar a nosa vida dun día para outro. Por exemplo, a Luís, un irmán fiel, diagnosticáronlle un cáncer pouco común e o doutor díxolle que só lle quedaban uns meses de vida. a Mónica e o seu home estaban moi ocupados servindo a Xehová xuntos. Pero un día soubo que o seu marido, que era ancián, estivera levando unha dobre vida durante anos. Olivia, unha irmá solteira, tivo que deixar o seu fogar debido a un gran furacán que se estaba aproximando. Cando volveu, encontrouse con que a tormenta lle destruíra a casa por completo. A vida destes irmáns que acabamos de mencionar cambiou dun momento para outro. Sénteste identificado con eles? Pasaches por algunha situación que puxese a túa vida patas arriba?

2 Como calquera outra persoa, os servos fieis de Xehová sufrimos dificultades e enfermidades. Pero ademais, tamén temos que aguantar persecución por parte dos que odian o pobo de Deus. Aínda que Xehová non evita que pasemos por estas situacións, si que promete axudarnos (Is. 41:10). Co seu apoio podemos manter a alegría, tomar boas decisións e permanecer leais a el, incluso nas situacións máis difíciles. Neste artigo analizaremos catro formas nas que nos axuda Xehová cando nos enfrontamos a momentos moi duros. Tamén veremos que temos que facer para beneficiarnos do que el fai por nós.

XEHOVÁ PROTEXERATE

3. Que pode custarnos facer cando pasamos por unha situación moi difícil?

3 O desafío. Cando pasamos por unha situación moi difícil pode ser complicado pensar con claridade e tomar decisións. Por que? É probable que sintamos unha dor emocional moi intensa e que a ansiedade nubre a nosa capacidade de pensar, coma se estivésemos camiñando entre a néboa sen saber para onde temos que ir. Fíxate no que dixeron as dúas irmás que mencionamos antes. Olivia conta: “Despois de que o furacán destruíse a miña casa, sentinme perdida e devastada”. Mónica di sobre a traizón do seu marido: “Estaba moito máis que decepcionada. Sentía que me partira o corazón. Ata as pequenas actividades do día a día se me facían costa arriba. Nunca pensei que iso me puidese pasar a min”. Como promete Xehová axudarnos cando nos sentimos así?

4. Segundo Filipenses 4:6, 7, que nos promete Xehová?

4 O que fai Xehová. El promete darnos o que a Biblia chama “a paz de Deus” (le Filipenses 4:6, 7). Trátase da calma e tranquilidade que sentimos como resultado da boa relación que temos con el. Esta paz “supera toda intelixencia”, é dicir, é mellor do que podemos sequera imaxinar. Sentícheste algunha vez sorprendentemente tranquilo despois de orarlle con intensidade a Xehová? Pois esa é “a paz de Deus”.

5. Como protexe a nosa mente e o noso corazón a paz de Deus?

5 O mesmo texto tamén di que a paz de Deus “custodiará”, ou protexerá, “os vosos corazóns e os vosos pensamentos”. A palabra orixinal para “custodiar” era unha expresión militar que se usaba para referirse ós soldados que protexían unha cidade e a mantiñan a salvo dos ataques. Os que vivían nunha cidade así, durmían tranquilos porque sabían que os soldados estaban protexendo as portas. Da mesma forma, cando a paz de Deus protexe o noso corazón e a nosa mente, sentímonos tranquilos porque sabemos que estamos a salvo (Sal. 4:9 [4:8, TNM]). Igual que no caso de Ana, aínda que a nosa situación non se solucione inmediatamente, podemos sentir certa calma (1 Sam. 1:16-18). E cando estamos calmados, a miúdo nos resulta máis fácil pensar con claridade e tomar decisións sabias.

Ora ata que sintas que “a paz de Deus” protexe a túa mente e corazón (ver os parágrafos 4 a 6).


6. Que podemos facer para beneficiarnos da paz de Deus? (Ver tamén a imaxe).

6 O que temos que facer nós. Cando esteas preocupado, chama os soldados, por así dicilo. Como? Orando ata que sintas a paz de Deus (Luc. 11:9, TNM; 1 Tes. 5:17). Luís, do que xa falamos antes, explicou como el e a súa muller, Ana, puideron seguir adiante cando souberon que só lle quedaban uns meses de vida. El contou: “En momentos coma este, é moi difícil tomar decisións sobre o coidado da saúde ou outros asuntos. Pero a oración está sendo indispensable para darnos paz durante todo este proceso”. Luís e a súa muller contaron que oraron moitas veces e de todo corazón, pedíndolle a Xehová paz mental, tranquilidade e sabedoría para tomar boas decisións. E sentiron a súa axuda. Se estás pasando por unha proba moi dura, non deixes de orar. Verás como a paz de Xehová protexe a túa mente e o teu corazón (Rom. 12:12).

XEHOVÁ ESTABILIZARATE

7. Como poderiamos sentirnos cando pasamos por unha situación moi difícil?

7 O desafío. Cando pasamos por unha proba moi difícil, é posible que os nosos sentimentos, pensamentos e reaccións non sexan tan equilibrados como o serían nunha situación normal. Igual que nunha tormenta as ondas sacoden un barco dun lado para outro, nós tamén poderiamos sentir que pasamos dunha emoción a outra. A Ana, da que xa falamos antes, pasoulle isto. Ela dixo: “Ás veces sentíame moi deprimida e compadecíame de min mesma. Pero noutros momentos, enfadábame porque Luís xa non estaba comigo”. Ademais, ela tamén se sentía soa e frustrada cando tiña que tomar decisións sobre asuntos dos que antes se encargaba Luís. Moitas veces, era coma se estivese nunha tormenta de emocións. Como nos axuda Xehová cando nos vemos desbordados polos nosos sentimentos?

8. Segundo 1 Pedro 5:10, que nos asegura Xehová?

8 O que fai Xehová. Xehová asegúranos que nos dará estabilidade (le 1 Pedro 5:10). Cando un barco está nunha tormenta pode empezar a balancearse dun lado para outro, e isto é moi perigoso. Para contrarrestar os movementos, moitos barcos teñen unhas pezas a cada lado que serven como estabilizadores. Estas pezas poden reducir moito o balanceo do barco, facendo que a situación sexa máis segura e cómoda para os pasaxeiros. Pero moitos sistemas de estabilización funcionan mellor cando o barco está en movemento. Da mesma forma, Xehová pode darnos estabilidade se o seguimos servindo fielmente durante as probas.

Utiliza as ferramentas de investigación para conseguir estabilidade (ver os parágrafos 8 e 9).


9. Como nos poden axudar as ferramentas de investigación a manter o equilibrio emocional? (Ver tamén a imaxe).

9 O que temos que facer nós. Cando esteas no medio dunha tormenta de emocións, esfórzate por manter a túa rutina espiritual. Claro, quizais non poidas facer tanto coma antes, pero recorda que Xehová é razoable (compara con Luc. 21:1-4). Así que, saca tempo para estudar e meditar. Por que? Mediante a súa organización, Xehová dános información bíblica moi animadora que nos pode axudar a manter o equilibrio emocional. Para encontrar o que necesitas podes utilizar diferentes ferramentas de investigación, como a aplicación JW Library®, o Índice de las publicaciones Watch Tower e a Guía de estudo para as testemuñas de Xehová. Mónica, da que xa falamos antes, conta que usaba estas ferramentas tan pronto como empezaba a notar que os sentimentos negativos se facían máis fortes. Por exemplo, buscaba as palabras “ira”, “infidelidade” ou “lealdade”. Entón lía ata que se sentía mellor. Ela dixo: “Cando empezaba a investigar sentía moita ansiedade. Pero a medida que ía lendo, era coma se Xehová me dese un forte abrazo. Dábame conta de que el entendía os meus diferentes estados de ánimo e de que me estaba apoiando”. Usar estas ferramentas que Xehová nos dá tamén nos pode axudar a nós a manter o equilibrio emocional ata que se calmen as augas (Sal. 119:143, 144).

XEHOVÁ SOSTERATE

10. Como poderiamos sentirnos despois dun suceso traumático?

10 O desafío. Despois dun suceso traumático, poida que haxa días nos que nos sintamos mal en sentido físico e emocional. Poderiamos sentirnos como un atleta lesionado que antes corría moi rápido pero agora camiña con dificultade. Quizais algunhas tarefas que antes faciamos facilmente, agora nos custen moito esforzo. Ou pode que non teñamos ganas de facer cousas que antes nos encantaban. Igual ca Elías, podería ser que só nos apeteza durmir e que ata o simple feito de levantarnos da cama sexa un desafío (1 Reis 19:5-7). Que promete facer Xehová cando nos sentimos así de débiles?

11. De que outra forma nos axuda Xehová? (Salmo 94:18).

11 O que fai Xehová. El promete sosternos (le Salmo 94:18). Igual que un atleta lesionado necesita axuda para moverse, é posible que nós tamén a necesitemos para seguir activos no servizo a Xehová. Neses momentos, el asegúranos: “Eu, o Señor, son o teu Deus, que te collo da man dereita. Eu son quen che digo: non teñas medo. Eu son quen te axuda” (Is. 41:13). O rei David experimentou esa axuda. Cando se enfrontou a probas e inimigos, díxolle a Xehová: “A túa dereita sostenme” (Sal. 18:36 [18:35, TNM]). Pero, como nos sostén Xehová?

Acepta a axuda dos teus familiares, amigos e anciáns (ver os parágrafos 11 a 13).


12. A quen pode usar Xehová para axudarnos cando nos sentimos débiles?

12 Moitas veces Xehová sostennos motivando a outros a axudarnos. Nunha ocasión na que David se sentía débil, o seu amigo Ionatán visitouno para darlle apoio emocional e palabras de ánimo (1 Sam. 23:16, 17). Xehová tamén escolleu a Eliseo para axudar a Elías de maneira práctica (1 Reis 19:16, 21; 2 Reis 2:2). Hoxe en día, Xehová pode usar a familia, os amigos ou os anciáns para sosternos. Pero, é posible que se estamos deprimidos queiramos estar sós e tranquilos. Esta é unha reacción normal. Entón, que podemos facer para recibir a axuda de Xehová?

13. Que debemos facer para beneficiarnos da axuda de Xehová? (Ver tamén a imaxe).

13 O que temos que facer nós. Loitemos contra a tendencia a illarnos. Cando estamos sós, é fácil que perdamos o enfoque e que nos custe ver máis alá de nós mesmos e dos nosos problemas. Esta maneira de ver as cousas pode levarnos a tomar malas decisións (Prov. 18:1, TNM). Por suposto, todos necesitamos pasar tempo sós, sobre todo se estamos atravesando situacións moi difíciles. Pero se nos illamos durante demasiado tempo, poderiamos estar rechazando o medio que Xehová utiliza para sosternos. Por moi difícil que nos resulte, facemos ben en aceptar a axuda dos nosos familiares, amigos e anciáns. Vexámolos como o que realmente son: a forma na que Xehová nos sostén (Prov. 17:17; Is. 32:1, 2).

XEHOVÁ CONSOLARATE

14. Que situacións poderían darnos medo?

14 O desafío. Quizais pasemos por situacións nas que nos sintamos asustados. Na Biblia, algúns servos fieis de Deus falan de momentos nos que pasaron moita angustia e medo debido ós seus inimigos ou a outros problemas (Sal. 18:5 [18:4, TNM]; 55:2, 6 [55:1, 5, TNM]). De igual maneira, quizais nós tamén esteamos sufrindo oposición na escola, no traballo, na familia ou por parte do goberno. Incluso poderiamos ter medo a morrer debido a un problema de saúde. Neses momentos é posible que nos sintamos tan indefensos coma un neno pequeno. Como nos axuda Xehová nesas situacións?

15. Que seguridade nos dá o Salmo 94:19?

15 O que fai Xehová. El consólanos e tranquilízanos (le Salmo 94:19). Este salmo quizais nos faga pensar nunha neniña que ten moito medo e non pode durmir debido a unha forte tormenta. Podes imaxinar o seu pai indo onda ela, colléndoa no colo e abrazándoa ata que queda durmida. Aínda que a tormenta non acabou, ela séntese segura e tranquila nos brazos de seu pai. Cando pasamos por probas difíciles, quizais tamén necesitemos que o noso Pai celestial nos abrace, por así dicilo, ata que os nosos sentimentos se calmen. Como podemos recibir ese consolo de Xehová?

Deixa que teu Pai celestial te console por medio da Biblia (ver os parágrafos 15 e 16).


16. Que podemos facer para beneficiarnos do consolo de Xehová? (Ver tamén a imaxe).

16 O que temos que facer nós. Pasa tempo regularmente con Xehová, orándolle e lendo a súa Palabra (Sal. 77:2, 13-15 [77:1, 12-14, TNM]). Así, cando esteas baixo presión, probablemente o primeiro que fagas sexa buscar a axuda do teu Pai celestial. Cóntalle os teus temores e preocupacións. Despois, deixa que che fale e te console mediante a Biblia (Sal. 119:28). Verás que hai partes da Biblia que son especialmente animadoras cando tes medo. Por exemplo, pode axudarche moito ler Xob, os Salmos, Proverbios e tamén o capítulo 6 de Mateo. Se lle oras a Xehová e les a súa Palabra, sentirás como te consola.

17. Que seguridade temos?

17 Podemos ter a seguridade de que Xehová estará ó noso lado para axudarnos cando pasemos por unha traxedia. Nunca estaremos sós (Sal. 23:4; 94:14). El promete protexernos, estabilizarnos, sosternos e consolarnos. Falando de Deus, Isaías 26:3 (TNM) di: “Protexerás os que se apoian por completo en ti, daraslles unha paz constante, porque é en ti en quen confían”. Así que confía en Xehová e aproveita ben os medios que el usa para axudarte. Se o fas, poderás recuperar as forzas incluso nos momentos máis difíciles.

QUE RESPONDERÍAS?

  • Cando necesitamos especialmente a axuda de Xehová?

  • De que catro formas nos axuda Xehová durante momentos de moita angustia?

  • Que podemos facer para beneficiarnos da axuda de Xehová?

CANCIÓN sjj 12 Xehová, o noso gran Deus

a Cambiáronse algúns nomes.