Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 4

CANCIÓN sjj 30 Meu amigo, meu Deus, meu Pai

Xehová quérete moito

Xehová quérete moito

“O propio Pai vos ama” (XOÁN 16:27).

OBXECTIVO

Que o amor que Xehová sente por nós nos achegue máis a el e nos faga sentir seguros, ben coidados e reconfortados.

1. Que che vén á mente cando pensas en Xehová?

 PENSACHES algunha vez en como é Xehová? Cando lle oras, como o imaxinas? Aínda que non o podemos ver, a Biblia descríbeo de diferentes formas. Por exemplo, chámaselle “sol e escudo” e tamén “lume devorador” (Sal. 84:11, TNM; Heb. 12:29). Ezequiel tivo unha visión da presenza de Xehová e describiuna como unha pedra de zafiro, un metal brillante e un arco iris (Ezeq. 1:26-28). Quizais algunhas destas descricións nos impresionen moito ou incluso nos intimiden.

2. Que pode facer que a algúns lles resulte difícil acercarse a Xehová?

2 Como non podemos ver a Xehová quizais nos resulte difícil crer que nos quere. Ademais, as cousas que algúns viviron no pasado fanlles pensar que Deus nunca se fixaría neles e os querería. Pode ser que non tivesen un pai que lles dese cariño. Xehová entende como nos sentimos e como isto nos afecta. Para axudarnos, móstranos na Biblia a súa fermosa personalidade.

3. Por que deberiamos analizar máis de cerca o amor de Xehová?

3 A palabra que mellor describe a Xehová é amor (1 Xoán 4:8). Esta cualidade defíneo e inflúe en todo o que fai. O amor de Deus é tan grande e forte que incluso llo demostra ós que non o aman (Mat. 5:44, 45). Neste artigo imos afondar en como é o amor de Xehová. Canto máis aprendamos sobre o noso Deus, máis o quereremos.

XEHOVÁ QUÉRENOS MOITO

4. Como te fai sentir o amor de Xehová? (Ver tamén a imaxe).

4 Xehová quérenos moito (Xoán 16:27). Na Biblia compárase a si mesmo cunha nai cariñosa (Is. 66:12, 13). Imaxina como unha nai coida con amor do seu neniño pequeno. Cólleo no colo e fálalle de maneira cariñosa. Cando chora ou ten dor, asegúrase de darlle todo o que necesita. Da mesma forma, cando nós sufrimos tamén podemos contar co amor de Xehová. O salmista escribiu: “Cando medran as coitas no meu peito, o teu consolo alégrame o espírito” (Sal. 94:19).

“Coma un neno, a quen súa nai consola, así vos consolarei eu” (ver o parágrafo 4).


5. Que significa para ti o amor leal de Xehová?

5 Xehová é leal (Sal. 103:8, TNM). El non deixa de querernos cando cometemos algún erro. Os israelitas decepcionárono unha e outra vez pero, cando se arrepentiron, el expresoulles o enorme amor que lles tiña coas seguintes palabras: “Fuches ben querido ós meus ollos; fuches glorificado, o meu predilecto” (Is. 43:4, 5). O amor de Deus non cambiou. Sempre podemos contar con el. Incluso se cometemos erros graves Xehová non nos abandona. Se nos arrepentimos e nos volvemos acercar a el, veremos que nos segue querendo. De feito, prométenos que nos perdoará con xenerosidade (Is. 55:7). E a Biblia di que cando Deus nos perdoa fai “vir tempos para recuperar as forzas e o ánimo” (Feit. 3:19).

6. Que nos ensina Zacarías 2:12 (2:8, TNM) sobre Xehová?

6 Le Zacarías 2:12 (2:8, TNM). O ollo é unha parte moi sensible e importante do noso corpo. Así que cando Xehová nos compara coa meniña, ou pupila, do seu ollo é coma se dixese: “Quen lle fai dano ó meu pobo, faille dano a algo moi valioso para min”. Como nos ama, está atento ó que nos pasa e está desexando protexernos. El sente a nosa dor cando sufrimos. Por iso, podemos estar seguros de que nos contestará cando lle pidamos: “Gárdame coma á meniña dos teus ollos” (Sal. 17:8).

7. Por que necesitamos fortalecer a nosa confianza en que Xehová nos quere?

7 Xehová quere que esteamos convencidos de que nos ama a cada un de nós. Pero el sabe que, debido ás experiencias que vivimos no pasado, quizais nos custe aceptalo. Ou é posible que esteamos pasando agora mesmo por problemas que poñan a proba a nosa confianza en que el nos quere. Que pode axudarnos? Analizar como demostra Xehová o seu amor por Xesús, polos unxidos e por todos nós.

COMO EXPRESA XEHOVÁ O SEU AMOR

8. Por que estaba Xesús convencido de que seu Pai o amaba?

8 A relación que teñen Xehová e Xesús é a máis antiga que existe no Universo. Levan miles de millóns de anos xuntos no ceo e chegaron a sentir un amor inmenso un polo outro. Como lemos en Mateo 17:5, Xehová díxolle claramente a Xesús que o amaba. Podería ter dito simplemente: “El ten a miña aprobación”. Pero, quixo que soubésemos o moito que o quere e por iso o chamou “meu querido Fillo”. El estaba orgulloso do seu Fillo e do que este ía facer (Ef. 1:7). E Xesús non tiña dúbidas do que seu Pai sentía por el. Estaba totalmente convencido de que o amaba. De feito, asegurou en varias ocasións que seu Pai o quería (Xoán 3:35; 10:17; 17:24).

9. Que expresión describe o amor que Xehová sente polos unxidos? Explica a túa resposta (Romanos 5:5).

9 Xehová tamén di canto lles quere ós unxidos (le Romanos 5:5). Fíxate na expresión “vértese”. Unha obra de consulta explica que neste contexto se refire a algo que “vén sobre nós coma un río”. Que imaxe máis impresionante para mostrar canto ama Xehová os unxidos! Eles saben que Xehová os quere moito (Xud. 1). O apóstolo Xoán expresou o que eles senten cando escribiu: “Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus” (1 Xoán 3:1). Pero, ama Xehová só os unxidos? Non, demostrou que nos quere a todos nós.

10. Cal é a maior demostración de amor que Xehová fixo por ti?

10 Cal é a maior confirmación do amor que Xehová sente por nós? O rescate. De feito, é a mostra de amor máis grande do Universo! (Xoán 3:16; Rom. 5:8) Xehová entregou o seu querido Fillo e permitiu que morrese para que tódolos humanos poidamos recibir o perdón dos nosos pecados e chegar a ser amigos seus (1 Xoán 4:10). Canto máis meditemos no prezo que estiveron dispostos a pagar Xehová e Xesús, máis entenderemos o moito que nos queren a cada un de nós (Gál. 2:20). O rescate non se pagou simplemente para cumprir cun contrato legal. É un regalo feito por amor. Xehová demostrou canto nos quere sacrificando o máis valioso para el, a Xesús. Permitiu que o seu Fillo sufrise e morrese por nós.

11. Que aprendemos de Xeremías 31:3?

11 Como vimos, Xehová non oculta os seus sentimentos, senón que os expresa con cariño (le Xeremías 31:3). Como nos quere moito, acercounos a el (compara con Deuteronomio 7:7, 8). Nada nin ninguén pode separarnos do amor de Xehová (Rom. 8:38, 39). Como te fai sentir isto a ti? Ó ler o Salmo 23 fíxate no efecto que tivo en David sentir este amor e no que pode ter en todos nós.

COMO TE FAI SENTIR O AMOR DE XEHOVÁ?

12. Como resumirías o Salmo 23?

12 Le Salmo 23:1-6. No Salmo 23 David expresou a súa confianza en que Xehová o quería e o coidaba. Describiu a estreita amizade que tiña con Deus, a quen lle chamou o seu pastor. David sentíase seguro baixo a súa guía e confiaba totalmente nel. Sabía que Xehová lle seguiría demostrando o seu amor tódolos días da súa vida. Por que podía ter esta seguridade?

13. Por que estaba seguro David de que Xehová coidaría del?

13 “Nada me falta”. David sentía que Xehová coidaba ben del porque sempre lle dera todo o que necesitaba. Tamén sabía que Deus era o seu amigo e que tiña a súa aprobación. Por iso estaba seguro de que, sen importar o que lle pasase no futuro, sempre coidaría del. Confiaba en que o amor de Xehová era máis poderoso que calquera dos seus temores. Isto axudoulle a non preocuparse e a estar alegre e satisfeito (Sal. 16:11).

14. Como pode coidarnos Xehová?

14 Xehová cóidanos con cariño, especialmente cando nos pasan cousas malas. Claire, quen serviu en Betel durante máis de 20 anos, sentiuse indefensa cando a súa familia sufriu un golpe tras outro. a A seu pai deulle un ictus, unha das súas irmás foi expulsada e a súa familia perdeu a casa e o pequeno negocio que tiñan. Como lles demostrou Xehová o seu amor? Claire conta: “El encargouse de que a miña familia sempre tivese o necesario para cada día. Moitas veces deunos incluso máis do que necesitabamos. Penso con frecuencia nos momentos nos que Xehová coidou da miña familia con cariño, e nunca os esquecerei. Estes recordos axudáronme a seguir servíndoo a pesar dos problemas”.

15. Por que se sentía David reconfortado? (Ver tamén a imaxe).

15 “El repón as miñas forzas”. Ás veces, David sentíase angustiado por tódolos problemas e probas que estaba pasando (Sal. 18:5-7 [18:4-6, TNM]). Pero, o amor de Xehová reconfortábao. Deus levou o seu cansado amigo a “pastos verdecentes” e a “augas tranquilas”. Como resultado, David recuperou as forzas e puido seguir servindo a Xehová con alegría (Sal. 18:29-33 [18:28-32, TNM]).

O amor de Xehová reconfortou a David incluso cando estaba moi angustiado (ver o parágrafo 15).


16. Como te reconfortou sentir o amor de Xehová?

16 Hoxe en día, Xehová tamén nos coida cando pasamos por probas ou dificultades (Lam. 3:22; Col. 1:11). Fíxate no exemplo de Rachel. Ela quedou devastada cando o seu home a deixou a ela e tamén a Xehová durante a pandemia da COVID-19. Como a coidou Xehová? Ela conta: “Asegurouse de que me sentise querida. Deume amigos que pasaban tempo comigo, me traían comida, me mandaban mensaxes bonitas e textos bíblicos, me sorrían e me recordaban día tras día que Xehová coidaba de min. Doulle sempre as grazas por permitirme formar parte dunha familia tan bonita e grande”.

17. Por que non temía David ningún mal?

17 “Ningún mal temería, pois ti vas comigo”. A miúdo, a vida de David corría perigo e tiña que enfrontarse a moitos inimigos poderosos. Pero, o amor de Xehová facíao sentir seguro e protexido. David sentía que Deus estaba con el en tódalas situacións, e isto animábao. Por iso cantou: “[Xehová] líbrame de tódolos temores” (Sal. 34:5 [34:4, TNM]). Os medos de David eran reais, pero o amor de Xehová era máis forte cós seus temores.

18. Cando tes medo, como pode darche forzas estar convencido de que Xehová te quere?

18 Cando pasamos por situacións difíciles, como nos fortalece saber que Xehová nos quere? Unha pioneira que se chama Susi describe como se sentiron ela e o seu marido cando o seu fillo se suicidou: “Unha traxedia inesperada pode traumatizarnos e facernos sentir vulnerables e indefensos. Pero o amor de Xehová deunos seguridade e protección”. Rachel, da que xa falamos antes, recorda: “Unha noite na que estaba extremadamente triste, preocupada e asustada, oreille chorando a Xehová en voz alta. Nese mesmo momento sentín que el calmaba o meu corazón e que me tranquilizaba, igual que o fai unha nai co seu bebé. Finalmente, puiden durmir. Nunca esquecerei ese momento”. Un ancián que se chama Tasos pasou catro anos en prisión por negarse a ir ó exército. Como sentiu este irmán que Xehová o coidaba? El conta: “Xehová deume máis do que necesitaba. Isto fíxome estar máis seguro de que podo confiar completamente nel. Grazas ó seu espírito, tamén me sentía feliz a pesar de estar nun ambiente moi deprimente. Isto deume a garantía de que, canto máis cerca estea de Xehová, máis percibirei o seu amor. Así que, fíxenme pioneiro regular mentres estaba no cárcere”.

ACÉRCATE Ó TEU CARIÑOSO DEUS

19. a) Que efecto terá nas nosas oracións saber que Xehová nos ama? b) Que descrición do amor de Xehová che chegou máis ó corazón? (Ver o recadro “ Palabras que nos axudan a sentir o cariño e o amor de Xehová”).

19 As experiencias que mencionamos son proba de que Xehová, “o Deus do amor”, está ó noso lado (2 Cor. 13:11). El interésase persoalmente por cada un de nós. Por iso estamos convencidos de que ó seu pobo “rodéao o seu amor leal” (Sal. 32:10, TNM). Canto máis meditemos en como nos demostrou Xehová o seu amor, máis real se fará para nós e máis cerca estaremos del. Podemos achegarnos a Deus con liberdade e contarlle canto necesitamos o seu amor. Digámoslle todo o que nos preocupa coa seguridade de que nos entende e de que está desexando axudarnos (Sal. 145:18, 19).

20. Como nos acerca a Xehová o seu amor?

20 Igual que nos gusta estar cerca do lume cando temos frío, tamén nos gusta sentir o amor de Xehová. Aínda que o seu amor é poderoso, tamén é compasivo. Así que, esteamos felices porque Xehová nos quere e digámoslle tamén canto o amamos nós a el (Sal. 116:1).

QUE RESPONDERÍAS?

  • Como describirías o amor de Xehová?

  • Por que podes estar seguro de que Xehová te quere moito?

  • Como te fai sentir o amor de Xehová?

CANCIÓN sn 18 O amor de Xehová

a Cambiáronse algúns nomes.