Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 1

CANCIÓN sjj 2 Teu nome é Xehová

Deámoslle gloria a Xehová

Deámoslle gloria a Xehová

TEXTO PARA O ANO 2025: “Dádelle a Xehová a gloria que merece o seu nome” (SAL. 96:8, TNM).

OBXECTIVO

Aprender como lle podemos dar a Xehová a gloria que merece.

1. En que se centran moitos hoxe en día?

 DÉCHESTE conta de que hoxe en día moitas persoas se preocupan máis por elas mesmas que polos demais? Por exemplo, moitos usan as redes sociais para chamar a atención sobre si mesmos e presumir do que fan. Pero poucos lle dan gloria a Xehová. Neste artigo veremos que significa darlle gloria a Deus e que debería motivarnos a facelo. Tamén aprenderemos como podemos darlle a gloria que merece e como el mesmo glorificará o seu nome moi pronto.

QUE SIGNIFICA DARLLE GLORIA A XEHOVÁ?

2. Como demostrou Xehová a súa gloria no monte Sinaí? (Ver tamén a imaxe).

2 Que é a gloria? Na Biblia a palabra gloria pode referirse a todo o que fai que alguén sexa impresionante. Xehová fixo unha incrible demostración da súa gloria pouco despois de liberar a nación de Israel da escravitude en Exipto. Imaxina a escena: hai millóns de israelitas reunidos cerca do monte Sinaí para escoitar o que Deus lles tiña que dicir. Unha nube negra cubría a montaña. De repente, houbo un enorme terremoto e a montaña quedou rodeada de fume. Ó mesmo tempo caían raios, escoitábanse tronos e tamén o son moi alto dunha trompeta (Ex. 19:16-18; 24:17; Sal. 68:9 [68:8, TNM]). Pensa no impresionados que deberon quedar os israelitas con esta demostración que fixo Xehová da súa gloria.

No monte Sinaí, Xehová fíxolles ós israelitas unha incrible demostración da súa gloria (ver o parágrafo 2).


3. Que significa darlle gloria a Xehová?

3 E que hai de nós? Podemos as persoas darlle gloria a Xehová? Si. Unha maneira é falándolles a outros sobre o seu incrible poder e as súas bonitas cualidades. Tamén podemos facelo dándolle o mérito polas cousas que conseguimos grazas á súa axuda (Is. 26:12). O rei David foi un excelente exemplo disto. Nunha oración que fixo diante da congregación de Israel, díxolle a Deus: “Túa é, Señor, a maxestade, o poder, a gloria e a vitoria; túa a honra, e teu todo canto hai na terra e nos ceos”. Cando acabou a oración, “toda a asemblea bendiciu ó Señor” (1 Crón. 29:11, 20).

4. Como lle deu Xesús gloria a Xehová?

4 Cando Xesús estivo na Terra, deulle gloria ó seu Pai recoñecendo que era El quen lle daba o poder para facer milagres (Mar. 5:18-20). Tamén lle deu gloria pola maneira na que falou del e por como tratou os demais. Un día no que Xesús estaba ensinando nunha sinagoga, había alí unha muller que levaba 18 anos posuída por un demo. Por culpa deste demo, andaba toda dobrada e non era capaz de poñerse dereita. Seguro que esta situación era moi difícil para ela! Entón Xesús sentiu compaixón e díxolle con cariño: “Muller, quedas libre da túa enfermidade”. Despois puxo as mans sobre ela e “inmediatamente a muller púxose dereita e empezou a darlle gloria a Deus”. Estaba moi agradecida de que Xehová lle devolvese a saúde e a dignidade (Luc. 13:10-13). Tiña boas razóns para darlle gloria, e nós tamén as temos.

QUE NOS MOTIVA A DARLLE GLORIA A XEHOVÁ?

5. Que razóns temos para respectar a Xehová?

5 Dámoslle gloria porque o respectamos profundamente. Temos moitas razóns para respectar a Xehová. El ten o poder para facer todo o que quere, e nunca se cansa (Sal. 96:4-7). A súa inmensa sabedoría vese claramente nas cousas que fixo. É quen nos deu a vida e todo o que necesitamos para mantela (Apoc. 4:11). Tamén é leal (Éx. 34:6). Ademais, todo o que fai ten éxito e sempre cumpre as súas promesas (Xos. 23:14). Entendemos ben por que o rei David dixo de Xehová: “Señor Iavé, non hai outro coma ti” (2 Sam. 7:22). Está claro que temos boas razóns para respectar o noso Pai celestial. Pero Xehová non só merece que o respectemos. As súas fermosas cualidades fan que tamén o queiramos moito.

6. Por que queremos a Xehová?

6 Dámoslle gloria porque o queremos moito. Vexamos varias cualidades de Xehová que fan que o amemos. É misericordioso e compasivo (Sal. 103:13; Is. 49:15). Mostra empatía (Zac. 2:12 [2:8, TNM]). Axúdanos para que o coñezamos e cheguemos a ser os seus amigos (Sal. 25:14; Feit. 17:27). E ademais é humilde, porque “baixa para coidar do ceo e mais da terra” e “ergue do po os indixentes, levanta os pobres do esterco” (Sal. 113:6, 7). Como non imos querer darlle gloria a Xehová? (Sal. 86:12).

7. Que oportunidade especial temos?

7 Dámoslle gloria porque queremos que outros o coñezan. Moitos non saben a verdade sobre Xehová. Por que? Porque o Demo cegoulles a mente ó contar mentiras terribles sobre Deus (2 Cor. 4:4). Satanás convenceu a xente de que Xehová é vingativo, de que non se preocupa por nós e de que é o culpable da maior parte do sufrimento deste mundo. Pero nós sabemos que isto non é certo! Temos a oportunidade de contarlles ós demais como é Deus realmente e que así vexan as súas marabillosas cualidades (Is. 43:10). O Salmo 96 céntrase en glorificar a Xehová. Mentres analizamos algunhas das palabras inspiradas deste salmo, pensa en como podes darlle a Xehová a gloria que tanto merece.

COMO PODEMOS DARLLE A XEHOVÁ A GLORIA QUE MERECE?

8. Cal é unha maneira de darlle gloria a Xehová? (Salmo 96:1-3).

8 Le Salmo 96:1-3. Podemos darlle gloria a Xehová co que dicimos sobre el. Estes versículos dinnos: “Cantádelle ó Señor”, “bendicide o seu nome”, “pregoade tódolos días a súa salvación” e “cantade entre as xentes a súa gloria”. Todas estas son maneiras nas que podemos glorificar o noso Pai celestial. Os xudeus fieis e os cristiáns do primeiro século non dubidaron en defender a reputación de Xehová e en falarlles a outros sobre tódalas cousas boas que fixera por eles (Dan. 3:16-18; Feit. 4:29). Como podemos nós facer o mesmo?

9, 10. Que aprendes da experiencia de Angelina? (Ver tamén a imaxe).

9 Vexamos o exemplo de Angelina, unha irmá que vive nos Estados Unidos. a Ela defendeu con valor a reputación de Xehová na empresa na que traballa. Cando acababa de empezar, invitárona a unha reunión onde os novos podían contarlles ós compañeiros algo sobre eles mesmos. Angelina preparou unha presentación con fotos para explicar o feliz que é sendo testemuña de Xehová. Pero, xusto antes de que lle tocase falar, un compañeiro contou que fora criado como testemuña de Xehová e empezou a burlarse das nosas crenzas. Angelina conta: “O corazón palpitábame moi rápido. Pero pensei: ‘Vou permitir que alguén conte mentiras sobre Xehová? Ou vou dar a cara por el?’”.

10 Cando o seu compañeiro acabou, Angelina fixo en silencio unha oración rápida. Entón díxolle con amabilidade: “A miña historia é parecida á túa. Eu tamén fun criada como testemuña de Xehová, e aínda o son hoxe”. O ambiente era tenso, pero Angelina mantivo a calma. Compartiu imaxes moi bonitas dela e dos seus amigos servindo con alegría a Xehová e explicou con respecto as súas crenzas (1 Ped. 3:15, 16). Cal foi o resultado? Cando Angelina acabou a súa presentación, o home xa estaba máis tranquilo. Incluso recoñeceu que tiña bos recordos de cando era novo e pasaba tempo coas testemuñas de Xehová. Angelina conta: “Xehová merece que o defendamos. É un honor contar a verdade sobre el”. Nós tamén temos o honor de louvar a Xehová e glorificalo incluso cando outros lle faltan ó respecto.

Podemos darlle gloria a Xehová co que dicimos (ver os parágrafos 9 e 10). b


11. Como seguiron ó longo da historia os verdadeiros servos de Xehová o principio que encontramos no Salmo 96:8 (TNM)?

11 Le Salmo 96:8 (TNM). Podemos darlle gloria a Xehová cos nosos bens materiais. Os verdadeiros servos de Xehová sempre o honraron desta maneira (Prov. 3:9). Por exemplo, os israelitas contribuíron para a construción e o mantemento do templo (2 Reis 12:5, 6 [12:4, 5, TNM]; 1 Crón. 29:3-9). Ademais, algúns discípulos de Xesús “usaban o que tiñan” para que el e os seus apóstolos tivesen o necesario (Luc. 8:1-3). Os cristiáns do primeiro século tamén lles mandaron cartos ós irmáns cando houbo unha época de fame (Feit. 11:27-29). E hoxe en día tamén podemos glorificar a Xehová coas nosas doazóns voluntarias.

12. Como poden darlle gloria a Xehová as nosas doazóns? (Ver tamén a imaxe).

12 Vexamos tan só unha experiencia que demostra como as nosas doazóns lle dan gloria a Xehová. En Cimbabue houbo unha longa temporada de seca no ano 2020. A vida de millóns de persoas estaba en perigo, incluída a da nosa irmá Prisca, porque non había comida. A pesar da seca, Prisca seguiu coa súa rutina de predicar os mércores e os venres, incluso cando era a época de traballar a terra. Os veciños burlábanse dela por estar predicando en vez de coidando dos seus campos. Dicíanlle: “Vas morrer de fame”. Entón ela respondíalles con valor: “Xehová nunca abandonou os seus servos”. Ó pouco, recibiu axuda humanitaria da nosa organización. Esta axuda foi posible grazas ás doazóns de cada un de nós. Os veciños quedaron impresionados e dixéronlle: “Deus nunca te abandonou, así que queremos aprender máis del”. Finalmente, sete dos seus veciños empezaron a asistir ás reunións de congregación.

Podemos darlle gloria a Xehová cos nosos bens materiais (ver o parágrafo 12). c


13. Como pode darlle gloria a Xehová a nosa conduta? (Salmo 96:9).

13 Le Salmo 96:9. Podemos darlle gloria a Xehová coa nosa conduta. Os sacerdotes que servían a Xehová no tabernáculo, e máis tarde no templo, tiñan que estar limpos fisicamente (Éx. 40:30-32). Nós tamén temos que manter limpo o corpo, pero é aínda máis importante que manteñamos limpa a conduta, é dicir, que non fagamos nada que Xehová odie (Sal. 24:3, 4; 1 Ped. 1:15, 16). A Biblia di que temos que quitar a “vella personalidade” e poñer a “nova personalidade”. Isto significa que facemos todo o posible por evitar pensamentos e comportamentos que non lle gustan a Xehová. Máis ben, aprendemos a pensar e actuar de maneira que imitemos as súas fermosas cualidades (Col. 3:9, 10, TNM). Coa súa axuda, incluso a persoa máis inmoral e violenta pode cambiar e poñer a nova personalidade.

14. Que aprendes da experiencia de Jack? (Ver tamén a imaxe).

14 Fíxate no caso de Jack, un home violento e perigoso ó que lle chamaban “O Demo”. Polos crimes que cometera, condenárano a morte. Mentres esperaba a que o executasen, aceptou un curso da Biblia cando un irmán que visitaba o cárcere llo ofreceu. A pesar dos seus antecedentes, Jack quitou a vella personalidade e, co tempo, chegou a bautizarse. Cambiou tanto que, o día que o executaron, algúns gardas da prisión tiñan os ollos cheos de lágrimas cando se despediron del. Un sarxento que traballaba alí dixo: “Jack era un dos peores presos deste lugar. Agora é un dos mellores”. A semana seguinte á morte de Jack, os irmáns que foron a dirixir a reunión de entre semana ó cárcere coñeceron un preso que estaba asistindo por primeira vez. Que o motivou a ir? Aquel home quedara impresionado polo cambio na conduta de Jack e quería saber que tiña que facer para adorar a Xehová. Está claro que coa nosa conduta podemos glorificar o noso Pai! (1 Ped. 2:12).

Podemos darlle gloria a Xehová coa nosa conduta (ver o parágrafo 14). d


COMO GLORIFICARÁ XEHOVÁ O SEU NOME DENTRO DE POUCO?

15. Como glorificará Xehová o seu nome por completo dentro de pouco? (Salmo 96:10-13).

15 Le Salmo 96:10-13. Os últimos versículos do Salmo 96 describen a Xehová como Rei e Xuíz xusto. Como glorificará Xehová o seu nome dentro de pouco? Facendo xustiza. Pronto eliminará a Babilonia a Grande polas cousas horribles que fixo e polas mentiras que contou sobre el (Apoc. 17:5, 16; 19:1, 2). Algúns que vexan a destrución de Babilonia a Grande quizais empecen a adorar a Xehová xunta nós. Finalmente, no Armaxedón, Deus eliminará a tódolos que o odian e din mentiras sobre el, destruíndo así por completo o sistema de Satanás. Pero salvará os que o aman, o obedecen e queren glorificalo (Mar. 8:38; 2 Tes. 1:6-10). Unha vez que termine a proba final despois do Reinado de Mil Anos de Cristo, o nome de Xehová estará completamente santificado (Apoc. 20:7-10). Nese tempo “toda a terra coñecerá a gloria do Señor, como as augas enchen o mar” (Hab. 2:14).

16. Que estás decidido a facer? (Ver tamén a imaxe).

16 Que emocionante será cando todos lle deamos a Xehová a gloria que merece! Pero, mentres chega ese día, podemos facer a nosa parte aproveitando calquera oportunidade que teñamos para glorificar a Deus coas nosas palabras e accións. Para destacar esta responsabilidade tan importante, o Consello Reitor escolleu o Salmo 96:8 (TNM) como texto para o ano 2025: “Dádelle a Xehová a gloria que merece o seu nome”.

Finalmente, tódalas persoas lle darán a Xehová a gloria que merece o seu nome (ver o parágrafo 16).

CANCIÓN sjj 12 Xehová, o noso gran Deus

a Cambiáronse algúns nomes.

b DESCRICIÓN DA IMAXE.: Representación da experiencia de Angelina.

c DESCRICIÓN DA IMAXE: Representación da experiencia de Prisca.

d DESCRICIÓN DA IMAXE: Representación da experiencia de Jack.