Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 2

CANCIÓN sjj 132 Xa somos un

Maridos, mostrádelle amor e respecto á vosa muller

Maridos, mostrádelle amor e respecto á vosa muller

“Homes, convivide coas vosas mulleres [...] mostrándolle-lo debido respecto” (1 PED. 3:7).

OBXECTIVO

Analizar como pode un marido mostrarlle amor e respecto á súa muller co que di e fai.

1. Cal é unha razón pola que Xehová creou o regalo do matrimonio?

 XEHOVÁ é o “Deus feliz” e quere que nós tamén sexamos felices (1 Tim. 1:11, TNM). Por iso nos deu moitos regalos que nos permiten desfrutar da vida (Sant. 1:17). Un deles é o matrimonio. O día da voda, a muller e o home prometen quererse, respectarse e valorarse un ó outro. Cando ambos cónxuxes se seguen amando, os dous poden ser moi felices (Prov. 5:18).

2. Cal é a situación de moitos matrimonios hoxe en día?

2 Tristemente, moitos matrimonios da actualidade esquécense das promesas que fixeron o día da súa voda. Como resultado, non son felices. Un informe recente da Organización Mundial da Saúde indica que unha gran cantidade de maridos maltratan a súa muller física, verbal ou emocionalmente. Moitos dos que fan isto quizais dean a aparencia de ser amables coa súa muller cando están diante doutros, pero na casa maltrátana. Ademais, moitos ven pornografía, e iso tamén fai que a esposa se sinta pouco querida e infeliz.

3. Que factores poden contribuír a que un home maltrate a súa muller?

3 Que pode levar algúns homes a tratar mal a súa muller? Quizais foron criados nunha casa onde o pai era violento e por iso pensan que ese comportamento é normal. Outros están influenciados pola cultura que os rodea, que pode fomentar a idea equivocada de que “un home de verdade” debe usar a forza para demostrarlle á súa muller quen manda. Tamén hai homes ós que non se lles ensinou a controlar as súas emocións, entre elas a ira. E algúns teñen o costume de ver pornografía, o que pode levalos a ter unha visión equivocada das mulleres e do sexo. Ademais, os informes indican que a pandemia da COVID-19 fixo que aumentasen estes problemas. Por suposto, ningún destes factores xustifica que un home maltrate a súa muller.

4. Contra que se deben protexer os maridos, e por que?

4 Os homes casados que serven a Xehová deben ter moito coidado de non ver as mulleres de forma equivocada. a Por que? Unha razón é que, a miúdo, un pensamento leva a unha acción. O apóstolo Paulo advertiu os cristiáns unxidos de Roma de que deixasen de adaptarse a este sistema (Rom. 12:1, 2). Cando Paulo lles escribiu ós romanos, a congregación xa se formara había uns anos. Aínda así, as palabras de Paulo dan a entender que algúns seguían sendo influenciados polos costumes e pola forma de pensar do mundo. Por iso os animou a cambiar a súa maneira de pensar e o seu comportamento. Está claro que este consello tamén lles aplica ós maridos cristiáns na actualidade. Por desgraza, algúns deixáronse influír pola actitude do mundo e incluso chegaron a maltratar a súa muller. b Pero, como espera Xehová que un home trate a súa muller? Encontramos a resposta no texto temático deste artigo.

5. Segundo 1 Pedro 3:7, como debe tratar o marido a súa muller?

5 Le 1 Pedro 3:7. Xehová pídelles ós homes que respecten a súa muller. Un marido que fai isto trátaa de maneira amable e cariñosa. Neste artigo imos analizar como os homes casados poden mostrarlle respecto á súa esposa. Pero primeiro imos analizar que comportamentos a deshonran.

REXEITA OS COMPORTAMENTOS QUE DESHONRAN A TÚA MULLER

6. Que pensa Xehová dun home que maltrata a súa muller fisicamente? (Colosenses 3:19).

6 Non a maltrates fisicamente. Xehová odia tódalas persoas que son violentas (Sal. 11:5). E odia especialmente os homes que maltratan a súa esposa (Mal. 2:16; le Colosenses 3:19). Segundo o texto temático de 1 Pedro 3:7, se un marido non trata ben a súa muller, danará a súa relación con Xehová. Incluso pode ser que Deus non escoite as súas oracións.

7. Segundo Efesios 4:31, 32, que tipo de fala teñen que evitar os maridos? (Mira tamén a “Idea importante”).

7 Non a maltrates verbalmente. c Algúns maridos maltratan a súa muller falándolle con agresividade e dicíndolle cousas que lle fan dano. Pero Xehová odia a “carraxe, ira, berros ou aldraxes” (le Efesios 4:31, 32). El escoita todo o que dicimos e preocúpalle a maneira na que un home lle fala á súa muller, incluso cando están sós. Un marido que se expresa de maneira brusca coa súa esposa non só dana o seu matrimonio, senón tamén a súa relación con Deus (Sant. 1:26).

8. Que opina Xehová da pornografía, e por que?

8 Non vexas pornografía. Que opina Xehová da pornografía? El ódiaa. Así que, un marido que ve imaxes inmorais dana a súa relación con Xehová e estalle faltando ó respecto á súa muller. d Xehová espera que o marido se manteña leal á súa muller non só co que fai, senón tamén co que pensa. Xesús dixo que un home que mira con paixón outra muller que non é a súa xa cometeu adulterio “no seu corazón” (Mat. 5:28, 29). e

9. Por que odia Xehová que un home lle insista á súa muller en realizar prácticas sexuais que a fagan sentir degradada?

9 Non intentes que realice prácticas sexuais que a fagan sentir degradada. Algúns maridos insístenlle á súa muller para que participe en prácticas sexuais que a fan sentir sucia, maltratada ou pouco querida. Xehová odia esa actitude fría e egoísta. El espera que os esposos traten con amor e bondade a súa esposa, e que respecten os seus sentimentos e a súa conciencia (Ef. 5:28, 29). Que pode facer un home cristián se caeu nalgún dos comportamentos dos que falamos neste subtítulo? Que pode facer para cambiar a súa maneira de pensar e actuar?

COMO SUPERAR AS MALAS CONDUTAS

10. Como lles pode axudar ós maridos o exemplo de Xesús?

10 Que pode axudarlle a un home a superar a conduta abusiva ou degradante? Esforzarse por imitar a Xesús. Aínda que el nunca casou, a maneira na que tratou os seus discípulos é un modelo de como un home debe tratar a súa muller (Ef. 5:25). Vexamos, por exemplo, que poden aprender os maridos da forma na que Xesús tratou e lles falou ós seus apóstolos.

11. Como tratou Xesús os seus apóstolos?

11 Xesús tratou os seus apóstolos con cariño e dignidade. Nunca foi brusco nin dominante. Aínda que el era o seu Señor e Mestre, non sentía a necesidade de deixar clara a súa autoridade demostrando o seu poder. Máis ben, serviunos con humildade (Xoán 13:12-17). El díxolles: “Aprendede de min, porque son apracible e humilde de corazón. Comigo encontraredes alivio” (Mat. 11:28-30). Fíxate en que Xesús foi apracible. Unha persoa apracible non é débil, máis ben ten a forza interior necesaria para controlarse a si mesma. Incluso cando a provocan, mantén a calma e controla a súas emocións.

12. Como lles falou Xesús a outros?

12 Xesús usou as súas palabras para consolar e animar a outros. El non lles falou de maneira brusca ós seus seguidores (Luc. 8:47, 48). Incluso cando os seus inimigos o insultaban e intentaban provocalo, “non devolvía aldraxes [ou insultos]” (1 Ped. 2:21-23). Ás veces incluso preferiu quedar calado antes que contestar mal (Mat. 27:12-14). Que bo exemplo para os maridos cristiáns!

13. Segundo Mateo 19:4-6, como pode un marido “[unirse] á súa muller”? (Ver tamén a imaxe).

13 Xesús ensinoulles ós maridos a ser leais á súa esposa. El citou as palabras do seu Pai, que dixo que un home ten que “[unirse] á súa muller” (le Mateo 19:4-6). O verbo grego orixinal que aparece nesta pasaxe para unirse significa literalmente “adherirse”. Por iso, a unión entre un home e a súa muller debería ser tan forte que é coma se estivesen pegados un ó outro. Esta unión non se pode romper sen que os dous sufran. Un marido que ten esta relación tan estreita coa súa esposa rechazará calquera forma de pornografía. Apartará inmediatamente a mirada de calquera cousa que non serve para nada (Sal. 119:37). De feito, coma Xob, está decidido a non mirar con paixón a outra muller que non sexa a súa (Xob 31:1).

Un marido leal rechaza ver pornografía (ver o parágrafo 13). g


14. Que pasos debe dar un marido que maltrata a súa muller para reparar a súa relación con ela e con Xehová?

14 Un home que maltrata física ou verbalmente a súa muller necesita dar diferentes pasos para reparar a súa relación con ela e con Xehová. Cales son? Primeiro, recoñecer que ten un problema serio. Non se lle pode esconder nada a Xehová (Sal. 44:22 [44:21, TNM]; Ecl. 12:13 [12:14, TNM]; Heb. 4:13). Segundo, deixar de maltratar a súa muller e cambiar o seu comportamento (Prov. 28:13). Terceiro, recoñecer que lle fixo moito dano á súa muller e a Xehová e pedirlles perdón ós dous sinceramente (Feit. 3:19). Tamén debe pedirlle a Xehová o desexo de cambiar e a axuda necesaria para controlar os seus pensamentos, as súas palabras e as súas accións (Sal. 51:12-14 [51:10-12, TNM]; 2 Cor. 10:5; Filip. 2:13). Cuarto, actuar de acordo coas súas oracións aprendendo a odiar calquera tipo de violencia e de maltrato verbal (Sal. 97:10). Quinto, buscar inmediatamente a axuda dos cariñosos anciáns da congregación (Sant. 5:14-16). Sexto, facer un plan que lle axude a evitar calquera destas malas condutas no futuro. Un home casado que ve pornografía tamén debe seguir estes mesmos pasos. Xehová bendicirá os esforzos que faga por cambiar o seu comportamento (Sal. 37:5). Pero non é suficiente que un marido deixe de facer cousas que lle fan dano á súa muller. Tamén ten que aprender a respectala. Como pode facelo?

COMO HONRAR A TÚA MULLER

15. Como pode un marido demostrarlle cariño á súa muller?

15 Demóstralle cariño. Algúns irmáns que teñen un matrimonio moi feliz asegúranse de facer algo cada día para demostrarlle á súa muller canto a queren (1 Xoán 3:18). Un home pode demostrarlle á súa muller o seu amor con pequenas cousas, como colléndoa da man ou dándolle un abrazo. Tamén lle podería enviar unha mensaxe dicíndolle “Bótote de menos” ou preguntándolle “Que tal che vai o día?”. De vez en cando, quizais lle poida expresar o seu cariño escribíndolle unhas palabriñas ben escollidas nunha tarxeta. Cando un home fai estas cousas, honra a súa muller e fortalece o seu matrimonio.

16. Por que debería un home dicirlle á súa muller o que valora dela?

16 Exprésalle o valiosa que é para ti. Un home que honra a súa muller faille saber por que a aprecia e axúdalle a sentirse ben consigo mesma. Unha maneira de facelo é dándolle as grazas polo apoio que lle dá (Col. 3:15). Cando un home felicita con sinceridade a súa muller, alégralle o corazón. Tamén a fará sentir segura, querida e respectada (Prov. 31:28).

17. Como pode un home demostrar respecto pola súa muller?

17 Sé amable e respectuoso. Un home que ama a súa muller apréciaa moito. El considéraa un regalo de Xehová de tanto valor que non ten prezo (Prov. 18:22; 31:10). Como resultado, trátaa con amabilidade e respecto incluso nos aspectos máis íntimos e privados do seu matrimonio. Cando teñen relacións sexuais, non lle insiste en facer nada que a faga sentir incómoda, degradada ou que moleste a súa conciencia. f E el tamén ten que esforzarse ó máximo por manter a súa propia conciencia limpa ante Xehová (Feit. 24:16).

18. Que deben estar decididos a facer os maridos? (Ver tamén o recadro “ Catro formas de ser un marido respectuoso”).

18 Maridos, podedes estar seguros de que Xehová ponse contento cando ve que vos esforzades por honrar a vosa muller con todo o que dicides e facedes. Así que, decidídevos a honrala evitando calquera cousa que a poida ferir e sendo amables, respectuosos e cariñosos con ela. Desta maneira, demostrarédeslle que a amades e a valorades moito. Respectade a vosa muller e protexeredes a relación máis importante que tedes: a vosa amizade con Xehová (Sal. 25:14).

CANCIÓN sn 36 O que Xehová xuntou

a Maridos, asegurádevos de ler o artigo “Tratas as mulleres como o fai Xehová?” da revista A Atalaia de xaneiro de 2024.

b Se fuches maltratada pola túa parella, axudarache ler o artigo “Ayuda para las víctimas de la violencia doméstica” da serie “Otros temas” en jw.org e en JW Library® (dispoñible en español).

c IDEA IMPORTANTE: O maltrato verbal inclúe insultar e dicir cousas crueis para criticar ou facer sentir mal unha persoa. Abarca calquera cousa que se di con mala intención para rebaixar a persoa ou ofendela.

d Mira en jw.org e en JW Library o artigo “La pornografía puede destruir su matrimonio” (dispoñible en español).

e A unha muller que está casada cun home que ve pornografía pode serlle útil o artigo “Cando o teu cónxuxe ve pornografía” da revista A Atalaia de agosto de 2023.

f A Biblia non especifica que tipo de prácticas sexuais dentro dun matrimonio son consideradas limpas ou cales son impuras. Cada matrimonio cristián deberá tomar as súas propias decisións que demostren que queren honrar a Xehová, compracerse un ó outro e manter a súa conciencia limpa. Polo xeral, non falarán con ninguén máis sobre este aspecto tan íntimo do seu matrimonio.

g DESCRICIÓN DA IMAXE.: Os compañeiros de traballo non Testemuñas dun irmán intentan que mire unha revista pornográfica.