Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 5

CANCIÓN sn 18 O amor de Xehová

Que cousas boas temos grazas ó amor de Xehová?

Que cousas boas temos grazas ó amor de Xehová?

“Cristo Xesús veu ó mundo para salva-los pecadores” (1 TIM. 1:15).

OBXECTIVO

Aprender como nos beneficia o rescate e como podemos mostrarlle a Xehová o noso agradecemento.

1. Como podemos facer feliz a Xehová?

 IMAXINA que lle regalas algo moi bonito e práctico a alguén a quen queres. Que mal te sentirías se esa persoa simplemente gardase o teu regalo nun caixón e non volvese a mirar para el. Pero canto che gustaría que o utilizase e che dese as grazas por el. Cal é a idea? Xehová deu o seu Fillo para que morrese por nós. Que feliz se debe sentir cando ve que demostramos o noso aprecio por ese precioso regalo e polo seu amor, que foi o que o motivou a dar o rescate (Xoán 3:16; Rom. 5:7, 8).

2. Que veremos neste artigo?

2 Co paso do tempo, poderiamos empezar a dar por sentado o rescate. Quizais nos alegramos de telo pero non pensamos moito nel. Isto sería como gardar este agasallo de Deus nun caixón. Para evitar que isto nos pase, debemos pensar a miúdo en todo o que Deus e Cristo fixeron por nós. Este artigo pode axudarnos a facelo porque analizaremos como nos beneficiamos do rescate xa agora e como poderemos facelo no futuro. Tamén veremos como podemos demostrar o noso aprecio polo amor de Xehová, especialmente durante a época da Conmemoración.

COMO NOS BENEFICIAMOS XA AGORA

3. Cal é unha das maneiras nas que nos beneficiamos agora do rescate?

3 Xa nos estamos beneficiando do sacrificio de rescate de Cristo. Por exemplo, grazas a el, Xehová perdoa os nosos pecados. Non está obrigado, pero quere facelo. O salmista expresou o seu agradecemento por isto dicindo: “E é que ti, oh, Xehová, es bo e estás disposto a perdoar” (Sal. 86:5, TNM; 103:3, 10-13).

4. Para quen proveu Xehová o rescate? (Lucas 5:32; 1 Timoteo 1:15).

4 Quizais hai quen sente que non merece o perdón de Xehová pero, en realidade, ningún de nós o merecemos. Falando sobre isto, o apóstolo Paulo dixo: “Nin son merecente de me chamar apóstolo”. E, aínda así, engadiu: “Pola gracia de Deus son o que son” (1 Cor. 15:9, 10). Cando nos arrepentimos dos nosos pecados, Xehová perdóanos. Por que? Non porque o merezamos, senón porque nos quere. Se te sentes triste porque pensas que non es digno de recibir ese perdón, recorda que Xehová non proveu o rescate por persoas perfectas que nunca se equivocan, senón polas imperfectas que se senten mal polos seus pecados e intentan cambiar (le Lucas 5:32; 1 Timoteo 1:15).

5. Estaría ben que algún de nós sentise que ten o dereito de recibir a misericordia de Xehová? Explica a túa resposta.

5 Ninguén de nós debería pensar que, por levar moitos anos servindo a Xehová, ten dereito a que el o perdoe. Por suposto Deus valora e recorda todo o que fixemos por el (Heb. 6:10). Pero non nos deu o seu Fillo para pagar o noso servizo, senón coma un regalo gratuíto. Se dicimos que polas cousas que fixemos por Xehová gañamos a súa misericordia ou que temos dereito a unha consideración especial, sería como dicir que non necesitamos o rescate e que, polo tanto, Cristo morreu para nada (compara con Gálatas 2:21).

6. Por que se esforzou Paulo no seu servizo a Xehová?

6 Paulo sabía que, sen importar o moito que fixera por Xehová, El non tiña por que perdoalo. Entón, por que se esforzou tanto? Non para demostrar que merecese algo, senón para expresarlle a Deus agradecemento pola súa bondade e misericordia (Ef. 3:7). Igual que Paulo, seguimos servindo a Xehová con entusiasmo, non para ter dereito á súa misericordia, senón para demostrar agradecemento por ela.

7. De que outra maneira nos beneficiamos agora do rescate? (Romanos 5:1; Santiago 2:23).

7 Outra maneira na que nos beneficiamos do rescate xa agora é que este permítenos ter unha relación persoal e estreita con Xehová. a Como vimos no artigo anterior, non nacemos sendo amigos de Deus pero, grazas ó rescate, podemos desfrutar de estar “en paz con Deus” e acercarnos a el (le Romanos 5:1; Santiago 2:23).

8. Por que deberiamos agradecerlle a Xehová algo tan especial como é a oración?

8 Pensa en algo moi especial que podemos facer grazas a ser amigos de Xehová: orar. El non só escoita as oracións públicas que se fan cando estamos reunidos, senón tamén as que facemos cada un de nós en privado. A oración pode calmar o noso corazón e darnos paz mental, pero é moito máis que unha boa terapia. Permítenos fortalecer a nosa amizade con Deus (Sal. 65:3 [65:2, TNM]; Sant. 4:8; 1 Xoán 5:14). Cando Xesús estivo na Terra, oraba con frecuencia porque sabía que o seu Pai o estaba escoitando e que así mantería forte a relación con el (Luc. 5:16). Que agradecidos estamos de que, grazas ó sacrificio de Xesús, poidamos ser amigos de Xehová e incluso falar con el en oración!

COMO NOS BENEFICIAREMOS NO FUTURO

9. No futuro, como nos beneficiaremos do rescate os servos fieis de Deus?

9 No futuro, como nos beneficiaremos do rescate os servos fieis de Deus? El daranos vida eterna. Hai quen pensa que isto é imposible, porque as persoas sempre morreron. Pero o propósito orixinal de Xehová era que os humanos vivísemos para sempre. Se Adán non pecase, ninguén pensaría que a vida eterna é demasiado boa para ser certa, porque esa sería a nosa realidade. E aínda que hoxe en día isto pode parecer algo extraordinario, máis extraordinario foi o prezo que pagou Xehová para facer que sexa posible: a vida do seu querido Fillo (Rom. 8:32).

10. Que lles espera ós unxidos e ás outras ovellas?

10 Aínda que a vida eterna é algo do que desfrutaremos no futuro, Xehová quere que pensemos nela xa agora. Por un lado, os unxidos terán unha vida emocionante no ceo reinando sobre a Terra con Cristo (Apoc. 20:6). E por outro lado, as outras ovellas vivirán na Terra feita un paraíso, onde non haberá dor, sufrimento nin tristeza (Apoc. 21:3, 4). Formas parte do grupo que espera vivir para sempre na Terra? Isto non é un simple premio de consolación. É a vida para a que fomos deseñados, así que nos fará completamente felices.

11, 12. Cales son algunhas das bendicións que teremos no Paraíso e que esperamos con ilusión? (Ver tamén as imaxes).

11 Imaxina como será a túa vida no Paraíso. Non terás que preocuparte por enfermar ou morrer (Is. 25:8; 33:24). Ademais, Xehová darache tódalas cousas boas que queiras. E sobre que che apetece aprender? Física? Química? Música? Arte? Está claro que necesitaremos xente que saiba deseñar e construír casas, cultivar e preparar alimentos, fabricar ferramentas ou coidar da paisaxe (Is. 35:1; 65:21). Cunha vida eterna por diante terás tempo para aprender todas estas habilidades e moitísimas máis.

12 E que bonito será darlles a benvida ós que resuciten! (Feit. 24:15) Imaxina tamén canto desfrutaremos de coñecer mellor a Xehová aprendendo das cousas que el creou (Sal. 104:24; Is. 11:9). O mellor de todo será que, como xa non faremos nada malo, poderemos servir a Xehová sen sentirnos culpables nunca máis. Realmente cambiarías todo isto polo “pracer pasaxeiro do pecado”? (Heb. 11:25) Pois claro que non! Estas bendicións merecen calquera sacrificio que teñamos que facer agora. Recorda que o Paraíso non será sempre unha esperanza para o futuro porque, co tempo, será o lugar onde vivamos tódolos días. Nada disto sería posible se Xehová non nos quixese tanto como para entregar o seu Fillo por nós.

Que esperas con máis ganas do Paraíso? (Ver os parágrafos 11 e 12).


DEMOSTREMOS AGRADECEMENTO POLO AMOR DE XEHOVÁ

13. Como podemos demostrarlle a Xehová que agradecemos o seu amor? (2 Corintios 6:1).

13 Como podemos demostrarlle a Xehová que agradecemos que nos dese o rescate? Asegurándonos de que o noso servizo a el sexa o máis importante da nosa vida (Mat. 6:33). Despois de todo, Xesús morreu “a fin de que os que viven xa non vivan para si, senón para o que morreu e resucitou por eles” (2 Cor. 5:15). Non queremos esquecer o propósito desta mostra da bondade inmerecida de Deus (le 2 Corintios 6:1).

14. Como podemos demostrar fe na guía de Xehová?

14 Tamén podemos demostrar que valoramos o amor de Xehová confiando nel e seguindo a súa dirección. Como podemos facelo? Mediante as decisións que tomamos. Por exemplo, se te estás preguntando se necesitas máis estudos ou se aceptarás certo emprego, pensa no que Xehová quere que fagas (1 Cor. 10:31; 2 Cor. 5:7). Cando tomamos decisións baseadas na nosa fe en Xehová, sucede algo incrible: a nosa fe, a nosa relación con el e a nosa esperanza fortalécense aínda máis (Rom. 5:3-5; Sant. 2:21, 22).

15. Como podemos demostrar o noso agradecemento durante a época da Conmemoración?

15 Hai algunha outra maneira na que poidamos demostrar que apreciamos o amor de Xehová? Si, aproveitando a época da Conmemoración para demostrarlle canto agradecemos o rescate. Ademais de facer plans para asistir, podemos invitar a outros (1 Tim. 2:4). Cando invites alguén, explícalle que se fará durante a Conmemoración. Poden axudarche moito os vídeos Por que morreu Xesús? e Lembremos o sacrificio de Xesús. Os anciáns deben asegurarse de invitar os inactivos. Imaxina a alegría que haberá, tanto no ceo coma na Terra, se algunha ovelliña perdida de Xehová se sente impulsada a volver á congregación! (Luc. 15:4-7) O día da Conmemoración, poñámonos a meta de saudar a todos, especialmente os que veñen por primeira vez e os que levan moito tempo sen vir. Queremos que se sintan benvidos (Rom. 12:13).

16. Por que deberiamos pensar en predicar máis durante a temporada da Conmemoración?

16 Podes facer máis no servizo a Xehová durante a temporada da Conmemoración? Esta é unha moi boa maneira de demostrar o teu aprecio por todo o que fixeron Deus e Cristo. Canto máis participes na predicación, máis notarás o apoio de Xehová e, como resultado, máis confiarás nel (1 Cor. 3:9). Outra forma de demostrar agradecemento é manténdote ó día coa lectura da Biblia para a Conmemoración que aparece no folleto Analicemos as Escrituras tódolos días ou na táboa que encontrarás no Caderno de Estudo da reunión de entre semana. Incluso podes usar estes relatos bíblicos para facer un proxecto de estudo persoal.

17. Que fai feliz a Xehová? (Ver tamén o recadro “ Como podemos mostrarlle o noso agradecemento a Xehová”).

17 Claro, quizais as túas circunstancias non che permitan facer todo o que se menciona neste artigo. Pero recorda que Xehová non compara o que fas ti co que fan os demais, senón que ve o que hai no teu corazón. A el faino moi feliz ver canto agradeces o seu valioso regalo do rescate (1 Sam. 16:7; Mar. 12:41-44).

18. Por que estamos agradecidos a Xehová Deus e a Xesucristo?

18 Grazas ó rescate perdóansenos os pecados, podemos ser amigos de Deus e temos a esperanza de vivir para sempre. Nunca deixemos de demostrar que valoramos o amor de Xehová, que foi o que o motivou a darnos estas cousas marabillosas (1 Xoán 4:19). E amosemos sempre que estamos agradecidos polo que fixo Xesús, que nos amou tanto que deu a súa vida por nós (Xoán 15:13).

CANCIÓN sjj 154 O amor nunca falla

a Xehová perdoou os seus servos que viviron antes de que Xesús pagase o rescate. Puido facer isto porque estaba seguro de que o seu Fillo sería fiel ata a morte. Así que para El era coma se o rescate xa estivese pagado (Rom. 3:25).