Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 3

CANCIÓN sjj 35 Asegúrate do máis importante

Toma decisións que lle gusten a Xehová

Toma decisións que lle gusten a Xehová

“O temor de Xehová é o comezo da sabedoría, e o coñecemento do Santísimo é entendemento” (PROV. 9:10, TNM).

OBXECTIVO

Aprender como usar o coñecemento, o entendemento e o discernimento para tomar boas decisións.

1. A que reto nos enfrontamos todos?

 TEMOS que tomar decisións cada día. Algunhas son relativamente fáciles, como decidir que imos almorzar ou a que hora imos ir durmir. Outras son máis difíciles, como as que afectan á saúde, á felicidade, ós seres queridos e á adoración a Xehová. Queremos que as decisións que tomamos nos beneficien a nós e á nosa familia pero, sobre todo, desexamos que lle gusten a Xehová (Rom. 12:1, 2).

2. Que pasos che axudarán a tomar boas decisións?

2 É máis probable que tomes boas decisións se 1) te informas, 2) tes en conta o que pensa Xehová sobre o asunto e 3) valoras as diferentes opcións. A continuación analizaremos estes tres pasos. Isto axudaranos a ver como podemos mellorar o noso discernimento (Prov. 2:11).

INFÓRMATE

3. Pon un exemplo de por que necesitas informarte antes de tomar unha decisión.

3 O primeiro paso para tomar boas decisións é informarte. Por que é isto importante? Imaxina un paciente que vai ó médico porque ten un problema grave de saúde. Tomaría o médico unha decisión sobre que tratamento lle vai dar sen antes examinar o paciente ou sen facerlle algunhas preguntas? Está claro que non. Ti tamén tomarás mellores decisións se antes te informas sobre a situación. Como podes facelo?

4. Segundo Proverbios 18:13, como podes asegurarte de estar ben informado? (Ver tamén a imaxe).

4 Normalmente podes informarte facendo preguntas. Imaxina que te invitaron a unha reunión social. Deberías ir? Se non coñeces moi ben a quen a organiza nin os plans que se fixeron, terás que facerlle algunhas preguntas como: “Onde e cando será? Canto tempo durará? Quen se asegurará de que todo vaia ben? Quen asistirá? Que se vai facer? Haberá alcohol?”. As respostas a estas preguntas axudaranche a tomar a mellor decisión (le Proverbios 18:13).

Infórmate facendo preguntas (ver o parágrafo 4). a


5. Que debes facer cando xa te informaches?

5 Unha vez que xa teñas toda a información, trata de ver o cadro completo. Por exemplo, e se descobres que algunhas das persoas que asistirán non respectan os principios bíblicos ou que se servirán bebidas alcohólicas sen supervisión? Pensas que hai posibilidades de que se converta nunha festa descontrolada? (1 Ped. 4:3) Por outro lado, que pasa se coincide co horario da túa reunión de congregación ou co teu horario de predicación? Ó ver o cadro completo serache máis fácil tomar unha boa decisión. Pero aínda hai outro paso máis que debes dar. Xa sabes o que pensas ti sobre a situación, pero que opina Xehová? (Prov. 2:6).

TEN EN CONTA O QUE PENSA XEHOVÁ

6. Segundo Santiago 1:5, por que deberías pedirlle axuda a Xehová en oración?

6 Pídelle a Xehová que che axude a entender o que pensa sobre o asunto. El promete darnos a sabedoría que necesitemos para diferenciar as decisións que lle gustan das que non. El dá esta sabedoría “abondosamente e sen roñar” (le Santiago 1:5).

7. Como podes descubrir o que pensa Xehová sobre un asunto? Pon un exemplo.

7 Despois de orarlle a Xehová para que che dea a súa guía, presta moita atención á súa resposta. Por exemplo, se te perdes mentres estás de viaxe, é posible que lle pidas axuda a unha persoa que vive nesa zona. Pero, verdade que non marcharías antes de que che responda? Claro que non! Máis ben, escoitarías con atención as súas indicacións. De maneira parecida, despois de pedirlle sabedoría a Xehová, intenta identificar a súa resposta buscando na Biblia leis e principios que apliquen na túa situación. No caso de estar decidindo se asistir ou non á reunión social que mencionamos antes, poderías investigar o que di a Biblia sobre as festas descontroladas, as malas compañías e a importancia de poñer o Reino antes que as túas preferencias persoais (Mat. 6:33; Rom. 13:13; 1 Cor. 15:33).

8. Que podes facer se necesitas axuda para atopar a información que estás buscando? (Ver tamén a imaxe).

8 Aínda así, é posible que ás veces necesites axuda para atopar a información que estás buscando. Quizais poderías pedirlle consello a un irmán ou irmá de experiencia. Pero tamén che viría ben investigar por ti mesmo. Temos moitísima información dispoñible nas nosas ferramentas de estudo, como na Guía de estudo para as testemuñas de Xehová ou no libro Textos bíblicos para a nosa vida. Recorda que o teu obxectivo é tomar unha decisión que lle guste a Xehová.

Ten en conta o que pensa Xehová (ver o parágrafo 8) b


9. Como podes estar seguro de que as túas decisións lle gustarán a Xehová? (Efesios 5:17).

9 Como podes estar seguro de que as túas decisións lle gustarán a Xehová? Primeiro tes que coñecelo ben. A Biblia di: “O coñecemento do Santísimo é entendemento” (Prov. 9:10, TNM). Así que, o verdadeiro entendemento vén de coñecer as cualidades de Deus, o seu propósito e o que el ama ou odia. Pregúntate: “Co que sei sobre Xehová, que decisión lle gustará máis?” (le Efesios 5:17).

10. Por que son os principios bíblicos máis importantes que as tradicións familiares ou a cultura da zona onde vivimos?

10 Ás veces, para facer as cousas que lle gustan a Xehová temos que decepcionar os que nos rodean. Por exemplo, quizais uns pais con boas intencións insistan en que a súa filla adulta case cun home que ten moitos cartos e que incluso poida coidar deles, aínda que non estea centrado na súa relación con Deus. É normal que queiran que a súa filla teña unha vida cómoda, pero ela debería preguntarse se ese home lle axudará a ser unha cristiá máis madura. Como ve Xehová este asunto? Encontramos a resposta en Mateo 6:33. Alí pídesenos ós cristiáns que sigamos “buscando primeiro o Reino”. Aínda que honramos os nosos pais e respectamos as persoas da zona onde vivimos, o máis importante para nós é facer feliz a Xehová.

VALORA AS OPCIÓNS

11. Que cualidade que aparece en Filipenses 1:9, 10 (TNM) che axudará a valorar as túas opcións?

11 Cando xa identificaches os principios bíblicos que aplican na túa situación, agora debes valorar as diferentes opcións que tes (le Filipenses 1:9, 10, TNM). O discernimento permitirache imaxinar o que podería acabar pasando con cada unha delas. Algunhas decisións poden ser fáciles, pero non todas son así. O discernimento axudarache a decidir ben incluso en situacións complicadas.

12, 13. Como pode o discernimento axudarche a tomar boas decisións con respecto ó emprego?

12 Imaxina a seguinte situación. Estás buscando un emprego para manter a túa familia e ves que hai dous dispoñibles. Infórmaste de cousas como o tipo de traballo, o horario, o tempo de desprazamento e moitas outras cousas. Ambos empregos son aceptables para un cristián. Quizais che guste máis un que outro porque prefires facer ese tipo de traballo ou porque pagan mellor. Pero hai outros factores a ter en conta antes de decidir.

13 Por exemplo, impedirache algún dos traballos asistir a algunhas reunións de congregación? Deixarate sen tempo para coidar emocional e espiritualmente da túa familia? Facerte estas preguntas axudarache a poñer as cousas “máis importantes”, é dicir, a túa adoración a Xehová e as necesidades da túa familia, por encima dos beneficios económicos. Despois poderás tomar unha decisión que Xehová bendicirá.

14. Como poden o discernimento e o amor axudarche a non facer tropezar a outros?

14 O discernimento tamén te motivará a ter en conta como as túas decisións poderían afectarlles ós demais, para así “non [facer] tropezar a outros” (Filip. 1:10, TNM). Isto é importante cando tomamos decisións persoais sobre a nosa maneira de vestir e a nosa aparencia. Por exemplo, quizais prefiras un estilo en particular. Pero, que hai se ese estilo pode ofender a outros, tanto se forman parte da congregación coma se non? O discernimento axudarache a respectar os seus sentimentos, e o amor motivarate a buscar o interese “dos demais” e a ser modesto (1 Cor. 10:23, 24, 32; 1 Tim. 2:9, 10). Así tomarás unha decisión que demostre o amor e respecto que sentes por outros.

15. Que planificación é necesaria antes de actuar de acordo cunha decisión importante?

15 Se estás tomando unha decisión moi importante, pensa no que implicará actuar de acordo con ela. Xesús ensinounos a “calcular os gastos” (Luc. 14:28). Así que pensa no tempo, recursos e enerxías que terás que dedicar para conseguir que esa decisión funcione. Nalgúns casos, podes falar coa túa familia para decidir que sería necesario que fixese cada un de vós para que a decisión sexa un éxito. Por que é importante este tipo de planificación? Porque quizais che axude a ver que a túa decisión necesita algúns axustes ou que incluso é mellor escoller outra opción. Se tes en conta a túa familia e escoitas as súas ideas, eles estarán máis dispostos a esforzarse por facer que a decisión funcione (Prov. 15:22).

TOMA DECISIÓNS QUE FUNCIONEN

16. Que pasos che axudarán a facer que unha decisión funcione? (Ver tamén o recadro “ Como tomar boas decisións”).

16 Se seguiches os pasos anteriores, estás listo para escoller ben. Xa te informaches e examinaches os principios que che van axudar a tomar unha decisión que lle guste a Xehová. Agora podes pedirlle a el que che axude a facer que teña éxito.

17. Cal é a clave para tomar boas decisións?

17 Incluso se xa tomaches moitas decisións boas no pasado, recorda que a clave sempre é confiar na sabedoría de Xehová e non na túa propia intelixencia ou experiencia. El é o único que che pode dar verdadeiro coñecemento, entendemento e discernimento, que son a base da sabedoría (Prov. 2:1-5). Coa axuda de Xehová tomarás decisións que lle gusten (Sal. 23:2, 3).

CANCIÓN sjj 28 Quen pode ser amigo de Xehová?

a DESCRICIÓN DA IMAXE: Irmáns e irmás novos falando sobre a invitación a unha festa que recibiron nos seus teléfonos.

b DESCRICIÓN DA IMAXE: Un dos irmáns investigando antes de decidir se ir ou non á festa.