Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 28

O Reino xa está gobernando!

O Reino xa está gobernando!

“¡O reinado do mundo pasou a ser do noso Deus e do seu Mesías!” (AP. 11:15).

CANCIÓN snnw 136 Que veña o teu Reino, Xehová!

AVANCE a

1. De que estamos convencidos, e por que?

 Ó VER tódolos problemas que hai no mundo, fáiseche difícil crer que as cousas van mellorar? As familias cada vez están máis divididas. A xente estase volvendo máis violenta, egoísta e agresiva. A moitos cústalles confiar nas persoas que teñen autoridade. Non obstante, todo isto pode axudarnos a estar convencidos de que a situación vai mellorar. Por que? Porque a xente se comporta xusto como se predixo nunha importante profecía que fala sobre os últimos días (2 Tim. 3:1-5). Ningunha persoa sincera pode negar que esta profecía se está cumprindo. Ademais, o seu cumprimento demostra que Cristo Xesús xa comezou a gobernar como Rei do Reino de Deus. Pero esta é só unha das moitas profecías que falan do Reino. Repasar outras profecías que se cumpriron recentemente fortalecerá a nosa fe.

As profecías da Biblia que atopamos nos libros de Daniel e de Apocalipse encaixan como as pezas dun puzle. Dannos unha imaxe completa do momento da historia no que estamos e de canto falta para que Xehová cumpra as súas promesas (ver o parágrafo 2).

2. Que analizaremos neste artigo, e por que? (Ver a imaxe da portada da revista).

2 Neste artigo analizaremos 1) unha profecía que nos axuda a saber cando empezou a gobernar o Reino, 2) algunhas profecías que nos axudan a entender que Xesús xa é o Rei do Reino de Deus no ceo, e 3) outras profecías que mostran como serán eliminados os inimigos do Reino de Deus. Imos ver que estas profecías encaixan como as pezas dun puzle, e dannos unha imaxe completa do momento da historia no que estamos e de canto falta para que Xehová cumpra as súas promesas.

COMO SABEMOS CANDO COMEZOU A GOBERNAR O REINO?

3. Que nos asegura a profecía que encontramos en Daniel 7:13, 14 sobre o Rei do Reino de Deus?

3 A profecía que encontramos en Daniel 7:13, 14 asegúranos que Cristo Xesús é o mellor Rei que pode ter o Reino de Deus. Persoas de tódalas nacións servirano de boa gana e non haberá ningún outro gobernante despois del. Outra profecía do libro de Daniel predixo que Xesús comezaría a gobernar ó final dun período coñecido como os sete tempos. É posible saber cando comezou a reinar Xesús?

4. Explica como nos axuda Daniel 4:10-17 (TNM) a saber en que ano se converteu Xesús en Rei (ver tamén a nota).

4 Le Daniel 4:10-17 (TNM). Os “sete tempos” representan un período de 2520 anos. Este período comezou no ano 607 antes da nosa era, cando os babilonios conquistaron Xerusalén. Nese momento deixou de haber reis que representasen o goberno de Xehová na Terra. Os “sete tempos” remataron en 1914, cando Xehová converteu a Xesús, “o que ten o dereito legal”, no Rei do Reino de Deus (Ez. 21:25-27, TNM). b

5. Como nos beneficia a profecía dos “sete tempos”?

5 Como nos beneficia esta profecía? Entender a profecía dos “sete tempos” axúdanos a estar convencidos de que as promesas de Deus se cumpren no momento debido. Xesús converteuse en Rei no momento que Xehová escollera. Así que podemos estar seguros de que tódalas demais profecías tamén se cumprirán cando chegue o momento que Xehová escolleu. O día de Xehová non chegará tarde (Hab. 2:3).

POR QUE SABEMOS QUE CRISTO XA GOBERNA COMO REI DO REINO DE DEUS?

6. a) Que probas temos de que Xesús xa está gobernando no ceo? b) Como confirma a profecía de Apocalipse 6:2-8 estas probas?

6 Cando estaba a punto de terminar o seu ministerio na Terra, Xesús predixo algúns sucesos que lles axudarían ós seus seguidores a saber que xa comezara a reinar no ceo. Entre outras cousas, falou de guerras, fames e terremotos. Tamén predixo que habería pestes, ou enfermidades, en diversos lugares. Un exemplo disto é a pandemia da COVID-19. Estes acontecementos forman parte do que a Biblia chama “o sinal” da presenza de Cristo (Mt. 24:3, 7; Lc. 21:7, 10, 11). Máis de 60 anos despois de que Xesús morrese e volvese ó ceo, confirmoulle ó apóstolo Xoán que estas cousas ían pasar (le Apocalipse 6:2-8). Todos estes sucesos ocorreron dende que Xesús se converteu en Rei en 1914.

7. Por que foi a peor o mundo cando Xesús se converteu en Rei?

7 Por que foi a peor o mundo cando Xesús se converteu en Rei? Apocalipse 6:2 menciona un detalle importante. O primeiro que fixo Xesús como Rei do Reino de Deus foi loitar nunha guerra. Contra quen? Contra Satanás e os seus demos. O capítulo 12 de Apocalipse di que Satanás e os seus demos perderon a batalla, e que foron botados á Terra. Como resultado, o Demo soltou toda a súa rabia contra a humanidade, o que provocou moito sufrimento no mundo (Apocalipse 12:7-12).

Non nos alegramos cando pasan cousas malas, pero ver que se cumpren as profecías da Biblia axúdanos a estar convencidos de que o Reino de Deus xa está gobernando (ver o parágrafo 8).

8. Como nos beneficia ver que se cumpren as profecías sobre o Reino?

8 Como nos benefician estas profecías? Os acontecementos mundiais e o cambio tan grande que houbo na actitude da xente axúdannos a saber que Xesús xa é Rei. Así que, en vez de amargarnos ó ver tanto odio e egoísmo no mundo, recordamos que isto significa que as profecías da Biblia se están cumprindo. O Reino xa está gobernando! (Sal. 37:1) E podemos esperar que as cousas vaian a peor a medida que se acerque o Harmaguedón (Mc. 13:8; 2 Tim. 3:13). Verdade que lle estamos moi agradecidos ó noso Pai celestial por axudarnos a entender por que hai tantos problemas no mundo?

COMO SERÁN ELIMINADOS OS INIMIGOS DO REINO DE DEUS?

9. a) Como se describe a última potencia mundial en Daniel 2:28, 31-35 (TNM)? b) Cando empezou a gobernar esta potencia mundial?

9 Le Daniel 2:28, 31-35 (TNM). Hoxe en día estamos vendo como se está cumprindo esta profecía. O soño de Nabucodonosor indicou o que pasaría “na parte final dos días”, despois de que Cristo comezase a gobernar. Entre os inimigos de Xesús na Terra estaría a última potencia mundial que se predixo na Biblia, representada polos “pés de ferro e barro”. Esta potencia mundial empezou a gobernar durante a Primeira Guerra Mundial, cando O Reino Unido e Os Estados Unidos formaron unha alianza especial. A estatua do soño de Nabucodonosor tamén predixo polo menos dúas cousas polas que esta potencia se distinguiría das anteriores.

10. a) Como se describe con exactitude a alianza entre O Reino Unido e Os Estados Unidos na profecía de Daniel? b) Que perigo debemos evitar? (Ver o recadro “ Coidado co barro!”).

10 En primeiro lugar, a alianza entre O Reino Unido e Os Estados Unidos é diferente das outras potencias desta visión porque non se simboliza cun metal sólido e compacto coma o ouro ou a prata, senón cunha mestura de ferro e barro. O barro representa “a descendencia da humanidade”, é dicir, a xente común (Dn. 2:43, TNM, nota). Na actualidade, é moi evidente que ós líderes desta potencia se lles fai difícil conseguir o que queren debido á influencia da xente nas eleccións, nas campañas a favor dos dereitos civís, nas manifestacións e protestas, e nos sindicatos.

11. Ó ver que a potencia mundial formada polo Reino Unido e Os Estados Unidos está gobernando, como se fortalece a nosa confianza en que estamos vivindo no tempo do fin?

11 En segundo lugar, a potencia formada polo Reino Unido e Os Estados Unidos, representada polos pés da estatua, é a última potencia mundial que se predixo na Biblia. Non será substituída por ningún outro goberno humano. Máis ben, o Reino de Deus acabará con ela e con tódolos demais gobernos humanos dentro de moi pouco na guerra de Harmaguedón (Ap. 16:13, 14, 16; 19:19, 20). c

12. Que outras probas da profecía de Daniel nos animan e nos dan esperanza?

12 Como nos beneficia esta profecía? A profecía de Daniel dános máis probas de que estamos vivindo no tempo do fin. Hai máis de 2500 anos, Daniel predixo que, despois de Babilonia, habería outras catro potencias mundiais que terían un grande impacto no pobo de Deus. Ademais, revelou que a última delas sería a potencia mundial formada polo Reino Unido e Os Estados Unidos. Isto anímanos e dános a esperanza de que pronto o Reino de Deus acabará con tódolos gobernos humanos e gobernará sobre toda a Terra (Dn. 2:44).

13. a) Que simbolizan o “oitavo rei” e os “10 reis” mencionados en Apocalipse 17:9-12 (TNM)? b) Como se cumpriu esta profecía?

13 Le Apocalipse 17:9-12 (TNM). A Primeira Guerra Mundial fixo moitísimo dano en todo o mundo. Isto levou ó cumprimento doutra profecía da Biblia sobre os últimos días. Os líderes mundiais quixeron asegurarse de que o mundo estivese en paz. Por iso, en xaneiro de 1920 formaron a Sociedade de Nacións, que foi substituída pola Organización das Nacións Unidas en outubro de 1945. A esta organización chámaselle “un oitavo rei”. Pero non é unha potencia mundial. O seu poder e a súa influencia dependen dos gobernos que a apoian. A Biblia chámalles a estes gobernos os “10 reis”.

14, 15. a) Que di Apocalipse 17:3-5 sobre Babilonia a Grande? b) Que está pasando co apoio que ten a relixión falsa?

14 Le Apocalipse 17:3-5. Nunha visión, Deus fixo que Xoán vise unha prostituta, Babilonia a Grande, que simboliza o imperio mundial da relixión falsa. Como se cumpriu esta visión? Dende hai moito tempo, as relixións falsas colaboran estreitamente cos gobernos e apóianos. Pero pronto Xehová poñerá no corazón destes gobernantes facer o que el ten pensado. Cal será o resultado? Estes gobernos, ou “10 reis”, atacarán e destruirán tódalas relixións falsas (Ap. 17:1, 2, 16, 17).

15 Como sabemos que pronto chegará o fin de Babilonia a Grande? Algo que nos axudará a responder esta pregunta é recordar que unha parte da antiga cidade de Babilonia estaba protexida polas augas do río Éufrates. O libro de Apocalipse di que os millóns de persoas que apoian a Babilonia a Grande son como “augas” que a protexen (Ap. 17:5). Pero tamén explica que esas augas secarían (Ap. 16:12). Isto indica que moitas persoas deixarían de apoiar a relixión falsa. Hoxe en día, esta profecía estase cumprindo porque hai moitas persoas que non son relixiosas e que buscan a solución ós seus problemas noutros sitios.

16. Como nos beneficia entender as profecías sobre cando se formou a Organización das Nacións Unidas e sobre cando será destruída Babilonia a Grande?

16 Como nos benefician estas profecías? A formación da Organización das Nacións Unidas e o feito de que moita xente xa non apoie a relixión falsa, demostra que vivimos nos últimos días. Pero, aínda que estas augas simbólicas estean secando, iso non será o que vai acabar coa relixión falsa. Como xa vimos, Xehová fará que os “10 reis”, é dicir, os gobernos políticos que apoian as Nacións Unidas, cumpran o que el ten pensado. Estes gobernos destruirán de repente a Babilonia a Grande, e iso é algo que a xente deste mundo non espera (Ap. 18:8-10). d A destrución de Babilonia a Grande terá un impacto enorme a nivel mundial, e pode ser que cause problemas. Pero o pobo de Deus terá polo menos dúas razóns para alegrarse. Por un lado, desaparecerá a relixión falsa, un dos inimigos de Xehová dende hai moito tempo. E, por outro, faltará pouco para liberarnos por fin deste mundo cheo de maldade (Lc. 21:28).

MIREMOS O FUTURO CON CONFIANZA

17, 18. a) Como podemos seguir fortalecendo a nosa fe? b) De que falaremos no seguinte artigo?

17 Daniel predixo: “O coñecemento verdadeiro farase abundante”. E vaia se se cumpriu! Agora podemos entender profecías que falan do noso tempo (Dn. 12:4, 9, 10, TNM). Estas profecías son tan exactas que fan que respectemos aínda máis a Xehová e a súa Palabra (Is. 46:10; 55:11). Así que sigamos fortalecendo a nosa fe esforzándonos por estudar as Escrituras e por axudar a outros a conseguir unha boa relación con Xehová. El protexerá a tódolos que confíen completamente nel e daralles “paz constante” (Is. 26:3, TNM).

18 No seguinte artigo falaremos dalgunhas profecías sobre a congregación cristiá no tempo do fin. Como veremos, esas profecías tamén demostran que vivimos nos últimos días. Ademais, analizaremos outras probas de que Xesús, o noso Rei que xa goberna, está dirixindo os seus seguidores fieis.

CANCIÓN sn 17 Adiante, sen nos parar!

a Vivimos nunha das etapas máis emocionantes da historia. Tal e como se predixo en moitas profecías da Biblia, o Reino de Deus xa está gobernando. Neste artigo imos analizar algunhas destas profecías. Isto fortalecerá a nosa fe en Deus, e axudaranos a estar tranquilos e a confiar en Xehová agora e no futuro.

b Mira a lección 32, punto 4, do libro Desfruta da vida para sempre!, e o vídeo O Reino de Deus empezou a gobernar en 1914, dispoñible en jw.org.

c Para máis información sobre a profecía de Daniel, mira a revista La Atalaya do 15 de xuño de 2012, páxinas 14 a 18, e 19.

d Para máis información sobre o que vai pasar no futuro, mira o capítulo 21 do libro El Reino de Dios ya está gobernando (dispoñible en español).