Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 31

Valoremos o privilexio da oración

Valoremos o privilexio da oración

“Suba a miña oración coma o incenso ante ti” (SAL. 141:2).

CANCIÓN sjj 47 Nunca esquezas orar

AVANCE a

1. Como te sentes ó saber que lle podes orar a Xehová?

 O CREADOR do ceo e da terra deunos un marabilloso regalo: a oración. Pensa nisto. Podemos abrirlle o noso corazón a Xehová en calquera momento e en calquera idioma, sen ter que pedir cita previa. Podemos falar con el desde a cama do hospital ou desde o cárcere, convencidos de que o noso cariñoso Pai nos vai escoitar. Verdade que agradecemos moito este regalo?

2. Como demostrou o rei David que valoraba moito o privilexio da oración?

2 O rei David valoraba moito o privilexio da oración. Cantoulle a Xehová: “Suba a miña oración coma o incenso ante ti” (Sal. 141:1, 2). Naquel tempo, o incenso que utilizaban os sacerdotes para adorar a Xehová preparábase con moito coidado (Éx. 30:34, 35). É probable que David utilizase a comparación do incenso para explicar que quería pensar ben o que lle ía dicir ó seu Pai celestial. Nós queremos facer o mesmo, pois queremos que as nosas oracións lle agraden a Xehová.

3. Que actitude deberiamos ter cando lle oramos a Xehová, e por que?

3 Cando lle oramos a Xehová, debemos evitar ser demasiado informais. Máis ben, temos que orar con moito respecto. Pensa nas impresionantes visións que tiveron Isaías, Ezequiel, Daniel e Xoán. Todas son diferentes, pero teñen algo en común: definen a Xehová coma un Rei impresionante. Por exemplo, Isaías viu a Xehová “sentado nun trono alto e levantado” (Is. 6:1-3). Ezequiel viu a Xehová sentado no Seu carro celestial, rodeado por un resplandor “coma o aspecto do arco que hai nas nubes un día de chuvia” (Ez. 1:26-28). Daniel viu o “Ancián de Días” vestido con roupa branca e chamas de lume que saían do seu trono (Dn. 7:9, 10, TNM). E Xoán viu a Xehová sentado nun trono rodeado por algo parecido a un fermoso arco iris de color esmeralda (Ap. 4:2-4). Cando meditamos na incomparable gloria de Xehová, recordamos o incrible privilexio que temos de orarlle e o importante que é facelo con respecto. Pero, sobre que deberiamos orar?

“VÓS, REZADE ASÍ”

4. Que aprendemos das primeiras palabras da oración modelo que encontramos en Mateo 6:9, 10?

4 Le Mateo 6:9, 10. No Sermón do Monte, Xesús ensinoulles ós seus discípulos a orar dunha maneira que lle agrade a Deus. Despois de dicir “vós, rezade así”, mencionou algunhas cousas importantes que están directamente relacionadas co propósito de Xehová: a santificación do seu nome, a chegada do Reino —que acabará con tódolos que se opoñen a Deus—, e as cousas boas que Xehová fará pola Terra e polas persoas no futuro. Cando incluímos estes asuntos nas nosas oracións, demostramos que a vontade de Deus é importante para nós.

5. Está ben orar sobre cousas persoais?

5 Na seguinte parte da oración, Xesús mostrou que está ben orar sobre cousas persoais. Podemos pedirlle a Xehová que nos dea a comida de cada día, que nos perdoe os nosos pecados, que nos protexa das tentacións e que nos libre de Satanás (Mt. 6:11-13). Cando lle pedimos a Xehová estas cousas, recoñecemos que necesitamos a súa axuda e que queremos agradarlle.

Cando un home ora coa súa muller, que cousas pode incluír na oración? (ver o parágrafo 6). b

6. Deberiamos orar só sobre as cousas que se mencionan na oración modelo? Explica a túa resposta.

6 Xesús non pretendía que os seus seguidores copiasen a oración modelo palabra por palabra. Noutras oracións que fixo, mencionou outros asuntos que lle preocupaban nese momento (Mt. 26:39, 42; Xn. 17:1-26). Do mesmo xeito, nós tamén podemos orar sobre calquera cousa que nos preocupe. Por exemplo, cando temos que tomar algunha decisión, podemos pedirlle a Xehová sabedoría e entendemento (Sal. 119:33, 34). Cando nos dan unha nova responsabilidade, podemos pedirlle que nos axude a saber como levala a cabo (Pr. 2:6). Os pais poden orar polos seus fillos, os fillos poden orar polos seus pais, e todos debemos orar polos nosos estudantes da Biblia e polas persoas ás que lles predicamos. Pero claro, as nosas oracións non deberían ser só para pedirlle cousas a Xehová.

Que podemos incluír nas nosas oracións para louvar a Xehová e darlle as grazas? (ver os parágrafos 7 a 9). c

7. Por que deberiamos louvar a Xehová cando lle oramos?

7 Deberiamos acordarnos de louvar a Xehová cando lle oramos. Ninguén merece máis honra que o noso Deus. El é bo e está disposto a perdoar. Ademais, é “compasivo e clemente, tardo á ira, grande en amor e lealdade” (Sal. 86:5, 15). Sen dúbida, temos boas razóns para louvar a Xehová por quen é e polo que fai.

8. Cales son algunhas cousas polas que lle damos as grazas a Xehová? (Salmo 104:12-15, 24).

8 Ademais de louvar a Xehová cando lle oramos, tamén lle damos as grazas polas marabillosas cousas que nos dá. Por exemplo, podemos darlle as grazas polas bonitas cores que vemos nas flores, pola incrible variedade de boa comida que temos, e pola alegría que sentimos cando estamos con bos amigos. O noso cariñoso Pai dános todo isto e moito máis para que sexamos felices (le Salmo 104:12-15, 24). Pero, sobre todo, dámoslle as grazas a Xehová polo abundante alimento espiritual que nos dá e pola fermosa esperanza que temos para o futuro.

9. Que nos axudará a acordarnos de darlle as grazas a Xehová? (1 Tesalonicenses 5:17, 18).

9 É fácil que non nos acordemos de agradecerlle a Xehová todo o que fai por nós. Que nos pode axudar a non esquecernos? Poderías facer unha lista de cousas específicas que lle pediches, e revisala de vez en cando para ver como che contestou Xehová. Despois, faille unha oración para darlle as grazas pola súa axuda (le 1 Tesalonicenses 5:17, 18). Pensa nisto. Verdade que nos fai felices e nos gusta que outros sexan agradecidos con nós? Do mesmo xeito, cando nos acordamos de darlle as grazas a Xehová por contestar as nosas oracións, facémolo feliz (Col. 3:15). Pero hai outra razón moi importante pola que deberiamos darlle as grazas ó noso Deus.

DEÁMOSLLE AS GRAZAS A XEHOVÁ POLO SEU QUERIDO FILLO

10. De acordo con 1 Pedro 2:21, por que deberiamos darlle as grazas a Xehová por enviar a Xesús á Terra?

10 Le 1 Pedro 2:21. Deberiamos darlle as grazas a Xehová por enviar o seu querido Fillo a ensinarnos. Cando estudamos sobre a vida de Xesús, aprendemos moitas cousas sobre Xehová e sobre como facelo feliz. Se demostramos ter fe no sacrificio de Cristo, poderemos ser bos amigos de Xehová e estar en paz con El (Rm. 5:1).

11. Por que oramos a Xehová no nome de Xesús?

11 Estámoslle moi agradecidos a Xehová porque podemos orarlle grazas a Xesús. El é o medio que Deus utiliza para darnos o que lle pedimos. Ademais, Xehová escoita e responde as oracións que lle facemos no nome do seu Fillo. Xesús explicou: “O que pidades no meu nome, heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo” (Xn. 14:13, 14).

12. Cal é outra razón pola que lle damos as grazas a Xehová polo seu Fillo?

12 Grazas ó sacrificio de Xesús, Xehová perdoa os nosos pecados. As Escrituras describen a Xesús como o noso Sumo Sacerdote que está sentado no “seu trono no ceo á dereita do trono da Maxestade” (Heb. 8:1). El é o noso “axudante que está xunto ó Pai” (1 Xn. 2:1, TNM). Que agradecidos estamos de que Xehová nos dese un Sumo Sacerdote que entende as nosas debilidades e que “intercede por nós”, verdade? (Rm. 8:34; Heb. 4:15) Como somos imperfectos, se non fose polo sacrificio de Xesús non poderiamos orarlle a Xehová. Seguro que estás de acordo en que nunca poderemos demostrarlle a Xehová canto agradecemos o marabilloso regalo que nos deu: o seu querido Fillo.

OREMOS POLOS NOSOS IRMÁNS E IRMÁS

13. Como demostrou Xesús a noite antes de morrer que quería moito ós seus discípulos?

13 A noite antes de morrer, Xesús pasou moito tempo orando polos seus discípulos e pediulle ó seu Pai que os protexese de Satanás (Xn. 17:15). Canto lles quería! Aínda que sabía que pouco despois tería que pasar unha proba moi difícil, estaba preocupado polos seus apóstolos.

Que podemos incluír nas nosas oracións cando oramos polos nosos irmáns e irmás? (ver os parágrafos 14 a 16). d

14. Como podemos demostrar que queremos ós nosos irmáns?

14 Igual ca Xesús, non pensamos só no que nós necesitamos. Máis ben, oramos regularmente polos nosos irmáns e irmás. Cando o facemos, obedecemos o mandato de Xesús de amarnos uns a outros e demostrámoslle a Xehová canto queremos ós nosos irmáns (Xn. 13:34). Orar por eles non é unha perda de tempo. A Palabra de Deus dinos que “moito pode a oración teimosa do xusto” (Sant. 5:16).

15. Por que necesitan os nosos irmáns que oremos por eles?

15 Os nosos irmáns necesitan que oremos por eles porque están pasando por moitos problemas. Podemos pedirlle a Xehová que lles axude a aguantar enfermidades, desastres naturais, guerras, persecución ou outras dificultades. Ademais, podemos orar polos irmáns que se esforzan moito por axudar a outros. Tamén pode ser que coñezas persoalmente algúns irmáns que están pasando por situacións difíciles. Por que non os mencionas por nome nas túas oracións persoais? Demostramos que de verdade queremos ós nosos irmáns cando lle pedimos a Xehová que lles axude a aguantar.

16. Por que debemos orar polos irmáns que nos dirixen?

16 Os irmáns que dirixen a congregación agradecen moito que outros oren por eles, pois esas oracións son de moita axuda. O apóstolo Paulo sabía que necesitaba que outros orasen por el. Cando lles escribiu ós efesios, díxolles que orasen por el para que tivese valor e puidese encontrar as mellores palabras “para anunciar abertamente o misterio do Evanxeo” (Ef. 6:19). Na actualidade, tamén temos irmáns moi traballadores que nos dirixen. Demostramos que lles queremos moito cando lle pedimos a Xehová que bendiga o seu labor.

CANDO ORAMOS EN NOME DOUTROS

17, 18. a) Cando se nos podería pedir que oremos en nome doutros? b) Que deberiamos ter en conta cando oremos en nome doutros?

17 Ás veces, pídesenos que fagamos unha oración en nome doutros. Por exemplo, ó dar un curso da Biblia, unha irmá pode pedirlle á irmá que a acompaña que faga unha oración. Pode ser que a outra irmá non coñeza ben a quen está estudando e por iso quizais prefira facer a oración que se fai ó final da clase. Así saberá mellor que dicir cando ore pola persoa que está estudando.

18 Tamén poida que se lle pida a un irmán que faga unha oración nunha reunión para predicar ou nunha reunión de congregación. Os irmáns que teñen esa responsabilidade deberían recordar o propósito desa reunión. A oración non se fai para dar consellos ou anuncios á congregación. Na maioría das reunións de congregación resérvase un total de cinco minutos para a canción e a oración. Por iso, o irmán non necesita facer unha oración longa, sobre todo ó principio da reunión (Mt. 6:7).

FAI DA ORACIÓN ALGO MOI IMPORTANTE NA TÚA VIDA

19. Que nos axudará a estar preparados para o día do xuízo de Xehová?

19 A oración ten que ser cada vez máis importante na nosa vida porque o día de xuízo de Xehová está cerca. Falando disto, Xesús dixo: “Vós vixiade sempre, e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir” (Lc. 21:36). Se oramos con regularidade, fortalecerase a nosa fe e estaremos preparados para cando chegue o día do xuízo de Xehová.

20. Que podemos facer para que as nosas oracións sexan como incenso cun aroma agradable?

20 Como vimos neste artigo, valoramos moito o privilexio da oración. As cousas máis importantes sobre as que debemos orar son as que están directamente relacionadas co propósito de Xehová. Ademais, dámoslle as grazas polo seu Fillo e polo Reino, e oramos polos nosos irmáns e irmás. E, por suposto, tamén podemos orar polas nosas necesidades físicas e espirituais. Cando pensamos ben o que imos dicir nas oracións, demostramos que valoramos este marabilloso privilexio. Deste xeito, as nosas palabras serán como incenso cun aroma agradable para Xehová que “acada o seu favor” (Pr. 15:8).

CANCIÓN sjj 45 O sentir do meu corazón

a Valoramos moito que Xehová nos permita orarlle. Queremos que as nosas oracións sexan coma incenso cun aroma que lle agrade. Neste artigo imos analizar que podemos incluír nas nosas oracións. Tamén veremos algunhas ideas que deberiamos ter en conta cando se nos pide que oremos en nome doutros.

b DESCRICIÓN DAS IMAXES: Un home orando coa súa muller para que Xehová protexa a súa filla na escola, por un dos pais que ten problemas de saúde, e para que unha estudante da Biblia progrese.

c DESCRICIÓN DAS IMAXES: Un rapaz dándolle as grazas a Xehová polo sacrificio de Xesús, polo noso fermoso planeta e pola boa comida.

d DESCRICIÓN DAS IMAXES: Unha irmá orándolle a Xehová para que bendiga o Consello Reitor co seu espírito santo, e para que lles axude ós que están sufrindo polos desastres naturais e pola persecución.