Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 29

Estás preparado para a gran tribulación?

Estás preparado para a gran tribulación?

“Estade vós preparados” (MT. 24:44).

CANCIÓN sjj 150 Xehová é quen te salvará

AVANCE a

1. Por que é sabio estar preparado para un desastre?

 ESTAR preparados pode salvarnos a vida. Por exemplo, cando ocorre un desastre as persoas que están preparadas teñen máis posibilidades de sobrevivir e de poder axudar a outros. Unha organización humanitaria de Europa di o seguinte: “A boa preparación pode marcar a diferenza”.

2. Por que deberiamos prepararnos para a gran tribulación? (Mateo 24:44).

2 A gran tribulación empezará de repente (Mt. 24:21). Pero, a diferenza doutro tipo de desastres, a gran tribulación non será un suceso inesperado, porque Xesús xa avisou os seus seguidores hai uns 2000 anos de que estivesen preparados para ese día (le Mateo 24:44). Se estamos preparados seranos máis fácil aguantar durante eses momentos tan difíciles e axudarlles a outros a facer o mesmo (Lc. 21:36).

3. Como nos axudarán o aguante, a compaixón e o amor a estar preparados para a gran tribulación?

3 Vexamos tres calidades que nos axudarán a estar preparados para a gran tribulación. Que faremos cando se nos diga que prediquemos unha dura mensaxe de xuízo e as persoas que non a crean se opoñan a nós? (Ap. 16:21) Necesitaremos aguante para obedecer a Xehová e confiar en que el nos vai protexer. Como reaccionaremos se os nosos irmáns perden algunhas ou tódalas súas cousas materiais? (Hab. 3:17, 18) Necesitaremos compaixón para darlles a axuda que precisen nese momento. E que faremos se, cando nos ataque unha coalición de nacións, temos que convivir durante un tempo cos nosos irmáns? (Ez. 38:10-12) Para poder superar eses momentos difíciles necesitamos sentir un amor forte por eles.

4. Como nos indica a Biblia que debemos seguir cultivando aguante, compaixón e amor?

4 A Palabra de Deus anímanos a seguir cultivando aguante, compaixón e amor. Por exemplo, Lucas 21:19 (TNM) di: “Co voso aguante salvaredes a vosa vida”. En Colosenses 3:12 menciónase: “Revestídevos de [...] misericordia” ou compaixón. E en 1 Tesalonicenses 4:9, 10 di: “Deus mesmo vos ensina a vos amardes uns a outros [...]; rogámosvos que sigades progresando”. Todas estas palabras ían dirixidas a cristiáns que xa demostraran estas calidades. Pero non só tiñan que seguir así, senón que debían facelo aínda a maior escala. Nós temos que facer o mesmo. Algo que nos axudará é analizar como os cristiáns do primeiro século manifestaron estas calidades. Despois veremos como podemos imitalos e así demostrar que estamos preparados para a gran tribulación.

FORTALECE O TEU AGUANTE

5. Que lles axudou ós primeiros cristiáns a aguantar as súas probas?

5 Os cristiáns do primeiro século necesitaron aguante (Heb. 10:36). Ademais de enfrontarse ós problemas comúns da xente do seu tempo, tamén tiveron outras dificultades polo feito de ser seguidores de Cristo. Moitos sufriron persecución por parte dos líderes relixiosos xudeus, das autoridades romanas e ata das súas propias familias (Mt. 10:21). E dentro da congregación tiveron que asegurarse de que as ensinanzas falsas dos apóstatas non os influenciasen nin os dividisen (Feit. 20:29, 30). Pero aqueles cristiáns aguantaron fielmente (Ap. 2:3). Como o conseguiron? Meditaron en exemplos de servos fieis do pasado, como Xob (Sant. 5:10, 11). Tamén oraron a Xehová pedíndolle que lles dese forzas (Feit. 4:29-31). E centráronse en que el os recompensaría se seguían aguantando (Feit. 5:41).

6. Que aprendes do que fixo Merita para aguantar a oposición que sufriu?

6 Nós tamén podemos aguantar se meditamos regularmente no exemplo de servos fieis de Xehová que aparecen na Biblia ou nas nosas publicacións. Isto foi o que lle axudou a Merita, unha irmá de Albania, a resistir a oposición violenta que sufriu por parte da súa familia. Ela di: “O exemplo de Xob animoume moito. A pesar de sufrir tanto e de non saber quen lle causaba as probas, el dixo: ‘Deica expirar non cederei na miña integridade!’ (Xob 27:5). Deime conta de que os meus problemas non eran nada en comparación cos de Xob. Polo menos eu sabía quen estaba detrás das miñas probas”.

7. Aínda que non esteamos pasando por ningún problema grave, que deberiamos aprender a facer xa agora?

7 Tamén podemos fortalecer o noso aguante se lle oramos a Xehová con frecuencia e lle contamos como nos sentimos (Flp. 4:6; 1 Tes. 5:17). Quizais agora mesmo non teñas ningún problema grave. Aínda así, pregúntate: Órolle a Xehová cando estou enfadado, confuso ou estresado? Se xa agora tes o costume de pedirlle axuda a Xehová cos problemas do día a día, serache máis fácil facelo cando te enfrontes a desafíos máis grandes no futuro. Confiarás en que Xehová sabe exactamente cando e como che ten que axudar (Sal. 27:1, 3).

O AGUANTE

Cada proba que superamos pode fortalecernos para aguantar a seguinte (ver o parágrafo 8).

8. Como demostra o exemplo de Mira que aguantar probas agora nos prepara para o futuro? (Santiago 1:2-4TNM) (Ver tamén a imaxe).

8 É máis probable que aguantemos durante a gran tribulación se xa agora nos mantemos fieis cando se nos pon a proba (Rm. 5:3). Por que dicimos isto? Moitos irmáns e irmás contan que cada situación difícil que soportaron os preparou para aguantar a seguinte proba. Cando Xehová nos axuda a resistir unha situación difícil, fortalécese a nosa fe en que pode e quere darnos o que necesitamos en cada momento, e esa fe axudaranos a aguantar cando veña a seguinte proba (le Santiago 1:2-4TNM). Unha pioneira de Albania que se chama Mira deuse conta de que aguantar os problemas que tivo no pasado lle está axudando a enfrontarse ós que ten agora. Esta irmá recoñece que ás veces pensa que ninguén ten tantos problemas coma ela. Pero entón, recorda todo o que Xehová fixo para axudarlle durante os pasados 20 anos, e dise a si mesma: “Aguanta! Non botes a perder tódalas batallas que ganaches coa axuda de Xehová durante todo este tempo”. Ti tamén podes reflexionar en como che axudou Xehová. Recorda que a el non lle pasan desapercibidos tódolos esforzos que fas por manterte fiel en cada proba, e vaite recompensar por iso (Mt. 5:10-12). Cando empece a gran tribulación ti xa saberás como aguantar e estarás decidido a facelo.

DEMOSTRA COMPAIXÓN

9. Como mostrou compaixón a congregación de Antioquía de Siria?

9 Vexamos o que pasou cando os irmáns de Xudea tiveron dificultades porque houbo unha gran fame naquela rexión. Cando os cristiáns de Antioquía de Siria souberon o que estaba pasando, sentiron compaixón polos seus irmáns de Xudea. Pero aquilo non se quedou nun sentimento, senón que actuaron. De feito, o relato di que “ordenaron de mandar un auxilio ós irmáns de Xudea, cadaquén conforme ós seus posibles” (Feit. 11:27-30). A pesar de que vivían lonxe dos irmáns que estaban pasando por aquel problema, os cristiáns de Antioquía estaban resoltos a axudarlles (1 Xn. 3:17, 18).

A COMPAIXÓN

Os desastres naturais dannos a oportunidade de demostrar compaixón polos demais (ver o parágrafo 10).

10. De que maneiras podemos demostrar compaixón cando os nosos irmáns se ven afectados por un desastre? (Ver tamén a imaxe).

10 Nós tamén demostramos compaixón cando sabemos que ós nosos irmáns lles está afectando algún tipo de desastre. Como o facemos? Ofrecéndonos rapidamente para axudar, quizais preguntándolles ós anciáns se podemos colaborar dalgunha maneira, facendo doazóns para a obra mundial ou orando polos irmáns afectados (Pr. 17:17). b Por exemplo, no 2020 nomeáronse máis de 950 Comités de Socorro para atender a tódolos que necesitaron axuda durante a pandemia da COVID-19. A compaixón fixo que estes irmáns traballasen duro repartindo provisións, dando axuda espiritual e, nalgúns casos, reparando e reconstruíndo casas e Salóns do Reino (compara con 2 Cor. 8:1-4). Que agradecidos lles estamos a tódolos irmáns que colaboran nestes labores de socorro!

11. Como lle damos honra ó noso Pai celestial cando demostramos compaixón?

11 Os que nos observan tamén se dan conta da compaixón que demostramos e dos sacrificios que facemos cando ocorre un desastre. Por exemplo, no 2019 o furacán Dorian destruíu un Salón do Reino nas Bahamas. Mentres os irmáns traballaban reconstruíndo o Salón preguntáronlle a un contratista que non é testemuña de Xehová canto lles cobraría por facer un traballo. El contestoulles: “Gustaríame doar a ferramenta, a man de obra e os materiais. Só estou disposto a facelo para a vosa organización, porque me impresiona moito o que sentides uns polos outros”. A maioría das persoas do mundo non coñecen a Xehová, pero moitos fíxanse no que fan os seus servos. É un privilexio saber que a compaixón que demostramos pode achegar as persoas a Xehová, quen é “farturento en misericordia” (Ef. 2:4).

12. Como nos prepara para a gran tribulación demostrar compaixón xa agora? (Apocalipse 13:16, 17).

12 Por que teremos que demostrar compaixón durante a gran tribulación? A Biblia dinos que as persoas que non apoien os gobernos deste mundo terán problemas, tanto agora como na gran tribulación (le Apocalipse 13:16, 17). É posible que os nosos irmáns necesiten axuda para poder cubrir as súas necesidades básicas. Queremos que cando o noso Rei, Cristo Xesús, veña para xulgar as persoas, vexa a nosa compaixón e nos faga a seguinte invitación: “Recibide a herencia do Reino” (Mt. 25:34-40).

FORTALECE O TEU AMOR POLOS IRMÁNS

13. Segundo Romanos 15:7, como fortaleceron os primeiros cristiáns o amor que tiñan uns polos outros?

13 O amor identificou os cristiáns do primeiro século. Pero, foilles sempre fácil demostrar ese amor? Pensa no diferentes que eran as persoas que formaban a congregación de Roma. Algúns eran xudeus ós que se lles ensinara a obedecer a Lei mosaica. Pero outros viñan doutras nacións e tiñan costumes moi diferentes. Algúns cristiáns probablemente eran escravos, mentres que outros eran persoas libres que quizais ata tiñan escravos nas súas casas. Como poderían aqueles cristiáns seguir demostrando amor uns polos outros a pesar das súas diferenzas? O apóstolo Paulo díxolles: “Acollédevos uns a outros” (le Romanos 15:7). Que quere dicir isto? A palabra que aquí se traduce como “acollédevos” significa recibir a alguén con amabilidade ou hospitalidade, na nosa casa ou no noso círculo de amigos. Por exemplo, Paulo díxolle a Filemón que recibise con amabilidade a Onésimo, o escravo que lle fuxira (Flm. 17). E Áquila e Priscila acolleron a Apolo, que sabía menos ca eles sobre o cristianismo, e “levárono consigo” (Feit. 18:26). Aqueles cristiáns non permitiron que as diferenzas causasen problemas ou os dividisen. Máis ben, foron amables e hospitalarios uns cos outros.

O AMOR

Necesitamos que os nosos irmáns nos demostren amor (ver o parágrafo 15).

14. Como demostraron amor Anna e o seu home?

14 Nós tamén podemos demostrarlles amor ós nosos irmáns facéndonos amigos deles e pasando tempo xuntos. E iso pode levar a que eles tamén nos mostren amor a nós (2 Cor. 6:11-13). Fíxate na experiencia de Anna e o seu home. Pouco despois de que os enviasen a unha nova asignación misional no oeste de África empezou a pandemia da COVID-19. Debido ás restricións non podían ir ás reunións en persoa. Que fixeron para demostrarlles amor ós irmáns da nova congregación? Empezaron a facer videoconferencias para manterse en contacto con eles e así demostráronlles que querían coñecelos mellor. Como reaccionaron os irmáns da congregación? Estaban tan agradecidos que agora eran eles os que os chamaban e lles mandaban mensaxes. Anna explica que foi o que os motivou a eles a tomar a iniciativa e a esforzarse por coñecer os irmáns da súa nova congregación. Ela di: “Nunca esquecerei tódalas mostras de amor que recibimos eu e mais a miña familia no pasado, tanto nos bos coma nos malos momentos. Ese exemplo motivoume a min a facer o mesmo”.

15. Que che ensina o exemplo de Vanessa sobre demostrarlles amor a tódolos irmáns? (Ver tamén a imaxe).

15 Moitos de nós servimos en congregacións onde hai irmáns con orixes e personalidades moi diferentes. Podemos fortalecer o noso amor por eles centrándonos nas súas boas calidades. A unha irmá que se chama Vanessa e que serve en Nova Zelandia ás veces facíaselle difícil ter unha boa relación con algúns irmáns da súa congregación, porque había cousas da súa personalidade que lle molestaban. Pero decidiu que non ía evitalos, máis ben todo o contrario, ía pasar máis tempo con eles. Isto axudoulle a ver por que Xehová os quere. Vanessa di: “Dende que o meu home é superintendente de circuíto pasamos moito tempo con irmáns moi diferentes. Pero isto xa non é un problema para min, porque agora gústame moitísimo a variedade. E está claro que a Xehová tamén, porque o seu pobo está formado por persoas que somos moi distintas unhas das outras”. Demostramos que amamos os nosos irmáns cando aprendemos a velos como os ve Xehová (2 Cor. 8:24).

Xehová promete que nos protexerá durante a gran tribulación se o seguimos servindo en unidade cos nosos irmáns (ver o parágrafo 16).

16. Por que será imprescindible o amor durante a gran tribulación? (Ver tamén a imaxe).

16 O amor será imprescindible durante a gran tribulación. Como nos protexerá Xehová neses momentos? Fíxate no que lles dixo ós seus servos que deberían facer cando a antiga cidade de Babilonia fose atacada. El díxolles: “Ven, meu pobo, entra nas túas habitacións e pecha as portas detrás de ti, escóndete rapidamente un pouquiño ata que pase a ira” (Is. 26:20). Quizais teñamos que seguir estas mesmas instrucións durante a gran tribulación. É posible que as “habitacións” sexan as congregacións. Xehová promete que nos protexerá se o seguimos servindo en unidade cos nosos irmáns e irmás. Así que temos que esforzarnos xa agora, non só por soportalos, senón por querelos. A nosa vida dependerá diso.

PREPÁRATE AGORA

17. Se xa nos preparamos agora, que poderemos facer durante a gran tribulación?

17 “O grande día do Señor” será un momento moi difícil para toda a humanidade (Sof. 1:14, 15). E, por suposto, o pobo de Xehová tamén pasará por dificultades. Pero se nos preparamos xa agora seremos capaces de manter a calma e axudarlles a outros. Poderemos aguantar calquera dificultade. Cando os nosos irmáns sufran, faremos todo o posible para consolalos demostrándolles compaixón e axudándolles a cubrir as súas necesidades. E se lles demostramos amor xa agora seranos aínda máis fácil facelo no futuro. Entón, Xehová recompensaranos con vida eterna nun mundo no que tódolos desastres e problemas serán cousa do pasado (Is. 65:17).

CANCIÓN sn 24 Pon os ollos no mundo novo

a Pronto empezará a gran tribulación. Calidades como o aguante, a compaixón e o amor axudarannos a estar preparados para o momento máis difícil da historia da humanidade. Neste artigo imos analizar como demostraron estas calidades os primeiros cristiáns, como podemos imitalos nós hoxe en día e como nos prepararán estas calidades para a gran tribulación.

b Se queres colaborar cos labores de socorro, primeiro debes encher a Solicitud de voluntario local de diseño y construcción (DC-50) ou a Solicitud para el programa de voluntarios (A-19) e despois esperar a que te inviten a algún proxecto.