Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 32

Imita a Xehová sendo razoable

Imita a Xehová sendo razoable

“Que todos saiban que sodes persoas razoables” (FLP. 4:5TNM).

CANCIÓN sjj 89 As bendicións de escoitar a Xehová

AVANCE a

Que tipo de árbore queres ser? (Ver o parágrafo 1).

1. En que sentido teñen que ser os cristiáns coma unha árbore? (Ver tamén a imaxe).

 “O VENTO non tronza unha árbore que se pode dobrar”. Este refrán destaca unha importante característica que lles permite ás árbores manterse vivas: a flexibilidade. Para poder seguir servindo a Xehová con alegría, nós tamén necesitamos ser flexibles cando as cousas se poñen difíciles. Como podemos facelo? Debemos ser razoables para adaptarnos cando as nosas circunstancias persoais cambian e para respectar os puntos de vista e as decisións dos demais.

2. Que calidades nos axudarán a adaptarnos se cambian as nosas circunstancias, e que veremos neste artigo?

2 Que calidades nos axudarán a ser razoables? A humildade e a compaixón. Neste artigo imos ver como estas calidades lles axudaron a algúns cristiáns cando tiveron que enfrontarse a cambios nas súas vidas, e tamén como nos poden axudar a nós. Pero antes, imos analizar como Xehová e Xesús nos deixaron un exemplo perfecto do que implica ser razoable.

XEHOVÁ E XESÚS SON RAZOABLES

3. Que proba temos de que Xehová é razoable?

3 De Xehová dise que é “o Penedo”, ou roca, porque é firme e inamovible (Dt. 32:4). Pero ademais, tamén é razoable. A medida que as cousas van cambiando neste mundo, Deus segue adaptándose para conseguir que o seu propósito se cumpra. Xehová creounos á súa imaxe, así que nós tamén temos a capacidade de ser flexibles e adaptarnos cando as circunstancias da nosa vida cambian. Na Biblia poderemos atopar principios que nos axuden a tomar boas decisións, sen importar as dificultades ás que nos enfrontemos. O seu propio exemplo e os principios que nos deixou axúdannos a entender que, aínda que Xehová é “o Penedo”, tamén é razoable.

4. Pon un exemplo que demostre que Xehová é razoable (Levítico 5:7, 11).

4 Xehová sempre actúa de maneira perfecta e razoable. Non é demasiado esixente cos seres humanos. Pensa en como demostrou isto ó tratar cos israelitas. Por exemplo, nos casos que se mencionan en Levítico 5:7, 11 (leo) permitía que cada persoa lle ofrecese un sacrificio segundo as súas circunstancias. Non lles esixía o mesmo a todos, sen importar se eran ricos ou pobres.

5. Pon un exemplo que demostre que Xehová é humilde e compasivo.

5 A humildade e a compaixón fan que Xehová sexa razoable. Por exemplo, demostrou humildade cando ía destruír a xente mala que vivía en Sodoma. Mediante os seus anxos, Xehová díxolle ó xusto Lot que fuxise ás montañas. Pero a Lot dáballe medo ir alí. Así que lle pediu a Deus que lles permitise a el e á súa familia refuxiarse en Soar, unha pequena vila que Xehová tamén decidira destruír. El podía insistir en que Lot seguise as súas instrucións ó pé da letra, pero permitiulle ir a Soar aínda que iso implicase non destruír aquela vila (Xén. 19:18-22). Séculos máis tarde, Xehová tamén lles demostrou compaixón ós habitantes de Nínive. Enviou o profeta Xonás para que avisase a toda aquela xente mala de que, tanto a cidade coma eles, ían ser destruídos. Pero cando os ninivitas se arrepentiron, Deus compadeceuse deles e non os destruíu (Xon. 3:1, 10; 4:10, 11).

6. Menciona algúns exemplos de como Xesús imitou a Xehová sendo razoable.

6 Xesús imitou a Xehová sendo razoable. El foi enviado á Terra para predicarlles “ás ovellas extraviadas da casa de Israel”. Pero, pola forma na que cumpriu con ese labor, demostrou que é razoable. Nunha ocasión, unha muller que non era israelita suplicoulle que curase a súa filla, que estaba “atormentada por un demo”. Xesús demostroulle compaixón a aquela muller e curou a súa filliña, tal e como ela lle pedira (Mt. 15:21-28). Fíxate noutro exemplo. Durante o seu ministerio, Xesús dixo: “Quen me negue [...], eu negareino a el” (Mt. 10:33). Entón, rechazou a Pedro cando este o negou tres veces? Non. Xesús sabía que Pedro estaba moi arrepentido e que tiña moita fe. De feito, despois de resucitar aparecéuselle a Pedro e, moi probablemente, aseguroulle que o perdoara e que aínda o amaba (Lc. 24:33, 34).

7. Segundo Filipenses 4:5 (TNM) como queremos que nos vexan os demais?

7 Ata agora vimos que Xehová e Xesús son razoables. E que hai de nós? Xehová espera que nós tamén o sexamos (le Filipenses 4:5TNM). A nosa maneira de actuar debería demostrar esta calidade. Para saber se é así, pregúntate: “Venme os demais como unha persoa razoable, tolerante e que sabe ceder? Ou máis ben pensan que son estrito, esixente e teimudo? Insisto en que os demais fagan as cousas exactamente como eu penso que se deberían facer? Ou escoito as súas opinións e téñoas en conta, sempre que é apropiado?”. Canto máis razoables sexamos, máis estaremos imitando a Xehová e a Xesús. Imos analizar dúas situacións nas que é necesario demostrar esta calidade: cando as nosas circunstancias persoais cambian e cando as decisións e os puntos de vista dos demais son diferentes ós nosos.

SÉ RAZOABLE CANDO CAMBIEN AS CIRCUNSTANCIAS

8. Que nos pode axudar a ser razoables cando as nosas circunstancias cambian? (Ver tamén a nota).

8 Ser razoable implica saber adaptarse cando as circunstancias cambian. Eses cambios poden traer dificultades polas que nunca pensamos que teriamos que pasar. Por exemplo, pode que de repente teñamos que enfrontarnos a un problema grave de saúde. Ou quizais, a situación económica e política da zona na que vivimos cambie dun día para outro e a nosa vida se complique (Ecl. 9:11, TNM; 1 Cor. 7:31). Outra situación que pode poñer a proba esta calidade é un cambio de asignación no noso servizo a Xehová. Sexa cal sexa o desafío, poderemos adaptarnos ás novas circunstancias se seguimos estes catro pasos: 1) aceptar a realidade, 2) mirar cara ó futuro, 3) centrarse no positivo e 4) facer cousas por outros. b Imos ver algunhas experiencias da vida real que demostran que poñer en práctica estes catro pasos pode axudarnos.

9. Que fixo un matrimonio de misioneiros para enfrontarse a dificultades que non esperaban?

9 Aceptar a realidade. A Emanuele e a Francesca enviáronos como misioneiros a un país estranxeiro. Xusto cando empezaban a aprender o idioma e a coñecer os irmáns da súa nova congregación, comezou a pandemia da COVID-19, e polo tanto o confinamento. Entón, a nai de Francesca morreu de forma inesperada. Neses momentos ela desexaba estar coa súa familia pero, debido á pandemia, non puido viaxar. Que lle axudou a enfrontarse a todas esas dificultades? Primeiro, Emanuele e Francesca oráronlle a Xehová como matrimonio e pedíronlle que lles dese sabedoría para enfrontarse ós problemas día a día. Xehová respondeu as súas oracións xusto a tempo, por medio da súa organización. Por exemplo, animounos moito ver unha entrevista na que un irmán dixo: “Canto antes nos adaptemos ás novas circunstancias, antes volveremos a sentir alegría e poderemos dar o mellor de nós”. c Segundo, esforzáronse por mellorar as súas habilidades predicando por teléfono, e ata comezaron un curso da Biblia. Terceiro, aceptaron e agradeceron o ánimo e a axuda dos irmáns da súa nova congregación. De feito, unha irmá moi cariñosa envioulles cada día, durante un ano, unha mensaxe cun texto da Biblia. Se nós tamén aceptamos as nosas novas circunstancias, estaremos contentos co que si podemos facer.

10. Como se adaptou unha irmá a un gran cambio na súa vida?

10 Mirar cara ó futuro e centrarse no positivo. Christina, unha irmá de Romanía que vive no Xapón, desanimouse moito cando se disolveu a congregación inglesa á que asistía. Pero ela decidiu non quedar no pasado. En vez diso, empezou a asistir a unha congregación de fala xaponesa e esforzouse ó máximo por predicar nese idioma. Así que lle pediu a unha antiga compañeira de traballo que lle ensinase a falar mellor xaponés. A muller aceptou usar a Biblia e o folleto Desfruta da vida para sempre! para ensinarlle o idioma a Christina. Isto non só conseguiu que a nosa irmá mellorase o seu xaponés, senón que tamén fixo que a muller quixese saber máis sobre a Biblia. Cando miramos cara ó futuro e somos positivos, os cambios inesperados poden acabar sendo unha bendición.

11. Que lle axudou a un matrimonio que tivo problemas económicos?

11 Facer cousas por outros. Un matrimonio que vive nun lugar no que a nosa obra está prohibida, perdeu a súa fonte regular de ingresos cando a economía dese país colapsou. Como se adaptaron? Por un lado, reduciron os gastos. Ademais, en vez de centrarse nos seus problemas, decidiron concentrarse en axudar a outros predicando o máximo posible (Feit. 20:35). O marido dixo: “Estar ocupados na predicación fixo que tivésemos menos tempo para pensar nas cousas negativas e deunos a oportunidade de estar concentrados en facer o que Deus quere”. Cando as nosas circunstancias cambian, debemos recordar o importante que é seguir axudando a outros, especialmente mediante a predicación.

12. Como pode axudarnos o exemplo do apóstolo Paulo a ser adaptables cando predicamos?

12 Cando predicamos, tamén necesitamos ser flexibles. Encontramos xente con diferentes crenzas, orixes e culturas. O apóstolo Paulo deixounos un bo exemplo sendo adaptable. Xesús nomeouno “apóstolo [...] dos xentís” (Rm. 11:13). Así que Paulo predicoulles a xudeus, a gregos, a xente culta, a persoas sen estudos, a gobernantes e a reis. Esforzouse por chegarlles ó corazón ós diferentes tipos de persoas. Por iso dixo: “Fíxenme todo con todos” (1 Cor. 9:19-23). Cando falaba con alguén, Paulo tiña moi en conta a súa cultura e as súas crenzas. Isto axudáballe a ser adaptable e a transmitir a mensaxe dunha maneira que fose atractiva para quen a escoitase. Nós tamén podemos mellorar a nosa predicación se somos flexibles e nos esforzamos por adaptarnos ás necesidades de cada persoa.

RESPECTA O PUNTO DE VISTA DOS DEMAIS

Se somos razoables respectaremos os puntos de vista dos demais (ver os parágrafo 13).

13. Que perigo que se menciona en 1 Corintios 8:9 podemos evitar se respectamos o punto de vista dos demais?

13 Ser razoable tamén nos axuda a respectar o punto de vista dos demais. Por exemplo, a algunhas irmás gústalles maquillarse, mentres que outras prefiren non facelo. Algúns cristiáns beben alcohol con moderación, pero outros prefiren evitalo por completo. E tódolos servos de Xehová queremos coidar da nosa saúde, pero os métodos que utilizamos para facelo poden ser moi distintos. Se pensamos que sempre temos a razón e intentamos impoñer a nosa opinión, poderiamos facer tropezar a outros e incluso causar divisións na congregación. Ningún de nós quere facer iso! (Le 1 Corintios 8:9; 10:23, 24) Imos analizar dous exemplos que demostran como aplicar os principios bíblicos e, ó mesmo tempo, manter a paz na congregación.

Se somos razoables respectaremos os puntos de vista dos demais (ver os parágrafo 14).

14. Que principios bíblicos debemos ter en conta ó tomar decisións sobre a forma de vestir e o aspecto persoal?

14 A roupa e o aspecto persoal. En vez de dar unha lista de normas estritas sobre como podemos vestir, Xehová deunos principios para guiarnos neste asunto. Temos que vestir de maneira que honre a Deus, demostrando que somos razoables e que temos “modestia e bo xuízo” (1 Tim. 2:9, 10, TNM; 1 Pe. 3:3). Por iso, non queremos atraer a atención sobre nós mesmos e que os demais só se centren en como imos vestidos. Os principios bíblicos tamén lles axudan ós anciáns a evitar poñer as súas propias normas sobre como vestir e como levar o pelo. Por exemplo, os anciáns dunha congregación querían axudar a uns rapaces que, debido a unha moda, empezaron a levar o pelo curto pero moi alborotado. Como poderían os anciáns axudarlles sen poñer unha norma? O superintendente de circuíto díxolles que lles desen o seguinte consello a eses rapaces: “Se estás na plataforma e o auditorio está máis pendente da túa aparencia que do que estás dicindo, tes un problema coa túa forma de vestir e o teu aspecto persoal”. Esta simple explicación axudou a resolver aquel asunto sen necesidade de poñer unha norma. d

Se somos razoables respectaremos os puntos de vista dos demais (ver os parágrafo 15).

15. Que leis e principios encontramos na Biblia que poden axudarnos a tomar decisións sobre o coidado da saúde? (Romanos 14:5).

15 O coidado da saúde. Cada cristián debe decidir como coidará da súa saúde (Gál. 6:5). Na Biblia hai só unhas poucas leis relacionadas con este tema. Por exemplo, está a de absterse de sangue e a de non facer nada relacionado co espiritismo (Feit. 15:20; Gál. 5:19, 20). Por iso, moitas decisións relacionadas coa saúde son de preferencia persoal. Algúns prefiren usar só a medicina convencional, mentres que outros buscan tratamentos alternativos. Por moi convencidos que esteamos das vantaxes que ten certo tratamento, temos que respectar o dereito que teñen os nosos irmáns de decidir sobre o coidado da súa saúde. Por iso, hai catro puntos que debemos recordar. 1) Só o Reino de Deus pode curarnos de forma completa e permanente (Is. 33:24). 2) Cada cristián debe estar convencido do que é mellor para el (le Romanos 14:5). 3) Non debemos xulgar as decisións que tomen os demais nin facer nada que sexa un tropezo para eles (Rm. 14:13). E 4) os cristiáns mostran amor e entenden que a unidade da congregación é máis importante que as preferencias persoais (Rm. 14:15, 19, 20). Se temos en mente estes puntos, manteremos unha boa relación cos nosos irmáns e contribuiremos á paz da congregación.

Se somos razoables respectaremos os puntos de vista dos demais (ver os parágrafo 16).

16. Como pode un ancián ser razoable cando trata cos seus compañeiros? (Ver tamén as imaxes).

16 Os anciáns deben dar un bo exemplo sendo adaptables (1 Tim. 3:2, 3TNM). Por exemplo, un ancián razoable non espera que sempre se escolla a súa opinión simplemente por ser maior. Máis ben, sabe que Xehová pode utilizar a calquera ancián para dicir algo que axude a tomar unha boa decisión. E cando o que os demais opinan non vai en contra de ningún principio bíblico, un ancián razoable apoia a decisión que tome a maioría, aínda que el persoalmente preferise facer as cousas doutra maneira.

OS BENEFICIOS DE SER RAZOABLE

17. De que bendicións desfrutamos se somos razoables?

17 Ser razoable tráenos moitas bendicións. Por exemplo, axúdanos a ter unha mellor relación cos nosos irmáns e a que haxa paz na congregación. Ademais, fai que desfrutemos da variedade de personalidades e culturas que hai dentro do pobo de Xehová. É moi bonito ver que, aínda que todos somos diferentes, adoramos a Xehová como unha familia unida. Pero sobre todo, ser razoables fainos moi felices porque sabemos que estamos imitando o noso Deus Xehová.

CANCIÓN sjj 90 Animémonos uns ós outros

a Xehová e Xesús son razoables e queren que nós tamén cultivemos esa calidade. Se o facemos, seranos máis fácil adaptarnos cando hai un cambio de circunstancias, como podería ser un problema de saúde ou unha dificultade económica. Tamén contribuiremos a que haxa paz e unidade na congregación.

b Mira o artigo “Cómo adaptarse a los cambios” da revista ¡Despertad! número 4 do 2016 (dispoñible en español).

c Para ver este vídeo escribe Entrevista ó irmán Dmitriy Mikhaylov no cadro de busca de jw.org.

d Para máis información sobre o tema da vestimenta e o aspecto, mira a lección 52 do libro Desfruta da vida para sempre!