Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 31

“Mantédevos firmes e inabalables”

“Mantédevos firmes e inabalables”

“Meus irmáns queridos, mantédevos firmes e inabalables” (1 COR. 15:58).

CANCIÓN sn 32 Manteñámonos firmes e inabalables!

AVANCE a

1, 2. En que se parece un cristián a un edificio? (1 Corintios 15:58).

 NA DÉCADA de 1970 empezouse a construír un edificio moi alto en Tokyo, O Xapón. Como nesa zona hai moitos terremotos, a xente preguntábase como ía resistir unha estrutura tan alta. Cal era o segredo? Os enxeñeiros deseñaron un edificio que tivese a rixidez necesaria para manterse en pé pero que, ó mesmo tempo, fose o suficientemente flexible para soportar os movementos sísmicos e non derrubarse. Os cristiáns somos coma este edificio. Por que dicimos isto?

2 Un cristián ten que encontrar o equilibrio entre manterse firme e ser flexible. Cando se trata de obedecer as normas de Xehová, ten que ser firme e estar decidido a non transixir (le 1 Corintios 15:58). Pero, por outro lado, debe ser “razoable” ou flexible cando a situación o permite ou incluso o require (Sant. 3:17TNM). Os cristiáns que aprenderon a ter este equilibrio non se van ós extremos e non son nin demasiado estritos, nin demasiado permisivos. Neste artigo veremos como podemos manternos firmes. Tamén analizaremos cinco tácticas que utiliza o Demo para intentar debilitarnos e como podemos resistir os seus ataques.

COMO PODEMOS MANTERNOS FIRMES?

3. Que leis de Xehová, o Lexislador Supremo, encontramos en Feitos 15:28, 29 (TNM)?

3 Xehová é o Lexislador Supremo e sempre se encargou de darlle ó seu pobo leis que fosen fáciles de entender (Is. 33:22). Por exemplo, o Consello Reitor do primeiro século falou de tres cousas nas que os cristiáns temos que manternos firmes: 1) rechazar a idolatría e adorar só a Xehová, 2) respectar que o sangue é sagrado para el e 3) obedecer as elevadas normas morais que aparecen na Biblia (le Feitos 15:28, 29TNM). Como podemos os cristiáns de hoxe en día manternos firmes nestes tres campos tan importantes?

4. Como lle damos a Xehová adoración exclusiva? (Apocalipse 4:11).

4 Rechazamos a idolatría e adoramos só a Xehová. Deus mandoulles ós israelitas que o adorasen só a el (Dt. 5:6-10). Ademais, cando Xesús foi tentando polo Demo, deixou ben claro que só temos que adorar a Xehová (Mt. 4:8-10). Por iso, os seus servos non veneramos ningún ídolo relixioso. Tampouco idolatramos ningún ser humano. Por exemplo, non tratamos ningún líder relixioso, gobernante político ou persoa famosa no mundo do deporte ou do entretemento coma se fose un deus. Máis ben, somos leais a Xehová, o Creador de tódalas cousas (le Apocalipse 4:11).

5. Por que respectamos a lei de Xehová sobre a santidade da vida e do sangue?

5 Respectamos a lei de Xehová sobre a santidade da vida e do sangue. Por que? Porque Xehová di que o sangue representa a vida, un precioso regalo que el nos deu (Lev. 17:14). Cando Xehová lles dixo por primeira vez ós humanos que podían comer carne de animais, tamén lles dixo que non comesen o sangue (Xén. 9:4). E volveu repetir este mandato cando lles deu ós israelitas a Lei mosaica (Lev. 17:10). Ademais, dirixiu o Consello Reitor do primeiro século para que establecese o seguinte mandato para tódolos cristiáns: “Que vos absteñades [...] de sangue” (Feit. 15:28, 29TNM). Queremos manternos firmes e obedecer este mandato cando teñamos que decidir que tratamentos médicos imos aceptar. b

6. Que medidas tomamos para vivir conforme ás elevadas normas morais de Xehová?

6 Cumprimos fielmente coas elevadas normas morais de Xehová (Heb. 13:4). O apóstolo Paulo fixo a seguinte advertencia: “Dádelle morte ós membros do voso corpo”. Isto significa que debemos tomar medidas drásticas para desfacernos de calquera mal desexo. Por iso, evitamos ver ou facer calquera cousa que poida levarnos a cometer inmoralidade sexual (Col. 3:5, TNM; Xob 31:1). E, cando nos sentimos tentados a facer algo malo, rechazamos de inmediato calquera pensamento ou acción que poida danar a nosa amizade con Deus.

7. Que temos que estar decididos a facer, e por que?

7 Xehová espera que o obedezamos “de corazón” (Rm. 6:17). Non podemos escoller que leis obedecer e cales non. Pero debemos recordar que o que Xehová nos pide sempre é para o noso beneficio (Is. 48:17, 18; 1 Cor. 6:9, 10). Por iso nos esforzamos por agradarlle a Xehová e demostrar a mesma actitude que o salmista, que escribiu: “Poño atención en garda-los teus preceptos, por sempre e cumpridamente” (Sal. 119:112). Pero, o Demo fará todo o posible para que non nos manteñamos firmes. Que tácticas utiliza?

COMO INTENTA SATANÁS QUE NON NOS MANTEÑAMOS FIRMES?

8. De que diferentes maneiras utiliza o Demo a persecución para debilitar a nosa resolución de manternos firmes?

8 A persecución. O Demo utiliza os ataques físicos e emocionais para intentar debilitar a nosa resolución de manternos firmes. O seu obxectivo é destruír a nosa relación con Xehová (1 Pe. 5:8). Isto xa lles pasou ós cristiáns do primeiro século, ós que ameazaron, golpearon e incluso mataron por ser leais a Xehová (Feit. 5:27, 28, 40; 7:54-60). Satanás segue utilizando a táctica da persecución hoxe en dia. Isto é evidente ó ver o trato cruel que están sufrindo os nosos irmáns en Rusia e noutros lugares onde os opositores atacan os servos de Xehová.

9. Que experiencia demostra que é necesario ter moito coidado cos ataques indirectos?

9 Os ataques indirectos. Ademais da persecución, Satanás tamén utiliza “estrataxemas”, ou ataques indirectos (Ef. 6:11). Fíxate no exemplo de Bob, un irmán que tivo que ser hospitalizado porque necesitaba unha operación cirúrxica importante. El informou os médicos de que baixo ningunha circunstancia aceptaría unha transfusión de sangue. O cirurxián estivo de acordo. Pero a noite antes da operación, cando a familia de Bob xa marchara, o anestesista foi onda el e díxolle que o máis probable era que non necesitase sangue, pero que o ían ter preparado por se acaso. Quizais pensou que cambiaría de opinión se a súa familia non estaba diante. Pero este irmán mantívose firme e díxolle que non aceptaría sangue, pasase o que pasase.

10. Por que son unha trampa os razoamentos humanos? (1 Corintios 3:19, 20).

10 Os razoamentos humanos. Se empezamos a pensar como as persoas que non serven a Xehová, pode que nós tamén o acabemos deixando de lado a el e as súas normas (le 1 Corintios 3:19, 20). Moitas veces “a sabedoría deste mundo” anímanos a deixarnos levar polos nosos propios desexos. Algúns cristiáns de Pérgamo e Tiátira, permitiron que os influenciase a xente que os rodeaba, que eran persoas inmorais e adoraban deuses falsos. Xesús foi moi contundente ó darlles consello a aquelas congregacións por tolerar a inmoralidade sexual (Ap. 2:14, 20). Hoxe en día, a xente que nos rodea tamén exerce moita presión para que aceptemos os seus puntos de vista equivocados. Algúns familiares e coñecidos poden intentar convencernos de que somos demasiado estritos e de que non pasa nada porque cedamos nalgunhas das normas que Xehová pon. Por exemplo, poderían dicirnos que non ten nada de malo deixarnos levar polos nosos desexos e que as normas morais da Biblia están anticuadas.

11. Que debemos evitar facer?

11 Ás veces, poderiamos pensar que as instrucións que nos dá Xehová non son o suficientemente claras e ter a tentación de “ir máis alá do que está escrito” (1 Cor. 4:6). Os líderes relixiosos do tempo de Xesús caían neste erro ó engadirlle á Lei normas humanas. Isto era unha carga moi pesada para as persoas, e facíalles máis difícil obedecer (Mt. 23:4). As instrucións que nos dá Xehová mediante a súa Palabra e a súa organización son claras. Non hai razón para engadirlles nada (Pr. 3:5-7). Por iso, non queremos ir máis aló do que di a Biblia ou poñerlles normas ós nosos irmáns sobre asuntos de decisión persoal.

12. Como utiliza Satanás os razoamentos falsos?

12 Os razoamentos falsos. O Demo utiliza “especulacións sen contido fundadas [...] nos elementos deste mundo” para enganar e dividir as persoas (Col. 2:8). No primeiro século, isto incluía filosofías baseadas en razoamentos humanos, ensinanzas dos xudeus que non se baseaban nas Escrituras e a idea de que os cristiáns tiñan que obedecer a Lei mosaica. Estes enganos eran unha distracción para as persoas porque desviaban a súa atención de Xehová, a Fonte da verdadeira sabedoría. Hoxe en día, Satanás utiliza os medios de comunicación e as redes sociais para difundir teorías conspiratorias e noticias falsas que promoven os líderes políticos. Isto viuse claramente durante a pandemia da COVID-19. c Pero, as testemuñas de Xehová que escoitaron a guía que deu a organización evitaron a ansiedade innecesaria que si tiveron as persoas que lle prestaron atención á información enganosa (Mt. 24:45).

13. Por que debemos ter moito coidado coas distraccións?

13 As distraccións. Non debemos perder de vista as cousas “máis importantes” (Flp. 1:9, 10TNM). As distraccións poden quitarnos moito tempo e enerxías que poderiamos dedicarlles ás cousas que realmente son de proveito. Asuntos do día a día como a comida, a bebida, a diversión e o traballo poden chegar a ser distraccións se permitimos que sexan o centro da nosa vida (Lc. 21:34, 35). Ademais, cada día bombardéannos con noticias sobre protestas sociais e debates políticos. Pero, non podemos permitir que estas cousas nos distraian porque, se o facemos, poderiamos empezar a posicionarnos no noso interior a favor dalgún dos bandos. O Demo utiliza todas estas tácticas das que falamos co obxectivo de debilitar a nosa determinación de facer o que está ben. Vexamos que podemos facer para manternos firmes ante os seus ataques.

COMO PODES MANTERTE FIRME?

Para manterte firme pensa en por que te dedicaches a Xehová e te bautizaches, estuda a Palabra de Deus e medita nela, ten un corazón firme e confía en Xehová (ver os parágrafos 14 a 18).

14. Cal é unha das cousas que pode axudarnos a permanecer ó lado de Xehová?

14 Pensa en por que te dedicaches a Xehová e te bautizaches. Deches estes pasos porque querías poñerte do lado de Xehová. Recorda todo o que che axudou a estar seguro de que atoparas a verdade. Chegaches a coñecer mellor a Xehová e empezaches a amalo e respectalo como o teu Pai celestial. A túa fe medrou e motivoute a arrepentirte. Así que deixaches de facer as cousas que a Xehová non lle gustan e comezaches a vivir segundo as súas normas. E que aliviado te sentiches ó saber que el te perdoara! (Sal. 32:1, 2) Tamén, empezaches a asistir ás reunións e a compartir con outros as marabillosas cousas que estabas aprendendo. E agora que es un cristián dedicado e bautizado, xa andas polo camiño que leva á vida e estás decidido a non apartarte del (Mt. 7:13, 14).

15. Como nos beneficia estudar e meditar?

15 Estuda a Palabra de Deus e medita nela. Igual que unha árbore necesita raíces profundas para manterse en pé, nós tamén necesitamos ter unha fe ben fundamentada na Palabra de Deus para manternos firmes. A medida que unha árbore vai medrando, as súas raíces esténdense e fanse máis profundas. Do mesmo xeito, cando estudamos a Biblia e meditamos nela, fortalécese a nosa confianza en que o que Deus nos pide é o mellor para nós (Col. 2:6, 7). Párate a pensar en como Xehová ensinou, guiou e protexeu os seus servos no pasado. Por exemplo, Ezequiel prestou moita atención a unha visión na que aparecía un anxo medindo un templo con moito detalle. Esta visión fortaleceu moito a Ezequiel, e a nós dános leccións prácticas sobre como cumprir as normas de Xehová e darlle adoración pura (Ez. 40:1-4; 43:10-12). d Beneficiámonos moito cando dedicamos tempo a estudar e meditar nas ensinanzas profundas da Palabra de Deus.

16. Como protexeu a Bob ter un corazón firme? (Salmo 112:7).

16 Mantén un corazón firme. O rei David cantou: “O meu corazón, Deus, está firme”, deixando claro que non quería perder nunca o seu amor por Xehová (Sal. 57:8 [57:7, TNM]). Nós tamén podemos manter un corazón firme se confiamos completamente en Xehová (le Salmo 112:7). Fíxate en como isto lle axudou a Bob, do que xa falamos antes. Cando os médicos o informaron de que terían sangue preparado por se finalmente era necesario, el respondeu que se había algunha posibilidade de que lle puxesen sangue abandonaría o hospital de inmediato. Máis tarde Bob dixo: “Nunca tiven dúbidas, nin me preocupei polo que podería pasar”.

Se cultivamos unha fe forte poderemos manternos fieis ante calquera proba (ver o parágrafo 17).

17. Que podemos aprender da experiencia de Bob? (Ver tamén a imaxe).

17 Bob puido manterse firme porque xa tomara a decisión de ser leal a Xehová moito antes de ir ó hospital. Que lle axudou? Primeiro, ter claro que quería facer feliz a Xehová. Segundo, estudar con coidado o que din a Biblia e as publicacións sobre a santidade da vida e do sangue. E terceiro, estar convencido de que Xehová o recompensaría por tomar a decisión de obedecelo. Nós tamén podemos ter un corazón firme, sen importar as dificultades ás que nos enfrontemos.

Barac e os seus homes perseguindo o exército de Sísera (ver o parágrafo 18).

18. Como nos ensina o exemplo de Barac a confiar en Xehová? (Ver a imaxe da portada da revista).

18 Confía en Xehová. Pensa no ben que lle foi a Barac por confiar na guía de Xehová. Os israelitas non estaban preparados para a batalla porque non tiñan armas. Pero Xehová díxolle a este xuíz que loitase contra Sísera, que era un xefe cananeo que tiña un exército moi ben equipado (Xuí. 5:8). A profetisa Déborah díxolle a Barac que baixase das montañas ata un terreo máis plano para loitar contra Sísera e os seus 900 carros. Barac obedeceu, aínda que para os israelitas ía ser moi difícil loitar contra os carros naquel tipo de terreo. Pero, mentres o exército israelita baixaba do Monte Tabor, Xehová fixo que chovese moitísimo. Así que os carros de Sísera quedaron atascados no barro, e Xehová deulle a vitoria a Barac (Xuí. 4:1-7, 10, 13-16). De maneira parecida, Xehová tamén nos dará a vitoria se confiamos nel e seguimos a guía que nos dá mediante a súa organización (Dt. 31:6).

DECÍDETE A MANTERTE FIRME

19. Por que queres ti manterte firme?

19 Mentres vivamos neste sistema, teremos que seguir loitando para manternos firmes (1 Tim. 6:11, 12; 2 Pe. 3:17). Esteamos decididos a non ceder ante a persecución, os ataques indirectos, os razoamentos humanos, os razoamentos falsos e as distraccións (Ef. 4:14). En vez diso, manteñámonos firmes e sigamos amando e obedecendo sempre a Xehová. Pero, ó mesmo tempo, debemos ser razoables. No seguinte artigo veremos como Xehová e Xesús nos poñen un exemplo perfecto de como ser razoables.

CANCIÓN snnw 154 Seguirei ata o final

a Dende o tempo de Adam e Eva, o Demo intenta convencer as persoas de que poden decidir por elas mesmas o que está ben e o que está mal. El quere que teñamos esa mesma actitude con respecto ás leis de Xehová e ás instrucións que recibimos da súa organización. Este artigo axudaranos a manternos alerta para que non inflúa en nós o espírito de independencia que promove o mundo de Satanás, e tamén fortalecerá a nosa resolución de obedecer sempre a Xehová.

b Para máis información sobre como os cristiáns podemos apoiar o punto de vista de Deus sobre o sangue, mira a lección 39 do libro Desfruta da vida para sempre!

c Mira o taboleiro animado “Protéxete da información falsa” en jw.org.