Ir ó contido

Ir ó índice

BIOGRAFÍA

O interese persoal produce beneficios duradeiros

O interese persoal produce beneficios duradeiros

Con miña nai e miña irmá Pat, en 1948

“A IGREXA anglicana non ensina a verdade. Temos que seguir buscando”. Despois de que miña avoa materna, que era anglicana, dixese isto, miña nai empezou a buscar a relixión verdadeira. Aínda así, ela non quería falar coas Testemuñas de Xehová e dicíame que me escondese cando viñan á nosa casa en Toronto, O Canadá. Pero, cando a súa irmá máis nova comezou a estudar a Biblia coas Testemuñas de Xehová en 1950, miña nai tamén o fixo. Estudaban na casa da miña tía e, co tempo, bautizáronse.

Meu pai era un ancián na Igrexa Unida do Canadá da nosa localidade. Así que, cada semana enviábanos a min e a miña irmá ó catecismo do domingo e despois, iamos con el ó servizo relixioso das once da mañá. Pola tarde, asistiamos coa miña nai ó Salón do Reino. Iso permitiunos ver facilmente a diferenza entre as dúas relixións.

Coa familia Hutcheson no congreso internacional “Vontade divina”, en 1958

Miña nai compartiu as súas novas crenzas con Bob e Marion Hutcheson, uns moi bos amigos, que tamén aceptaron a verdade. En 1958, os Hutcheson leváronme con eles e cos seus tres fillos ó congreso internacional de oito días “Vontade divina”, que se celebrou na cidade de Nova York. Cando penso naquilo, doume conta de que tiveron que facer un grande esforzo para que puidese ir con eles. Pero, aquel congreso foi un dos mellores momentos da miña vida.

O INTERESE PERSOAL QUE ME MOSTRARON CAMBIOU A MIÑA VIDA

Na miña adolescencia vivimos nunha granxa. A min gustábame moito coidar dos animais, así que, comecei a pensar seriamente en estudar para ser veterinario. Miña nai mencionoulle isto a un ancián da congregación. El recordoume con cariño que estamos vivindo nos últimos días deste sistema e fíxome pensar en como lle ía afectar á miña relación con Xehová ir á universidade durante varios anos (2 Tim. 3:1). Entón, decidín non facelo.

Seguíame preguntando que ía facer cando acabase o instituto. Aínda que ía predicar tódalas fins de semana, o certo é que non me gustaba moito e non me vía como pioneiro. Naquela época, meu pai e meu tío, que non eran Testemuñas, animáronme a traballar a tempo completo nunha gran compañía de seguros de Toronto. Meu tío tiña un posto importante alí, así que aceptei o traballo.

En Toronto pasaba a maior parte do tempo traballando e con persoas que non servían a Deus. Isto fixo que me perdese moitas reunións e que deixase de ser regular na predicación. Ó principio vivín co meu avó, que non era testemuña de Xehová, pero cando el morreu tiven que buscar outro lugar onde vivir.

Os Hutcheson, a familia que me levara ó congreso de 1958, foron coma pais para min. Invitáronme a vivir con eles na súa casa e axudáronme a crecer en sentido espiritual. En 1960, o seu fillo John mais eu bautizámonos. John comezou a servir como pioneiro e isto motivoume a aumentar o tempo que dedicaba á predicación. Os irmáns da congregación déronse conta do meu progreso e, finalmente, nomeáronme responsable do que hoxe sería a reunión Vida e Actividades.

UNHA COMPAÑEIRA MARABILLOSA E UN NOVO LOGRO

O día da nosa voda, en 1966

En 1966 casei con Randi Berge, unha entusiasta pioneira que desexaba servir onde houbese necesidade. O noso superintendente viaxante interesouse por nós e animounos a ir axudar á congregación de Orillia, Ontario. Entón, fixemos as maletas e mudámonos alí.

Randi contaxioume o seu entusiasmo pola predicación, así que, tan pronto como chegamos a Orillia eu tamén me fixen pioneiro. A medida que me esforzaba por mellorar como pioneiro, comecei a desfrutar de usar a Biblia na predicación e de ver como a verdade chegaba ó corazón das persoas. Para nós foi unha alegría enorme poder axudar a unha parella moi agradable de Orillia a facer cambios na súa vida e a chegar a ser servos de Xehová.

APRENDEMOS UN NOVO IDIOMA E AXUSTAMOS A NOSA FORMA DE PENSAR

Durante unha visita a Toronto coñecín a Arnold MacNamara, que era un dos irmáns responsables en Betel. Preguntoume se nos gustaría servir como pioneiros especiais. Eu respondín rapidamente: “Por suposto! Sempre que non sexa no Quebec!”. Deixárame influír polos sentimentos negativos que tiña a xente da parte de fala inglesa do Canadá sobre o malestar social que había na provincia de fala francesa do Quebec. Naquel momento, alí había un movemento político que buscaba que o Quebec se independizase do resto do Canadá.

Arnold respondeume: “Neste momento o Quebec é o único lugar onde a sucursal está enviando pioneiros especiais”. Así que, aceptei de inmediato. Ademais, xa sabía que a Randi lle facía moita ilusión ir servir alí. Máis tarde, deime conta de que esta foi unha das mellores decisións da nosa vida.

Despois de asistir a un curso de francés de cinco semanas, fomos con outra parella a Rimouski, a uns 540 km ó nordeste de Montreal. Aínda tiñamos moito que aprender. Isto fíxose moi evidente nunha reunión na que, lendo uns anuncios, dixen que no próximo congreso iamos recibir moitos “delegados avestruces”, en vez de “delegados austríacos”.

A “Casa Branca”, en Rimouski

En Rimouski uníronse a nós catro irmás solteiras moi entusiastas e o matrimonio Huberdeaus coas súas dúas fillas. Esta familia alugou unha casa moi grande e compartíaa cos pioneiros. Entre todos axudabamos coa renda. Como a casa era branca e tiña columnas na fachada, chamabámoslle a “Casa Branca”. Normalmente había entre 12 e 14 persoas vivindo alí. Como pioneiros especiais, Randi mais eu estabamos todo o día fóra predicando, así que valorabamos moito ter sempre alguén dispoñible para acompañarnos, sobre todo nas frías tardes de inverno.

Fixémonos tan amigos destes pioneiros, que se converteron na nosa familia. Ás veces, sentabamos todos xuntos arredor dunha fogueira ou celebrabamos o “día das empanadillas”, no que cociñabamos este prato con diferentes recheos. Un dos irmáns era músico, polo que pasabamos moitos sábados pola noite cantando e bailando.

O territorio de Rimouski foi moi produtivo. En cinco anos tivemos o privilexio de ver como progresaban ata o bautismo varios estudantes da Biblia. Tamén vimos como a congregación creceu ata chegar a uns 35 publicadores.

No Quebec adquirimos moita experiencia na predicación. Vimos como Xehová nos axudou, tanto no ministerio coma coas nosas necesidades materiais. Ademais, aprendemos a querer as persoas de fala francesa, o seu idioma e a súa cultura. E isto axudounos tamén a apreciar moito outras culturas (2 Cor. 6:13TNM).

Cando menos o esperabamos, a sucursal pediunos que nos mudásemos á vila de Tracadie, na costa leste de Novo Brunswick. Isto supuxo un desafío para nós, porque acababamos de firmar o contrato de aluguer dun apartamento e eu comprometérame cunha escola a traballar como profesor a tempo parcial. Ademais, algúns dos nosos estudantes da Biblia acababan de facerse publicadores e estabamos xusto no medio da construción dun Salón do Reino.

Oramos toda a fin de semana sobre a mudanza e tamén visitamos Tracadie, que era moi diferente de Rimouski. Decidimos que, se Xehová quería que fósemos alí, iriamos. Puxémolo a proba e vimos como eliminaba cada un dos obstáculos (Mal. 3:10). Coma sempre, a madurez espiritual de Randi, o seu espírito de sacrificio e o seu sentido do humor fixeron que aquel cambio fose máis fácil.

O único ancián que había na nosa nova congregación era Robert Ross. Este irmán fora pioneiro xunto con Linda, a súa muller, e decidiran quedar alí cando naceu o seu primeiro fillo. O seu exemplo animounos moito a Randi mais a min porque, ademais de coidar dun neno pequeno, tamén sacaban tempo para ser hospitalarios e para participar na predicación con entusiasmo.

A FELICIDADE DE SERVIR ONDE HAI MÁIS NECESIDADE

Un día de inverno durante o noso primeiro circuíto

Despois de dous anos en Tracadie, recibimos outra sorpresa: unha invitación para servir na obra de circuíto. Estivemos en circuítos de fala inglesa durante sete anos e despois enviáronnos a un circuíto de fala francesa no Quebec. O superintendente de distrito que tiñamos cando estabamos alí, Léonce Crépeault, tiña o costume de felicitarme polos meus discursos. Pero, co tempo, comezou a preguntarme: “Como poderías facer que sexan máis prácticos?”. a Esta mostra de interese persoal axudoume a que a miña ensinanza fose máis específica e máis fácil de entender.

Unha das asignacións que recordo con máis cariño, foi a que tiven no congreso internacional titulado “Fe vitoriosa”, que se celebrou en Montreal en 1978. Colaborei no Servizo de alimentación. Esperábase unha asistencia de 80.000 persoas e o sistema que iamos utilizar acabábase de implementar. Todo era completamente novo: o equipamento, o menú e o método de preparación. Tiñamos uns 20 camións frigoríficos grandes pero, ás veces, non funcionaban ben. O día antes do congreso non puidemos entrar no estadio para preparar as cousas ata a medianoite, porque había un evento deportivo. E xa tiñamos que estar alí antes do amencer para acender os fornos e preparar o almorzo. Estabamos cansados, pero aprendín moito do traballo duro, das boas calidades e do sentido do humor dos demais voluntarios. Isto uniunos moito e conseguimos moi boas amizades que duran ata o día de hoxe. Que alegría poder desfrutar deste congreso histórico no Quebec, unha provincia onde houbo tanta persecución nas décadas de 1940 e 1950.

Randi mais eu axudando coa preparación dun congreso en Montreal, en 1985

Aprendín moito dos meus compañeiros superintendentes nos grandes congresos que se celebraron en Montreal. Un ano, o superintendente de congreso foi David Splane, que agora é membro do Consello Reitor. Máis adiante, noutro congreso, cando me pediron se me podía encargar desta asignación, David axudoume moito.

En 2011, despois dos 36 marabillosos anos que desfrutamos na obra de viaxante invitáronme a servir como instrutor no Curso para Anciáns de Congregación. En dous anos durmimos en 75 camas diferentes, pero valeu a pena o sacrificio. Cada semana, ó rematar o curso, tódolos que asistían estaban moi agradecidos porque sentían o moito que coida o Consello Reitor da espiritualidade dos anciáns.

Tempo despois, tamén fun instrutor do Curso para Evanxelizadores do Reino. A miúdo, os estudantes sentían estrés e estaban cansados polo horario tan intenso que ten este curso. Son sete horas de clase cada día, despois dedícanse unhas tres horas a preparar as leccións do día seguinte e, a maiores, hai que facer unhas catro ou cinco asignacións por semana. O outro instrutor e mais eu explicabámoslles ós estudantes que, para poder con todo, ían necesitar a axuda de Xehová. Sempre recordarei canto se sorprendían ó ver que, se confiaban en Xehová, eran capaces de facer moito máis do que se imaxinaran.

O INTERESE PERSOAL PRODUCE BENEFICIOS DURADEIROS

Miña nai demostraba interese persoal polos demais. Iso axudoulles a progresar ós seus estudantes da Biblia e tamén fixo que meu pai cambiase a súa actitude cara á verdade. Tres días despois de que ela morrese, meu pai sorprendeunos a todos vindo ó Salón do Reino. E continuou asistindo ás reunións durante 26 anos. Aínda que nunca se bautizou, os anciáns dixéronme que sempre era o primeiro en chegar ás reunións cada semana.

Miña nai tamén nos puxo un moi bo exemplo ás miñas irmás e a min. As tres serven fielmente a Xehová cos seus maridos. Dúas serven en Betel, unha delas na sucursal de Portugal e a outra na sucursal de Haití.

Na actualidade, Randi e mais eu somos pioneiros especiais en Hamilton, Ontario. Cando estabamos na obra de viaxante, gustábanos moito acompañar a outros ás súas revisitas e ós seus cursos bíblicos. Pero agora desfrutamos de ver os nosos propios estudantes progresar espiritualmente. E, como somos amigos dos irmáns e das irmás da nosa congregación, anímanos moito ver que Xehová lles axuda tanto nos bos coma nos malos momentos.

Cando miro atrás, valoro moitísimo o interese que tantas persoas demostraron por nós. Iso fixo que eu tamén me esforzase por animar os demais a darlle o mellor a Xehová, demostrándolles así o meu interese por eles (2 Cor. 7:6, 7). Por exemplo, nunha familia, a muller e os fillos servían a tempo completo. Entón, pregunteille ó marido se el pensara en facer o mesmo. El contestoume que xa estaba apoiando tres pioneiros, e eu pregunteille: “Quen cres que pode coidar mellor deles? Ti ou Xehová?”. Así que o animei a que dese ese paso e que puidese desfrutar do mesmo que estaba desfrutando a súa familia. Seis meses máis tarde, fíxose pioneiro.

Randi mais eu continuaremos falándolle á seguinte xeración sobre os “prodixios” de Xehová, e temos a esperanza de que poidan desfrutar tanto coma nós de servilo (Sal. 71:17, 18).

a Mira a biografía de Léonce Crépeault na revista La Atalaya de febreiro de 2020, páxinas 26 a 30.