Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 30

Que o teu amor siga medrando

Que o teu amor siga medrando

“Sendo auténticos no amor, medraremos en todo” (EF. 4:15).

CANCIÓN sjj 2 Teu nome é Xehová

AVANCE a

1. Que aprendiches ó empezar a estudar a Biblia?

 ACÓRDASTE de cando empezaches a estudar a Biblia? Seguro que te sorprendeu moito descubrir que Deus ten un nome. Quizais quedaches aliviado ó saber que el non tortura as persoas nun inferno. E seguro que te emocionou moito coñecer a esperanza de volver a ver os teus seres queridos que morreron e vivir con eles nun paraíso na Terra.

2. Á parte de aprender as verdades da Biblia, de que outras formas progresaches? (Efesios 5:1, 2).

2 Canto máis estudabas a Palabra de Deus, máis crecía o teu amor por Xehová. Ese amor motivoute a poñer en práctica todo o que aprendías. Ó guiarte polos principios bíblicos, empezaches a tomar mellores decisións na vida. Tamén melloraches a túa actitude e comportamento porque querías agradarlle a Deus. Estabas imitando a Xehová igual que un neno imita o seu querido pai (le Efesios 5:1, 2).

3. Que preguntas poderiamos facernos?

3 Pensa un momento en cando te bautizaches e pregúntate: “É o meu amor por Xehová agora máis forte? Parécese a miña forma de pensar, de actuar e de tratar os irmáns cada vez máis á de Xehová?”. Se notas que o “teu amor primeiro” por Xehová e polos demais se debilitou dalgunha maneira, non te desanimes. Ós cristiáns do primeiro século pasoulles algo parecido. Pero Xesús non os deu por perdidos a eles nin tampouco nos dá por perdidos a nós (Ap. 2:4, 7). El sabe que podemos volver a sentir ese amor que tiñamos cando coñecemos a verdade.

4. Que imos analizar neste artigo?

4 Neste artigo imos analizar que podemos facer para que o noso amor por Xehová e polos demais siga medrando. Despois imos ver algunhas das bendicións que recibiremos, tanto nós coma os demais, se fortalecemos o noso amor.

AUMENTEMOS O NOSO AMOR POR XEHOVÁ

5, 6. a) A que desafíos se enfrontou o apóstolo Paulo? b) Que lle axudou a seguir servindo a Xehová?

5 O apóstolo Paulo desfrutou dunha vida feliz servindo a Xehová, aínda que tivo que enfrontarse a moitos desafíos. Fixo viaxes moi longas, e iso que naquel tempo non era nada fácil. Nesas viaxes, Paulo ás veces pasou por situacións perigosas. Nalgunha ocasión incluso sufriu maltrato físico por parte dos seus inimigos (2 Cor. 11:23-27). Ademais, os irmáns non sempre agradecían tódolos esforzos que facía por eles (2 Cor. 10:10; Flp. 4:15).

6 Que lle axudou a Paulo a seguir servindo a Xehová? El aprendeu moito sobre a personalidade de Xehová, tanto por ler as Escrituras como polas súas propias experiencias na vida. Por iso estaba convencido de que Xehová Deus o quería moito (Rm. 8:38, 39; Ef. 2:4, 5). Paulo tamén chegou a amar moito a Xehová, e demostrou este amor esforzándose por axudar ós seus irmáns (Heb. 6:10).

7. Cal é unha das cousas que nos pode axudar a aumentar o noso amor por Xehová?

7 Podemos facer que medre o noso amor por Deus se nos esforzamos por estudar a fondo a súa Palabra. Mentres les a Biblia intenta descubrir o que che ensina cada pasaxe sobre Xehová. Pregúntate: “Como me demostra este relato que Xehová me quere? Que motivos me dá o que acabo de ler para amar máis a Xehová?”.

8. Como nos axuda a oración a amar máis a Xehová?

8 Outra forma de facer medrar o noso amor por Xehová é orándolle tódolos días e contándolle como nos sentimos de verdade (Sal. 25:4, 5). Á súa vez, Xehová contestará as nosas oracións (1 Xn. 3:21, 22). Khanh, unha irmá de Asia, di: “Ó principio, o meu amor por Xehová baseábase no que aprendera sobre el. Pero ó ver que contestaba as miñas oracións empecei a amalo aínda máis. Isto motivoume a facer as cousas como a el lle gustan”. b

AUMENTEMOS O NOSO AMOR POLOS DEMAIS

9. Como demostrou Timoteo que fortalecera o seu amor polos irmáns?

9 Algúns anos despois de facerse cristián, Paulo coñeceu a Timoteo. Este rapaz amaba a Xehová e as persoas. Referíndose a el, Paulo díxolles ós filipenses: “Non teño ninguén coma el que mire lealmente polas vosas cousas” (Flp. 2:20, SEPT2021). Aquí Paulo non estaba falando da habilidade que tiña Timoteo para organizar a congregación nin para facer discursos públicos. O que chamou a atención de Paulo foi o amor que Timoteo sentía polos irmáns. Seguro que as congregacións nas que serviu Timoteo esperaban con moitas ganas as súas visitas (1 Cor. 4:17).

10. Como mostraron Anna e o seu home o amor que senten polos irmáns?

10 Nós tamén podemos buscar formas de axudarlles ós nosos irmáns (Heb. 13:16). Fíxate no exemplo de Anna, da que xa falamos no artigo anterior. Despois dun forte temporal, ela e o seu home visitaron uns irmáns e déronse conta de que a tormenta lles destruíra o tellado da casa. Como resultado, esta familia quedara sen roupa limpa. Anna conta: “O meu home mais eu collemos a roupa, lavámola e devolvémoslla limpa e ben dobrada. Para nós non supuxo moito traballo, pero este pequeno xesto creou unha amizade que segue sendo forte ata o día de hoxe”. O amor que sentiron Anna e mais o seu home polos irmáns motivounos a axudarlles de maneiras prácticas (1 Xn. 3:17, 18).

11. a) Que efecto pode ter nos demais o amor que lles mostramos? b) Segundo Proverbios 19:17, que fai Xehová cando demostramos amor polos demais?

11 Cando somos amables cos demais e lles demostramos que os queremos, poden ver que nos estamos esforzando por imitar a Xehová. É probable que aprecien a nosas mostras de amabilidade moito máis do que cheguemos a saber nunca. Iso foi o que lle pasou a Khanh, da que xa falamos antes, quen recorda con moito cariño a tódolos que lle botaron unha man. Ela di: “Estoulle moi agradecida a tódalas irmás que saían comigo a predicar. Recollíanme, invitábanme a comer algo e, despois de predicar, levábanme de volta á casa. Agora son consciente de que iso supoñía un grande esforzo para elas, pero sempre o facían con moito cariño”. Está claro que non podemos esperar que todos nos agradezan o que facemos por eles. Pensando nas irmás que lle axudaron, Khanh di: “Quen me dera poder agradecerlles todo o que fixeron por min. Pero, despois de tanto tempo, nin sequera sei onde viven esas irmás agora. O que si sei é que Xehová si que pode recompensalas por todo o que me axudaron e órolle para que o faga”. Khanh ten razón. Xehová dáse conta de todo o que facemos polos demais, ata das cousiñas máis pequenas. Para Deus, os sacrificios que facemos polos nosos irmáns son tan valiosos que os considera coma un préstamo que lle facemos a el e, por suposto, promete devolvérnolo (le Proverbios 19:17).

Unha persoa que progresa en sentido espiritual busca maneiras de axudar a outros (ver o parágrafo 12).

12. Como poden os irmáns demostrar o seu amor pola congregación? (Ver tamén as imaxes).

12 Se es un irmán, como podes demostrar amor polos demais e axudarlles? Un irmán novo chamado Jordan preguntoulle a un ancián que máis podía facer para axudar á congregación. O ancián felicitouno polo progreso que xa fixera e deulle algúns consellos. Por exemplo, animouno a que chegase cedo ó Salón do Reino, saudase os irmáns, participase nas reunións, predicase regularmente co seu grupo de predicación e pensase noutras maneiras prácticas de axudar a outros. Isto non só lle serviu a Jordan para aprender novas habilidades, senón tamén para que medrase o seu amor polos irmáns. Ademais, deuse conta de que a un irmán non o nomean servo ministerial para que empece a servir os demais, senón para que continúe facéndoo (1 Tim. 3:8-10, 13).

13. Como lle axudou o amor a un irmán chamado Christian a volver a cumprir cos requisitos para ser ancián?

13 Se deixaches de servir como ancián ou servo ministerial, podes estar seguro de que Xehová recorda todo o traballo que o amor te motivou a facer no pasado (1 Cor. 15:58). Ademais, el ve o amor que segues demostrando agora. Un irmán chamado Christian sentiuse moi decepcionado cando tivo que deixar de ser ancián. A pesar diso, el explica o que fixo: “Decidín que faría todo o que puidese no meu servizo a Xehová, sen importar se tiña responsabilidades na congregación ou non”. Co tempo, recuperou o privilexio de servir como ancián. Christian recoñece: “Ó principio estaba un pouco nervioso, pero decidín que, se Xehová me mostrara misericordia e quería que volvese a ter esa responsabilidade, eu ía esforzarme por cumprir con ela por amor a el e ós meus irmáns”.

14. Que aprendes do que di unha irmá de Xeorxia?

14 Os servos de Xehová tamén demostramos amor polos nosos veciños (Mt. 22:37-39). Por exemplo, unha irmá de Xeorxia que se chama Elena, di: “Ó principio, o único que me motivaba a predicar era o amor por Xehová. Pero a medida que crecía este amor que sentía por Deus, tamén medraba o meu amor polas persoas. Intentei imaxinarme a que problemas se enfrontaban e que tema lles podería chegar ó corazón. Canto máis me poño no seu lugar, máis desexo axudarlles” (Rm. 10:13-15).

XEHOVÁ RECOMPENSARANOS SE LLES DEMOSTRAMOS AMOR ÓS DEMAIS

Un só acto de amor pode beneficiar a moitas persoas (ver os parágrafos 15 e 16).

15, 16. Como se ve nas imaxes, que bos resultados ten mostrar amor polos demais?

15 Cando lles demostramos amor ós nosos irmáns, eles non son os únicos que se benefician. Despois de que comezase a pandemia da COVID-19, un irmán chamado Paolo e a súa muller ensináronlles a moitas irmás maiores a utilizar os seus dispositivos electrónicos para predicar. A unha desas irmás, ó principio, parecíalle moi difícil pero finalmente conseguiu facelo. De feito, foi capaz de usalos para invitar os seus familiares á Conmemoración, e sesenta deles asistiron por videoconferencia! Os esforzos que fixeron Paolo e a súa muller beneficiaron tanto a esta irmá coma ós seus familiares. Máis tarde, ela escribiulle a Paolo: “Grazas por dedicar tempo a ensinarnos ás irmás maiores. Nunca esquecerei canto se preocupa Xehová por nós e o moito que te esforzaches por axudarnos”.

16 Experiencias coma esta ensináronlle a Paolo unha gran lección. Recordáronlle que demostrar amor é máis importante que ter coñecemento ou algunha habilidade. El comenta: “Servín como superintendente de circuíto. Son consciente de que, aínda que moitos irmáns probablemente esqueceron os meus discursos públicos, o que si recordan é a axuda práctica que lles dei”.

17. Quen máis se vai beneficiar se demostramos amor?

17 Cando lles demostramos amor ós demais, nós tamén nos beneficiamos de maneiras que quizais non esperabamos. Jonathan, un irmán que vive en Nova Zelandia, puido confirmar isto. Un sábado pola tarde no que facía moita calor, viu un irmán pioneiro predicando só pola rúa. Jonathan decidiu acompañalo os seguintes sábados pola tarde. Nese momento aínda non sabía o moito que se ía beneficiar el mesmo ó facer ese acto de bondade. “Naquela época”, conta Jonathan, “non me gustaba predicar. Pero ó escoitar como ensinaba este pioneiro e ó ver os bos resultados que tiña, empezou a gustarme máis a predicación. Tamén fixen un bo amigo que me axudou a progresar espiritualmente, a desfrutar predicando e a achegarme máis a Xehová”.

18. Que quere Xehová que fagamos?

18 Xehová quere que todos aumentemos o noso amor por el e polos demais. Como vimos neste artigo, podemos fortalecer o noso amor por Deus lendo a súa Palabra, meditando nela e orándolle con regularidade. Podemos facer que medre o cariño que sentimos polos nosos irmáns axudándolles de maneiras prácticas. Canto máis fortalezamos o noso amor, máis cerca nos sentiremos de Xehová e da nosa familia espiritual. Así, desfrutaremos desas amizades para sempre!

CANCIÓN sjj 109 Amémonos de corazón

a Sen importar se levamos pouco ou moito tempo servindo a Xehová, todos podemos seguir progresando. Neste artigo imos ver que unha forma moi importante de facelo é aumentando o noso amor por Xehová e polos demais. Mentres o estudas, pensa en canto progresaches ata agora e en como podes seguir mellorando.

b Cambiáronse algúns nomes.