Ir ó contido

Ir ó índice

Sabíalo?

Sabíalo?

Como demostran os ladrillos encontrados na antiga Babilonia e o seu método de fabricación que a Biblia é exacta?

OS ARQUEÓLOGOS descubriron na antiga Babilonia unha gran cantidade de ladrillos que se usaron para construír a cidade. Segundo o arqueólogo Robert Koldewey estes ladrillos fabricáronse en fornos que estaban “fora da cidade, onde o barro é bo e hai moitos arbustos que se poden usar como combustible”.

Os antigos rexistros demostran que os gobernantes babilonios tamén usaban os fornos para facer cousas horribles. Paul-Alain Beaulieu, profesor experto no idioma e na historia da antiga Asiria que traballa na Universidade de Toronto, di: “Varios escritos babilónicos mostran que o rei ordenaba que, os que o desobedecesen ou mostrasen falta de respecto polas cousas sagradas, debían ser botados nun forno para que morresen queimados”. Por exemplo un texto do tempo do rei Nabucodonosor di o seguinte: “Destruídeos, queimádeos, asádeos, [...] no forno do cociñeiro […] facede que o seu fume suba, que a furia das chamas acabe por completo con eles”.

Isto seguro que lles soa moito a tódolos que coñecen o relato bíblico que se encontra no capítulo 3 de Daniel. Alí pódese ler que o rei Nabucodonosor construíu unha enorme estatua de ouro na chaira de Dura, fóra da cidade de Babilonia. Tres mozos hebreos, Xadrac, Mixac e Abednegó, negáronse a inclinarse ante a imaxe. Nabucodonosor enfadouse moitísimo, “ordenou que se acendese o forno sete veces máis forte do que se acostumaba acender” e mandou que botasen estes mozos “ó forno co lume acendido”. Un poderoso anxo salvounos dunha morte segura (Dn. 3:1-6, 19-28).

© The Trustees of the British Museum. Licensed under CC BY-NC-SA 4.0. Source

Un ladrillo coa inscrición do nome de Nabucodonosor

Os ladrillos que se encontraron en Babilonia tamén demostran que a Biblia é exacta. Moitos conteñen inscricións que enxalzaban o rei. Unha delas di: “Nabucodonosor, Rei de Babilonia [...]. O palacio que eu, o Gran Rei, construín [...]. Que a miña descendencia goberne nel para sempre”. Esta inscrición parécese moito ó que podemos ler en Daniel 4:27 (4:30, TNM) onde o rei di: “Non é esta, logo, a grande Babilonia, que eu edifiquei para residencia real co meu inmenso poder e para honra da miña maxestade?”.