Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 25

Xehová bendice os que perdoan

Xehová bendice os que perdoan

“Coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós” (COL. 3:13).

CANCIÓN sjj 130 Perdoemos os demais

AVANCE *

1. Que lles promete Xehová ós pecadores que se arrepinten?

 AÍNDA que Xehová é o noso Creador, Lexislador e Xuíz, tamén é o noso Pai cariñoso (Sal. 100:3; Is. 33:22). Cando pecamos contra el e nos arrepentimos de verdade, non só pode perdoarnos, senón que desexa facelo (Sal. 86:5, TNM). Mediante o profeta Isaías, Xehová prometeu con moito cariño: “Aínda que os vosos pecados fosen coma o granate, coma a neve branquexarán” (Is. 1:18).

2. Se queremos levarnos ben cos demais, que debemos facer?

2 Como somos imperfectos, todos dicimos e facemos cousas que ofenden a outros (Sant. 3:2). Pero isto non quere dicir que non poidamos ser bos amigos deles. Para conseguilo, temos que aprender a perdoarnos uns a outros (Pr. 17:9; 19:11; Mt. 18:21, 22). Cando alguén nos ofende dicindo ou facendo algo de pouca importancia, Xehová quere que o perdoemos (Col. 3:13). Temos boas razóns para facelo. Despois de todo, Xehová perdóanos con xenerosidade (Is. 55:7, TNM).

3. Que imos analizar neste artigo?

3 Neste artigo, imos analizar como podemos imitar a Xehová e perdoar a outros. Que pecados temos que contarlles ós anciáns? Por que nos anima Xehová a perdoar os demais? Que aprendemos dalgúns irmáns que sufriron moito por culpa dos pecados doutras persoas?

CANDO UN CRISTIÁN COMETE UN PECADO GRAVE

4. a) Que debe facer un servo de Xehová cando comete un pecado grave? b) Que responsabilidade teñen os anciáns cando se reúnen con alguén que cometeu un pecado grave?

4 Cando alguén comete un pecado grave, temos que contárllelo ós anciáns. Estes pecados son unha violación moi grave da lei de Deus. A Biblia menciona algúns exemplos en 1 Corintios 6:9, 10 (TNM). Cando un cristián comete un pecado grave, debe orarlle a Xehová para pedirlle que o perdoe. Tamén debe falar cos anciáns da congregación (Sal. 32:5; Sant. 5:14). Que responsabilidade teñen os anciáns? Só Xehová pode perdoar por completo os pecados, e faino baseándose no sacrificio de rescate. * Pero encargoulles ós anciáns a responsabilidade de decidir se o pecador pode seguir formando parte da congregación, tendo en conta o que di a Biblia (1 Cor. 5:12). Entre outras cousas, teñen que contestar as seguintes preguntas: Foi un pecado intencionado? Intentou ocultalo? Cometeu o pecado durante un período longo de tempo? E, o máis importante, é evidente que está arrepentido de verdade? Hai probas de que Xehová o perdoou? (Feit. 3:19).

5. Cales son os beneficios do labor dos anciáns?

5 Cando os anciáns se reúnen coa persoa que cometeu un pecado grave, o seu obxectivo é tomar a mesma decisión que xa se tomou no ceo (Mt. 18:18). Como beneficia isto á congregación? Protéxea porque non permite que os pecadores que non se arrepinten sigan formando parte dela. Isto impide que lles fagan dano ás valiosas ovelliñas de Xehová (1 Cor. 5:6, 7, 11-13; Tit. 3:10, 11). Ademais, pode axudarlle ó pecador a arrepentirse e a conseguir o perdón de Xehová (Lc. 5:32, TNM). Os anciáns oran pola persoa arrepentida e pídenlle a Xehová que lle axude a recuperarse en sentido espiritual (Sant. 5:15).

6. Poderá Xehová perdoar a unha persoa que foi expulsada? Explica a túa resposta.

6 Imaxina que os anciáns se reúnen cunha persoa que demostra non estar arrepentida. Nese caso, debe ser expulsada da congregación. Se cometeu un delito, os anciáns non impedirán que sufra as consecuencias. Xehová permite que as autoridades xulguen e castiguen a calquera que desobedeza as leis, sen importar se está arrepentido ou non (Rm. 13:4). Aínda así, se despois a persoa se dá conta de que o que fixo estaba mal, se arrepinte e empeza a facer o que está ben, Deus estará disposto a perdoala (Lc. 15:17-24). Xehová perdoa incluso os pecados moi graves (2 Cró. 33:9, 12, 13; 1 Tim. 1:15).

7. Como podemos perdoar a alguén que pecou contra nós?

7 Canto agradecemos saber que non temos a responsabilidade de decidir se Xehová ten que perdoar a alguén que pecou, verdade? Pero si que hai algo que nós temos que decidir. De que se trata? Nalgúns casos, unha persoa que pecou contra nós poida que se desculpe e nos pida perdón. Noutros, poida que non o faga. Aínda así, podemos decidir perdoala desfacéndonos do resentimento e esforzándonos por non estar enfadados con ela. Sendo realistas, pode que isto non sexa fácil e nos leve tempo, sobre todo se nos fixo moito dano. La Atalaya do 15 de setembro de 1994 mencionou: “Perdoar a un pecador non significa escusar o seu pecado. Para un cristián, perdoar significa confiar en Xehová e deixar o asunto nas súas mans. El é o Xuíz xusto de todo o Universo e fará xustiza ó debido tempo”. Por que nos anima Xehová a perdoar e a confiar en que el xulgará o asunto de forma xusta?

POR QUE NOS ANIMA XEHOVÁ A PERDOAR A OUTROS?

8. Por que perdoar a outros demostra que agradecemos a misericordia de Xehová?

8 Perdoar demostra que agradecemos a misericordia de Xehová. Nunha parábola, Xesús comparou a Xehová cun rei que lle perdoou unha débeda moi grande a un dos seus escravos que non tiña suficientes cartos para pagarlle. Pero este escravo non lle mostrou misericordia a outro escravo, a pesar de que lle debía moito menos (Mt. 18:23-35). Que nos quería ensinar Xesús? Que valorar de verdade a gran misericordia que Xehová nos ten motivaranos a perdoar a outros (Sal. 103:9). Hai uns anos, La Atalaya expresouno da seguinte maneira: “Sen importar cantas veces perdoemos a outros, nunca perdoaremos tanto como Deus nos perdoou a cada un de nós grazas ó sacrificio de Cristo”.

9. A quen lles mostra misericordia Xehová? (Mateo 6:14, 15).

9 Se perdoamos a outros, Xehová tamén nos perdoará. Xehová móstralles misericordia ós que son misericordiosos (Mt. 5:7; Sant. 2:13). Xesús destacou esta idea cando lles ensinou ós seus discípulos a orar (le Mateo 6:14, 15). Podemos aprender o mesmo do que Xehová lle dixo a Xob. Tres homes chamados Elifaz, Bildad e Sofar fixéronlle moito dano a este home fiel coas súas duras palabras. Non obstante, Xehová díxolle a Xob que orase por eles. Despois de facelo, Xehová bendiciuno (Xob 42:8-10).

10. Por que nos fai dano gardar resentimento? (Efesios 4:31, 32, TNM).

10 Gardar resentimento fainos dano. Xehová quere que sintamos paz. Para conseguilo, temos que liberarnos da pesada carga do resentimento (le Efesios 4:31, 32, TNM). Deus anímanos a calmar a ira e a desfacernos da rabia que poidamos sentir (Sal. 37:8). Que consello máis sabio, non si? Gardar resentimento pode facernos dano física e mentalmente (Pr. 14:30). Estar resentidos con alguén non lle fai dano á outra persoa. É coma beber veleno: só nos fai dano a nós. Por iso, cando perdoamos a outros, en realidade estámonos facendo un favor a nós mesmos (Pr. 11:17). Isto permítenos seguir servindo a Xehová mentres desfrutamos de verdadeira paz.

11. Que di a Biblia acerca da vinganza? (Romanos 12:19-21).

11 A vinganza é de Xehová. Xehová non nos deu autoridade para vingarnos de alguén que pecou contra nós (le Romanos 12:19-21). Debido ó noso punto de vista imperfecto e limitado das cousas, non somos capaces de xulgar os asuntos da maneira correcta. Pero Deus si que pode facelo (Pr. 15:3). Ás veces, as nosas emocións poden confundirnos e facernos máis difícil saber que é o correcto. Xehová inspirou a Santiago para que escribise: “A ira do home non produce a xustiza de Deus” (Sant. 1:20, TNM). Podemos estar seguros de que Xehová fará o correcto e de que xulgará con xustiza no seu debido momento.

Liberémonos do enfado e do resentimento. Deixemos os asuntos nas mans de Xehová. El reparará todo o dano causado polo pecado (ver o parágrafo 12).

12. Como demostramos que confiamos na xustiza de Xehová?

12 Perdoar a outros demostra que confiamos na xustiza de Xehová. Cando confiamos en que Xehová xulgará os asuntos de maneira xusta, demostramos que estamos seguros de que reparará todo o dano causado polo pecado. El promete que no novo mundo non nos acordaremos das feridas emocionais que tanta dor nos causan, nin nos volverán facer dano nunca máis (Is. 65:17). Pero, e se alguén nos fixo moito dano? Será posible liberarnos do enfado e do resentimento que poidamos sentir no corazón? Vexamos como conseguiron facelo algúns dos nosos irmáns.

OS BENEFICIOS DE PERDOAR A OUTROS

13, 14. Que aprendemos da experiencia de Tony e José acerca do perdón?

13 Moitos dos nosos irmáns e irmás decidiron perdoar incluso cando outros lles fixeron moito dano. Que beneficios obtiveron a cambio?

14 Moitos anos antes de facerse testemuña de Xehová, Tony, * que vive en Filipinas, descubriu que un dos seus irmáns maiores fora asasinado por un home que se chamaba José. Naquel tempo, Tony era unha persoa moi violenta e quería vingarse. José foi arrestado e acabou no cárcere polo crime que cometera. Máis tarde, cando José saíu da prisión, Tony xurou que o buscaría e o mataría. De feito, comprou unha arma para facelo. Mentres tanto, Tony comezou a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová. El di: “Estudando a Biblia deime conta de que tiña que cambiar a miña conduta e personalidade, o que incluía desfacerme da ira que sentía”. Co tempo, bautizouse e chegou a ser ancián de congregación. Imaxina a súa sorpresa cando soubo que José tamén se bautizara como testemuña de Xehová! Cando se viron en persoa, déronse un cariñoso abrazo e Tony díxolle a José que xa o perdoara. Tony di que perdoar a José fíxoo tan feliz que non o podía explicar con palabras. Sen dúbida, Xehová bendiciu a Tony por estar disposto a perdoar.

O exemplo de Peter e Sue demostra que podemos deixar de estar enfadados e resentidos (ver os parágrafos 15 e 16).

15, 16. Que nos ensina acerca do perdón a experiencia de Peter e Sue?

15 En 1985, Peter e Sue estaban nunha reunión no Salón do Reino cando, de repente, houbo unha grande explosión. Un home puxera unha bomba dentro do Salón! Como consecuencia, Sue sufriu graves danos que lle deixaron secuelas na vista e no oído. Ademais, perdeu o sentido do olfacto. * Peter e Sue preguntábanse moitas veces que tipo de persoa era capaz de facer algo tan terrible. Moitos anos despois, aquel home, que non servía a Xehová, foi arrestado e sentenciado a cadea perpetua. Cando se lles preguntou a Peter e Sue se perdoaran aquel home, dixeron: “Xehová ensínanos a desfacernos da ira e do resentimento porque nos fan dano en sentido físico, emocional e mental. Así que, pouco despois da explosión, pedímoslle a Xehová que nos axudase a perdoar e a seguir adiante coa nosa vida”.

16 Foilles sempre fácil non gardar resentimento? Non sempre. Eles explican: “Ás veces, cando Sue o pasa mal polas secuelas que lle quedaron, volvémonos enfadar polo que pasou. Pero tratamos de non pensar moito niso, así que eses sentimentos desaparecen rápido. De feito, podemos dicir que, se algún día ese home chega a ser un dos nosos irmáns, darémoslle a benvida ó pobo de Xehová. Esta experiencia ensinounos que, cando aplicamos os principios bíblicos, sentímonos verdadeiramente libres, incluso de formas que antes non imaxinabamos. Tamén nos consola saber que pronto Xehová reparará todo o dano que tanto nos fai sufrir”.

17. Que nos ensina sobre o perdón a experiencia de Myra?

17 Myra comezou a estudar a Biblia cando xa estaba casada e tiña dous nenos pequenos. Pero o seu home non aceptou a verdade. Pasado un tempo, el cometeu adulterio e abandonou a familia. Myra conta: “Cando o meu home nos abandonou a min e os meus fillos, sentín o que moitos senten cando son traizoados por un ser querido. Non sabía que facer, non podía crer o que estaba pasando. Tamén me remordía a conciencia e tiña sentimentos de pena, de culpabilidade e de rabia”. Aínda que xa non estaban casados, Myra non podía deixar de sufrir pola traizón. Ela explica: “Sentíame enfadada e tiven ansiedade durante meses. Deime conta de que isto estaba afectando á miña relación con Xehová e cos demais”. Myra di que agora xa non está enfadada e que tampouco lle garda resentimento ó seu exmarido. De feito, espera que algún día tamén chegue a servir a Xehová. Myra é capaz de seguir cara adiante sen darlle voltas ó pasado. Como nai solteira, criou os seus dous fillos e axudoulles a chegar a ser testemuñas de Xehová. Hoxe en día, é moi feliz servindo a Deus con eles e coas súas familias.

A XUSTIZA PERFECTA DE XEHOVÁ

18. Xa que Xehová é o Xuíz Supremo, de que podemos estar seguros?

18 Canto nos tranquiliza saber que non temos a responsabilidade de decidir como se debería xulgar as persoas, verdade? Xa que Xehová é o Xuíz Supremo, será el quen se encargue desta tarefa (Rm. 14:10-12). Podemos estar completamente seguros de que sempre xulgará baseándose nas súas normas perfectas sobre o que está ben e o que está mal (Xén. 18:25; 1 Re. 8:32). Nunca fará nada inxusto!

19. Que conseguirá a xustiza perfecta de Xehová?

19 Estamos desexando que chegue o momento no que Xehová elimine por completo tódalas consecuencias da imperfección humana e do pecado. Entón desaparecerán para sempre tódolos danos físicos e emocionais (Sal. 72:12-14; Ap. 21:3, 4). Nunca máis nos volverán á cabeza. Mentres esperamos a que chegue ese momento tan marabilloso, estámoslle moi agradecidos a Xehová por darnos a capacidade de imitalo e de poder perdoar a outros.

CANCIÓN snnw 149 Grazas polo rescate

^ Xehová desexa perdoar os pecadores que se arrepinten. Os cristiáns queremos imitar o seu exemplo cando alguén nos ofende. Neste artigo, imos ver que pecados temos que perdoar nós e cales temos que contarlles ós anciáns. Tamén veremos por que Xehová quere que nos perdoemos uns a outros, e que bendicións imos recibir se o facemos.

^ Mira o artigo Preguntas de los lectores de La Atalaya do 15 de abril de 1996.

^ Cambiáronse algúns nomes.

^ Mira a revista ¡Despertad! do 8 de xaneiro de 1992, páxinas 9 a 13. Tamén podes ver en JW Broadcasting® o vídeo titulado Peter y Sue Schulz: La adversidad se puede superar.