Ir ó contido

Ir ó índice

Sabíalo?

Sabíalo?

Permitirían os romanos que se lle dese un enterro digno a alguén que fora executado nun madeiro, como foi Xesús?

MOITOS coñecen o relato que fala de como se executou e colgou a Xesús nun madeiro no medio de dous criminais (Mt. 27:35-38). Non obstante, algunhas persoas cren que a Biblia non é exacta cando di que prepararon o corpo de Xesús para o enterro e despois o puxeron nunha tumba (Mc. 15:42-46).

Algúns expertos nos Evanxeos dubidan que alguén que fose executado puidese recibir un enterro decente, como ser enterrado nunha tumba. Máis ben, cren que as persoas que morrían como criminais seguramente recibisen un trato diferente. Na revista Smithsonian, o periodista Ariel Sabar explica por que algúns pensan así: “A crucifixión era o castigo que recibían as peores persoas da sociedade daquela época, e algúns expertos afirmaron que era ridículo pensar que os romanos permitían que esta xente tivese un enterro digno”. Os romanos querían que os criminais que fosen condenados sufrisen a peor humillación posible, así que o normal sería que deixasen os seus corpos colgados no madeiro para que os animais salvaxes os comesen, e que despois botasen os restos nunha fosa común.

Pero a arqueoloxía revelou algo diferente, polo menos no caso dos restos dalgúns xudeus. En 1968, descubriron nunha típica tumba xudía cerca de Xerusalén unha caixa con algúns ósos dun home executado no primeiro século. Entre os restos, atoparon o óso dun talón cravado nunha táboa de madeira cun cravo de ferro de 11,5 centímetros. Ariel Sabar explica: “O talón, que era dun home chamado Yehochanan, foi proba suficiente para demostrar que podería ser certo o relato mencionado nos Evanxeos de que Xesús foi enterrado nunha tumba”. A continuación, engade algo interesante: “O talón de Yehochanan foi un exemplo de que os romanos permitiron que un home dos días de Xesús tivese un enterro xudeu despois de ser crucificado”.

Algúns poderían basearse neste óso para ter diferentes opinións sobre como estaba colgado Xesús no madeiro. Pero o que está claro é que a algúns criminais que foron executados non os botaron nunha fosa común, senón que os enterraron. Así que podemos confiar no relato da Biblia que di que Xesús foi enterrado nunha tumba. As probas apoian o que di a Biblia.

Pero o máis importante é que Xehová predixo que Xesús sería enterrado na tumba dun home rico, e ninguén puido impedir que iso se cumprise (Is. 53:9; 55:11).