ARTIGO DE ESTUDO 26
Esteamos preparados para o día de Xehová
“O ‘Día do Señor’ chegará coma o ladrón pola noite” (1 TES. 5:2).
CANCIÓN sjj 143 Sigamos atentos traballando para Xehová
AVANCE a
1. Que temos que facer para sobrevivir ó día de Xehová?
CANDO a Biblia fala do “día do Señor”, ou día de Xehová, refírese ó tempo no que Xehová destrúa os seus inimigos e salve o seu pobo. No pasado, Xehová xa xulgou e destruíu algunhas nacións (Is. 13:1, 6; Ez. 13:5; Sof. 1:8). Na actualidade, o “día do Señor” comezará cando os líderes políticos ataquen Babilonia a Grande e terminará coa batalla de Harmaguedón. Para sobrevivir a ese día temos que prepararnos xa agora. De feito, Xesús dixo que tiñamos que estar “sempre preparados” para a gran tribulación, dando a entender que isto é un proceso continuo (Lc. 12:40, TNM; Mt. 24:21).
2. Como nos axuda 1 Tesalonicenses?
2 Na primeira carta inspirada que lles escribiu ós tesalonicenses, o apóstolo Paulo utilizou varias comparacións para axudarlles ós cristiáns a estar sempre preparados para o gran día de xuízo de Xehová. Paulo sabía que o día de Xehová non viría naquel tempo (2 Tes. 2:1-3). Aínda así, animou os seus irmáns a prepararse coma se fose chegar dun momento para outro. Nós tamén podemos aplicar ese consello. Neste artigo imos ver o que el explicou sobre 1) como chegará ese día, 2) quen non sobrevivirá e 3) como nos podemos preparar para sobrevivir.
COMO CHEGARÁ O DÍA DE XEHOVÁ?
3. En que sentido chegará o día de Xehová coma o ladrón pola noite? (Ver tamén a imaxe).
3 “Coma o ladrón pola noite” (1 Tes. 5:2). Esta é a primeira das tres comparacións que se usan para describir como chegará o día de Xehová. Normalmente os ladróns actúan rápido e durante a noite, cando a xente non está desperta. O día de Xehová tamén virá de repente, e collerá a maioría da xente por sorpresa. Ata pode que ós verdadeiros cristiáns nos sorprenda o rápido que sucederá todo. Pero, a diferenza das persoas malas, nós non seremos destruídos.
4. En que sentido é o día de Xehová coma as dores de parto?
4 “Do mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada” (1 Tes. 5:3). Unha muller embarazada non pode saber exactamente cando dará a luz, pero o que si sabe é que ese momento chegará e que o parto virá de repente, será doloroso e non se poderá parar. Da mesma maneira, nós tampouco sabemos exactamente cando empezará o día de Xehová. O que si sabemos é que ese momento se está achegando e que o xuízo de Deus contra os malvados será repentino e inevitable.
5. En que sentido é a gran tribulación coma o amencer?
5 Coma o amencer. Na terceira comparación, Paulo volve falar de ladróns que rouban pola noite. Pero agora parece que compara o día de Xehová co amencer (1 Tes. 5:4). Os ladróns que veñen pola noite poderían estar tan distraídos que perdesen a noción do tempo. E isto podería facer que chegase o amencer, que a luz da mañá os collese por sorpresa e que quedasen expostos. Da mesma forma, a gran tribulación deixará expostos os que, coma os ladróns, permanecen na escuridade porque fan cousas que non lle gustan a Deus. Se non queremos ser coma eles temos que estar preparados para rechazar calquera tipo de comportamento que desagrade a Xehová, e seguir practicando a “bondade, xustiza e verdade” (Ef. ). A continuación, Paulo utiliza dúas comparacións para describir os que non sobrevivirán ó día de Xehová. 5:8-12
QUEN NON SOBREVIVIRÁ Ó DÍA DE XEHOVÁ?
6. En que sentido está durmida a maioría da xente? (1 Tesalonicenses 5:6, 7).
6 “Os que dormen” (le 1 Tesalonicenses 5:6, 7). Paulo comparou os que non sobrevivirán ó día de Xehová con xente que está durmida. Estas persoas non son conscientes do paso do tempo nin das cousas que os rodean. Por iso non se dan conta nin poden reaccionar cando pasa algo importante ó seu arredor. A maioría da xente hoxe en día está durmida en sentido espiritual (Rm. 11:8). Non cren nas probas que indican que estamos vivindo nos últimos días e que a gran tribulación virá pronto. Cando hai algún suceso que ten un grande impacto no mundo, algúns despertan do seu sono espiritual e demostran un pouquiño de interese na mensaxe do Reino. Pero, moitos deles volven durmir en vez de quedar despertos. Incluso algún dos que cre que o día de Xehová vai vir, pensa que tardará moito (2 Pe. 3:3, 4). Pero os servos de Xehová sabemos que cada vez é máis importante seguir o consello da Biblia de manternos despertos en sentido espiritual.
7. En que sentido son coma borrachos as persoas que van ser destruídas por Deus?
7 “Os que se emborrachan”. O apóstolo Paulo comparou con borrachos as persoas que van ser destruídas por Deus. Aqueles que están baixo a influencia do alcohol reaccionan lentamente ó que sucede ó seu arredor e toman malas decisións. Do mesmo xeito, os malvados non reaccionan ás advertencias de Xehová e escollen un estilo de vida que os leva á destrución. Pero a Biblia advírtenos de que temos que estar sobrios, é dicir, manter o bo xuízo (1 Tes. 5:6). Un experto en temas bíblicos di que a persoa sobria mantén a calma e non se deixa levar polo pánico. É capaz de pensar con claridade para tomar boas decisións. Por que é importante que manteñamos a calma e esteamos mentalmente tranquilos? Para non vernos envoltos en asuntos políticos ou sociais. A medida que se achega o día de Xehová podemos esperar que este mundo exerza cada vez máis presión para que nos posicionemos nestes asuntos. Pero non debemos ter medo a non saber que dicir nin que facer. O espírito de Xehová axudaranos a estar calmados e tranquilos para tomar boas decisións (Lc. 12:11, 12).
QUE PODEMOS FACER PARA PREPARARNOS PARA O DÍA DE XEHOVÁ?
8. Con que compara 1 Tesalonicenses 5:8, TNM as calidades que nos axudarán a estar despertos e a manter o bo xuízo? (Ver tamén a imaxe).
8 “Poñamos a coiraza [. . .] e o casco”. Paulo comparou os cristiáns con soldados que están alerta e van vestidos para a batalla (le 1 Tesalonicenses 5:8, TNM). Espérase que un soldado estea preparado para combater en calquera momento. E o mesmo pasa con nós. Estamos preparados para o día de Xehová se levamos postos o casco da esperanza e a coiraza da fe e o amor. Estas calidades poden axudarnos moito.
9. Como nos protexe a fe?
9 A coiraza protexe o corazón do soldado. Da mesma forma, a fe e o amor protexen o noso corazón simbólico porque nos axudan a servir a Deus e a seguir o exemplo de Xesús. A fe dános a seguridade de que Xehová nos vai recompensar se o buscamos de todo corazón (Heb. 11:6). Tamén nos motiva a manternos leais a Xesús, o noso líder, aínda que teñamos que pasar por dificultades. Algo que nos pode axudar a fortalecer a nosa fe é fixarnos en exemplos de servos de Xehová de tempos modernos que mantiveron a súa integridade a pesar da persecución ou dos problemas económicos. E podemos fuxir da trampa do materialismo imitando o exemplo dos que simplificaron a súa vida para poñer o Reino en primeiro lugar. b
10. Como nos axuda o amor que sentimos por Deus e polas persoas a seguir predicando?
10 O amor tamén é fundamental para estar despertos e manter o bo xuízo (Mt. 22:37-39). O amor que sentimos por Deus axudaranos a seguir predicando sen importar os problemas que poidan xurdir (2 Tim. 1:7, 8). Como tamén amamos as persoas que non serven a Xehová seguimos predicando e traballando o noso territorio, incluso por carta ou por teléfono. E non perdemos a esperanza de que algún día cambien a súa actitude e comecen a servir a Xehová (Ez. 18:27, 28).
11. Como nos pode axudar o amor que sentimos polos nosos irmáns? (1 Tesalonicenses 5:11).
11 Tamén amamos os nosos irmáns e irmás. Demostramos ese amor cando poñemos en práctica as seguintes palabras: “Aconselládevos e confortádevos uns a outros” (le 1 Tesalonicenses 5:11). Igual que un soldado apoia o seu compañeiro no combate, nós tamén nos animamos uns ós outros. Claro, pode que durante a batalla un soldado lle faga dano sen querer ó compañeiro que está ó seu lado, pero nunca o faría a propósito. Da mesma maneira, nós tampouco queremos ferir intencionadamente os nosos irmáns nin devolverlles mal por mal (1 Tes. 5:13, 15). Tamén demostramos amor cando respectamos os que dirixen a congregación (1 Tes. 5:12). Cando Paulo escribiu esta carta, a congregación de Tesalónica tiña menos dun ano. É probable que os homes que a dirixían non tivesen moita experiencia e cometesen algúns erros. Aínda así, merecían que os respectasen. A medida que se acerca a gran tribulación pode que dependamos máis ca nunca da guía e das instrucións que nos dean os anciáns da nosa congregación. É posible que perdamos o contacto coas sucursais e coa sede central, por iso é importante que aprendamos a amar e respectar os nosos anciáns xa agora. Pase o que pase, manteñamos o bo xuízo e non nos centremos nas súas imperfeccións. Máis ben recordemos que é Xehová, por medio de Xesús, o que está guiando estes homes fieis.
12. En que sentido protexe a esperanza a nosa mente?
12 Igual que o casco protexe a cabeza do soldado, a esperanza protexe a nosa mente. Cando estamos convencidos da nosa esperanza, dámonos conta de que o que este mundo nos ofrece non ten ningún valor (Flp. 3:8). A esperanza axúdanos a manter a calma e a estar mentalmente tranquilos. Isto foi o que lles pasou a Wallace e Laurinda, que serven en África. En menos de tres semanas, cada un deles perdeu un dos seus pais. E por culpa da pandemia da COVID-19 non puideron volver á casa para estar coas súas familias. Wallace escribiu: “A esperanza da resurrección axúdame a pensar neles, pero non en como eran nos seus últimos días deste sistema, senón en como serán cando volvan á vida no novo mundo. Esa esperanza tranquilízame cando estou triste ou cando os boto de menos”.
13. Que podemos facer para recibir espírito santo?
13 “Non apaguéde-lo Espírito” (1 Tes. 5:19). Paulo comparou o espírito santo a un lume que hai dentro de nós. Cando temos o espírito santo sentimos un forte desexo de facer a vontade de Xehová e temos moitas ganas de traballar para El (Rm. 12:11). Recibimos ese espírito cando llo pedimos a Xehová en oración, estudamos a súa Palabra e formamos parte da súa organización. Todo isto axudaranos a cultivar “o froito do Espírito” (Gál. 5:22, 23).
14. Que cousas temos que evitar se queremos seguir recibindo o espírito de Deus? (Ver tamén a imaxe).
14 Despois de recibir o espírito santo de Deus temos que asegurarnos de seguir a advertencia de Paulo: “Non apaguéde-lo Espírito”. Deus só lles dá o seu espírito a aqueles que manteñen limpos tanto os seus pensamentos coma a súa conduta. Así que, se non eliminamos da nosa mente os pensamentos impuros, non seguiremos estando limpos ós seus ollos e deixaremos de recibir o seu espírito (1 Tes. 4:7, 8). Ademais, Paulo tamén dixo o seguinte: “Non desprecéde-las palabras inspiradas” (1 Tes. 5:20). Neste versículo a expresión “palabras inspiradas” refírese ás mensaxes que Xehová nos deu mediante o seu espírito, incluídas as que están relacionadas co seu día e coa urxencia dos tempos nos que vivimos. Así que, non deberiamos pensar que o Harmaguedón vai tardar tanto que non ocorrerá durante a nosa vida. Todo o contrario, debemos demostrar que o temos moi presente mantendo limpa a nosa conduta e estando moi ocupados servindo a Xehová (2 Pe. 3:11, 12).
“EXAMINÁDEO TODO”
15. Como podemos evitar que a información falsa e a propaganda dos demos nos enganen? (1 Tesalonicenses 5:21).
15 Moi pronto, os inimigos de Deus dirán dalgunha maneira que conseguiron “paz e seguridade” (1 Tes. 5:3). Entón a propaganda deseñada polos demos encherá a Terra e enganará a maioría das persoas (Ap. 16:13, 14). E nós, que faremos? Se non queremos ser enganados debemos seguir a seguinte advertencia: “Examinádeo todo” (le 1 Tesalonicenses 5:21). A palabra grega que se traduce neste versículo como “examinádeo” está relacionada coa maneira de comprobar a autenticidade dos metais preciosos. Polo tanto, temos que examinar o que escoitamos e o que lemos para asegurarnos de que é verdadeiro. Isto era importante para os tesalonicenses, pero serao aínda máis para nós a medida que se acerque a gran tribulación. En vez de crer todo o que nos din, temos que usar a nosa capacidade de pensar para comparar o que lemos e o que escoitamos co que di a Biblia e a organización de Xehová. Se facemos isto, non nos deixaremos enganar polas trampas dos demos (Pr. 14:15; 1 Tim. 4:1).
16. Que seguridade temos, e que estamos decididos a facer?
16 Sabemos que, como pobo, os servos de Deus sobrevivirán á gran tribulación. Pero non sabemos que nos vai pasar a cada un de nós individualmente (Sant. 4:14). Aínda así, tanto se pasamos con vida a gran tribulación como se morremos antes, recibiremos a recompensa da vida eterna se nos mantemos fieis. Os unxidos irán ó ceo con Cristo, e as outras ovellas vivirán nun paraíso na Terra. Polo tanto, centrémonos na nosa marabillosa esperanza e esteamos preparados para o día de Xehová!
CANCIÓN sjj 150 Xehová é quen te salvará
a En 1 Tesalonicenses capítulo 5 encontramos varias comparacións que falan sobre o futuro día de Xehová. Pero, que é ese “día” e cando chegará? Quen sobrevivirá e quen non? Como nos podemos preparar para cando chegue? Neste artigo imos responder estas preguntas analizando o que o apóstolo Paulo lles escribiu ós tesalonicenses.
b Mira a serie de artigos “Ofrecéronse de boa gana” (para encontrala, escribe o título no cadro de busca de jw.org).