Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 27

Por que debemos temer a Xehová?

Por que debemos temer a Xehová?

“A amizade íntima con Xehová é para os que o temen” (SAL. 25:14TNM).

CANCIÓN sn 49 Xehová, ti es o meu refuxio

AVANCE a

1, 2. Segundo Salmo 25:14, TNM, que temos que facer se queremos ter unha amizade estreita con Xehová?

 QUE calidades dirías que son importantes para manter unha boa amizade con alguén? É probable que penses que os bos amigos teñen que terse cariño e respecto. Posiblemente nunca dixeses que o temor é unha calidade importante para ter unha boa amizade. Pero, como di o texto temático deste artigo, para ter unha amizade estreita con Xehová temos que temelo (le Salmo 25:14TNM).

2 Sen importar canto tempo levemos servindo a Xehová, todos temos que demostrar que o tememos. Pero que significa temer a Deus? Como podemos aprender a facelo? E que podemos aprender de Abdías, Iehoiadá e Ioax sobre temer a Xehová?

QUE SIGNIFICA TEMER A DEUS?

3. Explica como nos pode protexer sentir temor.

3 Quizais sintamos temor se pensamos en algo que nos fai sufrir ou nos causa dano. Ese sentimento ata podería ser saudable, xa que pode protexernos e axudarnos a tomar boas decisións. Por exemplo, o temor a caer fai que non camiñemos cerca dun acantilado. Se estamos nunha situación perigosa, o medo pode facer que escapemos para que non nos pase nada malo. E o temor a perder a amizade de alguén que queremos evitará que digamos ou fagamos algo pouco amoroso.

4. Que tipo de temor por Xehová quere o Demo que teñamos?

4 O Demo quere que sintamos por Xehová un tipo de temor que non é o correcto. A el gustaríalle facernos crer que Xehová é un deus vingativo, que quere castigarnos e que nunca poderemos compracelo (Xob 4:18, 19). Satanás desexa que lle teñamos tanto medo a Deus que deixemos de servilo. Para evitar esta trampa necesitamos aprender a temer a Xehová como el quere que o fagamos.

5. Que significa temer a Deus?

5 A persoa que sente un tipo de temor correcto por Deus ámao, e non quere facer nada que poida danar a súa relación con el. Xesús tivo ese tipo de “temor de Deus” (Heb. 5:7TNM). Iso non significa que lle tivese medo, senón que o amaba tanto que non quería desobedecelo nunca (Is. 11:2, 3; Xn. 14:21, 31). Igual ca Xesús, nós tamén sentimos un profundo respecto e aprecio por Xehová porque é amoroso, xusto, sabio e poderoso. Tamén sabemos que Xehová nos quere moitísimo e que lle importa como reaccionamos ó que el nos ensina. Dependendo do que fagamos podemos entristecelo ou alegralo (Sal. 78:41; Pr. 27:11).

APRENDE A TEMER A DEUS

6. Cal é unha forma de aprender a temer a Deus? (Salmo 34:12 [34:11, TNM]).

6 Como non nacemos con temor a Xehová, temos que cultivalo (le Salmo 34:12 [34:11, TNM]). Unha forma de facelo é observando a creación. Canto máis reflexionemos nas “súas obras”, máis veremos a súa sabedoría e o seu poder. Tamén nos daremos conta de canto nos quere. Todo isto fará que o amemos e o respectemos cada vez máis (Rm. 1:20). Unha irmá chamada Adrienne dixo: “Ver a sabedoría de Xehová na creación impresióname e axúdame a darme conta de que el sabe o que é mellor para min”. Ó meditar, chegou á seguinte conclusión: “Non quero facer nada que poida danar a miña relación con Xehová, quen me deu a vida”. Podes sacar un momentiño esta semana para meditar en algo que crease Xehová? Se o fas, amaralo e respectaralo aínda máis (Sal. 111:2, 3).

7. Como nos axuda a oración a cultivar un temor apropiado por Xehová?

7 Outra maneira de cultivar un temor apropiado por Xehová é orándolle con regularidade. Canto máis lle oramos, máis real é Xehová para nós. Cada vez que lle pedimos que nos dea forzas para aguantar unha proba recordamos o seu inmenso poder. Cando lle damos grazas polo rescate grávase no noso corazón canto nos quere. E cando lle suplicamos que nos axude con algún problema vénnos á mente o sabio que é. Oracións coma estas axúdannos a respectar aínda máis a Xehová e fortalecen a nosa resolución de non facer nada que poña en perigo a nosa amizade con el.

8. Que podemos facer para manter o noso temor a Deus?

8 Podemos manter o noso temor a Deus se estudamos a Biblia co obxectivo de aprender, tanto dos bos coma dos malos exemplos que contén. Imos analizar o bo exemplo de dous servos fieis de Xehová. Primeiro o de Abdías, que estaba a cargo do palacio do rei Acab, e despois o do sumo sacerdote Iehoiadá. Tamén veremos o que podemos aprender do rei Ioax de Xudá, que empezou ben, pero co tempo deixou de servir a Xehová.

SÉ VALENTE COMA ABDÍAS

9. Como lle axudou a Abdías o temor a Xehová? (1 Reis 18:3, 12).

9 A primeira vez que a Biblia fala de Abdías di que este home temía a Xehová (le 1 Reis 18:3, 12). b Como lle axudou ese temor a Abdías? Por un lado, fixo que fose un home honesto e no que se podía confiar, por iso o rei o puxo a cargo do seu palacio (comparar con Nehemías 7:2). O temor a Xehová axudoulle a Abdías a ser moi valente. Esta calidade fíxolle moita falta porque viviu baixo o reinado do malvado rei Acab, quen “fixo o mal ós ollos do Señor, peor ca tódolos seus antecesores” (1 Re. 16:30). Ademais, a muller de Acab, Iezabel, adoraba a Baal. Esta muller odiaba tanto a Xehová que intentou acabar coa adoración verdadeira no reino de 10 tribos de Israel. Incluso chegou a matar a moitos profetas de Deus (1 Re. 18:4). Está claro que Abdías adorou a Xehová nunha época moi difícil.

10. Como demostrou Abdías que era moi valente?

10 Como demostrou Abdías que era moi valente? Cando Iezabel empezou a perseguir os profetas de Deus para matalos, Abdías colleu 100 deles, escondeunos en covas en grupos de 50 e levoulles “de comer e de beber” (1 Re. 18:13, 14). Se Iezabel soubese o que Abdías estaba facendo seguro que o mataba. Probablemente Abdías tiña medo e non quería morrer, pero amaba tanto a Xehová e os que o servían que os valorou máis que a súa propia vida.

A pesar da prohibición, un irmán valente failles chegar publicacións baseadas na Biblia a outros irmáns (ver o parágrafo 11). e

11. Como imitan a Abdías algúns servos de Xehová da actualidade? (Ver tamén a imaxe).

11 Hoxe en día, moitos servos de Xehová viven en lugares onde a nosa obra está prohibida. Estes irmáns respectan as autoridades dos países onde viven pero, igual que Abdías, danlle a Xehová a adoración exclusiva que el merece (Mt. 22:21). Demostran que temen a Deus obedecéndoo a el antes que ós homes (Feit. 5:29). Por iso, seguen predicando e reuníndose de forma discreta (Mt. 10:16, 28). Ademais, fan todo o posible para asegurarse de que os seus irmáns teñan o alimento espiritual que necesitan e así poidan seguir achegándose a Xehová. Vexamos o exemplo de Henri, que vive nun país de África onde a nosa obra estivo prohibida por un tempo. Durante a prohibición, Henri ofreceuse para facerlles chegar publicacións bíblicas ós seus irmáns. El escribiu: “Son unha persoa tímida. Pero estou convencido de que o profundo respecto que sinto por Xehová me deu o valor que necesitaba”. Serías ti tan valente coma Henri? Podes selo se cultivas un temor apropiado por Xehová.

SÉ LEAL COMA O SUMO SACERDOTE IEHOIADÁ

12. Como demostraron unha gran lealdade a Xehová o sumo sacerdote Iehoiadá e a súa muller?

12 O sumo sacerdote Iehoiadá temía a Xehová, por iso foi leal a el e promoveu a adoración verdadeira. Isto quedou demostrado cando Atalía, a filla de Iezabel, se apoderou ilegalmente do reino de Xudá. A xente tiña bos motivos para terlle medo a Atalía. Esta muller era tan cruel e desexaba tanto ter poder que intentou matar toda a liñaxe real, incluso os seus propios netos! (2 Cró. 22:10, 11) Un destes neniños foi Ioax, que sobreviviu grazas a que Ioxeba, a muller de Iehoiadá o rescatou. Ela e o seu home esconderon o neno e coidaron del. Desta forma, aseguráronse de que alguén da liñaxe de David sobrevivise e puidese chegar a ser rei. Iehoiadá mantívose leal a Xehová e non deixou que o medo a Atalía lle impedise facer o correcto (Pr. 29:25).

13. Como volveu a demostrar Iehoiadá que era un home leal?

13 Cando Ioax tiña 7 anos, Iehoiadá volveu a demostrar a súa lealdade a Xehová. Ideou un plan. Se tiña éxito, Ioax chegaría a ser rei como lexítimo herdeiro de David. Pero, se fracasaba, probablemente Iehoiadá perdería a vida. Grazas á bendición de Xehová o plan tivo éxito. Coa axuda dos levitas e mais dos cabezas de familia de Israel, Iehoiadá fixo rei a Ioax e matou a Atalía (2 Cró. 23:1-5, 11, 12, 15; 24:1). Despois fixo un “pacto entre o Señor, o rei e mailo pobo, polo que este se obrigaba a facerse o pobo do Señor” (2 Re. 11:17). E ademais “puxo porteiros nas portas do templo para que non entrase absolutamente nada impuro” (2 Cró. 23:19).

14. De que formas recompensou Xehová a Iehoiadá?

14 Xehová dixera anteriormente: “Eu honro ós que me honran”. E, por suposto, recompensou a Iehoiadá (1 Sam. 2:30). Por exemplo, incluíu na Biblia a súa historia para que poidamos aprender dela (Rm. 15:4). E cando morreu déuselle o honor especial de ser enterrado “cos reis na Cidade de David, porque foi bo con Israel, con Deus e co seu templo” (2 Cró. 24:15, 16).

O noso temor por Xehová impúlsanos a axudar ós nosos irmáns igual que o fixo o sumo sacerdote Iehoiadá (ver o parágrafo 15). f

15. Que podemos aprender do exemplo de Iehoiadá? (Ver tamén a imaxe).

15 O exemplo de Iehoiadá pode axudarnos a cultivar amor por Deus. Os anciáns cristiáns poden imitalo manténdose alerta e buscando sempre maneiras de protexer a congregación (Feit. 20:28). Os irmáns maiores poden aprender de Iehoiadá que, cando temen a Xehová e lle son leais, el nunca os rechaza. Máis ben, pode utilizalos para cumprir o seu propósito. Os máis novos poden aprender moito de como Xehová tratou a Iehoiadá e imitalo tratando os irmáns maiores con dignidade e respecto, sobre todo a aqueles que levan moitos anos servindo fielmente a Deus (Pr. 16:31). E, por último, todos podemos aprender dos levitas e dos cabezas de familia de Israel que apoiaron a Iehoiadá. Igual ca eles, nós tamén debemos obedecer e apoiar lealmente os irmáns que dirixen a congregación (Heb. 13:17).

NON SEXAS COMA IOAX

16. Como demostrou o rei Ioax que non era valente?

16 Iehoiadá foi unha boa influencia para Ioax (2 Cró. 24:1, 2). Como resultado, este rei quixo agradarlle a Xehová. Pero, cando Iehoiadá morreu, Ioax empezou a escoitar os príncipes apóstatas de Xudá. Cal foi o resultado? El e os seus súbditos “deron culto ás estelas e ós ídolos” (2 Cró. 24:4, 17, 18). Aínda que isto entristeceu moito a Xehová, el “mandoulles profetas para convertelos, pero non fixeron caso”. Nin sequera escoitaron a Zacarías c, o fillo de Iehoiadá, que non só era profeta e sacerdote senón tamén primo de Ioax. De feito, Ioax matou a Zacarías, demostrando así que non sentía ningún aprecio pola familia que lle salvara a vida (2 Cró. 22:11; 24:19-22).

17. Como lle foron as cousas a Ioax?

17 Ioax non mantivo un temor apropiado por Xehová e por iso as cousas non lle foron ben. Xehová dixera: “Os que me desprezan veranse desprezados” (1 Sam. 2:30). O exército sirio, a pesar de que era pequeno, derrotou o “exército enorme” de Ioax e deixouno “gravemente ferido”. Despois de que os sirios marchasen, Ioax foi asasinado polos seus propios servos por matar a Zacarías. Este rei foi tan malo que nin sequera o consideraron digno de ser enterrado “no panteón real” (2 Cró. 24:23-25). d

18. Segundo Xeremías 17:7, 8, como podemos evitar ser coma Ioax?

18 Que podemos aprender do mal exemplo de Ioax? Este rei foi coma unha árbore con raíces pouco profundas que necesita un puntal para manterse dereita. Cando ese puntal, é dicir, Iehoiadá, xa non estaba, Ioax empezou a escoitar os apóstatas e deixou de serlle fiel a Xehová. Esta comparación ensínanos que non deberiamos servir a Deus só porque a nosa familia ou outros irmáns da congregación o fagan. Para manternos cerca de Xehová temos que fortalecer o noso amor e respecto por el estudando a Biblia regularmente, meditando e orando (le Xeremías 17:7, 8; Col. 2:6, 7).

19. Que espera Xehová de nós?

19 Xehová non pide demasiado de nós. Eclesiastés 12:13, TNM resume moi ben o que el espera, cando di: “Teme o Deus verdadeiro e obedece os seus mandamentos, porque iso é todo o que o home debe facer”. Se tememos a Deus poderemos serlle leais sen importar o que pase no futuro, igual ca Abdías e Iehoiadá. Non haberá nada que poida danar a nosa amizade con Xehová.

CANCIÓN snnw 152 A nosa forza, a nosa esperanza, a nosa confianza

a Na Biblia, a palabra temor ten un significado moi extenso. Dependendo do contexto, pode referirse a ter medo, sentir respecto ou estar asombrado. Este artigo axudaranos a cultivar o tipo de temor que nos motiva a ser valentes e leais ó servir o noso Pai, Xehová.

b Este non é o profeta Abdías que viviu séculos despois e que escribiu o libro bíblico que leva o seu nome.

c Algunhas traducións da Biblia, incluída a SEPT, cambian o nome de Zacarías por Azarías en 2 Cró. 24:20. Neste artigo, ímonos referir a el como Zacarías.

d Mateo 23:35 di que Zacarías foi fillo de Baraquías. Pode que Iehoiadá tivese dous nomes, como é o caso doutras persoas que aparecen na Biblia (compara con Mateo 9:9 e Marcos 2:14). Tamén pode que Baraquías fose o avó ou outro antepasado de Zacarías.

e DESCRICIÓN DA IMAXE: Nesta escena un irmán distribúe publicacións bíblicas a pesar de que a nosa obra está prohibida nesa zona.

f DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha irmá maior ensinándolle a unha irmá máis nova a predicar por teléfono; un irmán maior demostra valor participando na predicación pública; un irmán con experiencia capacitando a outros para os labores de mantemento do Salón do Reino.