Preguntas dos lectores
Por que decidiron Xosé e María quedar en Belén despois do nacemento de Xesús, en vez de volver ó seu fogar en Nazaret?
A Biblia non o di. Pero si nos conta algúns detalles interesantes que nos poden axudar a entender por que tomaron a decisión de quedar en Belén de Xudea e non regresar a Nazaret nese momento.
Un anxo díxolle a María que ía quedar embarazada e que daría a luz un neno. Cando o anxo lle deu esta mensaxe, ela e Xosé estaban vivindo en Nazaret de Galilea, a cidade natal de Xosé (Lc. 1:26-31; 2:4). Máis adiante, cando volveron de Exipto, regresaron a Nazaret, onde Xesús creceu. Por iso se lle chamou nazareno (Mt. 2:19-23). Isto fai que pensemos en Nazaret cando falamos tanto de Xesús coma de Xosé e María.
María tiña unha parente chamada Isabel que vivía en Xudea. Esta muller estaba casada co sacerdote Zacarías e chegou a ser a nai de Xoán o Bautista (Lc. 1:5, 9, 13, 36). María fora de visita á casa de Isabel e quedara alí durante tres meses. Despois, volveu a Nazaret (Lc. 1:39, 40, 56). Seguramente era por iso que ela coñecía a rexión de Xudea.
Cando chegou o momento, Xosé obedeceu o requirimento dos romanos de empadroarse, ou rexistrarse. Para iso viaxou dende Nazaret a Belén, tamén chamada a “vila de David”. Foi alí onde naceu Xesús, tal e como estaba profetizado (Lc. 2:3, 4; 1 Sam. 17:15; 20:6; Miq. 5:1 [5:2, TNM]). Xosé non fixo que María viaxase a longa distancia que había ata Nazaret despois de dar a luz, cun bebé que acababa de nacer. Decidiron quedar en Belén, que estaba a uns nove quilómetros de Xerusalén e aproveitar para levar o seu neno ó templo e facer a ofrenda que a Lei de Moisés requiría (Lev. 12:2, 6-8; Lc. 2:22-24).
O anxo que Deus enviara dixéralle a María que o seu fillo recibiría “o trono de David” e que sería rei. É probable que Xosé e María pensasen que o feito de que Xesús nacese na cidade de David tiña algún significado (Lc. 1:32, 33; 2:11, 17). Tamén pode que pensasen que era bo continuar alí e esperar a que Xehová lles dese máis instrucións.
Non podemos saber canto tempo levaban Xosé e María en Belén cando chegaron os astrólogos. Pero a Biblia menciona que, nesa época, a familia xa estaba vivindo nunha casa e que Xesús era un “neno”, non un bebé (Mt. 2:11). Parece que, en vez de volver ó norte, a Nazaret, quedaron en Belén o tempo suficiente para que se convertese no seu fogar.
Entón, Herodes “mandou matar a tódolos nenos de dous anos para abaixo” (Mt. 2:16). Un anxo avisou disto a Xosé. Así que a familia decidiu fuxir a Exipto e quedaron alí ata que Herodes morreu. Despois Xosé levou a súa familia a Nazaret. Pero, por que non volveron a Belén? Nesa época, o malvado fillo de Herodes, Arquelao, gobernaba en Xudea e un anxo advertiu a Xosé do perigoso que sería volver alí. En Nazaret, Xosé podería criar a Xesús de forma máis segura (Mt. 2:19-22; 13:55; Lc. 2:39, 52).
Parece ser que Xosé morreu antes de que Xesús fixese posible que outros puidesen ir ó ceo. Polo tanto, Xosé resucitará na Terra e moitos poderán coñecelo e saber máis detalles sobre el, como por que decidiron el e María quedar en Belén despois do nacemento de Xesús.