Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 25

Que poden aprender os anciáns do exemplo de Guideón?

Que poden aprender os anciáns do exemplo de Guideón?

“Non me chegaría o tempo, se me puxese a falar de Guideón” (HEB. 11:32).

CANCIÓN sjj 124 Sempre fieis e leais

AVANCE a

1. Segundo 1 Pedro 5:2, que importante labor fan os anciáns?

 ÓS ANCIÁNS cristiáns encargóuselles a responsabilidade de servir os seus irmáns e irmás. Estes homes fieis valoran moito que Xehová confíe neles para coidar das súas ovelliñas e traballan duro para ser “pastores que as apacenten” (Xer. 23:4; le 1 Pedro 5:2). Que agradecidos estamos de ter homes así nas congregacións!

2. A que desafíos se están enfrontando algúns anciáns?

2 Cando atenden as súas responsabilidades, os anciáns enfróntanse a moitos desafíos. Por un lado, coidar dunha congregación implica moito traballo. Tony, un ancián dos Estados Unidos, tivo que aprender a ser máis modesto coa cantidade de traballo que aceptaba. El di: “Cando comezou a pandemia da COVID-19 intentei encargarme de moitas tarefas, organizando as reunións e a predicación. Pero, non importa canto traballase, sempre había máis cousas que facer. Cheguei a estar tan ocupado que non sacaba tempo para ler a Biblia, estudar e orar”. Ilir, un ancián de Kosovo, enfrontouse a outros desafíos. Cando estivo nunha zona na que había guerra, fíxoselle moi difícil obedecer as instrucións da organización. El conta: “O meu valor púxose a proba cando a sucursal me pediu que coidase dos irmáns que estaban nunha zona perigosa. Tiña medo, e as instrucións que me daban non me parecían nada prácticas”. A Tim, un misioneiro que está en Asia, custáballe moito cumprir con tódalas cousas que tiña que facer no seu día a día. El di: “Ás veces sentía que non podía máis mental e emocionalmente”. Que pode axudarlles ós anciáns que están pasando por estas mesmas situacións?

3. Como pode axudarnos a todos analizar o exemplo do xuíz Guideón?

3 Os anciáns poden aprender moito do exemplo do xuíz Guideón (Heb. 6:12; 11:32). El protexeu e guiou o pobo de Deus (Xuí. 2:16; 1 Cró. 17:6). Igual que a Guideón, ós anciáns encargóuselles coidar do pobo de Xehová durante tempos moi difíciles (Feit. 20:28; 2 Tim. 3:1). Guideón tamén é un exemplo de modestia, humildade e obediencia. Ademais, as tarefas das que tivo que encargarse puxeron a proba o seu aguante. Aínda que non sirvamos como anciáns podemos aumentar o noso agradecemento polo que eles fan e apoiar estes homes tan traballadores e espirituais (Heb. 13:17).

CANDO É DIFÍCIL SER HUMILDE E MODESTO

4. Como demostrou Guideón que era humilde e modesto?

4 Guideón foi un home humilde e modesto. b Cando o anxo de Xehová lle dixo que fora escollido para liberar Israel dos madianitas, el respondeu con humildade: “O meu clan é o menos importante de Menaxés e eu son o máis insignificante da casa do meu pai” (Xuí. 6:15TNM). Aínda que Guideón non se sentía capacitado, Xehová sabía que podía cumprir ben con aquela responsabilidade. De feito, coa axuda de Deus, Guideón levouna a cabo con éxito.

5. En que situacións se lles pode facer difícil ós anciáns ser humildes e modestos?

5 Os anciáns deben esforzarse por ser sempre humildes e modestos (Miq. 6:8, TNM; Feit. 20:18, 19). Non presumen das súas habilidades ou logros, pero tampouco pensan que non valen nada cando cometen algún erro. Así e todo, ás veces pode facérselles difícil demostrar estas calidades. Por exemplo, quizais acepten máis tarefas das que en realidade poden cumprir. Ou, ó mellor, tamén se lles fai difícil ser humildes e modestos cando os demais os critican ou os felicitan por como fixeron algunhas cousas. Como pode axudarlles ós anciáns o exemplo de Guideón nestas situacións?

Seguindo o exemplo de Guideón, un ancián demostra modestia pedindo axuda para organizar a predicación pública (ver o parágrafo 6).

6. Que poden aprender os anciáns da modestia que demostrou Guideón? (Ver tamén a imaxe).

6 Pide axuda. A persoa modesta sabe onde están os seus límites. Guideón era modesto e estaba disposto a pedirlles a outros que lle axudasen (Xuí. 6:27, 35; 7:24). Os anciáns sabios fan o mesmo. Tony, do que xa falamos antes, di: “Debido á miña crianza, teño tendencia a aceptar máis tarefas das que en realidade podo atender. Así que decidín falar da modestia na nosa adoración en familia e pedinlle á miña muller que me dese a súa opinión. Tamén volvemos a ver o vídeo Tal como Jesús, capacitemos a otros y confiemos en ellos, dispoñible en jw.org”. Tony empezou a pedirlles a outros que lle axudasen coas súas tarefas. Cal foi o resultado? El di: “O traballo da congregación está ben atendido e eu teño máis tempo para fortalecer a miña amizade con Xehová”.

7. Como poden os anciáns imitar o exemplo de Guideón cando os critican? (Santiago 3:13).

7 Mantén a calma cando te critiquen. Outra situación que pode poñer a proba os anciáns é cando alguén os critica. De novo, o exemplo de Guideón pode axudarlles. En certa ocasión, os efraimitas criticárono. Pero como Guideón era consciente das súas propias imperfeccións, en vez de enfadarse e responderlles mal, mantivo a calma (Xuí. 8:1-3). Demostrou humildade ó escoitar o que lles preocupaba e ó responderlles de maneira amable. Iso calmou a situación. Os anciáns sabios imitan a Guideón escoitando con atención e respondendo con calma cando alguén os critica (le Santiago 3:13). Así contribúen a que haxa paz na congregación.

8. Como deben reaccionar os anciáns cando alguén os felicita? Pon un exemplo.

8 Dálle toda a honra a Xehová. Cando felicitaron a Guideón por vencer os madianitas, el deulle toda a honra a Xehová (Xuí. 8:22, 23). Como poden imitar o seu exemplo os irmáns nomeados? Dándolle todo o mérito a Xehová cando conseguen algo (1 Cor. 4:6, 7). Por exemplo, ás veces felicitan un ancián por ser moi bo mestre. Nestes casos, el pode dirixir a atención á Palabra de Deus, que é de onde proveñen as ensinanzas, ou destacar a capacitación que recibimos de Xehová mediante a súa organización. Os anciáns fan ben en pensar en se a súa forma de ensinar lle dá honra a Xehová ou se, no fondo, o que queren é impresionar os demais. Pensa na experiencia dun irmán chamado Timothy. Cando empezou a servir como ancián encantáballe facer discursos públicos. El di: “Ocorríanseme introducións e ilustracións moi elaboradas. Isto facía que os irmáns me felicitasen. Por desgraza, a atención centrábase en min en vez de en Xehová ou na Biblia”. Co tempo, Timothy deuse conta de que tiña que cambiar a súa maneira de ensinar para dirixir a atención ó que realmente é importante (Pr. 27:21). Cal foi o resultado? El di: “Agora os irmáns dinme que o meu discurso lles axudou a superar un problema, aguantar unha proba ou a acercarse máis a Xehová. Síntome moito máis feliz agora ó escoitar estes comentarios que cando as felicitacións se centraban en min”.

CANDO É DIFÍCIL SER OBEDIENTE E VALENTE

Guideón obedece a Xehová e reduce o tamaño do seu exército escollendo 300 homes que demostran estar alerta (ver o parágrafo 9).

9. Como se puxo a proba a obediencia e o valor de Guideón? (Ver a imaxe da portada da revista).

9 Despois de que o nomeasen xuíz, púxose a proba a obediencia e o valor de Guideón. Primeiro encargóuselle a perigosa tarefa de destruír o altar onde seu pai adoraba a Baal (Xuí. 6:25, 26). Tempo despois Guideón reuniu un exército, pero Xehová díxolle dúas veces que tiña que reducir o número de soldados (Xuí. 7:2-7). Por último, pedíuselle que atacase o campamento inimigo no medio da noite (Xuí. 7:9-11).

10. Que cousas poderían poñer a proba a obediencia dos anciáns?

10 Os anciáns deben estar dispostos a obedecer (Sant. 3:17). Un ancián obediente segue de inmediato o que di a Biblia e a guía que dá a organización de Xehová. Así son un bo exemplo para os demais. Claro, non sempre lles é fácil obedecer. Por exemplo, poida que reciban moitas instrucións ou incluso que estas cambien moi rápido e por iso lles sexa difícil aplicalas. Nalgúns casos quizais ata se pregunten se certa instrución é práctica ou sabia. Ou poida que incluso teñan que facer cousas que poñan en risco a súa liberdade e polas que poderían acabar arrestados. Como poden os anciáns imitar a obediencia de Guideón nestes casos?

11. Que lles pode axudar ós anciáns a ser obedientes?

11 Escoita con atención as instrucións e aplícaas. Xehová díxolle a Guideón como tiña que destruír o altar de seu pai, onde tiña que construír un novo para adoralo a El e que animal tiña que sacrificar. Guideón non cuestionou as instrucións que recibiu, senón que fixo exactamente o que Xehová lle dixo. Na actualidade, os anciáns reciben instrucións da organización de Xehová por medio de cartas, anuncios e outras pautas que protexen a nosa saúde física e espiritual. Os anciáns seguen fielmente a guía que reciben do criado fiel e prudente. Isto beneficia a toda a congregación e fai que os valoremos moito. (Sal. 119:112).

12. Como poden os anciáns aplicar o que di Hebreos 13:17 cando hai un cambio nas instrucións que reciben da organización?

12 Sé adaptable. Recorda que, tan pronto Xehová llo pediu, Guideón mandou a case tódolos soldados para a casa, reducindo o seu exército máis dun 99% (Xuí. 7:8). Pode que pensase: “Este cambio é realmente necesario? Sairá ben?”. Fose como fose, Guideón obedeceu. Hoxe en día os anciáns imitan a Guideón sendo obedientes cando a organización lles di que hai que facer algo de maneira diferente (le Hebreos 13:17). Por exemplo, no ano 2014 o Consello Reitor cambiou a forma de financiar os proxectos de construción de Salóns do Reino e Salóns de Congresos (2 Cor. 8:12-14). Agora, as congregacións xa non teñen que devolverlle á organización os cartos que reciben. En vez diso, as contribucións de tódalas congregacións do mundo úsanse para construír Salóns do Reino e Salóns de Congresos onde fagan falta, aínda que a congregación local só poida aportar pouquiños cartos. Cando José soubo deste cambio, dubidou de que este método fose funcionar na zona do mundo onde el vive. Pensou que non se conseguiría construír nin un só Salón do Reino. Que lle axudou a José a apoiar este cambio? El di: “As palabras de Proverbios 3:5, 6 recordáronme que tiña que confiar en Xehová, e os resultados foron incribles! Non só se están construíndo máis Salóns do Reino, senón que tamén aprendemos a contribuír de diferentes formas para ‘que exista igualdade’”.

Aínda nos lugares onde a nosa obra está prohibida, podemos ser valentes e predicar de forma efectiva (ver o parágrafo 13).

13. a) De que estaba convencido Guideón? b) Como poden imitar os anciáns a Guideón? (Ver tamén a imaxe).

13 Sé valente e obedece a Xehová. Guideón obedeceu a Deus a pesar de que sentía medo e de que o que tiña que facer poñería en perigo a súa vida (Xuí. 9:17). Xehová dixéralle que estaba do seu lado, por iso Guideón estaba totalmente convencido de que el lle axudaría a protexer o resto do pobo. O exemplo de Guideón tamén pode axudarlles ós anciáns que viven en zonas onde a nosa obra está prohibida. Estes irmáns demostran moito valor ó dirixir e participar nas reunións e na predicación a pesar de expoñerse a ser arrestados, interrogados, maltratados e a perder o emprego. c Durante a gran tribulación, os anciáns terán que ser valentes para obedecer as instrucións que reciban, aínda que sexa perigoso. Esas instrucións poden estar relacionadas con predicar a mensaxe de xuízo ou co que teremos que facer para sobrevivir ó ataque de Gog de Magog (Ez. 38:18; Ap. 16:21).

CANDO É DIFÍCIL DEMOSTRAR AGUANTE

14. Como se puxo a proba o aguante de Guideón?

14 O labor de Guideón como xuíz implicaba moito esforzo físico. Cando os madianitas fuxiron da batalla no medio da noite, Guideón perseguiunos dende o val de Iezrael ata o río Xordán por un camiño que seguramente estaba rodeado de vexetación (Xuí. 7:22). Detívose Guideón cando chegou ó Xordán? Non. Aínda que el e mailos 300 homes estaban cansados, cruzaron o río e continuaron a persecución. Finalmente, conseguiron alcanzalos e derrotalos (Xuí. 8:4-12).

15. Que pode poñer a proba o aguante dos anciáns?

15 Coidar da congregación e da familia pode facer que, ás veces, os anciáns se sintan moi cansados física, mental e emocionalmente. Como poden imitar a Guideón cando iso pasa?

Os nosos cariñosos anciáns sempre están dispostos a darnos a axuda que necesitamos (ver os parágrafos 16 e 17).

16, 17. a) Que lle axudou a Guideón a aguantar? b) En que poden confiar os anciáns? (Isaías 40:28-31) (Ver tamén a imaxe).

16 Confía en que Xehová che dará forzas. Guideón confiaba en que Xehová lle daría forzas, e así foi (Xuí. 6:14, 34). Nunha ocasión, Guideón e os seus homes perseguiron a pé dous reis madianitas que posiblemente fosen montados en camelos (Xuí. 8:12, 21). Pero, coa axuda de Xehová, estes valentes israelitas puideron vencelos. Do mesmo xeito, os anciáns tamén poden confiar en que Xehová, o Deus que nunca “está canso nin fatigado” lles dará forzas cando as necesiten (le Isaías 40:28-31).

17 Vexamos a experiencia de Matthew, un irmán que colabora cun dos Comités de Enlace cos Hospitais. Que lle axudou a aguantar? El conta: “Vin como se cumpriron en min as palabras de Filipenses 4:13. Moitas veces, cando estaba tan cansado que sentía que non podía continuar, oráballe intensamente a Xehová e pedíalle que me dese a enerxía física e emocional que necesitaba para poder darlles ánimo ós irmáns. Neses momentos puiden sentir que Xehová me daba forzas e me axudaba a aguantar”. Igual ca Guideón, os nosos anciáns esfórzanse moito por coidar da congregación, aínda que ás veces non lles sexa fácil. Claro, deben ser modestos e recoñecer que non sempre van poder atender tódalas tarefas que lles gustaría. Pero, hai algo que sempre poderán facer: Confiar en que Xehová escoitará as súas oracións e lles dará forzas para aguantar (Sal. 116:1; Flp. 2:13).

18. Segundo vimos neste artigo, como poden os anciáns imitar a Guideón?

18 Os anciáns poden aprender moito do exemplo de Guideón. Como vimos, deben ser humildes e modestos cando outros os critican ou os felicitan e tamén ó decidir a cantidade de traballo que poden asumir. Tamén teñen que ser obedientes e valentes, sobre todo a medida que se achega o fin deste sistema. Ademais, teñen que confiar en que, sen importar as dificultades que se encontren, Xehová pode darlles as forzas que necesitan. Canto valoramos os anciáns por todo o que fan coidando das ovelliñas de Xehová (Flp. 2:29).

CANCIÓN sjj 120 Sexamos mansos coma Xesús

a Xehová nomeou a Guideón para guiar e protexer o seu pobo durante unha época moi difícil para a nación de Israel. Guideón cumpriu fielmente con este labor durante uns corenta anos. Pero tivo que enfrontarse a moitos desafíos. Imos ver como o seu exemplo lles pode axudar ós anciáns da actualidade cando pasan por probas.

b A modestia e a humildade son calidades que están moi relacionadas. Demostramos que somos modestos cando temos un punto de vista equilibrado de nós mesmos e das nosas limitacións. Demostramos que somos humildes cando respectamos os demais e os consideramos superiores a nós (Flp. 2:3). Normalmente a persoa modesta tamén é humilde.

c Mira o artigo “Sigamos sirviendo a Jehová en medio de la proscripción” na revista La Atalaya de xullo de 2019, páxinas 10 e 11 parágrafos 10 a 13 (dispoñible en español).