ARTIGO DE ESTUDO 25
CANCIÓN sn 23 Xehová é a nosa forza
Recorda que Xehová é o “Deus vivo”
“Xehová vive!” (SAL. 18:46, TNM).
OBXECTIVO
Recordar como nos beneficia ter presente que Xehová é un “Deus vivo”.
1. Que lle axuda ó pobo de Xehová a adoralo a pesar dos problemas?
A BIBLIA di que na época na que estamos vivindo habería “intres difíciles” (2 Tim. 3:1). Ademais dos problemas ós que se enfronta todo o mundo neste sistema malvado, o pobo de Xehová tamén ten que sufrir oposición e persecución. Como podemos seguir adorando a Xehová a pesar destes desafíos? Unha das cousas que máis nos vai axudar é recordar que el é o “Deus vivo” (Heb. 9:14; 2 Tim. 1:12).
2. Que sabemos sobre Xehová, e como nos fortalece isto?
2 Xehová é unha persoa real. El coñece cada proba e dificultade á que nos enfrontamos e busca maneiras de axudarnos (2 Crón. 16:9; Sal. 23:4). Velo como o Deus vivo pode axudarnos a superar calquera situación. A continuación veremos como foi así no caso do rei David.
3. Que quixo dicir David coa expresión “Xehová vive!”?
3 David coñecía a Xehová e confiaba nel. Cando o rei Xaúl e outros inimigos o estaban perseguindo para matalo, David oroulle a Xehová pedíndolle a súa axuda (Sal. 18:7 [18:6, TNM]). Despois de que Deus contestase as súas oracións e o rescatase, el dixo: “Xehová vive!” (Sal. 18:46, TNM). Con estas palabras, David non soamente estaba recoñecendo que Deus existe. Unha obra de referencia explica que estaba expresando a súa confianza en Xehová “como un deus vivo que actúa constantemente a favor do seu pobo”. a Efectivamente, David sabía por experiencia propia que Deus estaba vivo, é dicir, que era consciente do que pasaba e quería axudarlle. Estar convencido disto animou a David a seguir servindo e dando gloria ó seu Pai celestial (Sal. 18:29, 30, 50 [18:28, 29, 49, TNM]).
4. Como nos beneficia ver a Xehová como o Deus vivo?
4 Ver a Xehová como o Deus vivo pode axudarnos a servilo con entusiasmo. Tamén nos dará as forzas para aguantar as probas e a motivación necesaria para seguir esforzándonos no noso servizo a Deus. E ademais estaremos decididos a permanecer cerca del.
O DEUS VIVO DARANOS FORZAS
5. Que nos axudará a enfrontarnos ás probas con confianza? (Filipenses 4:13).
5 Seremos capaces de soportar todo tipo de proba, sexa grande ou pequena, se recordamos que Xehová está vivo e que está aí para apoiarnos. Ó fin e ó cabo, como para el non hai nada imposible, pode axudarnos con calquera problema. El é o Todopoderoso, así que pode darnos as forzas que necesitemos para aguantar (le Filipenses 4:13). Polo tanto, temos razóns de sobra para enfrontarnos ás probas con confianza. Ver a man de Xehová nos pequenos desafíos axudaranos a confiar en que tamén nos vai apoiar cando pasemos por outros máis grandes.
6. Que situacións viviu David na súa xuventude que lle axudaron a confiar máis en Xehová?
6 Vexamos dúas situacións polas que pasou David que fortaleceron a súa confianza en Xehová. De mozo, cando era pastor, tanto un oso coma un león lle marcharon cunha ovella de seu pai. Nas dúas ocasións, David tivo o valor de perseguir estes animais e salvar as ovellas. Aínda así, nunca se atribuíu o mérito destas vitorias. El sabía que o conseguira grazas a Xehová (1 Sam. 17:34-37). David nunca se esqueceu destas experiencias. Meditar nelas deulle confianza en que o Deus vivo tamén o ía fortalecer no futuro.
7. Que punto de vista tiña David e como lle axudou isto a enfrontarse a Goliat?
7 Máis adiante, tendo aínda menos de 20 anos, David visitou o campamento do exército israelita. Ó chegar, atopouse cos soldados mortos de medo porque un xigante filisteo chamado Goliat estaba desafiando o exército de Israel (1 Sam. 17:10, 11). Os soldados estaban asustados porque se fixaban no grande que era Goliat e nas cousas que lles dicía (1 Sam. 17:24, 25). Pero David tiña outro punto de vista. El vía o que estaba dicindo este xigante non só coma un desafío contra o exército de Israel, senón tamén coma un insulto contra as “hostes do Deus vivo” (1 Sam. 17:26). David tiña en conta a Xehová. Confiaba en que, igual que lle axudara cando era un pastor, tamén lle axudaría nesta situación. Tendo esa seguridade, enfrontouse a Goliat e, por suposto, venceuno (1 Sam. 17:45-51).
8. Que pode fortalecer a nosa confianza en Xehová? (Ver tamén a imaxe).
8 Nós tamén seremos capaces de facerlles fronte ás probas con éxito se recordamos que o Deus vivo está disposto a axudarnos (Sal. 118:6). Podemos fortalecer a nosa confianza en Xehová recordando as cousas que fixo no pasado, por exemplo, lendo na Biblia relatos que nos recorden como salvou os seus servos (Is. 37:17, 33-37). Tamén podemos analizar artigos en jw.org que demostren como apoia a irmáns nosos na actualidade. Ademais é bo que recordemos momentos nos que Xehová nos axudou a nós persoalmente. Claro, quizais non teñas experiencias espectaculares, como loitar contra un oso ou un león, pero non importa. Por que? Porque o certo é que Xehová fixo moitas cousas por ti. De feito, foi el quen che ofreceu a súa amizade (Xoán 6:44). E se segues sendo parte do seu pobo é grazas á súa axuda. Así que, por que non lle pides que che axude a recordar situacións nas que respondeu as túas oracións, che deu xusto o que necesitabas no momento preciso ou coidou de ti cando pasaches por circunstancias difíciles? Meditar nisto fortalecerá a túa confianza en que Xehová seguirá sempre ó teu lado dándoche a súa axuda.
9. Como podemos ver as nosas probas? (Proverbios 27:11).
9 Ver a Xehová como alguén real axudaranos a ter un punto de vista adecuado dos nosos problemas. Por que? Porque comprenderemos que esas dificultades son parte de algo máis grande: o conflito que hai entre Xehová e Satanás. O Demo asegura que cando teñamos problemas abandonaremos a Deus (Xob 1:10, 11; le Proverbios 27:11). Pero cando superamos as probas con éxito, demostramos que amamos o noso Pai celestial e que o Demo é un mentireiro. E ti? Estaste enfrontando a oposición por parte dos gobernos, problemas económicos, apatía na predicación ou algunha outra proba? Nese caso recorda que isto che dá a oportunidade de alegrar o corazón de Xehová. E non esquezas que nunca deixará que sexas probado máis alá do que podes soportar (1 Cor. 10:13). El darache as forzas que necesitas para aguantar.
O DEUS VIVO RECOMPENSARANOS
10. Que fará o Deus vivo polos que o adoran?
10 Xehová sempre recompensa os que o adoran (Heb. 11:6). El dános paz e satisfacción xa agora e, no futuro, daranos vida eterna. Podemos estar completamente convencidos de que Xehová ten tanto o desexo como o poder de recompensarnos. Esta convicción impúlsanos a seguir ocupados servindo a Xehová, igual que o fixeron servos fieis do pasado, como Timoteo. Analicemos o seu exemplo (Heb. 6:10-12).
11. Por que se esforzou Timoteo por traballar moito na congregación? (1 Timoteo 4:10).
11 Le 1 Timoteo 4:10. Timoteo confiou no Deus vivo. Por iso, fixo moitos esforzos por Xehová e polos seus irmáns. Por exemplo, o apóstolo Paulo animouno a progresar como mestre na congregación e na predicación. Tamén lle dixo que fose un bo exemplo para os demais servos de Deus, tanto novos coma maiores. Ademais asignáronlle algunhas tarefas difíciles como aconsellar con firmeza pero con cariño os que o necesitaban (1 Tim. 4:11-16; 2 Tim. 4:1-5). Aínda que ás veces o seu esforzo pasase desapercibido ou outros non o valorasen, Timoteo estaba seguro de que Xehová o recompensaría (Rom. 2:6, 7).
12. Que pode motivar os anciáns a esforzarse moito nas súas asignacións? (Ver tamén a imaxe).
12 Hoxe en día, os anciáns tamén poden estar seguros de que Xehová está ó tanto do seu bo traballo e o valora moito. Ademais de pastorear, ensinar e predicar, moitos colaboran en proxectos de construción e axudan cando ocorre algún desastre. Outros forman parte de Grupos de Visita a Pacientes ou de Comités de Enlace cos Hospitais. Os anciáns que se fan dispoñibles para estes labores ven a congregación como unha provisión de Xehová, e non como unha organización humana. Como resultado, esfórzanse moito por cumprir coas súas responsabilidades e confían en que Xehová os recompensará por todo o que fan (Col. 3:23, 24).
13. Que sente Xehová sobre os esforzos que facemos por servilo?
13 Non todos podemos ser anciáns, pero todos temos algo que ofrecerlle a Xehová no noso servizo. El valora que lle deamos o mellor de nós. Agradece as contribucións que facemos para a obra mundial, aínda que non poidamos dar moito. Faino moi feliz que, a pesar da nosa timidez, levantemos a man para comentar nas reunións ou que pasemos por alto unha ofensa e decidamos perdoar. Aínda que sintas que non podes facer por Xehová todo o que che gustaría, non dubides que el valora moito o que si podes facer. El quérete moito por todo o que lle dás, e vaite recompensar (Luc. 21:1-4).
MANTEÑÁMONOS CERCA DO DEUS VIVO
14. Como nos axuda a manternos leais a Xehová ter unha amizade íntima con el? (Ver tamén a imaxe).
14 Canto máis real sexa Xehová para nós, máis fácil nos será manternos leais a el. Este foi o caso de Xosé, que rechazou con firmeza cometer inmoralidade. El tiña moi presente a Xehová na súa vida e non quería desagradarlle (Xén. 39:9). Para que o noso Pai celestial sexa real para nós temos que sacar tempo para orarlle e estudar a súa Palabra. Desta maneira crecerá a amizade que temos con el. E se, igual ca Xosé, somos os seus amigos íntimos, non quereremos facer nada que o decepcione (Sant. 4:8).
15. Que lección podemos aprender do que lles pasou ós israelitas no deserto? (Hebreos 3:12).
15 Se nos esquecemos de que Xehová é o Deus vivo, facilmente podemos apartarnos del. Fíxate no que lles pasou ós israelitas cando estaban no deserto. Eles tiñan claro que Xehová existía, pero empezaron a dubidar de se coidaría deles. Incluso chegaron a preguntar: “Está o Señor connosco ou non?” (Éx. 17:2, 7). Como consecuencia, rebeláronse contra Deus. Seguro que queremos evitar que nos pase o mesmo (le Hebreos 3:12).
16. Que pode poñer a proba a nosa fe?
16 O mundo fai todo o posible para que non nos sexa fácil manternos cerca de Xehová. Moitos non cren que el exista. E, a miúdo, parece que ás persoas que non o teñen en conta lles vai ben na vida. Ver isto podería debilitar a nosa fe. Aínda que nunca negariamos que Deus existe, quizais empecemos a dubidar de que nos vaia axudar. Isto foi o que sentiu durante un tempo o escritor do Salmo 73. El vía que as persoas que o rodeaban ignoraban a Deus pero aínda así desfrutaban da vida. Como resultado, empezou a preguntarse se valía a pena servir a Xehová (Sal. 73:11-13).
17. Que nos axudará a manternos cerca de Xehová?
17 Que lle axudou ó salmista a corrixir a súa maneira de pensar? El meditou no que lles ocorre ós que deixan de confiar en Xehová (Sal. 73:18, 19, 27). Ademais, analizou os beneficios de servilo (Sal. 73:24). Nós tamén podemos reflexionar en tódalas bendicións que recibimos del e imaxinar o diferente que sería a nosa vida se non o servísemos. Isto axudaranos a serlle fieis, e igual que o salmista poderemos dicir: “O meu ben é estar cerca de Deus” (Sal. 73:28).
18. Por que podemos afrontar o futuro con confianza?
18 Poderemos superar calquera dificultade que se nos presente durante estes últimos días porque servimos o “Deus vivo e verdadeiro” (1 Tes. 1:9). El preocúpase por nós e sempre nos vai axudar. Demostrou estar ó lado dos seus servos no pasado, e tamén estará co seu pobo na actualidade. Pronto nos enfrontaremos a unha tribulación sen precedentes, pero non estaremos sós (Is. 41:10). Así que “cheos de confianza, podemos dicir: ‘Teño no Señor o meu abeiro: por iso non teño medo’” (Heb. 13:5, 6).
CANCIÓN snnw 152 A nosa forza, a nosa esperanza, a nosa confianza
[Nota]
a A Handbook on Psalms, escrito por Robert G. Bratcher e William D. Reyburn.