Preguntas dos lectores
Como debemos entender as palabras do Salmo 12:8 (12:7, TNM)?
O Salmo 12:2-5 (12:1-4, TNM) di que “desaparecen os rectos de entre os homes”. A continuación o Salmo 12:6-8 (12:5-7, TNM) segue dicindo:
“‘Pola opresión dos humildes e os xemidos dos pobres,
agora mesmo me levanto —di o Señor—:porei en salvo a tódolos que o arelan’.
Os ditos do Señor son ditos verdadeiros,
prata limpa de escoura,
sete veces refinada.
Ti, Señor, hasnos gardar,
librarasnos para sempre desta xente”.
O versículo 6 (versículo 5, TNM) fala do que Deus fará polos “humildes”. Di que el os salvará.
O versículo 7 (versículo 6, TNM) engade que “os ditos do Señor son ditos verdadeiros”, coma “prata limpa de escoura”. Isto expresa moi ben o que sentimos pola Palabra de Xehová (Sal. 18:31 [18:30, TNM]; 119:140).
Nalgunhas traducións da Biblia, o Salmo 12:8 (12:7, TNM) di o seguinte: “Ti custodiaralos”. E como no versículo anterior se mencionan “os ditos [ou as palabras] do Señor”, algúns chegan á conclusión de que Deus custodia os Seus ditos, ou palabras. Nós sabemos que Deus conseguiu protexer a Biblia a pesar dos esforzos que fixeron os opositores por prohibila e destruíla (Is. 40:8; 1 Ped. 1:25).
Pero, tamén é certo que Xehová protexe as persoas que se mencionan no versículo 6 (versículo 5, TNM). El salvou, e seguirá salvando, os “humildes” e os que están sufrindo “opresión” (Xob 36:15; Sal. 6:5 [6:4, TNM]; 31:2, 3 [31:1, 2, TNM]; 54:9 [54:7, TNM]; 145:20).
Entón, a quen di o versículo 8 (versículo 7, TNM) que custodia Xehová? A persoas ou ás Súas palabras?
Ó examinar máis a fondo este salmo queda claro que se refire a persoas.
Ó principio do Salmo 12, David fala de que a xente se volvera moi desleal e deshonesta e de que isto lle provocaba moito sufrimento a el e mais a outros. Despois lemos que Xehová actuará contra os que falan cousas malas. O salmo asegúranos que os ditos de Deus son verdadeiros, por iso podemos confiar en que actuará a favor dos seus servos.
Así que cando no versículo 8 (versículo 7, TNM) Xehová di que os custodiará, ou gardará, refírese a persoas, é dicir, ás vítimas dos malvados.
Entón, por que nalgunhas traducións da Biblia este versículo di: “Ti custodiaralos”? Esta forma de traducilo baséase en copias fiables das Escrituras Hebreas. Pero, a Septuaxinta grega utiliza as palabras “el gardaranos” e “el protexeranos”. Isto indica que o versículo se refire ós servos fieis de Xehová humildes e oprimidos. Son eles os que estarán protexidos “desta xente”, é dicir, dos “malvados” (Sal. 12:8, 9 [12:7, 8, TNM]). Nos Targumes Arameos, este versículo di: “Ti, oh Señor, protexerás os xustos, gardaralos para sempre desta xeración malvada”. Isto dános unha proba máis de que o Salmo 12:8 (12:7, TNM) non se está referindo ós ditos de Deus.
Así que este versículo dálles ós “rectos” a esperanza de que Deus actuará.