Ir ó contido

Ir ó índice

A proba dunha profecía exacta

A proba dunha profecía exacta

EN ITALIA, NO CENTRO DE ROMA, HAI UN ARCO DE TRIUNFO IMPRESIONANTE QUE ATRAE VISITANTES DE TODO O MUNDO. O ARCO FOI CONSTRUÍDO EN HONOR A TITO, UN DOS EMPERADORES MÁIS QUERIDOS DE ROMA.

O Arco de Tito ten esculpidas dúas grandes escenas que representan un importante acontecemento histórico. O que poucas persoas saben é a fascinante relación que hai entre este monumento e a Biblia. O Arco de Tito é unha proba da sorprendente exactitude das profecías bíblicas.

UNHA CIDADE CONDENADA

No ano 30 da nosa era, o Imperio Romano estendíase dende Britania e a Galia (agora Francia) ata Exipto. Os territorios gobernados por este Imperio estaban vivindo o seu mellor momento en sentido económico e social. Pero había unha rexión afastada, que lle daba constantes problemas a Roma: a rebelde provincia de Xudea.

A Encyclopedia of Ancient Rome explica: “En poucos territorios do Imperio Romano existía tanta antipatía entre gobernantes e gobernados como na provincia de Xudea. Os xudeus estaban molestos porque os seus gobernantes eran estranxeiros e non respectaban as súas tradicións, e Roma non estaba disposta a tolerar a rebeldía dos xudeus”. Moitos xudeus esperaban que un líder os liberase dos romanos e devolvese a Israel o seu antigo esplendor. Pero no ano 33, Xesucristo afirmou que Xerusalén estaba condenada ó desastre.

Xesús dixo: “Porque che chegarán días nos que os teus inimigos levantarán ó teu arredor un cerco de estacas afiadas; rodearante e asediarante por todos lados. A ti e ós teus habitantes derribaranvos ó chan, e non deixarán en ti pedra sobre pedra” (Lucas 19:43, 44 TNM).

Sen dúbida, as palabras de Xesús deixaron desconcertados os seus discípulos. Dous días despois, mentres admiraban o templo de Xerusalén, un deles exclamou: “Mestre, mira para aí: ¡que cantería e que construcción!”. E con razón, pois sábese que algunhas pedras do templo medían 11 metros de longo, 5 metros de ancho e 3 metros de alto. Aínda así, Xesús contestou: “Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra” (Marcos 13:1; Lucas 21:6).

E despois engadiu: “Cando vexades a Xerusalén sitiada polos exércitos, sabede que está a chega-la súa destrucción. Entón os que estean en Xudea, que fuxan para os montes; os que estean na vila, que se afasten; e os que estean no campo, que non entren na vila” (Lucas 21:20, 21). Cumpríronse as palabras de Xesús?

O FIN DUNHA CIDADE

Trinta e tres anos despois, os xudeus seguían aguantando a gobernación romana. Pero no ano 66, o procurador de Xudea, Gesio Floro, roubou cartos da tesourería sagrada do templo. E con iso, os xudeus dixeron basta. En pouco tempo, os rebeldes xudeus irromperon en Xerusalén, masacraron os soldados romanos e declararon a súa independencia de Roma.

Uns tres meses despois, máis de 30.000 soldados romanos, comandados por Cestio Galo, dirixíronse a Xerusalén para acabar coa rebelión. Os romanos rapidamente entraron na cidade e derribaron parte do muro exterior do templo. Entón, sen ningún motivo aparente, retiráronse. Eufóricos, os rebeldes xudeus saíron tras eles. Isto permitiu que os cristiáns seguiran o consello de Xesús e fuxiran de Xerusalén cara ás montañas, máis aló do río Xordán (Mateo 24:15, 16).

Ó ano seguinte, Roma retomou a súa campaña contra Xudea e puxo ó mando do exército ó xeneral Vespasiano e ó seu fillo Tito. Non obstante, pouco despois da morte do emperador Nerón no ano 68, Vespasiano regresou a Roma para converterse no emperador, e deixou ó seu fillo Tito ó mando dun exército de 60.000 soldados para continuar coa campaña contra Xudea.

En xuño do ano 70, Tito ordenoulles ós seus soldados que cortasen as árbores de Xudea para construír unha cerca de estacas afiadas de 7 kilómetros de longo ó redor de Xerusalén. Tres meses despois, os romanos xa saquearan e incendiaran a cidade e o templo. Tal e como predixera Xesús, non deixaron pedra sobre pedra (Lucas 19:43, 44 TNM). De acordo cun cálculo conservador, “morreron en Xerusalén e no resto do país entre 250.000 e 500.000 persoas”.

O TRIUNFO DE ROMA

No ano 71, Tito volveu a Italia e os cidadáns de Roma recibírono con tódolos honores. A cidade enteira celebrou un dos maiores desfiles triunfais xamais vistos na capital.

As multitudes quedaban asombradas ó ver pasar toda esa riqueza polas rúas de Roma. Quedaban fascinados ó ver as embarcacións que foran capturadas, as enormes carruaxes nas que se representaban escenas da guerra e os obxectos roubados do templo de Xerusalén.

No ano 79, despois da morte do seu pai Vespasiano, Tito converteuse en emperador, pero morreu de repente só dous anos despois. O seu irmán, Domiciano, sucedeuno no trono e pouco tempo despois construíu un arco de triunfo en honor a Tito.

O ARCO NA ACTUALIDADE

O Arco de Tito na actualidade (Roma).

O Arco de Tito é admirado polos centos de miles de turistas que visitan Roma tódolos anos. Para algúns, este arco é unha impresionante obra de arte. Para outros, é unha homenaxe ó poderoso Imperio Romano. E outros considérano un monumento dedicado á caída de Xerusalén e o seu templo.

Non obstante, para aqueles que estudan a Biblia, o Arco de Tito ten un significado especial. Para eles, esta antiga construción proba que as profecías da Biblia son exactas, fiables e inspiradas por Deus (2 Pedro 1:19-21).