Ir ó contido

Ir ó índice

O desexo de coñecer o futuro

O desexo de coñecer o futuro

Algunha vez te preguntaches cal será o teu futuro e o da túa familia? Darache o futuro riquezas ou pobreza, amor ou soidade? Terás unha vida longa ou corta? Durante miles de anos as persoas fixéronse estas preguntas.

Hoxe en día, hai expertos que analizan o que pasa no mundo para facer previsións sobre o futuro. Aínda que algunhas previsións se cumpriron, outras foron un fracaso total. Por exemplo, en 1912 Guglielmo Marconi, o inventor dun telégrafo sen cables, dixo: “Coa chegada da era sen cables desaparecerán as guerras”. E un axente da compañía discográfica Decca Record, que rechazou os Beatles en 1962, cría que os grupos que tocaban a guitarra non terían éxito.

Hoxe hai quen acode ó sobrenatural para coñecer o futuro. Algúns consultan os astrólogos, e hai revistas e periódicos que sempre teñen unha sección dedicada ó horóscopo. Outros consultan adiviños ou videntes que din “ler” o futuro ó interpretar as cartas do tarot, os números ou as liñas da man.

Na antigüidade, para coñecer o futuro algúns acudían ós oráculos, que eran sacerdotes ou sacerdotisas que transmitían a mensaxe do deus ó que representaban. Por exemplo, parece que iso foi o que fixo o rei Creso de Lidia. El envioulle regalos de moito valor ó oráculo de Delfos (en Grecia) preguntándolle se gañaría no caso de ir á guerra contra o rei Ciro de Persia. O oráculo respondeu que Creso destruiría “un grande imperio” se loitaba contra Ciro. Seguro da súa vitoria, Creso foi contra Ciro, pero o grande imperio que destruíu foi o seu.

En realidade, a predición cumpriríase gañase quen gañase a guerra, pois era pouco precisa e polo tanto inútil. Creso perdeuno todo por culpa de confiar naquela información. Iralles mellor hoxe a aqueles que confían nos diferentes métodos para predicir o futuro?