Ir ó contido

Ir ó índice

Promesas que se farán realidade

Promesas que se farán realidade

As boas noticias do Reino de Deus estanse predicando por toda a Terra, tal e como profetizou Xesús (Mateo 24:14). A Biblia, no libro de Daniel, dinos que este Reino é o goberno de Deus. O capítulo dous dese libro predí unha sucesión de potencias ou reinos que vai dende a antiga Babilonia ata os nosos días e, o versículo 44, mostra o que vai suceder no futuro:

“O Deus do ceo suscitará un reino que endexamais non será derrubado nin cederá o poder a outro pobo; máis aínda: destruirá e acabará con todos estes reinos, e el subsistirá para sempre”.

Esta e outras profecías da Biblia predín que o Reino de Deus substituirá tódolos gobernos humanos e traerá estabilidade e orde a toda a terra. Como será a vida baixo ese Reino? Vexamos algunhas das marabillosas promesas que pronto se farán realidade.

  • NON HABERÁ MÁIS GUERRAS

    Salmo 46:9 (TNM): Deus “acaba coas guerras por toda a terra. Rompe o arco e esnaquiza a lanza, queima os carros militares no lume”.

    Imaxina como sería o mundo se tódolos recursos e o coñecemento que se dedican a fabricar armas se dedicasen a axudar á xente. Baixo o Reino de Deus esta promesa farase realidade!

  • NON HABERÁ MÁIS ENFERMIDADES

    Isaías 33:24 (SBG): “Ningún veciño dirá: ‘Estou enfermo’”.

    Imaxina un mundo sen enfermidades do corazón, nin cáncer, nin diabetes, nin ningunha outra doenza. Non farían falta nin hospitais nin medicamentos. Pois ese é o futuro que lle espera á humanidade: saúde perfecta.

  • NINGUÉN PASARÁ FAME

    Salmo 72:16 (TNM): “Na terra haberá gran en abundancia, extraordinaria abundancia nos cumes das montañas”.

    A Terra producirá suficiente alimento para todos e repartirase ben. Xa non haberá máis fame nin desnutrición.

  • NON HABERÁ MÁIS DOR NIN SUFRIMENTO NIN MORTE

    Apocalipse 21:4: Deus “enxugará tódalas bágoas dos seus ollos, e a morte xa non existirá máis. Nin haberá máis loito nin pranto nin dor, porque as primeiras cousas pasaron xa”.

    As persoas serán perfectas e vivirán para sempre na Terra convertida nun paraíso. Iso é o que nos prometeu o noso cariñoso Creador, Xehová.

O SEU CUMPRIMENTO ESTÁ ASEGURADO

Pensas que todo isto parece demasiado bonito para ser verdade? Aínda que á maioría das persoas lles encantaría desfrutar da vida que promete a Biblia, a moitos cústalles comprender o que significa a vida eterna. E isto é normal, porque ningún ser humano viviu para sempre.

A humanidade leva tanto tempo escravizada polo pecado e a morte que moitos chegaron á conclusión de que vivir con dor e sufrimento é o natural. Pero en realidade, isto está moi lonxe do que Deus tiña pensado para os seres humanos.

Para axudarnos a confiar en que vai cumprir todo o que prometeu, Deus fixo esta clara afirmación sobre a súa palabra: “Non voltará a min en van, senón que fará o que eu queira, e conseguirá aquilo para o que a mandei” (Isaías 55:11).

A Biblia di que Deus “non mente” (Tito 1:2). E como foi el quen nos fixo estas marabillosas promesas para o futuro, sería sabio preguntarnos: “É realmente posible vivir para sempre na Terra feita un paraíso? Que debemos facer para desfrutar de todas estas promesas?”. Os seguintes artigos axudaranche a atopar a resposta a estas preguntas.