Por que necesitamos o Reino de Deus?
Ó principio da historia humana, o noso Creador, que se chama Xehová, era o único gobernante que existía. Todo o que facía polos humanos era porque os quería moito. Por exemplo, creou en Edén un fermoso xardín e déullelo para que vivisen nel. Ademais, fixo que tivesen comida en abundancia e un traballo do que puidesen desfrutar (Xénese 1:28, 29; 2:8, 15). Se os humanos deixasen que Deus os seguise gobernando, hoxe poderiamos estar desfrutando de paz.
A Biblia explica que un anxo rebelde, a quen máis adiante se lle chamou Satanás ou Demo, desafiou a Deus dicindo que non tiña dereito a gobernar a humanidade. Insinuou que os seres humanos seriamos máis felices se Deus non nos gobernase. Tristemente, os primeiros humanos, Adam e Eva, decidiron seguir a Satanás e tamén se rebelaron contra Deus (Xénese 3:1-6; Apocalipse 12:9).
Adam e Eva rechazaron a Deus como Gobernante. Como consecuencia, perderon o seu fogar no paraíso no que vivían e a esperanza de vivir para sempre con saúde perfecta (Xénese 3:17-19). A súa decisión tamén lles afectou ós fillos que tiveron máis tarde. A Biblia di que, por culpa do pecado de Adam, “o pecado entrou no mundo” e “polo pecado entrou a morte” (Romanos 5:12). Ademais, o pecado tivo outra tráxica consecuencia: “Un home domina sobre outro para mal” (Eclesiastés 8:9). Noutras palabras, cando os humanos son os que gobernan, os problemas están asegurados.
OS HUMANOS COMEZAN A GOBERNAR
O primeiro gobernante humano que aparece na Biblia é Nimrod. Este home decidiu rebelarse contra o goberno de Xehová. Dende entón, moitos outros gobernantes abusaron da súa autoridade. Por iso, hai uns 3000 anos, o rei Salomón escribiu: “Velaquí as bágoas de inocentes, sen que ninguén se apiade; vénlles violencia da banda dos opresores” (Eclesiastés 4:1).
Hoxe en día, as cousas seguen igual. No 2009, un artigo publicado polas Nacións Unidas afirmou que cada vez hai máis xente que pensa que os malos gobernos son “unha das principais causas de tódolos males da nosa sociedade”.
É HORA DE ACTUAR!
O mundo necesita mellores gobernantes e un mellor sistema de goberno. E iso é precisamente o que o noso Creador prometeu.
Deus estableceu un Reino, ou goberno, que substituirá tódolos gobernos humanos e que “subsistirá para sempre” (Daniel 2:44). Este é o Reino que millóns de persoas levan tanto tempo pedindo en oración (Mateo 6:9, 10). Pero non será Deus mesmo quen goberne, senón que nomeou como Rei alguén que durante un tempo viviu na Terra como humano. A quen escolleu?