Ir ó contido

Ir ó índice

Vaise acabar o mundo?

Vaise acabar o mundo?

Quizais saibas que a Biblia fala sobre o fin do mundo (1 Xoán 2:17). Quere dicir isto que a humanidade deixará de existir? Xa non haberá vida na Terra? Será destruído o planeta?

A BIBLIA DI QUE A RESPOSTA A ESTAS PREGUNTAS É NON

Que é o que non acabará?

A HUMANIDADE

O que di a Biblia: Deus “non a creou [a Terra] coma un caos, formouna para ser habitada” (ISAÍAS 45:18).

O PLANETA TERRA

O que di a Biblia: “Vaise unha xeración e vén outra xeración, pero a terra permanecerá para sempre” (ECLESIASTÉS 1:4TNM).

QUE SIGNIFICA?: A Biblia di que a Terra nunca será destruída e que sempre estará habitada. Entón, a que se refire cando fala do fin do mundo?

PENSA NISTO: A Biblia compara o fin deste mundo co que pasou nos días de Noé. Naquel tempo a Terra estaba “chea de crimes” (Xénese 6:13). Así que Deus acabou coas persoas malas usando un diluvio. Pero como Noé era un home xusto, salvounos a el e a súa familia. Referíndose ó que pasou daquela, a Biblia di: “O mundo de entón pereceu alagado na auga” (2 Pedro 3:6). Ese foi o fin do mundo que existía naquel momento. Pero, que foi o que se destruíu? Non a Terra, senón a xente mala que vivía nela. Así que, cando a Biblia fala do fin do mundo non se refire á destrución do noso planeta. Máis ben refírese ó fin das persoas malas e do sistema que elas crearon.

Que é o que si acabará?

OS PROBLEMAS E A MALDADE

O que di a Biblia: “Só un pouco máis, e os malvados xa non existirán; mirarás a onde estaban, e xa non estarán alí. Pero os mansos herdarán a terra e desfrutarán plenamente de abundante paz” (SALMO 37:10, 11TNM).

QUE SIGNIFICA?: O Diluvio dos días de Noé non acabou para sempre coa maldade. Volveu haber xente mala que fixo difícil a vida dos demais. Pero moi pronto Deus acabará coa maldade para sempre. Como dixo o salmista: “Os malvados xa non existirán”. Deus fará isto por medio do seu Reino, un goberno mundial que está nos ceos e que gobernará sobre unha sociedade de persoas obedientes a Deus.

PENSA NISTO: Que pasará cos gobernos actuais? Apoiarán o Reino de Deus? A Biblia indica que non. Todo o contrario. De maneira moi insensata, poñeranse na súa contra (Salmo 2:2). Cal será o resultado? O Reino de Deus substituirá a tódolos gobernos humanos e “subsistirá para sempre” (Daniel 2:44). Pero, por que é necesario que deixen de gobernar os humanos?

NECESITAMOS que a humanidade deixe de gobernar

O que di a Biblia: “Ó home que está andando nin sequera lle corresponde dirixir os seus pasos” (XEREMÍAS 10:23TNM).

QUE SIGNIFICA?: Os seres humanos non fomos creados para gobernarnos a nós mesmos. Por iso non podemos gobernar ben a outras persoas nin resolver os seus problemas.

PENSA NISTO: A enciclopedia Britannica Academic menciona que os gobernos dos diferentes países son incapaces de “resolver problemas como a pobreza, a fame, as enfermidades, os desastres naturais, as guerras e a violencia de calquera tipo”. E segue dicindo: “Algúns [...] cren que só un goberno mundial pode acabar para sempre con estes males”. Pero o certo é que, aínda que tódolos gobernantes humanos se unisen, o mundo seguiría estando dirixido por persoas imperfectas que non poden solucionar os problemas que mencionamos antes. O Reino de Deus é o único goberno que pode poñerlles fin para sempre.

Así que, segundo o que explica a Biblia, as persoas boas non deberían terlle medo ó fin do mundo, é dicir, ó fin do sistema malvado no que vivimos. Todo o contrario, é algo que se pode esperar con moita ilusión porque significa que este mundo en ruínas será substituído por un marabilloso novo mundo que Deus establecerá.

Cando sucederá isto? O seguinte artigo explica a resposta que dá a Biblia.