Ir ó contido

Ir ó índice

ELES CONSEGUIRON CAMBIAR

Os exemplos de Ricardo e Andrés

Os exemplos de Ricardo e Andrés

A educación baseada na Biblia ten un enorme poder para cambiar vidas. Vexamos dous exemplos.

RICARDO: Cando só tiña 15 anos uninme a unha banda. Os meus novos amigos influían moito en min. De feito, cheguei a poñerme o obxectivo de pasar 10 anos no cárcere. Isto pode parecer absurdo pero no meu barrio respectábase e admirábase a quen pasara anos en prisión. E eu quería ser coma eles.

Probei todo o que está relacionado con ser parte dunha banda: o consumo de drogas, levar unha vida inmoral e ser unha persoa violenta. Unha noite vinme envolto nun tiroteo. Pensei que me ían matar, pero conseguín escapar sen sufrir ningún dano. Despois disto, empecei a pensar seriamente na vida que estaba levando e nas metas que tiña, e decidín que quería cambiar. Así que me preguntei: “Como podo conseguilo? Quen me pode axudar?”.

A maioría dos meus familiares non eran felices e tiñan unha vida chea de problemas. Pero a familia dun dos meus tíos era diferente. Sabía que eles eran boa xente e que vivían segundo os principios da Biblia. De feito, un día ensináranme que o nome de Deus é Xehová. Así que, pouco despois do tiroteo, oreille a Xehová usando o seu nome e pedíndolle que me axudase. Para a miña sorpresa, ó día seguinte unha testemuña de Xehová chamou á miña porta e empecei un curso da Biblia con el.

Pouco despois, enfronteime a un gran desafío. Os meus antigos amigos chamábanme con frecuencia para que saíse con eles. Aínda que non me resultaba fácil, eu dicíalles que non. Estaba decidido a seguir co meu estudo da Biblia, e menos mal que o fixen! A miña vida cambiou por completo e encontrei verdadeira felicidade.

Recordo que lle pedín a Deus en oración que, xa que no pasado estivera disposto a pasar 10 anos en prisión para ganarme o respecto dos demais, agora me permitise servilo polo menos 10 anos a tempo completo. Quería darlles a outras persoas a axuda que eu tamén recibín. Deus respondeu a miña oración, xa que levo 17 anos dedicándome a tempo completo a ensinarlles a outros sobre a Biblia. E, por certo, ó final nunca estiven no cárcere.

Pero moitos dos que foran amigos meus levan anos presos, e outros están mortos. Ó mirar atrás, teño moito que agradecerlles ós meus familiares que son testemuñas de Xehová. Eles estiveron dispostos a ser diferentes e a vivir segundo as normas da Biblia. Cheguei a terlles máis respecto a eles que a calquera membro da banda na que estiven. Pero, sobre todo, doulle moitas grazas a Xehová por ensinarme a levar a mellor vida posible.

ANDRÉS: Nacín e crieime nun barrio pobre onde as drogas, a extorsión, os asasinatos e a prostitución eran moi comúns. Meu pai era adicto ó alcohol e á cocaína. El e miña nai estaban sempre pelexando, tanto verbal como fisicamente.

Dende moi novo empecei a beber alcohol e a drogarme. Pasaba a maior parte do meu tempo na rúa roubando e vendendo o que roubaba. Cando me fixen maior, meu pai intentou acercarse máis a min, pero non da maneira máis acertada. Foi el quen me ensinou a facer contrabando de drogas e outros produtos ilegais para despois vendelos. Ganei moitos cartos, e de maneira moi rápida. Pero un día a policía veu á miña casa. Arrestáronme e sentenciáronme a 5 anos de prisión por intento de asasinato.

Unha mañá, no cárcere, invitaron a tódolos presos a asistir a unha conferencia bíblica que ían dar as testemuñas de Xehová. Eu decidín ir. O que escoitei tiña sentido, así que empecei a estudar a Biblia coas Testemuñas. Eles non me dixeron simplemente o que quería escoitar, senón que me mostraron cales son as elevadas normas morais de Deus.

Deime conta rápido de que ía precisar axuda para facer os cambios necesarios, sobre todo cando empecei a recibir ameazas doutros presos ós que non lles gustaba que eu estudase. Entón, oreille a Xehová pedíndolle que me dese forzas e sabedoría, e el escoitoume. De feito, en vez de ceder ás ameazas dos demais prisioneiros, grazas a el tiven o valor de falarlles da Biblia.

Cando me liberaron, púxenme tan nervioso que ata me deron ganas de quedar máis tempo no cárcere! Mentres saía, moitos presos despedíanse de min coa man. Algún incluso me dixo con cariño: “Cóidate moito, pequeno pastor”.

Asústame pensar en como sería a miña vida se non permitise que Deus me ensinase. Estoulle inmensamente agradecido de que me queira e de que non me considerase un caso perdido. a

a En jw.org podes atopar máis casos de persoas que conseguiron cambiar por completo a súa vida grazas ó poder que ten a Biblia. Para atopalos, escribe “A Biblia cambioulles a vida” no cadro de busca.