COMO REDUCIR O ESTRÉS
Que podemos facer cando estamos estresados?
Para facerlle fronte eficazmente ó estrés, é necesario que pensemos na nosa saúde física, en como nos relacionamos cos demais, e nos nosos obxectivos e prioridades na vida, é dicir, o que consideramos verdadeiramente importante. Este artigo analiza algunhas ideas prácticas que poden axudarche a afrontar mellor o estrés, e quizais incluso a reducilo.
Céntrate no día a día
“Non vos angustiedes polo de mañá; mañá xa traerá a súa angueira” (MATEO 6:34).
Que significa? Tódolos días temos preocupacións, pero non aumentes as de hoxe coas que terás mañá. Intenta centrarte no día a día.
-
O estrés pode provocar ansiedade. Por que non intentas isto? Primeiro, admite que ter algo de estrés é inevitable, pero se te preocupas demasiado por cousas que non podes evitar terás máis estrés. E segundo, intenta comprender que moitas veces as cousas malas que pensamos que pasarán ó final non pasan.
Sé razoable
“A sabedoría de arriba é [...] razoable” (SANTIAGO 3:17, TNM).
Que significa? Non sexas perfeccionista. Evita poñer o listón demasiado alto, tanto para ti como para os demais.
-
Sé modesto, ponte obxectivos razoables, e sé consciente das túas limitacións e das dos demais. Facendo isto conseguirás que tanto ti coma outros teñades menos estrés e mellores resultados. Intenta tamén manter o sentido do humor. Cando rimos, incluso cando algo sae mal, aliviamos parte da tensión e melloramos o noso estado de ánimo.
Descubre que é o que che causa estrés
“Quen mantén o sangue frío é home de tino” (PROVERBIOS 17:27).
Que significa? As emocións negativas poden facer que non penses con claridade, así que intenta manter a calma.
-
Identifica que é o que che causa estrés e intenta ser consciente de como reaccionas. Por exemplo, cando te sintas estresado, fíxate no que pensas, no que sentes e en como te comportas. Quizais incluso poidas poñelo por escrito. Ser máis consciente de como reaccionas cando tes estrés axudarache a facerlle fronte de mellor maneira. Ademais, pensa no que poderías facer para eliminar da túa vida as cousas que che causan estrés. Se cres que non é posible eliminalas, busca algunha maneira para reducir o seu impacto, como por exemplo reorganizar as túas tarefas ou xestionar mellor o tempo.
-
Intenta ver as cousas dende outra perspectiva. O que che causa estrés a ti, quizais a outra persoa non. Todo depende de como o vexas. Pensa nestas tres ideas:
-
Non te precipites a pensar mal dos demais. Por exemplo, imaxina que estás esperando nunha fila e alguén se mete diante de ti sen preguntar. Se comezas a pensar que é un maleducado, seguramente acabes enfadándote. Pola contra, por que non pensas que tiña un bo motivo para facelo? Quizais descubras que foi así.
-
Búscalle o lado positivo á situación. Por exemplo, se tes que esperar moito tempo na sala de espera do médico ou no aeroporto podes aproveitar para ler algo, ou para poñerte ó día co traballo ou co correo electrónico.
-
Non perdas de vista o cadro completo. Por exemplo, pregúntate: “Seguirá sendo igual de grande o problema mañá ou a próxima semana?”. É importante que vexas a diferenza entre os problemas pequenos e os que son máis serios.
-
Intenta ser ordenado
“Que todo se faga con dignidade e con orde” (1 CORINTIOS 14:40).
Que significa? Intenta levar unha vida ordenada.
-
En xeral, gústanos levar vidas ordenadas. Algo que pode facer que perdas esa orde, e que ademais teñas estrés, é deixar para outro momento o que podes facer agora. Isto pode provocar que teñas unha lista cada vez máis grande de cousas sen facer. Por que non pos en práctica estas dúas ideas?
-
Prepara un horario realista e sígueo.
-
Identifica e corrixe calquera actitude que che faga deixar as cousas para outro momento.
-
Intenta ter unha vida equilibrada
“É mellor un puñado de descanso que dous puñados de traballo duro e perseguir o vento” (ECLESIASTÉS 4:6, TNM).
Que significa? Os que son adictos a traballar poida que non desfruten dos seus “dous puñados de traballo duro”. Quizais non lles quede tempo ou enerxías para desfrutar das cousas polas que traballaron.
-
Ten un punto de vista realista do traballo e do diñeiro. Ter máis cartos non significa ser máis feliz ou ter menos estrés. De feito, quizais sexa xusto ó revés. Eclesiastés 5:12 (TNM) di que “a abundancia do rico non o deixa durmir”. Por iso, intenta vivir dentro das túas posibilidades.
-
Aparta tempo para relaxarte. Cando fas cousas que che gustan, reduces o estrés que sentes. Non obstante, o entretemento pasivo, como ver a televisión, quizais non che axude.
-
Mantén a tecnoloxía no seu debido lugar. Evita estar constantemente revisando o teu correo electrónico, as mensaxes de texto ou as redes sociais. A menos que sexa necesario, non abras o correo do traballo fóra do horario laboral.
Coida da túa saúde
“O exercicio corporal e útil” (1 TIMOTEO 4:8).
Que significa? Facer exercicio físico regularmente mellora a saúde.
-
Esfórzate por ter hábitos saudables. O exercicio físico pode axudarche a estar máis contento e a que o teu corpo responda mellor cando esteas estresado. Come alimentos nutritivos e intenta non saltarte ningunha comida. Asegúrate de que descansas o suficiente.
-
Evita reducir o estrés con algo que dane a túa saúde, como fumar, tomar drogas ou abusar do alcohol. A longo prazo, estas cousas farán que teñas máis estrés, quizais roubándoche a túa saúde ou os cartos que tanto che custaron gañar.
-
Vai ó médico se ves que non podes máis co estrés. Pedir axuda profesional non é motivo para sentir vergonza.
Establece as túas prioridades
Asegúrate “de que cousas son as máis importantes” (FILIPENSES 1:10, TNM).
Que significa? Analiza as túas prioridades.
-
Fai unha lista coas cousas que tes que facer por orde de importancia. Isto axudarache a centrarte nas máis importantes, e a saber cales podes pospoñer, delegar ou incluso eliminar.
-
Escribe durante unha semana como usas o teu tempo. Despois pensa en como poderías aproveitalo mellor. Canto máis controles o teu tempo, menos estrés terás.
-
Programa un tempo para descansar. Incluso as pausas curtas poden axudarche a ter máis forzas e menos estrés.
Pide axuda
“A ansiedade no corazón do home angústiao, a verba agarimosa alégrao” (PROVERBIOS 12:25).
Que significa? As palabras amables e compasivas doutros poden facer que te sintas mellor.
-
Fala con alguén que te poida comprender. Ter unha persoa coa que poidas abrirte quizais che axude a ver as cousas de maneira diferente ou incluso a pensar nunha solución na que non caeses. Desafogarte con alguén pode axudarche a sentirte mellor.
-
Pídelles a outros que che axuden. Poderías delegar un traballo ou pedirlle a alguén que che bote unha man?
-
Se un compañeiro de traballo fai que esteas estresado, pensa en como mellorar a situación. Por exemplo, cres que poderías dicirlle de maneira amable e con tacto como che fai sentir? (Proverbios 17:27). Se isto non funciona, poderías reducir o tempo que pasas con esa persoa?
Coida das túas “necesidades espirituais”
“Felices os que recoñecen as súas necesidades espirituais” (MATEO 5:3, TNM).
Que significa? Como humanos, necesitamos comida, roupa e un lugar onde vivir. Pero tamén temos necesidades espirituais. Se queremos ser felices, debemos ser conscientes desas necesidades e darlles atención.
-
A oración pode axudarche moito. Deus preocúpase por ti, e por iso te invita a que lle fales de tódolos teus problemas (1 Pedro 5:7). Orarlle a Deus e pensar en cousas positivas pode axudarche a estar realmente tranquilo (Filipenses 4:6, 7).
-
Le cousas que te acerquen máis a Deus. As ideas analizadas nesta revista aparecen na Biblia, un libro que foi escrito para satisfacer as nosas necesidades espirituais. Ademais, estas ideas tamén nos axudan a cultivar “a sabedoría práctica e a capacidade de pensar” (Proverbios 3:21, TNM). Por que non te pos o obxectivo de ler a Biblia? Quizais poderías comezar polo libro de Proverbios.