Ir ó contido

Ir ó índice

Georgette Douwma/Stone via Getty Images

PODERÁ SOBREVIVIR O NOSO PLANETA?

Os océanos

Os océanos

OS OCÉANOS non só subministran gran parte dos alimentos que comemos, senón tamén moitos ingredientes que necesitamos para elaborar medicamentos. Ademais, producen máis da metade do osíxeno do mundo e absorben as emisións de carbono das actividades humanas. Os océanos tamén regulan o clima.

Que ameaza os océanos

O cambio climático é unha ameaza para os arrecifes de coral, mariscos e outras formas de vida mariñas. Os científicos predín que case tódolos arrecifes, que sustentan polo menos a cuarta parte de toda a vida coñecida no mar, poderían estar a punto de desaparecer nos próximos 30 anos.

Os expertos calculan que é probable que ata o 90% das aves mariñas comesen plásticos. E crese que os plásticos que hai nos océanos matan millóns de animais mariños cada ano.

“O mundo deu por sentado o océano”, afirmou en 2022 o Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres, “e agora enfróntase a unha ‘emerxencia oceánica’”.

Un planeta deseñado para sobrevivir

Tanto os océanos como a vida que hai neles están deseñados para manterse limpos e sans cando non están desbordados pola contaminación humana. O libro Regeneration: Ending the Climate Crisis in One Generation explica que, cando unha parte do mar está protexida da industria humana, “pode utilizar a súa capacidade rexenerativa innata para limparse”. Vexamos algúns exemplos:

  • Os minúsculos organismos chamados fitoplancto consomen e almacenan dióxido de carbono. Crese que este gas é o principal causante do quecemento global. Tan só o fitoplancto almacena case a mesma cantidade de dióxido de carbono que tódalas árbores, herbas e outras plantas terrestres xuntas.

  • Os microbios aliméntanse de restos de peixes mortos, que doutro xeito contaminarían o océano. Despois, os propios microbios convértense no alimento doutras criaturas mariñas. Segundo a páxina web Ocean, do Instituto Smithsoniano, este traballo en equipo “mantén o océano limpo e claro”.

  • Moitas criaturas do océano utilizan o seu sistema dixestivo para transformar as augas ácidas, que danan os corais, mariscos e outras criaturas, en augas alcalinas máis saudables.

Que se está facendo para intentar solucionar o problema

Usar bolsas e botellas de auga reutilizables pode axudar a reducir a cantidade de residuos plásticos nos nosos océanos

Se nunca entrasen residuos no mar, non necesitaría que o limpásemos. Así que, os expertos animan as persoas a reutilizar bolsas, ferramentas e envases en lugar de usar produtos de plástico só unha vez e despois desfacerse deles.

Pero hai que facer algo máis. Recentemente, unha organización ecoloxista recolleu nun ano máis de 8300 toneladas de lixo que as mareas oceánicas verteran nas praias en 112 países. Con todo, iso era só unha milésima parte do lixo que entra no océano cada ano.

Un artigo publicado pola National Geographic afirma que “a acidificación [dos océanos] que se levou a cabo ata o presente é probablemente irreversible”. As criaturas mariñas “enfróntanse a unha economía mundial que se sostén con combustibles fósiles baratos. Non é unha loita xusta”.

Hai razóns para ter esperanza. O que di a Biblia

“A terra está chea das túas criaturas. Alá o mar grande e espazoso, con réptiles que non se contan, con animais pequenos e grandes” (Salmo 104:24, 25 [SEPT2021]).

O noso Creador deseñou os océanos coa capacidade de limparse. Entón, pensa no seguinte: se el coñece tan ben o mar e a vida mariña, non poderá tamén desfacer o dano que se lles causou ós océanos? Mira o artigo “Deus promete que o noso planeta sobrevivirá”, na páxina 15.